Dor de cabeza ou dor de conciencia?
xosi @ 22:50
Hai actos inocentes aos que non lle damos importancia e que, nembargante, poden ter certa transcendencia a pouco que afondemos neles. Unha destas accións aparentemente intranscendentes consiste en tomar unha aspirina cando a un lle doe a cabeza. Ao pouco de engulipala, a molestia desaparece. Así dende1897, ano en que os laboratorios de Bayer, capitaneados daquela por Felix Hoffmann, lograron illar o principio activo do ácido acetilsalicílico e o patentaron baixo o nome de Aspirina. Non tardaría en converterse no analxésico máis popular do mundo (actualmente, prodúcense 50.000 toneladas ao ano, e 2.500 persoas consumen unha dose por segundo no mundo).
A historia sería bonita de non ser polas posteriores andanzas da multinacional xermana. Por exemplo, ata que lla prohibiron na Primeira Guerra Mundial, Bayer tamén produciu unha droga un tanto aditiva para tratar a tose, a diacetylmorphine, que comercializaría baixo o nome patentado de Heroína (polo 1900, a Bayer fixo unha publicidade moi agresiva da heroína afirmando era inofensiva para a saúde humana; que non provocaba adicción; e que era eficaz para cólicos en bebés, asma, epilepsia e cancro intestinal). Tamén crearía a metadona e a comercializaría baixo a denominación de Dolphine, en honor a Adolf Hitler. Outras das grandes achegas de Bayer á humanidade foi a invención do gas mostaza, amplamente utilizado como arma química na Primeira Guerra Mundial (por certo, o glorioso exército español tivo o grande mérito de ser o primeiro en bombardear con gas mostaza á poboación civil; foi en 1924, na Guerra do Rif, e empregou bombas deste tóxico para arrasar aldeas bereberes); e do tabun, máis coñecido como gas nervioso (o principio dos insecticidas organofosforados aplicados ao ser humano como praga).
Pero estas só foron pequenas trasnadas antes de que a empresa se integrase nun conglomerado industrial, o cartel IG Farben, xunto a BASF e Hoechst (Aventis, na actualidade), que foi o alicerce financeiro do III Reich (alicerce tanto monetario, como de materias primas). Ademais, a IG Farben mantivo unha alianza corporativa secreta coa norteamericana Standart Oil, do clan Rockefeller (de orixe xudeu-alemana, para máis inri. Business is business), grazas á cal Alemaña tivo garantido o subministro de petróleo durante toda a Segunda Guerra Mundial (un feito fundamental para manter o seu poderío militar, pois importaba o 85% do petróleo que consumía).
A sentenza do xuízo de Nuremberg sinalou directamente co dedo á IG Farben como planificadora e principal apoio do ascenso de Hitler ao poder, instigadora da invasión dos países veciños que provocaron o estoupido da Segunda Guerra Mundial, constructora de campos de exterminio e responsábel indirecta da morte de millóns de persoas.
Unha das máis grandes contribucións da IG Farben ao réxime nazi sería o proxecto e construción da primeira factoría industrial para eliminar seres humanos: o campo de exterminio de Auschwitz. Non escatimaron en gastos e, cun crédito de 10.000 millóns de dólares do Deustche Bank, levaron adiante a empresa, que incluíu a construción dunha planta química de 3.000 hectáreas a poucos quilómetros do campo; así era máis barato o transporte do Zyklon B, un gas creado e fabricado tamén por Bayer co que se asasinaron a seis millóns de xudeus, xitanos e soviéticos nas cámaras de gas de Auschwitz e doutros campos da morte. Na man de obra tampouco houbo moito dispendio: miles de prisioneiros escravos cos que ás penas se gastaba no rancho diario.
Sería o xefe da Bayer, o doutor Fritz ter Meer, quen dirixise con batuta mestra o xenocidio de Auschwitz; tamén foi a Bayer quen financiou os experimentos levados a cabo con seres humanos como cobaias por Helmuth Vetter (empregado de Bayer) y Joseph Mengele. A pesares de que o exército aliado coñecía perfectamente a situación da planta química e do campo de exterminio, nunca os bombardeou. A influencia dos Rockefeller era demasiado grande.
Trala guerra e os xuízos de Nuremberg, a IG Farben foi condenada a fragmentarse de novo por mor dos seus crimes e volveu ás súas identidades orixinais: Bayer, BASF e Hoechst (Aventis). Manténdose fiel á súa tradición, Bayer recuperaría para a súa equipa directiva, entre 1956 e 1964, a Fritz ter Meer. Foi un dos condenados polo Tribunal de Nuremberg por dirixir a IG Farben. Suponse que a man dos Rockefeller tamén estivo na decisión do tribunal de condenalo tan só a sete anos de prisión. Aínda hoxe en día, no século XXI, Bayer envía flores á tumba de Meer o Día de todos os Santos.
Coma nos seus días de gloria, a Bayer segue a facer gala dun humanismo ben intencionado con feitos como demandar a Sudáfrica por fabricar medicamentos xenéricos asequíbeis para toda a poboación; adquirir mineral de coltan no Congo, financiando así o mantemento dunha guerra que se cobrou máis de tres millóns de vítimas; explotación infantil na India, etcétera.
Por iso titulei este texto así. Cando che doa a cabeza deberías pensar nos seis millóns de persoas que morreron nos campos de exterminio nazi inhalando o gas Zyklon B producido por Bayer, e saber tamén que existen outros analxésicos no mercado a parte da archipopular aspirina. Se os utilizas, amais de sandarche a dor de cabeza, se cadra non che doerá tampouco a conciencia.
Información obtida en es.wikipedia.org/wiki/Bayer ; www.cbgnetwork.org ; trinityatierra.wordpress.com/2007/11/08/5/ ; pódense consultar as probas e documentos orixinais do xuízo de Nuremberg en www.profit-over-life.org ; El libro negro de las marcas, de K. Werner e H. Weiss. Colección DeBolsillo, Mondadori


Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario