Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Broz: novas vetas na canteira da beleza

xosi — 10-09-2008 GTM 1 @ 06:43

261-burgo-vello-broz-pequeno.gifDeterse de vagar diante dos cadros de Xosé Manuel Broz é un auténtico goce, sobre todo para aqueles que temos certas cordas na alma que vibran ao atoparse diante dunha natureza virxe ou diante das pedras que albergan a nosa memoria. Ata o de agora, foi esta feliz conxunción temática a que dotou de personalidade propia á arte de Broz, ese darse a man entre as obras talladas co cicel e a suor das xentes e aqueloutras creacións que xorden espontaneamente dende a nai terra como expresión do irresistible pulo que dá orixe e sustenta a vida. Así, a arquitectura civil, relixiosa e popular danzan harmoniosamente cos nosos montes, fragas e praderías sobre os lenzos de Xosé Manuel Broz; e nós asistimos embriagados a tal espectáculo capturado pola súa agudísima vista e ofrendando aos nosos sentidos no interior dun marco cal besta brava nun curro.

Ese foi o Broz que eu coñecía e que coñecín ata que me deixei caer pola súa última exposición –en agosto, no Museo da Terra de Melide- na que, sen deixar de ser fiel a esa liña trazada, introduciu unha nova perspectiva, tan inesperada como venturosa, que supón un novo filón que, de seguro, nos deparará no futuro máis dunha sorpresa. A viraxe dada por Broz consistiu, nin máis nin menos, que en coller o cabalete e os pinceis para levalos máis alá do burgo vello de Melide no que tan bos froitos ten recolleito.

260-urbana-broz-2-pequena.gifA concepción que ganduxa a obra broziana ten continuidade, desta maneira, nunhas paisaxes na que a vulgaridade do ladrillo e do asfalto substitúen á nobreza da pedra. E esa concepción non é outra que a de tirar beleza de calquera recanto que pouse diante da súa mirada escrutadora. Daquela, o leit motiv por excelencia na obra pictórica de Broz é, precisamente, ese idealismo que despoxa á imaxe de toda borralla que poida emporcallar a visión da beleza en estado puro inherente a calquera cousa ou ser animado. No caso que nos ocupa, a paisaxe melidense.

258-urbana-broz-1-pequena.gifSe ollades ben os cadros –están lixeiramente distorsionados pola curvatura do obxectivo da cámara e os reflexos da iluminación artificial- toparédesvos diante dun Melide alucinante, case fantasmagórico, con esas rúas limpas de coches, de cables, de persoas, de farois ou de calquera moble urbano susceptíbel de taparnos esa beleza que Broz insiste en amosarnos núa, espida de calquera accesorio superfluo. Trátase, xa que logo, dun hiperrealismo positivista na liña dun Antonio López, antítese desoutro realismo sucio que insiste en amosarnos aqueles detalles que os nosos sentidos aborrecen, que incitan ao rexeitamento. Facer isto, destapar a beleza dunha paisaxe urbana na que só dabamos visto fealdade, é un gran achado de Broz que, ata o de agora tíñao acadado dun xeito máis doado grazas a ter por figurantes a arquitectura monumental e tradicional e a vizosa paisaxe da bisbarra.

Haberá que agardar con expectación, xa que logo, a seguinte exposición de Xosé Manuel Broz despois de que a brevidade desta nos impedise reincidir no seu goce. E se ninguén o di, direino eu: para cando unha exposición permanente co máis selecto da obra dun dos nosos mellores pintores? 

263-exposicion-broz.gif

Nas ás da liberdade (e 3)

xosi — 08-09-2008 GTM 1 @ 10:11

252-saint-exupery-1.gifO 31 de xullo de 1944, Antoine de Saint-Exupéry partía do aeródromo de Borgo, na illa de Córcega, a bordo dun Lightning P-38. Ía en misión de recoñecemento, a recompilar información de cara aos preparativos do desembarco aliado en Provenza. Ao cabo dunhas horas, o radar perdía o rastro do avión. Hai dez anos, en 1998, achábanse os restos do aparello e unha pulseira de prata do escritor nos fondos do mar de Marsella. Tardaríase outra década, nembargante, en descubrir a causa da súa morte. Foi o pasado marzo cando o piloto alemán Horst Rippert, aos seus 88 anos, declarou: “Poden deixar de buscar. Fun eu quen abateu a Saint-Exupéry. Foi despois cando souben que se trataba do escritor. Eu agardaba que non fose el, porque na nosa mocidade todos leramos os seus libros e adorabámolos”.

254-saint-exupery-3.gifSe lle puidesemos preguntar a Saint-Exupéry sobre a súa morte, de seguro que non lle había gardar rancor a Rippert. Sabía onde se metía, falara demasiadas veces con ela, coa morte, como para non saberes que era unha pretendente teimuda que non o había deixar escapar de xeito doado. Xa bailaran xuntos en 1935, cando tentaba bater o récord no traxecto París-Saigón e caeu no deserto de Libia (sóavos a escena?); ou cando no raid Nova Iorque-Terra de Fogo se estrelou en Guatemala. Era un home de acción, consciente de selo. Se no intre de estar precipitándose cara ás augas algún deus ou anxo lle ofrecese recuar para levar unha vida máis repousada e menos arriscada, de seguro que negaría o ofrecemento. Morreu como quixo. De seguro que antes do que quixese, pois a vida éralle algo tan caro e intenso que non se había querer zafar da súa aperta tan axiña. Pero para Saint-Exupéry, a peor morte tería sido a de vivir en contra dos pulos do seu corazón.

255-exupery-4.gifEses pulos foron os que fixeron do autor de O principiño un dos pioneiros da aviación civil, paixón, esta de voar, que lle viña da infancia, dende o día que montara nun avión, con doce anos, para, pouco despois, construírlle unhas ás de tea á súa bicicleta. Como Elixio Rodríguez e como Roald Dahl, Saint-Exupéry enrolouse no exército para dar renda solta á súa paixón polas alturas. Despois, gañaría a vida como piloto civil –en Francia, África e Sudámerica- daquela unha actividade case que heroica polo primitivismo dos instrumentos de navegación con que contaban os avións; e porque non partías con cartas aéreas, senón que as trazabas ao tempo que voabas. Boa parte da obra  de Saint-Exupéry está ambientada, precisamente, neste mundo e, a pesares do éxito á hora de vender libros, o home porfiou en levar unha vida sempre escorregando polo gume da navalla.

256-vol-de-nuit.gifQuixen rescatar para este artigo un texto extraído de Voo de noite (Vol de nuit, traducido ao galego por Valentín Arias e publicado en Xerais). Nel atopamos a Fabien, un deses heroes anónimos que se dedicaban a abrir liñas aéreas, neste caso na Patagonia, polos camiños virxes do ceo. Fabien atópase nunha situación límite. É de noite, o indicador de combustíbel xa hai tempo que pasou do punto de non retorno. Unha treboada fai que a visibilidade sexa nula, polo que é imposíbel aterrar. Fabien remonta os nuboeiros ata pórse por riba deles e contemplar, cara a cara, o firmamento. “Desatáronse as súas cadeas, coma as dun preso que se deixa marchar só, algún tempo, entre flores.

«Demasiado fermoso», pesaba Fabien. Erraba entre as estrelas acumuladas coa densidade dun tesouro, nun mundo onde nada, absolutamente nada, fóra del –Fabien- e mailo seu compañeiro, había vivo. Semellante a eses ladróns de cidades fabulosas, emparedados na cámara dos tesouros, de onde non saberían saír. Errantes entre pedrería xeada, infinitamente ricos, pero condenados”.

Iso é liberdade, ser quen de contemplar a beleza aínda que a señora morte insista en sacarte a bailar. É un xeito de vivir como un quere sen que a ameaza última e definitiva sexa quen de arredarte do camiño elixido. Rematemos cun dos poemas máis fermosos que se teñen escrito en calquera lingua e que, sen dúbida, serían un precioso epitafio na carlinga dese Lightning P-38 mergullado nas augas do Mediterráneo. Escribiuno Thomas Stearns Eliot, aló polo 1920, forma parte da súa mítica obra The waste land, e leva por título A morte pola auga. Podédelo gozar na pioneira tradución feita por Álvaro Cunqueiro ao galego en Flor de diversos (Editorial Galaxia):

A morte pola auga
 
Flebas o fenicio, morto fai dúas semáns,
esqueceu o berro das gueivotas, e o mar de fondo
e as ganancias e as perdas.
                 Unha corrente submariña
os seus ósos recolleu en segredo.
Flotando e caíndo
pasou tódalas etapas da súa idade e mocidade
entrando no remuíño.
                  Xentil ou xudeu,
ouh ti que levas o timón e ollas a barlovento,
lémbrate de Flebas, quen unha vez foi fermoso
e alto coma ti.
253-saint-exupery-2.gif

Décimo novena entrega de H

xosi — 05-09-2008 GTM 1 @ 09:28

Ola a todos e a todas, abnegad@s penitentes de H. Velaquí de novo o voso cilicio semanal para que mortifiquedes as vosas neuronas, para que fustriguedes a vosa intelixencia con saña e aleivosía. Eu estou sometendo a un tormento semellante o meu lombo, co látego de sete colas de coiro trenzado de rinoceronte indio que gardo para ocasións coma esta. Os remorsos de tervos dúas semanas sen a prometida entrega dos desvaríos do Panduriño estanme a rillar a conciencia cal mórbido e impío rato de sumidoiro.Xa que logo, non é sen tempo que vos poidades autolesionar á mantenta con esta páxina de banda deseñada. Só para masoquistas. Abstéñanse frikis e demais fauna amante dos cómics. Esta lectura manca. E faino atrofiando cerebros que poderían utilizarse para fins máis edificantes e produtivas. En calquera caso, e esgrimindo o meu dedo acusador cara ao santo amigo dos cans, reparo o incumprimento de prazos ofrecéndovos a décimo novena entrega de H. Velaí vos vai, piltrafillas.

h-19-pequeno.jpg

Créditos: H (Ghenri); axente Blanco (Óscar do Lar); Pietro Pandurini (Pedro Panduriño); lady Chorrito (María).

A próxima entrega será o vindeiro venres, 12 de setembro.

E Deus marcouse un só de batería

xosi — 03-09-2008 GTM 1 @ 08:58

Aconteceu o 29 de agosto, cara ás oito do serán. Breixo aínda estaba a durmir a sesta. Arroiaba de trebón, cando, de súpeto, comezou a escoitarse un estrépito in crescendo que derivou nunha especie de terremoto co epicentro na troposfera. Antes de ver as pedras de sarabia do tamaño dunha pelota de pimpón pensei: deulle a Deus por marcarse un só de batería no tellado da miña casa. Nin que dicir ten que tan divino como estrondoso baqueteo fixo acordar ao neno. Xuntos contemplamos, a través da ventá e cun pouquiño de medo, como o meirande dos fenómenos mundanos, a pesares das nosas elucubracións esotéricas e metafísicas, acaban tendo unha explicación científica.

251-sarabia.gif

Cultura prostibularia

xosi — 01-09-2008 GTM 1 @ 06:23

250-pen-club.gifPerdede coidado. Non é que me dese por desguedellarme estas vacacións e frecuentar lupanares, serrallos ou outros eidos de desenfreada e ubicua concupiscencia. A fotografía tomeina en xullo, cando viña de volta do concerto de Scott McKeon e Jonnhy Winter en Pontevedra. Chamoume a atención por coincidir o nome do antro co da asociación mundial de escritores creada en 1921 por Catharine Amy Dawson Scott. Polo Pen Club Internacional teñen pasado nomes tan sobranceiros como Joseph Conrad, George Bernard Shaw, H. G. Wells, Arthur Miller, Vargas Llosa ou Thomas Mann; e a el pertencen , hoxe en día, máis de 15.000 poetas, narradores e ensaístas de todo o mundo, que teñen á súa disposición 138 centros en 98 países. Entre outros atributos, o Pen Club é o único colectivo autorizado a facer proposicións de candidaturas para o Premio Nobel diante da Academia Sueca. No noso país, esta asociación está capitaneada por Luís González Tosar e Helena Villar. Supoño que o fulano que rexenta o Pen Club da fotografía non coñece á nosa parella literaria e nin sequera pensaba en plumas e bolígrafos cando bautizou o chiringuito. Estou convencido de que había ter intencións máis prosaicas cás de Dawson Scott cando cortou a cinta inaugural (de seguro que se pides un francés, un grego ou unha cubana, non che van recitar versos de Baudelaire, Kavafis ou Loynoz), mais, sen querelo nin bebelo, fundou, que eu saiba, a única sede física que ten, a día de hoxe, o Pen Club en Galiza. ¿Admitirana como a 139 do nonaxésimo noveno país?

A culpa é do San Roque

xosi — 18-08-2008 GTM 1 @ 09:12

pechado-por-vacacions.jpg

Décimo oitava entrega de H

xosi — 16-08-2008 GTM 1 @ 11:18

h-18-pequeno.jpg

Créditos: H (Ghenri); Pietro Pandurini (Pedro Panduriño); gorila 1 (Penas); gorila 2 (Xabi); Lady Chorrito (María).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 22 de agosto (se o debuxante sobrevive ao naufraxio etílico do San Roque...)

Nas ás da liberdade (2)

xosi — 13-08-2008 GTM 1 @ 09:06

245-dahl-1.gifOutro que voou nas ás da liberdade foi Roald Dahl, celebérrimo autor de obras destinadas ao público infantil como Charlie e a fábrica de chocolate, James e o pexego xigante ou Matilda, o meirande delas levadas con éxito ao cine e editadas en galego por Edicións do Cumio. As peripecias vitais de Dahl antes de ser escritor pódense ler en Voando só (Alfaguara), un delicioso libro enchoupado de principio a fin do desenfado e o humor ácido a que nos teñen afeitos os seus textos. De feito, as súas vivencias como aviador da RAF na fronte grega durante a Segunda Guerra Mundial darían para un relato do máis épico e grandilocuente, mais Dahl optou por quitarlle ferro ás súas experiencias e cóntachas coma un neno que confesa aventuras e trasnadas, coma se el mesmo fose un personaxe das súas propias novelas.

244-tiger-moth.gifO comezo da guerra colleu a Dahl en Dar es Salaam (Tanzania), onde traballaba para a petrolífera Shell, e inmediatamente alistouse como voluntario nas forzas aéreas. En dous meses –nunca antes montara en avión- adestrárono en Nairobi (Kenia) para pilotar un Tiger Moth, biplano máis propio da Primeira Guerra Mundial. Despois, xa o mandaron directamente para O Cairo, onde había poñerse aos mandos dun aparello semellante, o caza Gladiator, con metralladoras desas que disparan a través da hélice sincronizadas coas súas aspas. Sería nesta etapa da guerra cando Dahl había ver máis preto de si a morte, e non precisamente polo fogo inimigo.

246-gladiator.gifPasado o período de instrución e xa asentado no norte de África, o comandante en xefe do aeródromo de Fouka (Libia) mandouno ir á base da 80ª Escuadrilla, no deserto, para incorporarse a ela. As coordenadas que lle deran estaban mal, de maneira que Dahl atopouse no medio do Sáhara, dacabalo das liñas italianas, co Gladiator no punto de non retorno e piques de anoitecer. Na aterraxe forzosa, o avión bateu de fociños no chan a 120 quilómetros por hora. O rostro de Dahl estampouse contra o vidro da carlinga e o aparato comezou a arder. Case inconsciente, coa cara completamente mazada, deu saído para afastarse o suficiente e non asarse vivo antes de desmaiarse; ao pouco, o lume chegou aos depósitos de combustíbel e á munición da metralladora e “as balas comezaron a asubiar por todas partes”. Despois, escuridade e silencio. Roald Dahl sería rescatado por unha patrulla británica e tería despois unha longa convalecencia hospitalaria para recuperarse das feridas, coa sorte de caer en mans dun afamado cirurxián plástico de Harley Street que, naquel intre, prestaba os seus servizos como cirurxián xefe da Armada en Alexandría e lle recompuxo con éxito o rostro.

247-hawker-hurricane.gifUnha vez reincorporado, comezaría a épica para o escritor británico, e había ser cun comezo case tan absurdo como o das súas novelas. Afeito a pilotar biplanos, metérono, de súpeto, na carlinga dun Hurricane, un moderno monoplano que difería como o día da noite cos avións que pilotara ata entón. O caso é que lle deron dous días para afacerse a el antes de lanzarse só a cruzar o Mediterráneo para incorporarse á fronte grega. Dahl relátao así: “Estaba petrificado e asegureime por min mesmo no asento do Hurricane. Era o primeiro monoplano, e tamén, sen dúbida algunha, o primeiro avión moderno que tripulaba. Era, con moito, o máis potente, veloz e tramposo que xamais coñecera. Nunca tripulara antes un avión coa tren de aterraxe retráctil. Non tripulara nunca un avión provisto de aleróns que se empregaban para reducir a velocidade de aterraxe. Xamais tripulara un avión con hélice de inclinación variábel ou que tivera oito metralladoras nas ás. Xamais tripulara nada igual. Dalgún xeito amañeime para despegar con aquilo e facelo aterrar sen esnafralo, pero para min foi como montar un cabalo sen domar”. Ademais, con 1’92 de estatura, Dahl tiña que adoptar unha postura fetal para poder meterse na cabina do Hurricane, cos xeonllos case tocándolle o queixo. Nesta postura faría a viaxe de catro horas e media dende Exipto ao aeródromo de Eleusis, en Grecia. O que había vir despois ten de estraño que Roald Dahl sobrevivise para contalo. Só adiantar un dato: as forzas aéreas británicas na fronte grega consistían catro avións Blenheim e quince Hurricane, contando o de Dahl. Os nazis tiñan, pola contra, un milleiro de aparatos na rexión, entre cazas e bombardeiros, moito máis modernos e efectivos cós ingleses. Daquela, o noso escritor nunca combatera no aire. Quen queira descubrir en que deron as peripecias deste inexperto piloto fronte a tan formidábel inimigo terá que ler Voando só, un libro deses que se gozan liña a liña.

246-dahl-2.gifPara rematar, quixera transcribir un parágrafo, que fai referencia ao período de aprendizaxe como piloto de Roald Dahl, que dicía “Despois de ter voado sen instrutor, deixábanme despegar só moitas veces e era marabilloso. «¿Cantos mozos-preguntábame a min mesmo- tiñan a sorte de poder ir zoando e bradando polo ceo, sobre un país tan fermoso coma Kenia?». Ata o aeroplano e o combustíbel eran gratis. No gran val do Rift había tanta caza maior e menor como vacas nunha granxa leiteira, e voaba baixo no meu Tiger Moth para vela. ¡Que cantidade de animais contemplaba todos os días dende a cabina! Voaba moito tempo a unha altura de non máis de vinte ou vintecinco metros, admirando baixo miña enormes fatos de búfalos e animais salvaxes, que saían de escorrentada en todas as direccións cando eu pasaba ruxindo por riba deles. Coa axuda dun libro ilustrado que mercara en Nairobi, aprendín a recoñecer o kudu, a gacela de Thompson, o antílope, o impala e outros moitos animais. Vin multitude de xirafas e rinocerontes, de elefantes e leóns, e unha vez albisquei un leopardo, suave como a seda, acazapado na póla dunha grande árbore. Estaba a observar a uns impalas que pacían baixo súa, decidindo cal elixiría para comer. Voei sobre os flamencos rosados do lago Nakuru e din a volta completa voando sobre o cume nevado do monte Kenia no meu pequeno e seguro Tiger Moth. Non deixaba de repetirme o afortunado que era. Ninguén gozou nunca dun tempo tan apaixonante coma este”.

249-memorias-de-africa.gifIso si que é esnifar liberdade, case que metela a pico en vea, sentila tanto que se apalpa como algo material. Voar ceibe sobre un dos poucos anacos de África que daquela aínda se mantiñan virxes. Lémbrame ao Denis de Memorias de África; mais tamén ao Roy Batty, o líder replicante de Bladerunner na escena final do filme, cando di: “Vin cousas que ningún de vós crería. Atacar naves ardendo máis alá de Orión. Vin raios C coruscar na escuridade, preto da porta de Tannhäuser. Todos estes intres perderanse no tempo como bágoas na choiva. É hora de morrer”. Lémbrame, como non podía ser doutro xeito, ao adolescente que fun e que soñaba a fantasía recorrente de verse voando nun ala delta ao solpor co Stairway to heaven de Led Zeppelin soando nos oídos. Nunca tal fixen, pero aínda hei.

248-roy-batty.gif

Muller-bomba en Palestina

xosi — 11-08-2008 GTM 1 @ 08:41

O texto que comparto con vós é do ensaísta, escritor e fillo adoptivo do mundo árabe, Santiago Alba Rico, extraído do seu libro Torres más altas (La Tapadera, Valencia), e leva por título Bomba. A ilustración intitulada A morte dun soño pertence á artista británica Paula Cox. Nacidas ambas nese inferno en vida que se chama Palestina, semella que estas creacións viñeron ao mundo para compartir un mesmo espazo; o azar que rexe os camiños da Rede fixo que o atopasen neste blog. Arte preñado de dureza, de dor e rabia, mais cuxa lectura e denuncia se fan hoxe máis necesarias que nunca.

Bomba

Durante unha das últimas incursións do exército israelí en Ramallah, os soldados, ben adestrados para seleccionar coidadosamente os seus obxectivos, non tiveron máis remedio que disparar sobre unha muller-bomba apostada entre os coches (ata ese extremo de baixeza chegaron os terroristas palestinos!). Esa muller levaba enriba material altamente explosivo que, de non telo evitado os certeiros disparos israelís, tería estoupado un tempo despois, durante a Intifada do ano 2014. A muller non só non ocultaba a súa carga, senón que a exhibía con fachenda, desvergoñadamente, fanaticamente, polas rúas da cidade. Esa muller estaba embarazada.

243-morte-dun-sono.gif

Décimo sétima entrega de H

xosi — 08-08-2008 GTM 1 @ 19:22

h-17-pequeno.gif

Créditos: Gorila 1 (Penas); gorila 2 (Xabi); Lady Chorrito (María); axente Blanco (Óscar do Lar).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 15 de agosto.