Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Cuadraxésimo quinta entrega de H

xosi — 06-03-2009 GTM 1 @ 18:42

h-45-pequeno.jpg

Créditos: Jack Lama (Óscar Lama); Henrique Huxtable (Quique)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 13 de marzo

A palabra de Ferrín. Sobran as palabras.

xosi — 02-03-2009 GTM 1 @ 14:14

“...y no halle cosa en que poner los ojos...”

Quevedo

 ¡Terra de proseguir e non dar nada,
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti! ¡Lento veleno
que pon nos ollos unha cousa verde!
¡Língoa que me enche a boca enteiramente
e coma un río interno me asolaga!
Quero dicir teu nome e digo a penas
xente de terra, homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
¡Galicia coma un río que se estiña,
terra de esmorecer, patria do vento!
Quero dicir teu nome e digo dorna
baleira, mergullada dorna negra,
grande arado sen bois, feira sen xente,
noite que vén, enorme noite fría…
 
Quixera alzar meu canto coma un puño
e pór na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.
333-ferrin.gif

Cuadraxésimo cuarta entrega de H

xosi — 02-03-2009 GTM 1 @ 02:35

h-44-pequeno.jpg

Créditos: Jack Lama (Óscar Lama); Henrique Huxtable (Quique)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 6 de marzo

Forgotten songs (1): Smoke on the water

xosi — 25-02-2009 GTM 1 @ 20:35

332-deep-purple.gifMergullando nas feraces augas do Youtube, descubrín unha reportaxe máis que interesante na que se fala das orixes creativas dun dos riffs máis famosos da historia da música rock, parello en popularidade ao de Satisfaction, dos Rolling Stones: o Smoke on the water, dos británicos Deep Purple.

Aínda que vos vai subtitulado en francés, os pais da criatura confesan que o tema fala sobre un incendio que arrasou o casino de Montreux (Suíza) en 1971, no mesmo intre que estaban a actuar nel Frank Zappa & The Mother of Inventions. A formación máis clásica dos Purple, a MKII do Made in Japan (1973, o álbum en directo máis vendido da historia) -de esquerda a dereita na fotografia: Jon Lord nos teclados, Ian Paice na batería, Ian Gillan na voz, Ritchie Blackmore na guitarra e Roger Glover no baixo-, estaba alí para gravar un disco nun estudio móbil dos Rolling Stones (no tema aparece como “the Rolling truck Stones thing”) e colleunos de cheo o fregado.

Contan nos mentideiros do hard rock que Ritchie Blackmore, cando lles presentou o riff que acababa de compoñer aos seus compañeiros de armas, sentiu vergonza por ser demasiado sinxelo para un guitarrista do seu nivel. Polo que semella, Blackmore inspirouse nos golpes da policía para derribar as portas do casino. Lémbrame a lenda urbana, segundo parece falsa, de que Beethoven se inspirou no destino chamando á súa porta para compoñer o motivo que abre a Quinta Sinfonía. En calquera caso, déixovos aquí co MKII debullando o Smoke on the water nunha versión con menos metralla guitarreira cá do Made in Japan, pero que non desmerece.

Cuadraxésima terceira entrega de H

xosi — 20-02-2009 GTM 1 @ 23:57

h-43-pequeno.jpg

Créditos: Henrique Huxtable (Quique); Jack Lama (Óscar Lama).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 27 de febreiro.

Sobre a 43ª entrega de H

xosi — 20-02-2009 GTM 1 @ 10:27

Non saio do meu abraio (desculpas pola rima; se cadra, podería ter optado por estupefacción, pero, daquela, produciríase unha redundancia semántica co traficante de estupefacentes da banda deseñada; aglaio descarteina por caer na mesma aberración rítmica e ser de menor uso oral; asombro e pasmo eran demasiado castelás para o meu patriotizado gusto. En calquera caso, e a pesares da deficiencia formal con que o fixen, creo que logrei comunicar que estou abraiado, ¿non si?). O caso é que hoxe, como cada venres pola mañá, Pedro Panduriño veu importunarme coa súa entrega semanal de H (o tipo lévao en serio iso das entregas, de verdade. Cada venres, puntualísimo, vén con unha. Calquera ha pensar que cobra por facer o que fai...) Se alguén coñece un pouco da condición humana deste fulano, do Pedro Panduriño, saberá que o home é gafe e chambón (torpe, se utilizamos a lingua do imperio), a máis non poder, características que, de cotío, se unen e entrecruzan en cada un dos seus actos. Deste xeito, era do máis normal que, calquera venres, ao petar na porta da miña casa a horas tan intempestivas como as oito da mañá, me pillase durmindo na cama, ou loitando contra unha galerna descompositiva no retrete, ou cepillándome os dentes coa escuma a pingarme noxentamente pola barba, ou gozando da miña ducha trimestral, ou no tránsito de calquera acción que clamase por un pouquiño de intimidade e sosego. Xa que logo, xa me sentín un pouco abraiado cando hoxe petou á miña porta e non estaba a facer ningún acto comprometido nin comprometedor. Mais ese abraio inicial non foi nada en comparación co que sentín cando tiven a cuadraxésimo terceira entrega de H nas miñas mans. O pulso comezoume a tremer, sentín unha suor fría xurdir por cada poro da miña derme, ás de morcego revoándome no bandullo, electrizantes arreguizos sacudíndome con puñadas de cóxegas a caluga, a pel de galiña, a miña ubicua pelame -dispensando a azotea- de punta. Non era para menos. Volvín mirar para a entrega de hoxe e os meus sentidos non me enganaban. E é que a cuadraxésimo terceira entrega de H ¡¡¡¡TIÑA DIÁLOGO!!!! ¡¡¡¡NON HABÍA HOSTIAS!!!! Cando logrei recuperarme daquel estado subxugante, parello ao arroubo místico dun anacoreta no deserto entregado a anos de privacións, silencio e oración, o Panduriño xa desaparecera. Sen tropezar, sen tirar nada, sen romper ningún obxecto rompible, sen interromper o máis insignificante acto da miña vida. Dentro dunhas horas, cando volva da consulta do psiquiatra, subirei a entrega ao blog. Ata entón, déixovos a imaxe da vila costeira de Millí celebrando, por todo o alto, esta viraxe no seu cómic. Non é para menos.

331-fogos-artificiais.gif

Cuadraxésimo segunda entrega de H

xosi — 13-02-2009 GTM 1 @ 11:33

h-42-pequeno.jpg

Créditos: Henrique Huxtable (Quique); Jack Lama (Lama)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 20 de febreiro.

Audacia ou estupidez?

xosi — 12-02-2009 GTM 1 @ 10:08

Pretender ser escritor, vivir da literatura, cando un está a piques de chegar aos corenta, ten un aquel de todo ou nada. Aí estou eu, vítima propiciatoria para o desánimo, para a desorde mental coa dúbida como detonante, para obrigarme a facer de cada movemento vital un acto de fe. Non hai día en que non poña en tea de xuízo a decisión tomada, porque se fracaso, o que acontece no 99’9% dos casos de xente que cometeu a estupidez que eu agora cometo –a de pretender vivir da escritura- atopareime nesa idade na que só es borralla para o mercado de traballo, na que es pouco máis ca nada, un opositor a cincuentón cuxa data de caducidade pasou hai tempo.

329-goldfish.gifFe. Cómpre moita fe. E alicerces fortes, como unha familia que respecte esa fe ou amigos que crean en ti máis do que ti mesmo cres. A min pasoume onte pola noite, de viños co Panduriño. Sen saber moi ben como, a conversa recalou nun cómic que ambos adoramos: Goldfish, de Brian Michael Bendis, unha obra mestra do xénero negro. O devandito vén a conto porque o meu amigo lembroume, nun intre no que cumpría lembrarmo, unha viñeta na que se pode ler unha cita de Goethe pintada na porta dun váter público. A cita ten un efecto contundente no protagonista do cómic, tan contundente como o tivo en min en canto cheguei a casa e lle botei un ollo. Agardo, nembargante, un mellor final para a miña historia có do protagonista. As palabras, de Johann Wolfgang Goethe, son as seguintes:

330-goethe.gif“Ata que un se decide, existe a dúbida, a posibilidade de botarse atrás, a ineficacia concernente a calquera iniciativa (ou acto de creación). Existe unha verdade elemental, a ignorancia da cal aborta incontábeis ideas e plans espléndidos: no intre que un se compromete, entón o destino se pon en marcha e todo tipo de cousas ocorren para complementar a outra que non tivese acontecido doutro xeito. Unha serie de acontecementos despréndense da decisión, poñendo ao noso favor todo tipo de efectos e axudas inesperados. Todo o que poidas facer, ou imaxinar que poidas facer, faino. A audacia posúe xenio, é poderosa e máxica. Comeza agora”.

Audacia sen estupidez. Se a cousa falla, teño un plan B...

328-goldfish.gif

Once

xosi — 10-02-2009 GTM 1 @ 07:20

323-once.gifAínda que o filme viviu o seu cénit de éxito hai case un ano, con motivo de facerse co Oscar á mellor canción no ano 2008 por Falling slowly, eu veño de velo agora. Así que, aínda que a cousa non veña coa actualidade que debera, si vén co padal gozoso de ter descuberto unha suculenta xoia para gozar con reincidencia e á mantenta.

Once, filme moi irlandés do non menos irlandés John Carney, narra a historia dun músico –interpretado por Glen Hansard, o líder de The Frames- que gaña a vida tocando polas rúas de Dublín e amañando aspiradoras no taller do pai. Todo mudará cando se cruce cunha emigrante checa que vende flores –a multiinstrumentista checa Markéta Irglová- e que, ademais, toca o piano. Cando, ao comezo da película, fique claro que ambos son os restos de cadanseu naufraxio sentimental, e que un posíbel romance entre ambos non teña demasiadas posibilidades, entón comezará a rodar unha fermosísima historia de dous seres unidos polo seu fondo e insubornable amor á música.

