Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Queixo feito na Galiza

xosi — 07-02-2009 GTM 1 @ 12:52

319-queixo-neno.gifNo país do leite, con catro denominacións de orixe queixeiras (Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa, e Cebreiro), botábase de menos algún produto autóctono máis destinado ao consumo profano que á degustación connaisseuse. Así que me aledei moito ao ver nos andeis do súper Familia (grupo Eroski), en Melide, este queixo da marca Neno, cuxo slogan comercial reza “Queixo feito na Galiza”, e vén asinado pola Cooperativa Leiteira Hoxe, da parroquia de Prado, en Lalín (Pontevedra).

Eu probeino, e non hai queixa. De sabor intenso, funde ben, o que o fai recomendábel non só para comer en frío, senón para utilizalo como base de pizzas, tortillas ou sandwiches. Dou fe.

Dúas cousas de agradecer. A primeira é que nos atopamos diante dun produto de calidade, elaborado con leite do país e sen ese galimatías de conservantes, fundentes, etcétera, que os alimentos desta caste adoitan levar na letra pequena dos ingredientes (neste caso, contén leite pasteurizado de vaca, coallo, fermentos lácteos e sal). O segundo, a aposta polo noso idioma, tan de capa caída no eido comercial, potenciada por un deseño gráfico tamén de país. En calquera caso, un produto ben superior a calquera dos da súa gama que, hoxe en día, se comercializan na Galiza.

 

Cuadraxésimo primeira entrega de H

xosi — 06-02-2009 GTM 1 @ 21:02

h-41-pequeno.jpg

Créditos: Monseñor Constantino (Tino); Jack Lama (Lama); monaguillo Corredoira (Rúa)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 13 de febreiro.

The house of the rising sun

xosi — 03-02-2009 GTM 1 @ 10:51

amencer-4.gif

A primeira vez que escoitei A casa do sol nacente (The house of the rising sun) foi na celebérrima versión dos Animals, con esa voz negroide de Eric Burdon, os teclados insolentes de Alan Price e os arpexos, orixinais para a época, do guitarrista Hilton Valentine. Despois viría a máis comedida pero, se cadra, máis estremecedora, cantada por Joan Baez que, a pesares da orde en que me chegou, é anterior no tempo.

Este amencer cachado amosa en primeiro plano a un dos meus peores inimigos á hora de fotografar o nacente, esa casa que, agora no inverno, está sempre plantada no medio do encadre, xustiño polo punto onde o Lourenzo asoma os fociños.

Investigouse moito sobre a casa que deu orixe a esta canción tradicional, sendo candidatos antros de mala morte e perdición e chegando a relacionarse o seu nome con prostíbulos. Nada que ver co caso que nos ocupa: que me esmague boa parte dos encadres non dá pé a que difame esta lamentable expresión da arquitectura popular do noso tempo.

De todos xeitos, e ás veces, como na imaxe coa que abrín este post, a inconmensurable beleza do abrente asolágao todo, ata o feísmo máis feo co que a fealdade urbanística nos poida cuspir na cara.

Neverland

xosi — 01-02-2009 GTM 1 @ 18:08

315-david-e-xosi.gifAlgúns libros teñen un xeito ben singular de caer nas mans dun. Iso dálles máis encanto do que, de por si, xa teñen. Aconteceume con Peter Pan, do escocés James Matthew Barrie. Corría a derradeira década do século pasado. Eu andaba a estudar –o de “estudar” é un eufemismo amable- Ciencias da Información na Universidade de Leioa (Bizkaia). O grupiño de amigos cos que andaba na facultade estaba constituído por xente que abominabamos da carreira e que pasabamos ben máis horas na cafetaría universitaria que nas aulas. Un deles era o David que, pasado o tempo, rozaría os cumes da fama literaria ao facerse co Premio de Teatro Hermanos Machado no ano 2000, pola obra Una cuestión de educación; e, pouco despois, no 2003, co Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca, no 2003, convocado polo Ministerio de Cultura, por Lo más humano posible. A pesares do que puidese parecer, o meu amigo, daquela, gañaba os poucos cartos que chegaban ás arcas familiares pegando carteis polas rúas de Bilbao. Vamos, que nin a notoriedade nin o prestixio o sacaron da súa precaria e crónica situación económica.

