Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Sacrificio real

xosi — 02-10-2009 GTM 1 @ 07:11

Estamos salvados. A crise xa non vai ser o que era. Tiña que ser un goberno socialista quen asumise tan arriscada e revolucionaria decisión: á Casa do Rei conxeláronlle a asignación económica anual da que dispón grazas ao peto de nós, os contribuíntes. Desta maneira, Xoán Carlos e a súa familia terán que conformarse coas mesmas migallas do ano pasado: 8’9 millóns de euros, ás penas 1.500 millóns de pesetas. A cousa ten aínda máis mérito do que aparenta a simple vista, pois a conxelación do salario real veu a proposta dos propios monarcas. Pobriños. Cuán enorme sacrificio, vosa maxestade! Divina monarquía, por riba do ben e do mal, por riba de crises e bonanzas, máis alá das nosas mans e do noso entendemento.Coma aquel rei que se deu en chamar Sol, inalcanzable. Tan sublime que aínda me segue sen cadrar que este fato de sambesugas lacazanas siga empoleirado no cume dun sistema seica democrático.

384-rei-crisis-what-crisis.gif

Sexasésimo cuarta entrega de H

xosi — 02-10-2009 GTM 1 @ 07:06

h-64-pequeno.jpg

Créditos: Monseñor Constantino (Tino); monaguillo Corredoira (Rúa)

Continuará cando lle cadre. Aínda que, agora que Deus está morto, que máis pode acontecer?

Sexasésimo terceira entrega de H

xosi — 20-08-2009 GTM 1 @ 17:35

h-63-pequeno.jpg

Créditos: Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo); Monseñor Constantino (Tino); monaguillo Corredoira (Rúa); Deus (pomba)

Recendos literarios

xosi — 06-08-2009 GTM 1 @ 18:11

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Eu engadiría que un recendo vale máis ca mil imaxes. A min pásame sempre co engaiolante olor da bosta ou os efluvios dalgunha das poucas cortes que aínda se estran con toxo no país; ambos recendos devólvenme directamente aos veráns que aquel neno que eu era, fillo de emigrantes en Barcelona, pasaba nunha parroquia de Palas de Rei chamada Vilareda. Ou cando vas pola rúa e cruzas cunha muller que se parapetou tralo mesmo perfume que impregnaba a pel da rapaza que te roubou o corazón na adolescencia. Pásame tamén co aroma salobre da auga mareira, a area quente na planta dos pés, e un sol cenital abrindo en abano a inmensidade azul do océano a filtrarse en raxeiras mentres a miña percepción se extasia mergullada entre peixes e medusas; necesariamente, retorno á praia da Barceloneta, ao Mediterráneo, da miña infancia.

377-marcel-proust.gifSe cadra, o caso máis celebérrimo que temos na historia da literatura en cuestión de recendos evocadores do pasado é o da madalena mollada en te cuxo aroma e sabor convocaron en Marcel Proust tal enxurrada de lembranzas que o home botou case vinte anos en escribir e publicar as entregas que integran a monumental En busca do tempo perdido; lémbrame ao personaxe borgiano, Funes el memorioso, que era quen de lembrar absolutamente todo o que lle acontecía na vida, de tal maneira que botou a segunda metade da súa existencia lembrando o que lle pasara na primeira. Un pouco seguindo un camiño semellante ao de Proust, o poeta Antonio Gamoneda vén de publicar Un armario lleno de sombra, unha 382-un-armario-lleno-de-sombra.gifautobiografía dos seus primeiros e difíciles anos de vida, xusto ata que cumpre os catorce. A xénese do libro acontece cando o escritor abre o armario da nai morta e os olores nel contidos desatan unha reacción en cadea na súa memoria.

A quen eu quería chegar, nembargante, é a Charles Baudelaire. Na aínda recente segunda edición da Feira do Libro do Camiño de Santiago, celebrada en Melide a pasada fin de semana -do 1 ao 2 de agosto-, adquirín no caseto de Parrado As flores do mal, traducidas ao galego por Gonzalo Navaza nun deses tours de force da translación no que se tenta emular ritmos, metros e rimas para gardar a máxima fidelidade ao orixinal sen traizoar o sentido. De tolos. A Darío Xohán Cabana, que fixo o mesmo con A divina comedia de Dante (mentres exercía de policía municipal en Corcubión), ou co Cancioneiro, de Petrarca, escoiteille definir nunha conferencia, parafraseando a Ferrín, o labor tradutor así concibido como a “construción de catedrais paralelas”.

