Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Narrativa

Candoroso Auschwitz

xosi 27/05/2008 @ 16:21

131-o-neno-do-pixama-a-raias.gifVeño de ler unha das sensacións literarias da tempada: O neno do pixama a raias, do irlandés John Boyne, publicada en galego por Faktoria K de libros e traducida por Daniel Saavedra. Antes de proseguir, direivos que o autor deu orde de que nas lapelas do libro non se adiantase ningún dato da trama argumental, polo que se queredes lelo e respectar a súa vontade, non sigades con este post.

Aclaradas as cousas, a min O neno do pixama a raias pareceume un bo libro, deses escritos para todos os públicos e que se len dun tirón, pero que lidia cun tema nada amábel para a conciencia como o holocausto nazi. Aínda que xa se teñen vertido ríos de tinta sobre ese vergonzoso episodio da historia recente, Boyne tivo a orixinalidade de contar o seu relato dende o punto de vista dun neno de nove anos que, en Auschwitz, xogaba na equipa dos verdugos. Fillo do comandante que dirixe o campo de132-o-neno-do-pixama-a-raias.gif exterminio, Bruno, que así se chama o rapaz, vivirá nunha burbulla de comodidade e mentira piadoso-burguesas, sen saber o que acontece alén dos arames de espiño que se vén dende a súa casa. Así, a través dos seus ollos, viviremos os seus padecementos intranscendentes –a mudanza dende a casa de Berlín, a separación dos seus amigos, a soidade inicial- e verémonos forzados a intuír os terríbeis acontecementos que se deron naquel punto do espazo e do tempo que ficou gravado a lume nos anais da humanidade. Boyne condúcenos maxistralmente para que esa realidade nin sequera mencionada (non atoparás en todo o libro vocábulos como campo de exterminio ou campo de concentración, nazi, guerra, Auschwitz, –que o neno pronuncia como Ouvichs-, cámara de gas, ou execución, por só citar algúns que me veñen á cabeza a bote pronto) sexa un latexo constante que, a pesares da súa mudez, vibra coa potencia dunhas badaladas a defunto camufladas entreliñas.

130-john-boyne.gifHaberá un intre no que esa burbulla sexa traspasada por outro neno, Shmuel, un cativo xudeu na outra banda do aramado co que Bruno trabará amizade. Ese é o neno do pixama a raias, alusión inocente do protagonista á vestimenta dos prisioneiros do campo. A historia é, en certa maneira, previsíbel, contada cunha impecábel corrección, sen chatas que airear –agás algún pecado venial como certos descoidos no punto de vista ou erros no galego da tradución-, mais sen chegares a callar nunha obra de alto calibre literario. O seu éxito asoballante achácollo eu, se cadra, ao tratamento dun tema de fondo calado, tráxico onde os haxa, cunha prosa ao alcance de calquera, o que fai que sexa difícil non gozar coa súa lectura.

129-nenos-auschwitz.gif

A chamada de Hugo Cabret

xosi 12/05/2008 @ 07:32

105-portada-cabret.gif¿Sentiches algunha vez a chamada dun libro? A min tenme pasado. A última vez aconteceume con La invención de Hugo Cabret, de Brian Selznick (East Brunswick, New Jersey, 1966). Foi na libraría Parrado, hai uns meses. Estaba a ollar distraidamente os expositores, cando tropecei co lombo desta obra. De socato, sen que o raciocinio mediase na acción, collín o volume nas mans. Fascinoume dende o primeiro intre. Nembargante, e ao non ter referencias nin da creación nin do autor –a deusa razón xa estaba a tomar as rédeas do seu escravo-, volvino deixar no sitio. Mais xa nada volvería ser igual. Cada vez que entrei en Parrado, dende aquel día, non houbo ningunha ocasión na que –ás furtadelas, de esguello ou descaradamente- non mirase o libro. É unha sensación moi semellante, salvando as distancias e as proporcións, a un namoramento. Sempre que o azar propicia algún encontro co teu namorado, son inevitábeis o cruce de miradas, os sorrisos delatores, a complicidade das emocións, os roces intencionados. Toda unha danza de seducción para adornar e dar corpo ao celo. 

107-secuencia-hugo-cabret.gifHoxe, co Hugo Cabret nos andeis da miña biblioteca –visto o visto, as bibliotecas privadas teñen un aquel de harén- aínda sigo co celmoso sabor de boca que me deixan as boas lecturas. La invención de Hugo Cabret ten o recendo e os ingredientes de calquera creación de literatura fantástica de calidade, pero sen máis fantasía que a historia e os personaxes de ficción que dan vida ás súas páxinas. Ou o que é o mesmo, o autor consigue que un entorno e uns determinados acontecementos, en principio realistas, sexan máxicos dende o comezo do relato. Creo que boa parte da fascinación que xurdiu en min diante deste libro veu das ilustracións. Dacabalo dunha novela gráfica da banda deseñada e dun relato ilustrado, en La invención de Hugo Cabret prodigan, a xeito dos fotogramas dunha secuencia cinematográfica, os extraordinarios debuxos a lapis de Selznick, quen, ademais, documentou e executou unha fermosa historia que é toda unha homenaxe ao nacemento do cine fantástico e da ciencia ficción. As súas máis de cincocentas páxinas lense nun vira vira grazas ao predominio das ilustracións sobre o texto e a uns espazos en branco máis que xenerosos. 108-brian-selznick.gifRespecto da trama, o seu protagonista será Hugo, un rapaz orfo que se dedica a coidar dos reloxos dunha estación ferroviaria en París e que vai tirando grazas aos pequenos roubos que perpetra a diario. A lapela do libro, publicado por SM, adianta que “se quere sobrevivir, ninguén debe saber da súa existencia. Nembargante, un día ten un descoido e é descuberto por unha excéntrica rapaza, amante dos libros, e por un vello e amargado xogueteiro. E xa nada será como antes”. ¿Xa vas sentindo a súa chamada?

106-hugo-cabret.gif

A casa dos encontros: brutal sátira do gulag

xosi 30/04/2008 @ 10:30

088-a-casa-dos-encontros.gifA casa dos encontros (House of meetings), do británico Martin Amis, é unha boa nova para as nosas letras por dous motivos: un é a súa indiscutíbel calidade como obra literaria; a outra, o feito de que o galego fose o idioma da primeira tradución que se publicou da novela, adiantándose a outros sistemas literarios e editoriais ben máis poderosos e desenvolvidos, como o castelán ou o francés. Os parabéns hai que darllos á Editorial Galaxia (colección Biblioteca Compostela) que, ademais, tivo o acerto de encargarlle a tradución a Eva Almazán, que fai un extraordinario traballo deses nos que che fai sentir que estás a ler na lingua orixinal.

Indo ao miolo, nesta novela, Amis narra o devir dun triángulo amoroso que se desenvolve na Unión Soviética. Así, a vida de dous medio irmáns –Lev e o protagonista que pon a voz narrativa- viran ao redor dunha muller: Zoia. Ambos teñen unha personalidade antitética e os dous pasarán unha boa tempada a vivir no inferno de Norlag, prisioneiros políticos nun campo de traballos forzados na Siberia ártica. A casa dos 090-gulag.gifencontros a que alude o título refírese a unha choupana que aqueles escravos do stalinismo construíron na época menos cruenta do seu cativerio –a que viría trala morte de Iosif Visariónovich-, e que servía para darlle intimidade ás visitas que as mulleres dos prisioneiros lles facían tras cruzar miles de quilómetros pola chaira eurasiática. A casa dos encontros será, xa que logo, a que acolla a visita de Zoia a Norlag o 31 de xullo de 1956, e de como ese episodio marcará para sempre a vida dos tres protagonistas cun antes e un despois caído a machado e con enigmas que o lector e quen narra non solucionarán até o final dos tempos (literario para o primeiro e vital para o segundo, enténdase).

089-martin-amis-1.gifCon esta novela pasoume algo curioso, e é que o narrador, que conta a historia escribíndolla á súa filla Venus, caeume simpático a pesares de non ser unha beldade (quen narra cun moi peculiar sentido do humor ten no seu currículo ser bocalán, trepa, alcohólico, putañeiro, violador e asasino). Esa voz narrativa é un dos grandes achados desta novela, unha voz que che fala sobre unha realidade tan atroz e inhumana como o gulag con retranca, sen perder en ningún intre o sentido do humor, cunha acidez e cinismo brutais, quitándolle ferro e calquera traza da épica ou da autocompaixón que se poderían agardar no relato de experiencias desta caste. Tamén posibilita que as outras dúas personalidades do triángulo do que falamos fiquen tralas bambolinas e fagan do último capítulo, onde realmente han entrar as súas voces e puntos de vista, unha bomba de reloxería que lle estoupará nas mans ao lector e cuxa onda expansiva dará sentido e magnificará esta obra literaria ata elevala á categoría dunha especie de Doutor Zhivago en versión punk. Porque aquí tamén un amor máis grande ca Siberia ficará esmagado polo peso totalitario do Estado, e porque tamaño sentimento será o xerme dun desamor non menos colosal.