Todo isto vén a conto porque o David tiña ao Peter Pan entre os seus libros de cabeceira, xunto con O vixía no centeo, do norteamericano J. D. Salinger. El deixárame Peter Pan nos xardíns de Kensington, que é o texto onde nace o celebérrimo personaxe, e el regalárame a edición que veño de ler, a tradución ao galego de Alberto Avendaño publicada por Edicións Galaxia. David coleccionaba o Peter Pan en canta edición se publicaba en castelán, e esta de Galaxia adquiríraa por erro. Hoxe, quince anos despois de que meu amigo me agasallase con este libro, veño de lelo.

316-peter-pan.gifDebo dicir que non agardaba un libro deste nivel. Cría que coa historia, que en si é bastante boa e orixinal –o neno que se nega a medrar e que vive no País de Nunca Xamais-, xa había motivo máis que suficiente para que Peter Pan fose lembrado polas xeracións vindeiras á data da súa publicación (1911). Pero tras lela, comprobei que a maneira de ser contada supera á propia aventura. Lonxe de caer no melindroso xeito de narrar no que adoitan caer as obras da literatura infantil, a prosa do Peter Pan é burleira, gamberra, iconoclasta, autodestrutiva. Ademais, sorprende ver a imaxe dos nenos e das nenas que dá Barrie, amosándonos seres egoístas, caprichosos, agresivos, violentos, mesmo, se pensamos no protagonista, no propio Peter Pan, sanguinarios e tiránicos. Unha obra, xa que logo, orixinalísima para a súa época, tanto polo que conta como polo xeito de contalo. Ademais, os adultos atoparemos nela dobres lecturas dunha fondura emocionante, sobre todo nesa relación subterránea, soterrada polas aparencias, que hai entre Peter e Wendy. Se non te marabillas oíndo falar de dedais e bicos, é que perdiches a capacidade para a sorpresa. Se logras marabillarte, entón de seguro que case che veñen as bágoas ao final a pesares de que, aparentemente, non haxa motivo para que veñan.

317-barrie.gifAdemais, esta obra está intimamente ligada ao devir biográfico de Barrie, quen padeceu a morte dun irmán moi querido cando só tiña catorce anos e a posterior psicose da súa nai, que non logrou superar o drama. A raíz do devandito, Barrie sufriu un mal coñecido como enanismo psicoxénico, que truncou o seu crecemento, ficando en 1’47 de estatura e sen chegar a completar a súa pubertade. Sobra dicir que tal doenza determinaría o resto dos seus días. Se cadra, o Peter Pan só podía nacer dunha persoa coma el.

E ligado co anterior, teño que citar, inevitablemente, un tema dun dos mellores grupos de rock de todos os tempos, os Marillion: Neverland, do seu disco Marbles (por certo, hoxe, 1 de febreiro, actúan en Barcelona, onde presentarán o dobre Happiness is in the road). En Neverland, os Marillion falan da relación entre Peter e Wendy, moitos anos despois, cando a segunda xa é unha anciá e o primeiro se decata do fatal erro que supuxo para a súa vida renunciar a ela en favor dos seus soños. Velaí o xerme do Peter Pan (non en van, o título orixinal da obra era Peter Pan & Wendy), unha historia de amor tan grande coma imposible, parella a outras coas que nos ten agasallado a grande literatura, coma O barón rampante, de Italo Calvino; ou Doutor Zhivago, de Boris Pasternak. A versión que podedes escoitar a continuación corresponde ao concerto de xullo de 2004 no London Astoria. Unha das máis fermosas cancións que teñen escoitado estes humildes oídos nos seus 38 anos de vida.

Germinal

xosi — 28-01-2009 GTM 1 @ 10:27

312-germinal.gifTan metido como estou, nos últimos tempos, na lectura de libros de literatura infantil e, con preferencia, de historias fantásticas, Germinal (1885) veu rachar coa tendencia e a chantarme os pés na terra de vez. O certo é que esta novela de Émile Zola chegara a min, hai anos, en forma de lamentable superprodución cinematográfica francesa, polo que non gardaba un grato recordo dela. Tivo que vir a letra para poñer as cousas no seu sitio.

Zola narra en Germinal os padecementos dunha comunidade de mineiros franceses e, de paso, os albores da loita obreira no século XIX. E faino dunha maneira tan maxistral que case podes sentir a asfixia das galerías, a feluxe envelenando os teus pulmóns, a fame, a miseria, as inhumanas condicións de vida dunha clase social condenada a traballar como bestas de por vida. A análise científica que fixo Marx da realidade económica en O capital, tórnase en Germinal panfleto rabioso, denuncia sen paliativos. Se Marx pode convencer ao teu raciocinio con argumentos, Zola fará vibrar ao teu corazón co agre sabor a rabia que che deixa a cata da inxustiza. O abismo social que existía entre a burguesía e a clase traballadora –antes de constituírmos esa masiva clase media acomodada que amortece a percepción sobre os excesos e abominacións do capitalismo- está tan maxistralmente retratada que a Zola non lle fai falla nin moralizar, nin dicir isto está ben ou aqueloutro mal. El só describe, cóntanos unha historia, e faino dun xeito tan descarnado que resulta difícil non tomar partido.

A ter en conta a descrición brutal que Zola fai da condición feminina. Se os obreiros vivían escravizados, explotados como animais, imaxinade as condicións existenciais das obreiras...

312-zola.gifUn apunte final. Zola era un deses escritores de raza que, tralo empoleiramento do artista no cumio máis alto a mans do romanticismo, se tomaba o seu oficio con tanto ímpeto que, hoxe en día, as súas fazañas laborais son moi difíciles de igualar. Pensemos na colosal Comedia humana de Honoré de Balzac, home que escribía unha media de quince horas diarias –grazas á inxestión de varios litros de café negro, adicción que remataría por esnaquizar o seu sistema nervioso-; ou en Thomas Mann, que se facía encadear á mesa de traballo pola criada para non ceder á tentación de latar á escrita. Abráiame que Germinal sexa a décimo terceira novela dunha serie de vinte –Les Rougon-Macquart- que tiñan como obxectivo ser espello da sociedade francesa do Segundo Imperio a través da historia dunha familia. Hoxe, que tan de moda están as triloxías, tetraloxías, etcétera, non din atopado un prefixo axeitado para esta serie de vinte novelas de Zola. Como ben sabedes, os prefixos numerais rematan no 12 (doceca). A partir de aí temos dúas opcións: a primeira sería a de duodecaloxía. A segunda, utilizando o prefixo eicos, para cantidades superiores a doce: eicoloxía. En calquera caso, se as outras dezanove novelas son parellas a Germinal, Zola deixou, con  Les Rougon-Macquart, un monumento literario para ser admirado polas xeracións vindeiras.

Cuadraxésima entrega de H

xosi — 23-01-2009 GTM 1 @ 10:26

h-40-pequeno.jpg

Créditos: Jack Lama (Lama); Lee Tron (Riqui)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 30 de xaneiro

O boneco de neve

xosi — 20-01-2009 GTM 1 @ 18:25

310-bisbita-comun.gifÉ raro que a neve, coa súa capacidade de cegar a visión, non deixe gravada na retina algunha que outra imaxe para a lembranza. Eu, das folerpas deste inverno, e axudado pola tecnoloxía dixital, tirei unhas cantas.

