Inauguro con este post unha sección á que vou bautizar como Vidas senlleiras, título dun feixe de contos de Darío Xohán Cabana co que o autor de Roás se fixo coa única edición ata a data do premio mellor dotado na historia das letras galegas, o Cidade de Lugo, galardón co que embolsou dez millóns de pesetas. Desfilarán por aquí, xa que logo, vidas senlleiras, que non egrexias, de xentes que teñen feito da súa vida un percorrido singular que, aínda que en moitos casos non lles valeu o ascenso a ningún parnaso, sempre foi unha aposta clara por seguir os pulos que a cadaquén lle dictou o corazón.
Teño que incluír nesta sección, xa por forza, os nomes que engrosaron a breve serie que titulei Nas ás da liberdade: Elixio Rodríguez, Roald Dahl e Antoine de Saint-Exupéry. A pesares diso, tomade o nome de hoxe como o da inauguración oficial: Walter Hermann Koch. Este señoriño de fasquía fráxil e esguízara probou a dureza da vida con pouco máis de quince anos, cando o internaron no campo de exterminio de Auschwitz. Non teño referencias do que fixo nos anos posteriores ao holocausto nazi. O único que sei –que sabemos todos, pois o que se fala sobre el é moi escaso- é que, cando andaba ao redor dos cincuenta anos, fixo unha aposta cun grupo de empresarios que habería gobernar o resto dos seus días: sobre a mesa 1.700 millóns de pesetas que serían seus se percorría a pé 600.000 quilómetros. Teño un recorte de La Voz de Galicia que gardo como ouro en pano no que afirma que xa levaba camiñados 700.000 quilómetros aos seus 76 anos. Nembargante, en ningún sitio descubrín que chegase a cobrar tan fabulosa fortuna, o cal é estraño, pois tería sido unha nova desas que dan a volta ao mundo. De feito, é moi raro que se fale tan pouco da súa fazaña (só atopei dúas entradas relacionadas con el en Internet, e a única nova que achei na heméroteca web de La Voz non enlaza co texto). Se cadra é que é humilde de máis. Quero pensar que si, pois un carácter dese tipo cádrame co dun home que apostou boa parte da súa vida a algo tan sinxelo como camiñar. En calquera caso, se sabedes algo máis de Walter Hermann Koch, encantaríame sabelo. Unha vida senlleira, sen dubida algunha.
Estes días, a multinacional Nestlé volve estar no punto de mira. Desta vez, quen apunta é a ONGD galega Amarante, que denuncia as condicións de miseria na que viven os produtores de café e de cacao que fornecen ao maior conglomerado industrial de Suíza, con medio milleiro de fábricas en todo o mundo, 230.000 traballadores e uns ingresos por vendas no ano 2000 de 53.000 millóns de euros. Amarante denuncia que as materias primas coas que Nestlé fabrica os seus produtos “son adquiridas noutros países, onde a produción de alimentos é caracterizada por estándares paupérrimos no que atinxe ao respecto dos Dereitos Humanos. Na maioría destes países, homes e mulleres sofren explotación dende o punto de vista financeiro e da saúde. Este aspecto percíbese particularmente na produción de dous cultivos de dimensións mundiais: o cacao e o café. Nestlé, como líder mundial, ten unha grande influencia sobre o prezo extremadamente flutuante e baixo que sae ao mercado. Ao non pagar un prezo xusto polas súas materias primas, a multinacional convértese en cómplice condenando á miseria ás pequenas comunidades campesiñas e agricultoras”.
En particular, o tema do café é sangrante. Trátase do produto que xera máis divisas no mundo despois do petróleo. Nembargante, os 25 millóns de produtores que hai no mundo e as súas familias só olen o 3% deses substanciosos beneficios. Boa parte do resto acaba engrosando as arcas de multinacionais como Nestlé, Kraft Jacobs Suchard ou General Foods. Afondar nesta face da inxustiza é unha boa escusa para non perderse o programa de actividades que vai desenvolver Amarante en Compostela con gallo da estrea do documental Ouro negro. O filme, que trata precisamente do tema do café, proxectarase na Galería Sargadelos o 25 de setembro e o 1 de outubro, a partires das 19.30 horas.
Non sobra lembrar, xa que estamos a falar de Nestlé, un currículo que inclúe, segundo O libro negro das marcas (Klaus Wener e Hasn Weiss, Ed. DeBOLS!LLO) “Comercialización de alimentos para bebés mediante métodos prohibidos internacionalmente, e explotación e escravitude infantil a través dos provedores de materias primas”.
Interésame, particularmente, a primeira das acusacións, o da comercialización agresiva e ilegal de leite infantil no terceiro mundo. Os sicarios de Nestlé actúan nos propios hospitais, convencendo ás nais de que o mellor leite para o seu bebé é o de Nestlé, e non o materno. Unhas mostras gratuítas axudan a convencer. A miseria fai o resto: na maior parte do terceiro mundo ferver auga con lume de leña é moi traballoso, polo que se acaban facendo os biberóns con auga sen esterilizar. Sobra dicir que a auga potable pura nestes países é un ben escaso. Prácticas comerciais como as de Nestlé axudan a que cada ano morran no mundo un millón e medio de nenos por infeccións, ao optar polo biberón en troques do peito da nai (datos da Organización Mundial da Saúde). Este tipo de accións teñen xerado fortes campañas internacionais de boicot contra Nestlé e as protestas de varios organismos da ONU.
Nunca foi máis doado buscar alternativas que non teñan que pasar polos produtos Nestlé dos que veño de falar. Para o café, tes opcións de altísima calidade e de cultivo ecolóxico nas tendas do comercio xusto (Eccos, en Melide; ou Confeitería La Esquina, en Arzúa). En canto aos preparados lácteos infantís, non tragarse os contos das empresas e optar polo leite materno, que está máis que demostrado que é o mellor; en caso de elixir leite en po, hai boas marcas sen ter que recorrer á Nestlé.
Despido esta entrada cun par de imaxes nas que me tocou vivir as iras contra a multinacional suíza moi de preto. A primeira delas data do 28 de marzo de 2003, e retrata unha concentración diante da entrada da sede central de Nestlé en Vevey (Suíza), xunto a personaxes tan egrexios como Lidia Senra ou José Bové. Teño un recordo ben curioso daquela viaxe ao país helvético que expresa de maneira meridiana o abismo que afasta ao norte do sur. A comitiva de labregos á que acompañaba –viñan de Galiza, Euskadi, Aragón, A Rioxa, Andalucía, Francia e Italia- tivo que facer noite nun refuxio nuclear de Xenebra. O lugar era pintoresco: estabamos baixo terra, nun subterráneo construído de grosos muros de formigón armado ao que se accedía a través dunha porta de metal blindado que debía ter case dúas cuartas de grosor. O terrible e inhumano contraste foi que, neses intres, Bagdad estaba a sucumbir esnaquizada baixo toneladas e toneladas de bombas do exército norteamericano. A xulgar polo titular de La Voz de Galicia esa fin de semana (Bagdad vive un día de terror absoluto), mentres nós durmiamos ben quentiños e protexidos por unha máis que extrema seguridade na pacífica Suíza, miles de iraquies ficaban esventrados ou co fogar destruído pola metralla homicida das bombas ianquis. Que mundo de contrastes este! Non si?
A segunda imaxe é a dunha manifestación do sector leiteiro galego diante da factoría de Nestlé en Pontecesures, o 10 de abril de 2006. A reivindicación dos nosos gandeiros era a de sempre: prezos xustos para o produto do seu traballo. E é que a inxustiza non se padece só no sur...

Agora si, a solución ao enigmático titular. Sabedes en que se parece un refuxio nuclear a un gran de café? En que ambos poden chegar a expresar a abismal fenda que afasta a uns seres humanos doutros. Nin máis, nin menos.