Supoño que en Rusia as cousas, os sentimentos, as paisaxes, a dor, a retranca, os vicios, o fanatismo, a capacidade de sufrimento, teñen unha vasteza á que non estamos afeitos en occidente. E digo se cadra, porque nunca pisei Rusia, nin hai rusos no meu círculo de amizades que me poidan corroborar esta intuición. Iso tamén lle acontece a Amis, como veño de saber despois de lerlle unha entrevista. En efecto, este escritor inglés nunca 089-amis-stalin.gifpuxo un pé na terra das matrioskas, e valeuse dun minucioso traballo documental para escribir A casa dos encontros. Iso explica, se cadra, a complexa personalidade do narrador que nos conta a historia que, á luz deste dato, antóllaseme agora como un home que relata as súas vivencias no gulag con humor e flegma británicos e faime ver esta novela como un magnífico chiste bocapodre de alto calibre literario. Creo que a lectura do libro, que se pode atopar nos andeis da biblioteca municipal de Melide, é unha boa aposta da que non se pode saír indiferente nin, atrévome a dicir, defraudado. Tamén quixera alegar que Amis non quixo facer mofa da dor humana –nunca se deben identificar os sentimentos do autor cos do narrador literario dunha historia- e para defender esta tese quixen traer a colación un anaco da entrevista devandita, por Eduardo Suárez, na que Amis conta que “...a incomodidade tivo algo que ver con que estaba na miña fermosa casa, coas miñas fermosas nenas, coa miña fermosa muller, fronte a un fermoso mar e, nembargante, escribindo sobre estes pobres diaños, sucios, esfameados, conxelándose no inferno dun campo de traballo siberiano. Cheguei a sentirme moi culpábel por iso. Nunca antes o pasara tan mal escribindo unha novela”.

Achegádevos a estas páxinas, xa que logo, coa cautela debida, gorentádevos no goce estético do peculiar cinismo do protagonista -sempre e cando nos vos pareza pecaminoso facelo-, e agardade expectantes a traca final. Havos pagar a pena. Abofé.

Yasunari Kawabata ao galego

xosi 02/04/2008 @ 19:23

022-a-casa-das-belas.gifCon A casa das belas atormentadas, do primeiro xaponés merecerte dun Nobel, Yasunari Kawabata (Osaka 1899-1972), Rinoceronte Editora prosigue co seu loábel labor de verter ao galego obras literarias de ámbitos culturais e lingüísticos que, ata o de agora, non atoparan eco nas nosas letras. Así, esta editorial de Cangas, nacida no ano 2005, tivo o mérito de traducir narrativa por primeira vez ao galego dende idiomas como o finlandés, o húngaro, o xaponés, o islandés ou o hebreo. Tamén é de destacar que, fóra do estritamente literario, Rinoceronte remunera os traballos que publica segundo as tarifas propostas pola Asociación de Tradutores Galegos, e doa o 5% dos seus beneficios a proxectos de desenvolvemento no terceiro mundo.

Dito isto, veño de gozar coa lectura de A casa das belas adormentadas, noveliña breve de ás penas un cento de páxinas, traducida directamente do xaponés por Mona Imai, que parte dunha anécdota singular: o descubrimento por parte do protagonista, un sesaxenario que responde polo nome de Eguchi, dunha especie de bordel, se así o podemos chamar, onde os vellos acoden para durmir xunto a doncelas ás que a alcaiota da casa narcotiza para que non acorden en toda a noite. “Non cabía dúbida de que a rapaza adormentada estaba alí polos cartos. Tamén estaba claro que para os anciáns que deixaban os cartos alí, o feito de poder durmir con mozas destas características era unha felicidade fóra do mundo terreal. Como a moza non espertaba nunca, os vellos hóspedes non tiñan por que se sentir avergoñados pola súa senilidade. Eran libres de entregarse ás súas obsesións polas mulleres e as súas lembranzas. Sería esa a razón pola que non escatimaban e pagaban máis que por estar cunha moza esperta?”.

023-yasunari-kawabata-copia.gifAs idas e vidas de Eguchi a esta casa, e a súa experiencia xacendo ao carón das mozas, servirán de escusa para que este rememore todos os seus amores pasados e tome conciencia da súa vellez e da proximidade da morte. Boa pluma a de Kawabata, que se detén de maneira preciosista no detalle ao xeito deses planos longos e fotográficos aos que nos teñen afeitos directores de cine como Akira Kurosawa ou Ingmar Bergman. Reflexión e conciencia en detrimento da acción. Podería transcribir unhas cantas citas deste libro, pero voume quedar cunha brevísima reflexión do protagonista que me engaiolou. Pensade vós se ten ou non razón: “‘As mulleres son infinitas’, pensou, e comezou a sentir un pouco de melancolía”.