O paxaro que aí vedes é un bisbita (Anthus pratensis) que, do mesmo xeito có pardal, fica en casa no máis cru do inverno en troques de emigrar ao Mediterráneo ou ao trópico. Non vos vou amolar con iso dos proídos nómades nin con pardais con alma de andoriña. Pero hai que recoñecerlle o mérito ao fulano –os paxaros non só senten frío, senón que, ademais, a neve cégaos cousa fina-, pescudando cos ollos pitoños de tanto resplandor por ver se atopa algunha miñoca ultraconxelada para levarlle á familia.

311-o-boneco-de-neve.gifA outra imaxe é o cumprimento dunha promesa. Este Nadal, os reis magos trouxéronlle ao Breixo un libro titulado O boneco de neve, de Raymond Briggs, un clásico que se publicara por primeira vez en España en 1978 e que agora rescatou Edicións La Galera do baúl dos recordos. O libro narra en forma de banda deseñada, sen unha soa palabra, a amizade que xurde entre un boneco de neve e un neno. Trátase dunha obra exquisita, cuns debuxos e unha historia que invitan a marabillarse e que é quen de engaiolar a calquera neno.

No noso caso, son eu quen lle pon as palabras ao cómic cada vez que llo leo a Breixo (dende o 6 de xaneiro, un par de veces diarias). A maiores, tamén bautizamos aos personaxes do libro, pois, amais da mudez, padecen o seren seres innominados. En fin, un artefacto para facer traballar o maxín, como debe ser. O caso é que meu fillo decidiu poñerlle Breixo de nome ao neno do conto. Deste xeito, ¿que outra cousa podía facer diante da primeira nevarada?

309-breixo-na-neve.gif

Trixésimo novena entrega de H

xosi — 16-01-2009 GTM 1 @ 18:15

h-39-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man (Manoliño); Lee Tron (Riqui)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 23 de xaneiro

Coroa de espiñas para Gaza

xosi — 13-01-2009 GTM 1 @ 18:05

307-coroa-de-espinas-para-gaza.gif

Non é de agora. O pobo palestino leva décadas sendo tiroteado, metrallado, bombardeado, crebado, torturado, esventrado, esnaquizado. Calquera participio é bo para o pobo de Israel se contribúe á aniquilación desa espiña cravada no seu territorio mercado a golpe de talonario e bombas terroristas (en efecto, os terroristas eran eles, cando devecían por facerse cun anaco da terra que lles prometera Deus, que daquela estaba baixo protectorado do Reino Unido por mandato das Nacións Unidas).

Confeso que non estou a ver os noticiarios que falan do enésimo xenocidio contra o pobo palestino. Poderiamos chamalo holocausto tamén, esa palabra que din con tanto orgullo e solemnidade os israelitas. Non, non sigo as novas das atrocidades do exército sionista. Os procesos creativos son así. Asolagan a un, inocúlanlle un virus que provoca ataques agudos de solipsismo, de cerrazón sobre un mesmo, aconchegándoo nun universo persoal e intransferible do que, mala ou boa, acabará abrollando unha obra de arte.

De cotío, sinto vergonza de min mesmo, vergonza de vivir arrodeado de tanta opulencia, vergonza de ter o frigorífico a rebentar, de ter a casa quente mentres can xeadas de órdago aí fóra, vergonza de que no meu xardín chova ácido de Meirama e non obuses, vergonza, ao fin e ao cabo, de ter a tranquilidade e o tempo necesarios para escribir narrativa nestes tempos endiañadamente inhumanos. Vergonza, quero dicir, de escribir literatura mentres miles de seres humanos son sacrificados no altar bestial da guerra, da inxustiza, da fame.

Por iso quixen que este amencer, capturado na última nevarada que vivimos aquí en Melide, non fose unha lambonada máis para estetas, non fose obra de Eos a dos dedos de rosa, senón un carneiro degolado polo bronce ensanguentado de Ares, da metralla homicida de calquera exército esgazando a carne viva dun ser inocente. Unha coroa de espiñas para Gaza.

308-palestina.gif

Trixésimo oitava entrega de H

xosi — 09-01-2009 GTM 1 @ 17:26

h-38-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man (Manoliño); Lee Tron (Riqui).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 16 de xaneiro.