Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

055-biocombustible.gifCon permiso do colega blogueiro da Chousa da Alcandra, que esta semana anda a defender un bestiario ceibe de connotacións pexorativas, exclamei gozoso ao ver os xornais: ¡Por fin caeron da burra! Que o uso da terra para producir gasóleo era unha auténtica barbaridade, díxose e argumentouse por activa e por pasiva dende que os nosos gobernantes –planetarios, comunitarios, estatais e algún que outro autonómico- comezaron a vendernos a moto de que aí estaba a bicoca que ía rematar coas emisións de CO2 á atmosfera e coas rendas miserentas dos labregos e labregas de todo o mundo, vía subvención oficial nos países ricos, claro está.

A cousa non tiña nin pés nin cabeza pois, para empezar, consúmese tanto gasóleo no proceso de obter agrocarburante a partir de cultivos agrarios como o que se dá producido ao final, coa diferencia de que, neste caso, temos que hipotecar millóns de hectáreas que antes de dar combustíbeis  daban alimentos. O disparate era maiúsculo. As prediccións máis amábeis indicaban que a Unión Europea debería empregar a totalidade das súas terras agrarias para cubrir o 30% do seu consumo enerxético actual con agrocarburantes; ou labrar para gasóleos o 70% das súas leiras para cumprir cos compromisos acadados nesta materia (empregar o 5’75% de agrocarburante en todo o transporte, agás nos avións). A fórmula máxica que gardaban na manga os tecnócratas comunitarios era a de sempre, dende o inicio da colonización: utilizar os países empobrecidos como grande plantación de monocultivos enerxéticos (cana de azucre, eucalipto, millo, soia, etcétera) para fornecer de materia prima ás procesadoras dos países ricos e para devastar ecoloxicamente terras que queden a miles de quilómetros de aquí e que, polo tanto, non están á vista.

En marzo de 2007, o Sindicato Labrego Galego e as organizacións integradas na Vía Campesina e na Coordinadora Labrega Europea xa denunciaran a barbaridade, pero aos medios de comunicación non lles debeu parecer abondo interesante.

Daquela, houbo que agardar a que se pronunciase a comunidade científica. Foi unha espera de tan só un mes. Dous profesores de Economía Aplicada da Universidade de Minessota, Ford Runge e Benjamin Senauer, publicaban un informe demoledor que viña a concluír o evidente: fornecer de materia prima ás industrias do etanol podía provocar unha vaga de fame en todo o 058-fame-1.gifmundo que se levaría por diante a millóns de persoas e provocaría un notable incremento da violencia e dos conflitos armados. Pero na Unión Europea e nos Estados Unidos estaban tranquilos, pois a morte por fame ou por enfermidades derivadas da desnutrición só ía afectar aos 2.700 millóns persoas que sobreviven no hemisferio sur cuns ingresos inferiores aos dous euros diarios (nos países pobres, as familias dedican entre o 50% e o 80% dos seus ingresos a mercar alimentos. Non fai falla ser o Nobel de Economía para deducir que unha escalada de prezos nos alimentos, consecuencia inmediata de dedicar as leiras a unha fin distinta que á mantenza, faría que boa parte da humanidade non tivese cartos abondo sequera para alimentarse). Ese mesmo mes, a Sociedade de Química e Industria británica concluía que os agrocarburantes non ía reducir o efecto invernadoiro. Vaia, que a tal bicoca non había por onde collela.

060-fame-3.gifMais o poder volveu mirar para outra banda e esqueceuse axiña de Runge e Senauer, que nas universidades haiche moitos de esquerdas e con lerias raras nos miolos. Foi entón cando se escoitou a voz de Jean Ziegler que, daba a casualidade, era e é relator na Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). Aproveitando a celebración do aniversario do nacemento da FAO, o 16 de outubro de 2007, Ziegler fixo relatorio das vergoñentas estatísticas da fame: no mundo padecen desnutrición 854 millóns de persoas; cada día morren 24.000 seres humanos de fame, e as mortes relacionadas cunha deficiente alimentación ascenden a 100.000 diarias. Paradoxos da vida, o 75% das persoas que padecen fame no mundo dedícanse a producir alimentos –agricultura, pesca e pastoreo-; eles e elas, amais de pasar fame, contribúen a manter un paradoxo aínda máis terríbel: cada ano prodúcense na terra suficientes alimentos para manter a 12.000 millóns de persoas, é dicir, o dobre da poboación mundial actual. Este tipo de datos sempre se escoitan con resignación e cara de circunstancias por parte dos nosos gobernantes que, amantes do deporte, son expertos en pasarse a 056-jean-ziegler.gifpelota duns aos outros. O malo é que, desta vez, o Ziegler veu con propostas concretas para paliar a fame no mundo, e estas aludían, directa e explicitamente, ao cultivo de agrocarburantes. Por exemplo, Ziegler pedía a paralización inmediata, polo menos durante cinco anos, de cultivos destinados á produción de gasóleo ata que a tecnoloxía propiciase obter etanol de xeito rendíbel a partir de refugallos forestais e outras materias menos impactantes coa agricultura e o medio ambiente. O tipo díxoo sen pelos na lingua: “A transformación masiva de plantíos consagrados a alimentos cara á produción de agrocarburantes vai crear hecatombes. Mesmo se falamos de loitar contra o cambio climático, non hai dereito a esta masacre total”. Ziegler achegou datos tan interesantes como que para producir cinco litros de etanol son necesarios 230 quilos de millo, unha cantidade suficiente para alimentar a un neno durante un ano.

059-fame-2.gifQue eu saiba, e a pesares da transcendencia dos datos e denuncias de Jean Ziegler, os gobernos seguiron na súa teima, e a Comisaria de Agricultura, Marian Fischer Boel, secundada pola súa comadre española, Elena Espinosa, anunciaban alegremente a chegada do paraíso en forma de substanciosas subvencións para producir o que elas chaman biocombustíbeis (conscientemente, non utilizo o prefixo “bio” por razóns evidentes). Tamén, que eu saiba, os medios de comunicación, en xeral, silenciaron as voces críticas cos agrocarburantes e, tirando da frase tópica, verteron ríos de tinta sobre o marabillosas que ían ser as fabricas de etanol que se ían construír na Galiza, a miríada de postos de traballo que ían xerar e o ben que lle ía ir ao noso medio rural tendo un novo teto do que chuchar primas para seguir nese estado de morte asistida ao que o condenaron dende a entrada na, daquela, Comunidade Económica Europea.

054-fmi.gifAgora, cando ás penas levamos un ano gorentándonos coa bicoca, cando xa case se esqueceron as advertencias dos expertos, a Unión Europea elimina sorpresivamente as axudas ao cultivo de agrocarburantes e escoitanse as voces de alarma de entes tan sinistros como o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional. Se estas institucións xenocidas, que non se cortan á hora de condenar a países enteiros a pasar fame en nome da débeda externa, levan as mans á cabeza, é que a cafrada que estaban a argallar cos agrocarburantes era ben grande. Hoxe, cando as prediccións de Runge e Senauer estanse a cumprir de maneira dramática, si que lle dan certo eco á voz de Jean Ziegler, que vén de declarar que os agrocarburantes “son un crime contra a humanidade”.

Pois iso digo que por fin caeron da burra. Así e todo, os nosos medios de comunicación seguirán dedicando máis tempo ao loábel e imprescindíbel labor do noso reverenciado monarca, Su Majestad Juan Carlos I de España e a súa Real Familia, por poñer un exemplo, que a eses 24.000 esfameados que morrerán hoxe mesmo por non ter nada que levarse á boca. Estamos como queremos.

 

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(3) »

#1

Non hai comida, pero haberá combustible... son as prioridades do mundo rico.
Téñoche a lectura do blog moi atrasada, así que teño que poñerme ao día.
apertas

#2

Es un texto muy inquietante, cinco litros de etanol darían de comer a un niño durante un año, con eso se dice todo.

#3

Por máis crudeza que lle amosemos, semella que o Gran Capital non é sensible á realidade.
Duro (e real) artigo

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>