Tino Baz de foliada
Xa é luns, e atrás fica outra edición da Foliada de Melide. É de agradecer que haxa xente como a da Agrupación Cultural e Musical O Castelo que saquen tempo e forzas de non se sabe onde para organizar eventos coma este; tamén é de agradecer que o Concello de Melide, por primeira vez, colaborase abertamente para levar a bo porto esta mostra de músicas e artesanías tradicionais que algunha faragulla achega ao pan da nosa memoria.
Eu o que lle pido a calquera expresión cultural é que non me deixe indiferente, que a persoa que son e que accede cos seus cinco sentidos a ela saia sendo outra persoa con máis acervo, con máis experiencia, con novas emocións no currículo do corazón. Creo que iso distingue á cultura auténtica dos actos protocolarios culturais aos que nos teñen, se cadra, afeitos de máis; e iso foi o que fun buscar na que foi unha das principais actuacións da Foliada, a do cantautor guardés Tino Baz. Estou convencido de que non fun en van.
Gustoume, va que si. E gustoume ben. Nunca escoitara ao Tino, e levei unha fonda impresión desa voz tan corpulenta e baril que semellaba non saírlle do peito, senón vir bombeada directamente dende os ventrículos ás cordas vocais. Guitarra, zanfona, gaita, tambor e frauta foron os instrumentos dos que se valeu o baixomiñoto para deleitarnos con esa fusión entre as cancións de autor, nas que as letras e poemas musicados son un alicerce fundamental das composicións; e a nosa música tradicional, que tinxía cos seus ritmos e sons todos e cada un dos temas interpretados.
Non en van, o único que fai Tino Baz é ser fiel ás súas orixes: discípulo de Suso Vaamonde e de Mini e máis Mero (Fuxan os ventos, A quenlla); comezou a mamar, musicalmente falando, coa gaita e as percusións na súa Guarda natal formando parte, máis adiante, de A Roda e Treixadura. Alma mariñeira a súa do barrio da Robaleira, cunha tatuaxe de Rosalía no brazo esquerdo arremangado na que tamén se ve en que substratos se lle afunden as raíces. Velaí as fasquías definitorias da arte de Tino Baz que, por veces, déixase levar tamén pola súa condición arraiana.
Tal mestizaxe había dar a quen asistimos ao concerto un repertorio non menos mestizo: dende cantares de cego a cancións reivindicativas; dende alalás e muiñeiras a historias de prostitutas e argaceiras; dende as letras propias aos versos de Manuel María, Paco Represas ou Marica Campo. Persoalmente, e aí xa se mete a subxectividade de un, gustei de que aínda haxa artistas que veñan demostrarnos que a canción de protesta non só é posíbel hoxe en día, senón que, ademais, é necesaria. En palabras do propio Baz, “É fundamental non ser neutro e dicir sempre o que che di o corazón”. E aí estiveron eses temas dedicados á revolta da veciñanza de San Xusto de Sacos cando a igrexa a quixo atracar para roubarlle a súa carballeira (“Quíxote levar o demo para que foses bendicida”); ou Na praza liberada, un canto colectivo e coral composto para deixar constancia da retirada dunha estatua de Franco en Ponteareas; ou, finalmente, o Romance da Maruxa, no que o pranto sentido dunha prostituta diante da morte de tres médicos asturianos represaliados pola barbarie fascista retrotraeunos a un dos episodios máis cruentos e salvaxes da nosa historia.
Así e todo, non podería rematar este comentario sen aludir a un tema que me impresionou polo seu primitivismo, polo seu acre sabor terroso, un alalá no que o artista baixomiñoto se valeu só da melodía inocente dunha frauta liminar que deu paso ao ritmo omnímodo dun tambor que había impoñer unha tona tribal ao poderío da voz para, xa cara ao remate, facérense gorxa e percusión independentes do intérprete, tomando vida propia e erixíndose en liberdade feita son. “...hoxe canto en cada onda e mañá serei ronsel...”.
Pois si, gustoume o Tino Baz. É de admirar que aínda quede xente disposta a facer do seu periplo unha transfusión ilimitada de vida en beneficio da
nosa cultura, das nosas raíces, da nosa memoria, da nosa identidade. Haberá que seguir de preto os traballos deste músico e cantautor guardés e, por ende, mergullarmos máis a fondo nese seu último traballo discográfico, Cinsa namorada, en alusión a versos da poeta Marica Campo, que tamén foi un dos piares no que se sostivo o concerto de onte. E se do pasado só quedan as cinzas, dáme que algunha poalla das miñas ficou namorada da arte musical do Tino. Non foi para menos.

Chúzao
del.icio.us
















