Maus en Melide
xosi @ 00:25Recentemente, a biblioteca municipal de Melide vén de facerse cun bo feixe de banda deseñada para adultos cubrindo, deste xeito, unha das lagoas máis salientábeis que tiñan os seus fondos bibliográficos. Dende Contrato con Dios de Will Eisner a Watchmen de Alan Moore e Dave Gibbons, pasando pola colección enteira de La casta de los metabarones, de Jodorowski e Giménez e a súa secuela, El incal, que conta co debuxo maxistral de Moebius. En fin, unha boa morea que sería longo de máis enumerar.
Estes días, entre biberón e biberón, este amo de casa deu lido Maus de Art Spiegelman, unha novela gráfica orixinalísima e, ao mesmo tempo, enchoupada de clasicismo, que tivo a honra de ser a primeira e única creación de banda deseñada merecedora dun Premio Pulitzer. Fusilando a lapela, “Maus é a biografía de Vladek Spiegelman, un xudeu polaco supervivente dos campos de exterminio nazis, contada a través do seu fillo Art, un debuxante de banda deseñada que quere deixar memoria da aterradora persecución que sufriron millóns de persoas na Europa sometida por Hitler e das consecuencias deste sufrimento na vida cotiá das xeracións posteriores.
“Afastándose das formas da literatura creadas ata a publicación de Maus, Art Spiegelman achégase ao tema do Holocausto dun xeito absolutamente anovador, e para iso relata a experiencia da súa propia familia en forma de memoir gráfica, utilizando todos os recursos estilísticos e narrativos tradicionais deste xénero e, ao tempo, inventando outros novos. A radicalidade narrativa desta obra marcou un antes e un despois no universo da novela gráfica, e por iso Maus obtivo o primeiro e único premio Pulitzer outorgado a unha banda deseñada”.
O primeiro que sorprende de Maus, e ao que logo te afás, é a animalización dos personaxes: os xudeus son ratos; os alemáns, gatos; os ianquis, cans; os polacos, porcos; os franceses, ras; etcétera. Estruturado en dous grandes bloques, antes e despois de Auschwitz, a segunda parte revela a posíbel inspiración para que Spiegelman optase por este camiño grazas a unha cita que lle fai de limiar, extraída dun xornal alemán dos anos trinta: “Mickey Mouse é o ideal máis lamentábel que xamais viu a luz... Un sentimento san indica a calquera mozo independente e a toda a xuventude honorábel que esa alimaña sucia e inmunda, o maior portador de bacterias do mundo animal, non pode ser o tipo ideal de animal... ¡Fóra a animalización xudía do pobo! ¡Abaixo con Mickey Mouse! ¡Lucide a cruz gamada!”. Case unha década antes da loucura nazi, ata os ratos estaban no punto de mira da raza aria...
Serán trescentas páxinas nas que as peripecias do pai do autor na súa fuxida do nazismo levarán ao lector por algúns dos principais escenarios da brutal e inhumana represión que as SS, o exército alemán e toda unha caterva de colaboracionistas perpetraron contra o pobo xudeu durante a segunda guerra mundial. Sobrevivir un ano a Auschwitz e vivir para contalo xa é para que canonicen a Vladek Spiegelman por milagreiro.
Como non son dos que gusto en rebentar lecturas, só un par de cousas que me chamaron a atención. A primeira é que un pode pensar que Auschwitz foi o peor que lle puido pasar ao pai do autor; pois non. Xusto cando abandona o campo de concentración, vén un capítulo que se titula “Y aquí comenzaron mis problemas”. Se chegades a este punto da lectura e tedes na memoria todo o padecido polo protagonista ata ese intre, semellante título –moi acertado para levarnos cara á culminación da obra- fainos tremer.
A outra curiosidade foi unha viñeta que me chamou poderosamente a atención. En principio, pasa desapercibida. Cando Vladek relata o que viu nas cámaras de gas e nos fornos crematorios, fai unha pormenorizada descrición do proceso dende que os presos se espían ata que eran fumigados con Zyklon B (fabricado por IG Farben, industria acusada tamén de empregar durante o período bélico traballo forzado de prisioneiros de guerra, e que se fragmentaría despois para dar orixe a marcas tan prestixiosas hoxe en día como Basf ou Bayer. El libro negro de las marcas, F. Werner e H. Weiss). Na viñeta na que Art Spiegelman debuxa o vestiario onde os condenados deixaban as súas pertenzas hai varios carteis de instrucións. Un deles di: “Por favor, anude juntos los zapatos”. Ese por favor tan educado, e esa cominación a deixar as prendas nunha orde impoluta na antesala da cámara de gas, parecéronme tan racionalmente xermánicos en medio da barbarie que me deu un arreguizo na caluga.

Moito se ten falado do holocausto, no cinema, na literatura, tamén na banda deseñada (La búsqueda, de Eric Heuvel; Fui hija de supervivientes del holocausto, de Bernice Eisenstein; ou Por nuestra cuenta, de Miriam Katin,
son algúns dos máis representativos). Como veño de mentar as cámaras de gas, só recomendarvos, a maiores do propio Maus, La zona gris, filme escrito e dirixido por Tim Blake, baseado en feitos reais e que relata unha rebelión dos sonderkommandos xudeus nos fornos crematorios de Auschwitz acontecida o 7 de outubro de 1944. Os sonderkommandos eran prisioneiros xudeus que se encargaban de facer os traballos de exterminio e eliminación dos miles de cadáveres a cambio dun trato mellor có que recibían os seus compañeiros e a sabendas de que eles tamén acabarían por saír en forma de fume e cinza polas chemineas: os nazis non querían testemuñas directas da súa limpeza étnica (tanto se vedes La zona gris como se ledes Maus, observade que tanto Blake como Spiegelman utilizan de maneira recorrente e deliberada a imaxe das chemineas en funcionamento). O filme fai un retrato aterrador do funcionamento interno desta factoría da morte, e Vladek Spiegelman alude no cómic de Maus, co seu cínico pragmatismo, a este episodio...

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario