Probablemente, o nome de Kelley Lynch non vos soará de nada, mais si o do artista de quen foi manager: Leonard Cohen. Cohen. Teño sentido tanto coas súas cancións... Poucos artistas hai que me teñan feito vibrar tanto como Leonard Cohen. En canto a Kelley Lynch, hoxe en paradoiro descoñecido, fíxose un pouquiño famosa despois de estafarlle a Cohen todos os aforros que tiña para retirarse comodamente no que el denominou o terceiro acto da súa vida.
A cousa foi como segue. Cohen, entre 1994 e 1999, mantívose enclaustrado nun mosteiro zen de California, onde levou unha vida monacal baixo a tutela do mestre xaponés Kyozan Joshu Sasaki Roshi. Ata aí todo ben. A sorpresa levouna cando abandonou os hábitos para volver á vida segrar. Debía telo todo moi ben planificado, pois deixara cinco millóns de dólares no banco para ter unha xubilación cómoda. Os
aforros de toda unha vida. Mais cando fixo números, descubriu que na conta corrente só lle quedaban 150.000 dólares. Kelley levara o resto. É unha historia moi zen, como se a vida se confabulase coas arelas espirituais de Cohen para despoxalo de todo aquilo, nomeadamente o material, que nos afasta do noso ser máis profundo.
Mais o home non debía de estar moito polo labor de renunciar ás riquezas que lle ofrecía a vida porque, agora mesmo, con 74 anos ás costas, botouse á rúa nunha grande xira que o traerá mesmo a Vigo, o 13 de agosto, supoño que para recuperar, en parte, as rendas que lle permitan ter o retiro dourado co que soñaba. Mesmo puidemos ver un concerto desta xira retransmitido pola 2 de Televisión Española, o cal da fe da forte promoción que lle están dando ao cantante canadense. Como devoto admirador de Leonard Cohen que eu son, non me queda outra que amosarlle o meu máis sincero agradecemento a Kelley Lynch; grazas a ela, Cohen fará parada e posta nun lugar tan arredado e descoñecido para os canadenses como a cidade de Vigo e, grazas a ela tamén, eu podereino ver en vivo e en directo por primeira, e probablemente única, vez na miña vida.
Resulta chocante que un libro titulado Sobre cocina y gastronomía (Alianza Editorial) resulte indixesto, pero este do asturiano Ignacio Gracia Noriega éo, a pesares de que, de cando en vez, apareza fulgurante algunha opinión ou algunha gracia coa que un poida estar de acordo ou que incite a un benévolo sorriso. Recomendable é a lacerante diatriba coa que despacha á sidra asturiana e a todos os mitos e folclorismos a ela asociados, por citar un exemplo.
Este articulista e escritor fai gala dunha vasta cultura en canto a referencias na devandita obra, non así en canto a apertura de ideas, e amenta a xente tan diversa como Alan Watts, Marinetti, Georg Trakl ou Ernts Jünger, por rescatar só a algúns autores que, de primeiras, ninguén relacionaría coa literatura gastronómica. Non tería escrito sobre este libro nin sobre este autor no blog de non ser, precisamente, por unha cita de Josep Pla sobre o capitalismo que se inclúe no capítulo Gastronomía política.
Di Pla: “O capitalismo é irracional, caótico, incomprensible, desordenado, caprichoso, inxusto, doloroso, triste, absurdo..., exactamente como a natureza e a vida. A natureza, a vida humana, é igualmente caótica, irracional, desordenada, inxusta, sanguinaria, caprichosa, delirante, incomprensible, cruel, triste”.
Se cadra por iso trunfa entre os seres humanos un sistema económico e social tan inhumano, tan monstruoso como o capitalismo. Porque reflicte exactamente a nosa natureza. Porque é a consecución práctica e universal do axioma hobbiano de que o home é un lobo para o home, que se expresou nidiamente coas ideas de Adam Smith que deron corpo teórico á lei da selva que rexe dende o século XIX a sociedade moderna, isto é, a luva/lobo invisible que rexe o mercado, que é a escusa esgrimida polas grandes corporacións para esixir a desregularización e liberalización da economía, para eliminar ou minimizar calquera lei ou poder que poidan impedir ás multinacionais e aos lacaios campar ás súas anchas, facer e desfacer ao seu antollo –sóanvos o ERE ou o peche da factoría de Pascual en Outeiro de Rei ou o ficar de brazos cruzados mentres Francia asolaga Galiza con excedentes de leite e, de paso, arruína ás nosas explotacións?-, para poder engulir ao peixe pequeno baixo o visto e prace das institucións).

Pois si. Eu tamén creo, como Pla, que todas esas expresións do capitalismo salvaxe non son máis que expresións do peorciño que hai en nós. Afortunadamente, aínda hai xente que teima en loitar para que sexa o bo que tamén levamos dentro o que, algún día, nun horizonte utópico, determine as relacións económicas e sociais entre os seres humanos.
Non é que me caia ben o fulano que artellou ese enxendro da Galicia Bilingüe, o Andrés Freire, tamén fundador da mascarada que se deu a coñecer como “Tan gallego como el gallego” e mercenario da FAES comandada por José María Aznar (sempre me pareceu abondo casualidade que as sílabas desta sinistra organización coincidan coas de Falange Española...). Así o revelou onte o Xornal.
Pois non. Digo que eu tamén son de Galicia Bilingüe porque me convenceu Carlos Blanco nun vídeo que tivo a xentileza de colgar na súa web Vieiros. En efecto, eu tamén quero unha Galicia bilingüe, na que o 50% do ensino estea garantido en galego; na que a metade das películas do cinema, da programación das radios e das televisións, dos textos dos xornais que se difunden no noso país estean en galego; para que outro tanto aconteza nos xulgados, na universidade, na banca, nas librarías, nos quioscos, na política... Non vou abondar máis nunha cuestión da que xa teño falado longo neste blog. Simplemente, estarei este domingo en Compostela para manifestarme, para berrar eu tamén co devezo de que meu fillo poida vivir nunha Galiza máis orgullosa do que ten de seu, do único que hoxe, nesta aldea global, a distingue como sitio distinto: o galego.
Quen comeu natillas (a palabra non ten un equivalente en galego como Deus manda) ben sabe que constitúen todo un pracer de larpeiros baseado no minimalismo da súa receita e na calidade dos seus ingredientes. Basicamente, leite, xemas de ovo e azucre cocidos a unha temperatura mínima para evitar que se corte e aromatizados, segundo o gusto do comensal, con vainilla ou canela, ou ambas cousas que, en calquera caso, sumadas nunca derivarán en exceso dada a parvidade de músicos que tocan esta melodía de sobremesa.
Eu, que me criei gorentando as natillas industriais de Danone, que coleccionei un a un os puntos necesarios que traían nas tapas para facerme co castelo de cartón de El pequeño Cid, tiven, por forza, que aprender a facelas anos despois para tentar engadirlle ao vicio a calidade da manufactura propia e dos alimentos da casa.
Mais, velaí que as ditosas natillas propiciaban un problema. Dado que esixen só xemas, atopeime, de súpeto, cun bo feixe de claras coas que non sabía moi ben que facer. Como un non é un mestre dos fogóns e a feitura dos suflés me queda noutra galaxia, foi todo un achado descubrir a seguinte receita, sacada do libro Cociña caseira galega (Baía Edicións), de Nieves Feros, que durante ben anos rexentou o restaurante La bombilla, de A Coruña. Ten o nome de Biscoito con améndoas e claras de ovo e o resultado queda a medio camiño dos amendoados melidenses e da celebérrima Tarta de Santiago. Así, cinco ovos dannos para facer este biscoito no forno e remexer en algo máis de medio litro de natillas. A cousa é tan sinxela como montar cinco claras de ovo a punto de neve e, aparte, mesturar ben 250 gramos de azucre, outro tanto de améndoa moída e un sobre de fermento de repostería. Xuntamos todo isto coas claras a punto de neve con moito tino para desfacer o menor número de burbullas de aire posíbel, o cal propiciará un resultado final máis esponxoso. Optativa é un pouco de casca de limón para aromatizar, pero, para o meu gusto, disfraza en demasía o sabor dunha sobremesa que debe saber a améndoa con total plenitude. O toque final dámosllo ciscando azucre glasé sobre o biscoito xa feito e pouco máis. O remate da función correspóndelle aos nosos sentidos e ao noso bandullo que, sen dúbida, hanse sentir máis que compracidos.

A nós, como a moita xente, aínda nos quedan uns cantos anos para rematar de pagar a hipoteca. Edúcannos así dende o berce, para que nos hipotequemos; para que sintamos a arela de satisfacer necesidades creadas pola propia cultura, non nacidas das nosas conciencias, e ás que só podemos aspirar con axuda financeira. É un xeito de confiarlle á banca o rol protector e nutricio que tiñan nosos pais para connosco ata que decidimos independizarnos; iso si, a cambio de suculentos xuros e décadas de traballo.
Thoreau, cuxas ideas venerei ben anos, aconsellaba no seu Walden (Edicións Cátedra), a todo aquel que desexase construír unha vivenda, que fixese gala da súa sagacidade para non verse máis tarde “nun labirinto sen saída, nun museo, nunha prisión, cando non nun espléndido mausoleo”. El, que sagacidade tiña abondo, sentou os seus ósos a carón da lagoa que deu título ao devandito libro e ergueu a súa casa gastando en materiais menos de trinta dólares.
Lembrei a Thoreau observando á parella de cus roxos (Phoenicuros ochuros) que viven no noso xardín. Esta primavera decidiron aniñar no garaxe para criar á súa proxenie. E é que a convivencia en parella ten os seus efectos secundarios. Eles non tiveron que pedir hipotecas nin poñerse a canga da usura para turrarlle do palanquín aos banqueiros. Fixeron o seu niño con pauciños, ramallos e carriza, ben alicerzado sobre un lintel de metal e cemento, co espazo xusto para eles dous e tres ovos. Tan pequeno era o habitáculo que, cando naceu a prole, tiveron que deixar o fogar para que o ocupasen os poliños ata que as súas ás fosen quen de levalos polo mundo adiante. Como no mundo animal, amais de non haber hipotecas tampouco existe a síndrome de Peter Pan, foi cuestión de días que os paxariños emigrasen para buscar a vida. Agora que xa criaron, nin sequera a parella de cus roxos utiliza o niño para vivir. Aí quedou, baleiro.
E é que as maiores hipotecas non son aquelas que nos atan á banca, senón outras forxadas nun ferro máis inquebrantable se cabe, isto é, o daquelas posesións ás que nos sentimos tan aferrollados que pasan a formar parte da nosa propia identidade, de nós como persoas, do noso eu, que, en definitiva, nos fan –daquela maneira- seres humanos. Non se pode agardar outra cousa dunha sociedade de consumo, dunha sociedade na que prevalece o ter sobre o ser, dunha sociedade na que se nos permite mercar atractivos anacos de personalidade e status –coches, inmobles, roupas, perfumes- a cómodos prazos e sen ter que queimar demasiadas neuronas.
Mais velaí está esa parella de cus roxos que abandonaron o niño sen importarlles moito o “que dirán”. Vese que non pretenden que os seus conxéneres os xulguen polo seu pisiño sito no lintel da porta do garaxe de cas Xosi. Esa independencia sobre as posesións sábeme a Walden, sábeme a Thoreau.



Chúzao
del.icio.us