Créditos: Lee Tron (Riqui); gorila (Xabi); lady Chorrito (María); Sucso o rei do secso (Suso de Brañas); Joe Lynn Froitierer (Joselín o da froita); o pingüín magoado (Pingüi); fóra de plano y como Dios las trajo al mundo (Tita Cervera, baronesa Thyssen-Bornemisza; e a saber quen son o resto...)
*Se queres saber máis sobre Lee Tron, o Hulk da rúa dos pubs, o Mister Hyde do garrafonazo, martelo de hosteleiros corruptos, látego involuntario do Ministerio de Sanidade, preme aquí.
A próxima entrega será o vindeiro venres, 26 de setembro.
Tiña ganas de escribir algo máis sobre a filantropía empresarial da multinacional alemana do sector químico Bayer, que ten deixado legados tan egrexios para a humanidade como o campo de exterminio de Auschwitz, o Zyklon B ou o gas mostaza. Antes desa sacrificada voluntariedade a prol da industria da guerra e do ascenso do nazismo, Bayer patentaba dous fármacos que, en distintos eidos, habían ser revolucionarios. Un deles, por todos coñecido, é o ácido acetilsalicílico, que comezou a comercializar baixo o nome de Aspirina en 1899 e que catapultou a esta industria ao estrelado do firmamento capitalista (pensemos que, na actualidade, no mundo consúmense uns 100.000 millóns de comprimidos de Aspirina cada ano; iso ten que deixarlle unha pasta gansa á empresa xermana, va que si?).
Mais é o outro achado da Bayer o que agora me interesa, o do xarope de Heroína contra a tose. En efecto, a Bayer lanzou ao mercado, once días despois que a Aspirina, un xarope doutro dos seus inventos rexistrados, un derivado da morfina que bautizou como Heroin. O xarope de Heroina quitábache a tose, madia leva. O simpático do asunto é que, para máis inri, as fortes campañas publicitarias de Bayer ían dirixidas a fomentar o seu consumo nun público infantil, se cadra máis propenso a pillar catarros e máis sensible aos seus síntomas. E así estiveron tres lustros, vendendo o xaropiño a mancheas, ata que en 1913 caeron da burra e se decataron de que a Heroína se metabolizaba no corpo como morfina e era máis aditiva ca esta última.
No inverno de 1912, os xornais españois servían de taboleiro de anuncios para promover o fármaco milagreiro. Resúltame particularmente revelador o anuncio no que se ve a un neno tentando arrebatarlle á súa nai a botella de xarope, cal párvulo ionqui, con gravata e raia á esquerda dun cabelo impecablemente peiteado. Supoño que este tipo de publicidade, moi orientada a espertar o temor da xente na invernía e no tempo chuvioso, debeu ter especial impacto na Galiza. De feito, o tal medicamento aconsellábase como preventivo para que se consumise antes mesmo de estar un acatarrado. De seguro que, cando se deixou de comercializar, en Europa habíase producir unha vaga de nenos e non tan nenos lapidados baixo os síntomas dun agudo síndrome de abstinencia, que ven durando uns oito días. Miles de persoas deberon pasar unha semaniña infernal no vello continente e ficar cun sentimento de fondo desamparo ao matinar en como sería un inverno sen ter nada para calmar a tose.
O tema resultaríame gracioso se non tivese tropezado tantas veces nos cráteres deixados pola artillería das drogas, se non me tivese cribado a alma en tantas ocasións a súa metralla, se non tivese visto tantos cadáveres derreados a desintegrarse gume abaixo da navalla en que deviñera a súa vida, se as bágoas que me ten tirado dos ollos non queimasen tanto no rostro descomposto pola dor. Cun pouco de imaxinación, poderíanse facer bos chistes a conta do ditoso xarope. Mais un prefire calar cando, segundo un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) do ano 2000, hai no mundo oito millóns de consumidores habituais de heroína. Se a esta cifra engadimos as vítimas resultantes da delincuencia, da transmisión de enfermidades como a Sida, ou da violencia das mafias e do crime organizado que se asocian a esta droga; a Auschwitz, ao Zyklon B e ao gas mostaza non lles quedaría outra que recuar no podio das armas de destrución masiva ideadas, fabricadas e xestionadas pola Bayer ao longo da súa fecunda historia.

Aí vai o verán. Pasou. Eu son dos que sinto o paso das estacións, é dicir, que máis ca por unha data, percibo esa transición por un sentimento. Para min, o verán remata cando finou ese tempo de esmorga, de horarios descontrolados, de viños diarios, de calendarios cribados de festas, de calor abafante, de conversa delongada na terraza dos bares. A primeiros de setembro, volvín someterme á disciplina de madrugar para escribir, volvín ter un horario regular nos meus quefaceres domésticos. Ademais, acompañou unha máis que apreciable baixada da temperatura. É dicir, chegou o outono. Desta vez, adiantado.
Normalmente, a min ese outono sentimental chegábame ao pasaren as festas de Palas (14 de setembro) e o San Caralampio (segundo domingo do mesmo mes), últimas escusas para botarse ao monte da troula antes da costa abaixo cara á invernía. Por azares do calendario gregoriano, neste 2008 cadraron ambas festas na mesma data, polo que as saquei de enriba dunha tacada. Ademais, substituír o Caralampio polo xantar familiar na casa paterna fixo que non se rompese ese outono sentimental iniciado a comezos de mes.
Confeso que o outono é a miña estación preferida. Se cadra, por esa volta á orde, por esa vida monástica nas formas, por ese clima de entretempo tan levadío e agradable, por eses ceos que tenden a inflamarse de espectaculares dourados e contraluces fascinantes, tamén polos cogomelos, polas castañas e as brasas nocturnas nas que se asan, por esas potaxes quentiñas que tan ben sentan cando un comeza a ter un pouco frío, polas primeiras bafaradas de lume no tiro da cociña económica, por esa madureza cósmica que todo o contaxia e que te enche de plenitude antes da retirada cara aos cuarteis de inverno.
Benvido, xa que logo, meu outono. Douche a benvida cun par de imaxes tomadas en pleno verán –uns couselos e unha abella nun macizo de lavanda-, nesa orxiástica eclosión de vida que supón o estío e que deixa as bases sentadas para facer de ti unha mazá madurísima quen de encher a alma dunha soa mordedela.

Créditos: H (Ghenri); axente Blanco (Óscar do Lar); Pietro Pandurini (Pedro Panduriño); lady Chorrito (María); gorila (Xabi); o pingüín magoado (Pingüi); fóra de plano Lee Tron (Riqui).
O editor deste blog non garante nin se fai resposable da continuidade dalgún dos personaxes deste cómic tralo San Caralampio desta fin de semana.
A próxima entrega será o vindeiro venres, 19 de setembro (feira en Palas).
A partir de hoxe, todos os lectores e todas as lectoras do Blog de Xosi poderán gozar, puntualmente cada xoves, dunha viñeta de O pingüín magoado, personaxe que vén a engrosar o ben nutrido bestiario millidiano e que está baseado, como non podía ser menos, nun egrexio melidense de todos coñecido e que responde por Pingüi. Xa vos podedes imaxinar que a creación desta rara avis da banda deseñada vén da man de Pedro Panduriño, aínda que, para facer honra á verdade, o que isto escrebe tamén debullou algo os miolos para parir algunha que outra frase lapidaria. Como non temos vocación de fusileiros, confesaremos que O pingüín magoado naceu á luz de O gorila choromiqueiro, personaxe creado por Alan Moore para o cómic Promethea. Cada semana, unha frase e unha viñeta. Minimalista, definitivo, expresión pura da alma enferma dos nosos tempos, O pingüín magoado fustrigará as vosas conciencias e xa nada será igual nas vosas vidas. Porque se algunha vez enxergastes calquera físgoa de esperanza ou felicidade nas vosas míseras existencias, O pingüín magoado, xenuíno Cioran da rúa San Pedro, encargarase de esnaquizala de tal maneira que endexamais a daredes recomposto. Quedades avisados e avisadas.

*Idea baseada en O gorila choromiqueiro, creado por Alan Moore para o cómic Promethea.

Chúzao
del.icio.us