381-baudelaire-2.gifHai un poema en As flores do mal que antecedeu ao famosísimo exemplo proustiano da madalena en máis de medio século e que, aínda que infinitamente máis breve, para min é dunha intensidade e beleza que esbouran á luz da biografía baudeleriana. Fillo dunha nai puritana e fillastro dun xeneral do exército francés, Charles Baudelaire resultou ser a antítese do que seus proxenitores pretendían del. Pouco máis ca un adolescente, viviu con fervor a bohemia parisiense da metade do século XIX, frecuentando prostitutas, nadando en alcol e haxix e, aínda que obtivo o título de bachiller, sendo expulsado do Collège Louis-le-Grand onde estudiaba. Daquela época de desenfreo habíalle quedar a pegada da sífilis.

Ás penas con vinte anos, seu padrasto decide envialo ao estranxeiro para ver se así deixaba a licenciosa vida que estaba a levar. Serán dezaoito meses de travesía polos mares do sur cunha delongada estadía en Calcuta. Sen querer, o xeneral Jacques Aupick agasallaría ao seu fillastro co maior tesouro que gardou en vida: o seu paraíso perdido. Nun soneto perfecto, Baudelaire lembra ese espazo e ese tempo no duodécimo poema de As flores do mal, que leva por título A vida anterior:

“E así foi que vivín entre delicias calmas
rodeado de azul, de ondas, de esplendores
e de escravos espidos, impregnados de olores,
a refrescarme a fronte abaneando palmas,
sen máis preocupación que afondar na ferida
do doído segredo que me roubaba a vida”.

378-jeanne-duval.gifO regreso a aquel París gris e decimonónico, frío, de pedra e feluxe, debeu ser un choque brutal para o poeta. Boa parte da súa obra capital, As flores do mal, pivota sobre un sentimento que el chamou Spleen e que se asemella á náusea de Sartre ou á anguria vital de Heidegger. Nada que ver coa calideza e luminosidade absolutas, co sentimento de liberdade, que experimentou nos mares do sur. Mais no medio de toda esa sordidez habería atopar un nexo, un elo, que o levaría de regreso, sempre que el quixera, ao paraíso perdido: Jeanne Duval, unha prostituta mulata de orixe haitiana coa que mantería unha longa e tormentosa relación. No vixésimo segundo poema de As flores do mal, titulado Perfume exótico, xa menta o tema:

“Cando pecho os meus ollos no cálido solpor
e respiro o perfume do teu peito ardoroso,
vexo abrise ante min un litoral gozoso
baixo soles monótonos de brillo cegador.
(...)
Seguindo o teu olor cara ás rexións máis belas
vexo un porto repleto de mastros e de velas (...)”

Será o seguinte poema, o vixésimo terceiro, o que nos revele a orixe dese recendo evocador. Titúlase A cabeleira e comeza así:

“Oh vélaro ondulante que cae sobre a coleira!
Oh bucles, oh perfume indolente e oufano!
Éxtase! Nesta noite encho a alcoba baleira
coas lembranzas que dormen na túa cabeleira
axitándoa no aire como se axita un pano.
 
A África ardorosa e o delicado Oriente,
mundos case defuntos, de exóticos costumes,
oculta a túa entraña, oh bosque recendente!
Como outras almas nadan na música envolvente,
meu amor, a alma miña navega os teus perfumes".

E seguen vinte e cinco versos máis que afondan nesa ponte de cabelo que o poeta cruza todas as noites que pode -tantas como os cartos que lle administran dan pagado- cara aos mares do sur. Todo grazas a un recendo.

379-jeanne-duval.gif

Sesaxésimo segunda entrega de H

xosi — 04-08-2009 GTM 1 @ 08:39

h-62-pequeno.jpg

Créditos: monaguillo Corredoira (Rúa); comisario Cabechas (Xabier Cabezudo); Deus (pomba)

Continuará. A este paso, a próxima entrega será cando ao debuxante lle saia dos mesmísimos...

Sempre nos quedará París

xosi — 30-07-2009 GTM 1 @ 11:07

Veño de ler un poema de Antonio Gamoneda que me marabillou. Trátase dun poema de amor nos tempos escuros e difíciles da dictadura franquista que atopei no seo do libro Blues Castellano, obra escrita entre 1961 e 1966, pero non publicada ata 1982 por motivos de censura. O poema titúlase Libertad en la cama, e di así:

Todos los días salgo de la cama
y digo adiós a mi compañera.
Vean: cuando me pongo
los pantalones
me quito
la
libertad.
 
Cuando llega la noche, otra vez
vuelvo a la cama y duermo.
 
A veces sueño que me llevan con las manos atadas,
pero entonces me despierto y siento la oscuridad,
y, con el mismo valor, el cuerpo de mi mujer y el mío.

A lectura que eu fago destes versos é a do amor como espazo de liberdade, de resistencia contra unha realidade social atroz. A súa forza reside en que durmir xunto á muller amada esíxelle ao poeta o mesmo valor que enfrontarse á represión, como se esa aperta nocturna para ceibarse abrazados no sono fose un acto subversivo, un cóctel molotov nos fociños do réxime. Sen saírmos do mesmo poemario, Gamoneda redunda nesa visión do amor en versos como:

Mi manera de amar es sencilla:
te aprieto a mí
como si hubiera un poco de justicia en mi corazón
y yo te la pudiese dar con el cuerpo.

A calor dunha aperta como reducto de resistencia, de xustiza e liberdade, fronte ao mundo. Sempre nos quedará París.

376-antonio-gamoneda.gif


Aire fresco dende Belgrado

xosi — 26-07-2009 GTM 1 @ 10:38

375-danilo-kis.gifHai uns días, Jairo Dorado, ínclito tradutor de A ponte sobre o Drina (Ivo Andrić, 1945) ao galego, envioume unha mensaxe para anunciarme a inminente tradución de Danilo Kiš á nosa lingua, feito que, ao mesmo tempo, deixou en min unhas poucas migallas de esperanza e outras tantas de arela. Esperanza porque aínda hai xente que, no seu quefacer diario, mesmo dende terras tan afastadas coma Belgrado, segue en pé na crúa vangarda de manter o noso idioma non só con vida, senón coa mirada alta que dá o orgullo de non ser menos ca ninguén, nin sequera nestes tempos aciagos nos que un fato de políticos empoleirados coma voraces sambesugas ao poder travisten o seu máis abxecto fascismo lingüístico con felos de liberdade. Arela de poder ter nas mans -senón xa, si canto antes- ao Danilo Kiš vertido ao galego –grazas ao labor tamén de Rinoceronte como editorial- autor do que, confeso, nunca lin nada e que, cando así sexa, serao no mesmo idioma que falaron meus pais, meus avós e demais devanceiros que inocularon nas miñas veas o seu sangue de inmemoriais raíces. Grazas, xa que logo, Jairo, por ese sopro de vento fresco neste verán de tanto incendio verbal e lexislativo perpetrado polos pirómanos do bilingüísmo harmónico.

374-danilo-1.gif

Para Xosé Henrique, Xulio e Aldán

xosi — 21-07-2009 GTM 1 @ 23:22

Este non é un blog de moitos visitantes. Temos poucos, pero bos. Se cadra, non chegamos á ducia entre os seareiros habituais. Tanto dá. Vén a conto esta evidencia porque quería dedicar a presente entrada a dous lectores impertérritos das miñas disquisicións. Un deles é o H. Anda por terras de Chavela Vargas, como ben testemuña o localizador xeográfico de visitas desta páxina, con México na segunda posición do podio. O outro é o maior dos irmáns Álvarez e vive máis preto de aquí, na capital herculina. Foi este último, precisamente, quen me suxeriu a posibilidade de publicar na rede algunha creación literaria, que é o que me dispoño a facer agora. Por que falei, xa que logo, destes dous fulanos sen vir a conto? Porque elixín uns versos, intitulados Alborada para Breixo, que pensei lles poderían gustar. Máis que nada porque ambos se meteron antonte coma quen di, do mesmo xeito ca min, na azarosa aventura de ser pais. De Xosé Henrique, o primeiro; de Xulio e Aldán, o segundo. Para eles van, que nós, aos nosos anos, temos o ego con menos líbido ca unha pedra.

 

Alborada para Breixo

             I
 
Sinto a túa chamada
na hora primeira da alba
e acudo para terte no colo
para poder darte apertas de pexego no colo
e ver esa primeira mirada
que lle botas ao día,
esa primeira mirada
da mañá
que lle botas á vida.
É tal a transparencia
na que transloce esa mirada
que xa nin o día importa.
Só este intre,
só a clara conciencia,
só a miña mirada na túa
cada vez que sinto a túa chamada.

 

             II
 
Ma é o primeiro son
que articulan os beizos do noso fillo
ao espertar,
como se a palabra tivese
poder
para convocar aquilo que máis amamos.

 

373-breixo.gif

Sesaxésimo primeira entrega de H

xosi — 19-07-2009 GTM 1 @ 18:19

"Deus morreu. Deus segue morto. E matámolo nós. Como poderiamos reconfortarnos, os asasinos de todos os asasinos? O máis santo e o máis poderoso que o mundo posuíu desangrouse baixo os nosos coitelos: quen limpará este sangue noso? Que auga nos limpará? Que rito expiatorio, que xogos sagrados deberiamos inventar? Non é a grandeza deste feito grande de máis para nós? Debemos semellar dignos dela?"

Nietzsche, A gaia ciencia, 125

h-61-pequeno.jpg

Créditos: Pomba (Deus)

Continuará. A próxima entrega debería ser o vindeiro venres, 24 de xullo

Sesaxésima entrega de H

xosi — 10-07-2009 GTM 1 @ 11:48

h-60-pequeno.gif

Créditos: Deus (pomba); Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo)

Continuará, a próxima entrega será o vindeiro venres, 17 de xullo, sempre e cando o debuxante dea saído da previsible nugalla etílica na que recaerá durante as festas do Carme.