Diseccionando sentimentos
xosi @ 08:25
Dende que Gustave Flaubert creou a ese Alonso Quijano das novelas románticas ao que bautizou por Madame Bovary, xa nada volvería ser igual na educación sentimental de Europa. Era a primeira vez que alguén se mergullaba tan a fondo na psique dun personaxe literario. A caricatura de Flaubert realizada por Lemot en 1863, na que se ve ao novelista en plena disección coa madama enriba dunha mesa forense, expresa perfectamente a impresión que deberon ter os lectores da época. Obvia dicir que, dende aquela, a nosa educación sentimental evolucionou como para non vernos xa tan identificados coas coitas daquela muller de provincias que fixo seu o sentir idealista das heroínas literarias nun mundo pouco amábel cos pinchacarneiros do corazón. Ben a distancia das vicisitudes de Emma Bovary, as tres historias que nos ocupan hoxe teñen en común que indagan con fondura nos sentimentos humanos e que están ao alcance de todos na sección de banda deseñada da biblioteca municipal de Melide.
A primeira delas titúlase Un home feliz (Edicións Lea), vai asinada por Antonio Seijas, e foi merecente do II Premio de Banda Deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña. Admito que, de primeiras, enleoume un pouco a lectura desta historia mais, a medida que fun avanzando, comezáronme a encaixar as pezas e todo o crebacabezas tornouse nidio ao final. Sen ánimo de destripar a historia, sería bo que te fixases nas cores dominantes das viñetas e soubeses que o branco e negro é utilizado para os recordos do protagonista, e o negro e o vermello para o presente. Esa segunda combinación de cores tan cara ao romanticismo, e que nos fala da confluencia do amor e da morte no río da vida, fóra nomeada explicitamente por Stendhal na súa novela Le rouge e le noir (1830). Creo que este cómic de Seijas reborda de calidade, mírese por onde se mire. Así, os debuxos, dun estilo que abanea entre o impresionismo a nivel formal e o expresionismo nas intencións, son deses que entran a machado na retina do lector; mentres que a historia narrada, que é das que podería caer de xeito moi doado no tópico, desenvólvese con tal elegancia nos detalles e na dosificación de datos, ten tan fondo calado literario, e lle vén tan acaído o estilo pictórico das imaxes, que se integra con estas perfectamente nunha unidade formal que nos ofrece unha indagación de altísima calidade no devir emocional do protagonista, un home que semella incapacitado para levar ningunha relación sentimental a bo porto...
Xa asinado polo máis internacional dos nosos creadores de banda deseñada, Miguelanxo Prado, Tangencias (Norma Editorial) achéganos oito historias de desamor que teñen como leit motiv, precisamente, este fenómeno xeométrico consistente en tocar unha liña nun só punto para non volver saber dela. Ese preciso instante é o que retrata maxistralmente Prado nas oito historias, o intre xusto no que dúas vidas que estiveron unidas se afastan para non volver tocarse. Son historias breves que, ademais, terán máis elementos en común para reforzan o que o autor pretende expresar. Así, á sagacidade do lector non lle escapará a omnipresencia de grandes fiestras (na portada e na contraportada, no principio e no remate de todas as historias) nas que adoita a perderse a mirada dalgún dos protagonistas -como non, de xeito tanxencial- e, cando non sexa así, a contemplación de grandes paisaxes sen ventás polo medio; a elección do branco e negro ou dos tons sepia para expresar que o narrado en presente xa vai tendo recendo a caduco, de lembranza pertencente ao pasado; ou as aspiracións artísticas e sociais dos protagonistas que veñen meter sempre o fociño nunhas relacións que, se cadra, algunha vez tiveron algo de sincero e auténtico antes de seren varridas polo pragmatismo ao que nos obriga a vida, ou polo idealismo ao que nos aboca, moitas veces, a arte.
Finalmente, caeu nas miñas mans tamén Píldoras azules (Edicións Astiberri), do suízo Frederik Peeters, unha novela gráfica que colleitou premios como quen apaña amoras no verán: o Jules Töpffer da Vila de Xenebra, en 2001; nomeamento ao mellor álbum no Premio Alph’Art do Salón do Cómic de Angoulême, en 2002; e nomeamento á mellor obra estranxeira no Salón Internacional do Cómic de Barcelona, en 2005. Ao longo de case duascentas páxinas, Peeters desenvolve un relato autobiográfico no que comparte con nós a súa relación con Cati e o seu fillo, ambos seropositivos. A situación de arranque podería derivar de maneira doada no melodrama, pero a sinceridade con que o autor trata a súa propia peripecia vital rematan por converter Píldoras azules nunha das historias de amor máis entrañábeis que lin. Evidentemente, a SIDA está presente en todo o libro, latexa en cada viñeta, en cada movemento da vida dos personaxes. Pero, por riba do VIH, están en todo momento as ganas de vivir, o goce de amar, a madureza nunhas relacións dunha plenitude e unha honestidade loábeis. Gorenteime con cada viñeta, con cada diálogo, e namoreime un pouco desta atípica familia xenebrina cuxos sentires están nas antípodas dos ideais amorosos daquela Madame Bovary á que a sociedade da súa época lle caeu como unha lousa sobre a feble arquitectura das súas ilusións.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario