Versos galegos desde Palestina
Edicións Positivas vén de publicar unha interesante proposta poética asinada por Moncho Iglesias: Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos. Que eu saiba, este é o primeiro poemario na nosa lingua ambientado integramente en Palestina e que, amais dos versos, inclúe tamén fotografías do propio autor realizadas no mesmo ventre da balea. E o ventre da balea é, nin máis nin menos que Belén, en Cisxordania, cidade na que Iglesias exerce como mestre de español. Daquela, temos nel unha testemuña excepcional da intrahistoria do drama palestino que, en troques de virnos en forma de crónica ou reportaxe, chega a nós en versos e mudas imaxes.
O arranque é soberbio, cun par de poemas nos que emprega unha sucesión de imaxes articuladas en fortes contrastes para tradear a conciencia dos lectores. Desta maneira, Oda... ábrese cunha fotografía do muro da vergonza co que Israel tenta castrar as arelas de liberdade de Palestina, e cuns versos nos que o mundo chic da moda e a crúa realidade deses campos de concentración en que deviñeron os territorios ocupados se dan a man: “Hoxe iremos visitar escaparates / veremos as bágoas nos ollos dos manequíns, / as cicatrices nas mans das costureiras / e os patróns sobre burkas de formigón”. O obxectivo cara ao que apunta o poema refórzase cunha pintada moi ao xeito no muro fotografado...
O segundo poema incidirá na dor do pobo palestino tirando de novo da mesma técnica expresiva dos contrastes. Aínda que arrinca cun par de versos un pouco griseiros, a composición tórnase despois labarada visual para expresar de maneira concisa e rotunda a realidade do pobo palestino: “Atraídos pola esperanza / e expulsados pola miseria, / cabalgamos sobre unicornios, / brandindo espadas de plastilina”.
Mais a partir de aquí, e a pesares da potencia do arranque, esta Oda... comezará a tomar unha derrota cara a eidos máis abstractos en detrimento da claridade visual. De aquí en diante, o lector terá que debullar moita area para que faísque, de cando en vez, algún diamante (“Os fumes desas candeas / que prendemos onte / xa se apagaron / coas bágoas deses que necesitan / máis as nosas mans cás nosas verbas”); mesmo tropezará con varios croios en forma de poemas hiperbreves que pouco ou nada din, e ata verá perigar a súa integridade ao estouparlle baixo dos pés algunha que outra mina metafórica (chamoume a atención, por exemplo, o verso “tremer coas cóxegas da inxustiza”, no que semella como se esta última fixese graza ou incitase á risa...).
Afortunadamente, ao final o poeta agasállanos con outras dúas xoias: Seica non é menstruación e Hoxe hai fútbol, dúas composicións que volven inocularnos a realidade atroz dun pobo para o que as palabras dor e o sufrimento xa soan a eufemísticas abstraccións (unha recomendación para quen queira acceder de maneira rápida á historia deste conflito: o cómic Palestina, de Joe Sacco, tamén nos fondos bibliográficos da biblioteca municipal de Melide. Xornalismo de guerra en banda deseñada. Paga a pena. Algún día haberá que relelo para dedicarlle un artigo neste blog...).
En resume, Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos paréceme unha proposta artística interesante ao mesturar fotografía e verso nun mesmo traballo –algo que non é habitual-, e ao darnos a testemuña dun poeta que convive no día a día co pobo palestino e a súa realidade. Se cadra froito da precipitación, comparten as páxinas versos mediocres e esquecíbeis –a maioría- con algúns poemas soberbios, polo que unha boa peneira previa antes da publicación e unha miga de paciencia para insistir no proceso creativo poderían ternos deparado unha obra para lembrar.

Chúzao
del.icio.us



