Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Esta expresión veume ao pelo para dar por inaugurado o blog e, de paso, comezar a falar dunha das paixóns que, de seguro, darán contido a este caixón de xastre: a agricultura. Ambas cousas, o blog e a agricultura, son lerias nas que me estou a iniciar de maneira moi intuitiva e coa expectación de quen non sabe que diantre sairá de aí. Polo de agora, xa abrollaron o texto que estás a ler e os allos que ves na imaxe, e niso vou debandar.

001-allos.gifOs allos que vedes na fotografía veñen de xermolar. Planteinos de dúas razas: morado de Banyoles, de sementes mercadas no comercio; e do país, denominación xenérica que se lle dá a calquera semente que atopas na feira e que, habitualmente, son razas de maior rusticidade e moito mellor adaptadas ao clima e á terra de cada lugar.

Con estes allos aconteceume algo curioso. Decidín plantalos seguindo o calendario biodinámico, que establece qué días son máis axeitados para sementar segundo a posición da lúa e dos planetas, e segundo outras andrómenas das que pouco ou nada entendo e ás que tampouco lles dou moita máis credibilidade. En total, enterrei uns 180 dentes en seis regos. O curioso ao que me refería é que os allos que vedes de talo lanzal e esguío plantáronse no serán do 23 de febreiro, data propicia para os cultivos de raíz, como é o caso do allo. Ese día só me deu tempo a sementar catro regos. Os outros dous fíxenos ao día seguinte e, a día de hoxe, ás penas xermolaron. Xa anda o Iker Jiménez na miña procura, pero halle custar caro atoparme...

002-rudolf-steiner.gif Bromas a parte, ben sei que a lúa inflúe de maneira notoria nos cultivos. Tamén lle gardo unha admiración sincera ao fundador da agricultura biodinámica, o austríaco Rudolf Steiner (1861-1925), creador da antroposofía que demostrou o seu xenio en disciplinas tan dispares e difíciles como a arquitectura, a pedagoxía, a medicina, a filosofía ou a agricultura. Nembargante, non acreditaba nuns resultados tan evidentes e sigo matinando en que ten que haber algunha outra explicación a todo isto.

Na agricultura, como na vida mesma, ao final teslle que facer máis caso á experiencia que aos libros (en honor á verdade, a agricultura biodinámica esta baseada totalmente na experimentación constante dende hai un século e nunha babélica recollida de datos empíricos dende aquela. É dicir, está nas antípodas de ser a mera elucubración mental dun iluminado). A teoría está ben, e pódeche dar moitas ideas e suxestións que non se che ocorrerían doutro xeito. Pero nisto da horta, polo de agora están a gañar de goleada os consellos da miña sogra e demais veciñanza. Os allos son boa mostra do que digo. Nun clásico como “A vida no campo”, de John Seymour (en paz descanse) aconsellan plantalos en primavera. Pero o meu amigo Toño díxome que tiña que facelo en xaneiro ou, a máis tardar, en febreiro. Así o fixen e así están. Tamén no libro “A horta en Galicia. Guía práctica para o cultivo”, de Juan Luís Camacho Lliteras, aconsellan comezar cos sementeiros a partir de abril e maio; nembargante, miña sogra porfiou en que debía facelos na lúa minguante de febreiro –consello que cadra coas datas do calendario biodinámico tamén, curiosamente-, e así o fixen. Polo de agora, teño unhas boas plantas de repolo, coles de Bruxelas e porros, polo que a boa de Carmiña ha ter razón tamén.

Así que xa sabedes. Se queredes metervos nesto das hortalizas, ler libros está ben, pero non vos esquezades de buscar consello na xente que ten experiencia nisto. Se non tedes a ninguén a man, cousa que dubido nestes lares, quédavos a posibilidade de visitar o sanedrín da horta melidense: Casa Parrado. De seguro que vos guían polo mellor camiño para levardes no verán unhas boas follas de leituga ao prato.

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(4) »

#1
hortelán

¿E non será que os allos que non naceron son doutra raza máis serodia?...

#2

Téñenche boa pinta os allos. Xa o di miña nai, "se queres ter bo allal, planta no nadal"; pero para quen ten o xeito e a túa paciencia calquera hora é boa.
Parabéns pola túa bitácora.

#3

En Antas sempre foron ben coñecidas (e ben saboreadas) as rosquillas de Melide. A partires de agora ¡que temble Betanzos!, que secia vai florecer tamén o cebolo.

#4
HuangHo

Téñenche boa pinta os allos!!! e non so falo dos da fotografía, facendo uso do doble sentido (por aquí dise retranca non-si?) pareceme un artigo moi axeitado para iniciares a túa viaxe pola rede-de-redes. Si, Xosi, xa estas no allo e de seguro que todos nós imos difrutar moito co teu espacio (eu xa tiña ganas de te ler). Benvido ao espacio virtual, que non irreal (como dixera unha vez quen nos sabemos).

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>