O sacho de Carmiña
xosi @ 23:22
Nada, non hai que lle facer. Miña sogra e o calendario da agricultura biodinámica non fan bo caldo. E xa non digamos os seus quefaceres refractarios cos manuais de horticultura que teño a man para consultar. O caso é que a boa de Carmiña xa plantou o cebolo. Eu creo que, en canto lle vén unha semana de bo tempo como esta, xa lle empeza a ferver o sangue e non hai quen a pare: cómpre plantar. Debe ser unha síndrome semellante á que senten os cazadores e os troiteiros un par de días antes de que lles abran a veda. Eu que estaba todo ilusionado, co meu dietario cheo de notas planificando día a día o futuro de ata a máis pequena poliña e perexil, e vai miña sogra e bótame todo por terra.
No libro de A horta en Galicia, de Baía Edicións, Lliteras aconsella facer os sementeiros de cebola entre o 15 de marzo e o 15 de abril, para transplantar entre maio e xuño; por outra banda, Maria Thun pon como posíbeis días para plantar cultivos de raíz en abril o 11 e do 19 ao 21, segundo o calendario biodinámico.O caso é que xa plantei hoxe, 5 de abril, a metade da cebola, e mañá tocaralle ao resto.
Si, xa sei, diredes que non teño por que facerlle caso a Carmiña. Pero non é tan doado como parece. O xoves pasado, veu meu sogro de visita a casa. Eu cría que viña ver ao neno, pero non. En realidade, viña deixar caer que eles xa plantaran o cebolo e que lles sobrara un feixe del, polo que había que aproveitalo ou darllo ao veciño. Tremendo dilema. Engadamos a isto que teño previsto ter outras ocupacións menos telúricas os días nos que o calendario biodinámico aconsella plantar, e aquí me tedes, facendo das miñas minuciosas anotacións auga de castañas. En fin, que o cebolo xa o plantei, para tranquilidade de Carmiña e Gonzalo; e os bulbos que mercara no comercio, tamén. Respecto destes últimos, o John Seymour si que di algo ben certeiro no seu imprescindíbel La vida en el campo (Editorial Blume): “É o método de plantar cebolas propio do preguiceiro”. Aí deu no cravo, con esa acidez tan británica da que fai gala en toda a súa obra, aínda que na miña defensa direi que plantei os bulbos non por preguiza, senón por falta de tempo para facer os sementeiros (coidar dun neno non ten horarios).
Despídome cun encontro que houbo hoxe na horta e que me pareceu simpático. Como vedes na imaxe, atopáronse o sacho de miña sogra, o seu sacho de toda a vida; con estoutro máis moderno e aerodinámico que me deixou o meu compañeiro de leira, o Toño. O certo é que o segundo abre a terra que dá xenio pero, así e todo, a historia que ten o sacho da Carmiña -co seu mango tallado a man e curtido de suores, co seu ferro limado de tanto morder pedra e tripar terróns, coa súa personalidade tan acusada fronte á perfección aséptica do máis moderno- fai que lle teña tal estima que sempre haberá un rego que abrir na nosa horta para el. Xosi dixit.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario