O 31 de xullo de 1944, Antoine de Saint-Exupéry partía do aeródromo de Borgo, na illa de Córcega, a bordo dun Lightning P-38. Ía en misión de recoñecemento, a recompilar información de cara aos preparativos do desembarco aliado en Provenza. Ao cabo dunhas horas, o radar perdía o rastro do avión. Hai dez anos, en 1998, achábanse os restos do aparello e unha pulseira de prata do escritor nos fondos do mar de Marsella. Tardaríase outra década, nembargante, en descubrir a causa da súa morte. Foi o pasado marzo cando o piloto alemán Horst Rippert, aos seus 88 anos, declarou: “Poden deixar de buscar. Fun eu quen abateu a Saint-Exupéry. Foi despois cando souben que se trataba do escritor. Eu agardaba que non fose el, porque na nosa mocidade todos leramos os seus libros e adorabámolos”.
Se lle puidesemos preguntar a Saint-Exupéry sobre a súa morte, de seguro que non lle había gardar rancor a Rippert. Sabía onde se metía, falara demasiadas veces con ela, coa morte, como para non saberes que era unha pretendente teimuda que non o había deixar escapar de xeito doado. Xa bailaran xuntos en 1935, cando tentaba bater o récord no traxecto París-Saigón e caeu no deserto de Libia (sóavos a escena?); ou cando no raid Nova Iorque-Terra de Fogo se estrelou en Guatemala. Era un home de acción, consciente de selo. Se no intre de estar precipitándose cara ás augas algún deus ou anxo lle ofrecese recuar para levar unha vida máis repousada e menos arriscada, de seguro que negaría o ofrecemento. Morreu como quixo. De seguro que antes do que quixese, pois a vida éralle algo tan caro e intenso que non se había querer zafar da súa aperta tan axiña. Pero para Saint-Exupéry, a peor morte tería sido a de vivir en contra dos pulos do seu corazón.
Eses pulos foron os que fixeron do autor de O principiño un dos pioneiros da aviación civil, paixón, esta de voar, que lle viña da infancia, dende o día que montara nun avión, con doce anos, para, pouco despois, construírlle unhas ás de tea á súa bicicleta. Como Elixio Rodríguez e como Roald Dahl, Saint-Exupéry enrolouse no exército para dar renda solta á súa paixón polas alturas. Despois, gañaría a vida como piloto civil –en Francia, África e Sudámerica- daquela unha actividade case que heroica polo primitivismo dos instrumentos de navegación con que contaban os avións; e porque non partías con cartas aéreas, senón que as trazabas ao tempo que voabas. Boa parte da obra de Saint-Exupéry está ambientada, precisamente, neste mundo e, a pesares do éxito á hora de vender libros, o home porfiou en levar unha vida sempre escorregando polo gume da navalla.
Quixen rescatar para este artigo un texto extraído de Voo de noite (Vol de nuit, traducido ao galego por Valentín Arias e publicado en Xerais). Nel atopamos a Fabien, un deses heroes anónimos que se dedicaban a abrir liñas aéreas, neste caso na Patagonia, polos camiños virxes do ceo. Fabien atópase nunha situación límite. É de noite, o indicador de combustíbel xa hai tempo que pasou do punto de non retorno. Unha treboada fai que a visibilidade sexa nula, polo que é imposíbel aterrar. Fabien remonta os nuboeiros ata pórse por riba deles e contemplar, cara a cara, o firmamento. “Desatáronse as súas cadeas, coma as dun preso que se deixa marchar só, algún tempo, entre flores.
«Demasiado fermoso», pesaba Fabien. Erraba entre as estrelas acumuladas coa densidade dun tesouro, nun mundo onde nada, absolutamente nada, fóra del –Fabien- e mailo seu compañeiro, había vivo. Semellante a eses ladróns de cidades fabulosas, emparedados na cámara dos tesouros, de onde non saberían saír. Errantes entre pedrería xeada, infinitamente ricos, pero condenados”.
Iso é liberdade, ser quen de contemplar a beleza aínda que a señora morte insista en sacarte a bailar. É un xeito de vivir como un quere sen que a ameaza última e definitiva sexa quen de arredarte do camiño elixido. Rematemos cun dos poemas máis fermosos que se teñen escrito en calquera lingua e que, sen dúbida, serían un precioso epitafio na carlinga dese Lightning P-38 mergullado nas augas do Mediterráneo. Escribiuno Thomas Stearns Eliot, aló polo 1920, forma parte da súa mítica obra The waste land, e leva por título A morte pola auga. Podédelo gozar na pioneira tradución feita por Álvaro Cunqueiro ao galego en Flor de diversos (Editorial Galaxia):
A morte pola auga
Flebas o fenicio, morto fai dúas semáns,
esqueceu o berro das gueivotas, e o mar de fondo
e as ganancias e as perdas.
Unha corrente submariña
os seus ósos recolleu en segredo.
Flotando e caíndo
pasou tódalas etapas da súa idade e mocidade
entrando no remuíño.
Xentil ou xudeu,
ouh ti que levas o timón e ollas a barlovento,
lémbrate de Flebas, quen unha vez foi fermoso
e alto coma ti.
