O pranto das patacas
xosi @ 08:35
Estes días ando a pelexar cunha das máis fodidas globalizacións que asoballa ao mundo labrego. Non, non teñades medo. Non vos vou dar a chapa coas trasnadas das multinacionais, coas marxes abusivas das distribuidoras, nin cos efectos perversos do capitalismo salvaxe na agricultura. A globalización da que vos falo, que vén canda a primavera, é unha globalización botánica: as malas herbas ou, quitándolle a moralina que agacha o epíteto, as adventicias (é dicir, esas que veñen cando ninguén as chama).
Agora mesmo, estoulle a dedicar todos os meus esforzos hortícolas ao arrincado das devanditas adventicias que, se ben non teñen por que ser malas, si son pérfidas para os meus cadrís. Onde máis as descoidei foi nos cultivos máis temperáns –pericos e allos-, onde a invasión xa está a reclamar fazañas épicas. Nos plantíos máis recentes –cebola e pataca- aínda se están a insinuar, atreveríame a dicir que de xeito chulesco, como rosmando polo baixo “agarda un par de semaniñas máis, e xa verás,
pringao”. Fachendean oufanas diante da miña inexperiencia. Mais non contaban con que, tras cada baixada de sacho, amais dos meus músculos, atópanse os consellos de Carmiña. E Carmiña dixo: “vai mondando as patacas e a cebola antes de que medren máis as herbas”. Tiñades que velas tremendo. Citando a Clint Eastwood, “Sen perdón”. O máis impresionante do conto foi a demostración da miña sogra de como se debían facer as cousas. Daba xenio vela desherbando co sacho, coa vista media chosca, pasando a rentes de plantóns de pataca que ás penas erguían un par de centímetros sen tocalos. Caro me custaba distinguilos a min, con bastantes menos dioptrías; ríome dos vellos que presumen de ler o xornal sen gafas. Nese intre pensei nas paridas, quen de recoñecer o pranto do seu fillo entre as ducias de berros da maternidade ás poucas horas de ter nacido. Así sacha e desherba a Carmiña, cun fondo sentido maternal que a min me ha levar ben anos conquistar.

Chúzao
del.icio.us




Un Comentario »
Agora xa non pero cando miraba á avoa Celia fender tacos de madeira quedaba eu marabillado do xeito que lle daba.
Esta xente, como a túa Carmiña, dá gusto e son un exemplo a seguir.
Deixar un Comentario