327-onceimgprensa.gifO filme ten intres moi emotivos e pide do espectador que, unha de dúas, ou comprenda inglés, ou –como no meu caso-, teña unha versión subtitulada, pois a mensaxe que transmiten os temas é fundamental para comprender a deriva sentimental dos personaxes. Quen se decida a ver Once, fará ben conseguindo The Swell Season, o disco de Glen Hansard e Markéta Irglová de onde xurdiron os principais temas da película –Falling Slowly, When your mind’s made up, por exemplo-, nas súas versións orixinais, moito máis elaboradas e cunha sección de corda que os fai exquisitos.

324-once.gifEntre os moitos detalles nos que un pode pararse nesta preciosidade fílmica, tívome o seu aquel a escena na que Glen e Markéta deciden gravar un disco de estudio. Para facelo, irán recrutar aos músicos tamén á rúa, e atoparanos a carón do monumento a Phil Lynott ergueito na dublinesa Harry Street, interpretando versións dos Thin Lizzy. Toda unha homenaxe á mítica banda de rock irlandesa. Outra cousiña na que me fixei, logo de dar unha volta pola rede, foi que a escangallada guitarra acústica coa que toca Glen Hansard na película é a súa guitarra de verdade, coa que vai polo mundo adiante dando concertos; lembroume ao seu paisano Rory Gallagher, que ao final da súa carreira seguía séndolle fiel a unha Fender Stratocaster que lle caía a cachos. Tamén lembrar, ao remate de Falling Slowly, cando saen da tenda de música onde a tocaron, a marabillosa escena dos dous marchando pola rúa, el coa guitarra ao lombo, e ela arrastrando a súa aspiradora avariada, mentres soan os últimos compases da canción.

Como mostra do que podedes atopar no filme, déixovos coa escena do estudio de gravación, na que debullan When your mind’s made up que, se ben non tivo o éxito do oscarizado Falling slowly, para min ten moita máis forza. Se vos cadra ver a película, xa me diredes.

321-xose_tomas.gif

322-o-lume-dos-sonos.gifVeño de saber, con ledicia, que o debuxante Xosé Tomás será o encargado de ilustrar, con pinturas murais, o edificio multiusos de Melide, onde se atopa a Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. A ledicia é dobre pois, amais de considerar todo un luxo que un artista da talla de Tomás deixe a súa sinatura nun edificio público da nosa vila, está o feito de que fose el o encargado de ilustrar a miña única obra de narrativa publicada ata a data: O lume dos soños.

É esta, xa que logo, unha ocasión inmellorábel para falarmos da última obra publicada de Xosé Tomás, o cómic Tolos, publicado pola Universidade da Coruña. Tras lelo, teño que transcribir as palabras do prologuista de luxo que fala no limiar na obra, o pope da banda deseñada galega: Miguel Anxo Prado. Prado di, e coincido con el palabra a palabra, que “Xosé Tomás tece unha historia de historias, poliédrica, entrecruzando vidas, esperanzada e positiva, coa Universidade sutilmente en terceiro plano, e o estudio e o coñecemento no segundo. E no primeiro, persoas vivindo. Ó chegar á derradeira páxina fica un regosto suave e tenro no padal”.

320-tolos.gifEu, de primeiras, collín o cómic con certas reticencias. Matinaba que o feito de estarmos ante un encargo da Universidade da Coruña podía coartar seriamente a liberdade artística do autor. Nembargante, e tal e como di Prado, o tema universitario agáchase sutilmente nun terceiro plano, e, polo que puiden comprobar, ás veces nin se ve. E o que fica son historias moi humanas, de realización persoal nas que o coñecemento e a formación teñen, en efecto, un papel fundamental, pero que nunca toldan o devir dos personaxes nin a historia que o autor nos quere contar.

En canto á factura artística, impecable. Como son profano nesto das artes plásticas, heille roubar de novo as palabras ao mestre Prado, que afirma: “Na lectura posterior, demorada, atenta –a única que se debe facer- é evidente que o Xosé Tomás ilustrador sabe utilizar todos os seus talentos gráficos para construír as páxinas: a súa paleta, que xa é recoñecible, persoal; o seu acabado con texturas na cor dixital, que evita a aparencia “plástica” e mecánica; a caricaturización benévola dos personaxes... Pero, ademais, como narrador visual presenta un repertorio completo e eficaz de recursos: riqueza de encadres, xogo intelixente de planos, dinamismo interno na viñeta, e, o que é máis difícil, tempo narrativo”.

Tolos, xa que logo, é unha obra da banda deseñada galega máis que recomendábel. Sendo a Universidade da Coruña a editora, ignoro as canles de comercialización que se utilizaron para difundila. Eu adquirina en Biblos, mais pareceume vela entre as novas adquisicións da Biblioteca de Melide. Así que non hai escusa para non botarlle un ollo e, de paso, marabillarse de ver como avanza Xosé Tomás, paseniño, na transformación dunhas paredes brancas nunha auténtica obra de arte.