Azada y madrugón
xosi @ 07:47
Joaquín Araújo, na dedicatoria que fai do seu libro Cultivar la tierra á súa muller e aos seus irmáns, agradécelles “…haber compartido estos últimos cinco años de azada y madrugón…”. Confeso que esta foi a frase que máis me impresionou do libro, e non porque o libro non estea ben, senón porque o lin nunha época da miña vida na que un amencer e unha sacha eran para min tan exóticos coma un ornitorrinco durmindo a sesta xunto a un regato de Tasmania, e tan desexábeis coma o obxecto máis caro á morriña que houber.
Tal como volo digo. Eu fun fillo de emigrantes, e nacín e crieime ata os trece anos en Barcelona. Tras un breve lapso de brutal e salvaxe adolescencia
polas terras de Palas de Rei, recunquei en eidos urbanos para estudiar a carreira de xornalismo. En concreto, tiven pousada nunha cidade como Barakaldo, arrodeado polos seus rañaceos emporcallados de polución, polos seus 50.000 habitantes frenéticos e polas ruínas mastodónticas da industria siderúrxica que travestían aquel entorno nunha paisaxe post-futurista, ciberpunk, ou como vos apeteza chamarlle. Curiosamente, foi alí onde me viñeron coma un meditado lóstrego as arelas pola terriña, polo idioma, e por ese oficio universal que fixo suar e deu de comer aos meus devanceiros, xeración tras xeración. Dos moitos libros cos que me fixen, un deles foi o de Araújo, e a devandita dedicatoria fica gravada no disco duro da miña alma case vinte anos despois. A síndrome de abstinencia pola terra deixa esas pegadas, abofé.
Dende aquela, plantar e mimar hortalizas sempre me atraeu, aínda que as obrigas do traballo e outros quefaceres me teñan impedido dedicarlle todo o tempo que quixera. Esa cativa dedicación á miña horta foi sempre ao remate da xornada laboral e, se a calor apertaba de máis, coma no verán, á tardiña pola fresca. Cousas da vida, o meu fillo de dous anos e a súa nai ocúpanme agora boa parte do día, polo que fica como espazo para as miñas andrómenas a madrugada, con límite nas nove e media, hora na que o Breixo e máis eu ficamos como donos e señores da casa (así está).
Todo este circunloquio vén a conto para dicirvos que xa botei as patacas. A pesares de que o calendario biodinámico aconsellaba facelo o 19 de abril, miña sogra –asesorada polos lacaios de Meteogalicia (chamádelles Telexornal, por exemplo)- aproveitou ese par de días da semana pasada que viñeron secos entre tanta auga para botar as súas. Eu seguín o seu exemplo, madia leva, mais para facelo tiven que erguerme ás seis da mañá do xoves e tentar deixar as cousas feitas antes do primeiro biberón. E velaí que viñeron ao meu recordo as mañás de sacho e madrugón de Araújo, e sentinme ben, con ese frío da mañanciña que che fai sentirte máis vivo; esnifando coma un poseso o recendo da terra orballada e os resóns embriagadores do silencio; espreitando, entre herba e herba arrincada, a evolución cromática do nacente. Nin que dicir ten que nesas dúas horas longas non me deu tempo máis que a desherbar; os labores habían continuar polo serán e, xusto cando anciñei a última pataca caeu a primeira pinga de choiva. Sobra falar do tempo que veu na fin de semana, sinalada no meu dietario como idónea para plantar cultivos de raíz... Miña sogra volvía ter razón.

Chúzao
del.icio.us







Comentarios(2) »
Brillante entrada...
pero plantaches ao albor do día? Ai mimadriña, como tes esa cabeciña....
Gustoume moito esta entrada
apertas
Xa ves, Vanessa. Un saca tempo de onde pode. Xa sabes, o meu traballo chámase Breixo e é a tempo completo. Iso si, en canto teña algo de sentidiño métolle o sacho na man e que traballe por min. Je, je, je... Bromas a parte, tíñalle moitas ganas a iso de experimentar a "azada" e o "madrugón". Para min, o amencer é a hora máis lúcida e limpa do día, e é un luxo poder pasala tripando terróns amais de letras.
Deixar un Comentario