Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

105-portada-cabret.gif¿Sentiches algunha vez a chamada dun libro? A min tenme pasado. A última vez aconteceume con La invención de Hugo Cabret, de Brian Selznick (East Brunswick, New Jersey, 1966). Foi na libraría Parrado, hai uns meses. Estaba a ollar distraidamente os expositores, cando tropecei co lombo desta obra. De socato, sen que o raciocinio mediase na acción, collín o volume nas mans. Fascinoume dende o primeiro intre. Nembargante, e ao non ter referencias nin da creación nin do autor –a deusa razón xa estaba a tomar as rédeas do seu escravo-, volvino deixar no sitio. Mais xa nada volvería ser igual. Cada vez que entrei en Parrado, dende aquel día, non houbo ningunha ocasión na que –ás furtadelas, de esguello ou descaradamente- non mirase o libro. É unha sensación moi semellante, salvando as distancias e as proporcións, a un namoramento. Sempre que o azar propicia algún encontro co teu namorado, son inevitábeis o cruce de miradas, os sorrisos delatores, a complicidade das emocións, os roces intencionados. Toda unha danza de seducción para adornar e dar corpo ao celo. 

107-secuencia-hugo-cabret.gifHoxe, co Hugo Cabret nos andeis da miña biblioteca –visto o visto, as bibliotecas privadas teñen un aquel de harén- aínda sigo co celmoso sabor de boca que me deixan as boas lecturas. La invención de Hugo Cabret ten o recendo e os ingredientes de calquera creación de literatura fantástica de calidade, pero sen máis fantasía que a historia e os personaxes de ficción que dan vida ás súas páxinas. Ou o que é o mesmo, o autor consigue que un entorno e uns determinados acontecementos, en principio realistas, sexan máxicos dende o comezo do relato. Creo que boa parte da fascinación que xurdiu en min diante deste libro veu das ilustracións. Dacabalo dunha novela gráfica da banda deseñada e dun relato ilustrado, en La invención de Hugo Cabret prodigan, a xeito dos fotogramas dunha secuencia cinematográfica, os extraordinarios debuxos a lapis de Selznick, quen, ademais, documentou e executou unha fermosa historia que é toda unha homenaxe ao nacemento do cine fantástico e da ciencia ficción. As súas máis de cincocentas páxinas lense nun vira vira grazas ao predominio das ilustracións sobre o texto e a uns espazos en branco máis que xenerosos. 108-brian-selznick.gifRespecto da trama, o seu protagonista será Hugo, un rapaz orfo que se dedica a coidar dos reloxos dunha estación ferroviaria en París e que vai tirando grazas aos pequenos roubos que perpetra a diario. A lapela do libro, publicado por SM, adianta que “se quere sobrevivir, ninguén debe saber da súa existencia. Nembargante, un día ten un descoido e é descuberto por unha excéntrica rapaza, amante dos libros, e por un vello e amargado xogueteiro. E xa nada será como antes”. ¿Xa vas sentindo a súa chamada?

106-hugo-cabret.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>