Este verán tiven a oportunidade de escoitar en directo a dúas lendas vivas do rock: Bob Dylan e Johnny Winter. Foron deses concertos que pagan a pena só por ver en persoa a tan egrexios músicos. Admirados centos de veces, escoitados moitas máis, forman parte do rexistro sonoro da miña vida e compartir algunhas cancións con eles convertíase case nunha obriga moral, nun acto de homenaxe póstuma a estes anciáns venerábeis e popes da música popular do pasado século.
O concerto de Bob (Instituto Feiral de Vigo, 27 de xuño de 2008) avivou unha estúpida polémica grazas á hipertrofia mediática dunhas desafortunadas declaracións de Henrique Tello, o primeiro tenente de alcalde na Coruña. Ocorréuselle ao Tello esgrimir como argumento para non contratar a Bob Dylan o suposto costume deste de tocar de costas ao público. De inmediato, medios de comunicación e fans racharon as vestiduras ostentosamente e aproveitaron para lanzar ás ondas o recorrido discurso de que os nacionalistas non vemos alén dos nosos fociños e non somos quen de escoitar ningún outro son que non veña da gaita. A esta caterva de críticos mentiráns e interesados, o meu máis absoluto desprezo. A Quique Tello, heille dar un terzo da razón; os outros dous terzos gárdoos para que non sexan utilizados como arma arreboladiza. O caso é que Mr Robert Zimmerman tocou de perfil con respecto ao resto dos seus músicos, de maneira que os que estabamos de fronte vímolo así; os que estaban á
esquerda vírono de fronte; e os da dereita, de costas. Só cara ao final, o músico estadounidense virou lixeiramente a cabeza para mirar de esguello ao público; no remate, ao saudar, estivo por uns segundos fronte a fronte coa barafunda que o aclamaba. Entre o anecdotario, o feito de que non deixase tomar imaxes do concerto: os gardas de seguridade revisaban todos os bolsos na entrada e había un encargado facer contraluces cun foco a quen o tentase (que foron lexión, por certo. Xa se sabe que non hai mellor promoción ca unha prohibición).
A min, persoalmente, o que máis me decepcionou foi que Bob non collese a guitarra en todo o recital. Con 67 anos, sospeito que se amparou nos teclados para ter algo sólido no que apoiarse durante as dúas horas que durou o concerto. Se tivese que quedarme con algo, quedaría con esa voz ronca e curtida, cicatrizada unha e mil veces pola vida; e coa versión que tocou do Highway 61 revisited, fastosa e contundente grazas á portentosa banda de músicos que o acompañaba.
Precisamente, ese Highway 61 revisited había ser un dos puntos en común co concerto de Johnny Winter. O albino rescataría esta versión dos seus mastodónticos directos de antano para o concerto de Pontevedra (Festival de Jazz, praza da Ferrería, 24 de xullo de 2008) que, ademais, tamén se erixiría como un dos mellores temas do seu recital. Así e todo, a Winter pésanlle máis os anos que a Dylan. Sentado nunha cadeira durante todo o concerto, o mítico guitarrista de blues aparentaba oitenta ou noventa anos a pesares de ter 64. Non en van, o seu corpo é o resultado dunha vida ao borde do abismo na que frecuentou os nove círculos do inferno. Golsado pola morte, o home decidiu vagar pola terra ata a fin dos tempos para proclamar a palabra do blues.
Aínda que en Pontevedra mantivo a forza, con ese son contundente moi achegado ao hard rock que caracterizaba a súa música, as mans ían moito máis lentas polo mastro da guitarra que outrora, como se as xemas dos seus dedos fosen anciáns que paseasen obsesivamente, unha e outra vez, os mesmos itinerarios mallados durante toda unha vida, como se as mans lle tivesen memoria de seu e andasen pola súa conta. Porque ser era o único que movía Winter, as mans. O resto do corpo ficaba hierático, inmóbil, teso. E cos ollos pechados e o rostro inexpresivo dunha momia, xesto que só rachaba lixeiramente cando había que cantar. Nunha segunda parte do recital, facendo uso do slide, rememoraría as súas maneiras aceleradas e virtuosas de escorregar polos trastes.
Winter apostou todo o concerto por unha formación de trío, acompañado por Tony Beard á batería e Scott Spray ao baixo. E foi unha mágoa, porque tamén ía canda eles un guitarrista do máis solvente, Paul Nelson, ao que só lle permitiu tocar o primeiro tema –sen Winter- e o último. Precisamente, a presenza de Nelson convertía á banda nunha auténtica apisoadora sónica, brutal e contundente como a cotada dun touro, absoluta. Mais onde hai patrón ben se sabe que non manda mariñeiro.
Pagou a pena estarmos co Dylan e co Winter, va que si, mais se hai algo que me subiu a adrenalina ata o sétimo ceo foi a actuación do teloneiro de Johnny, o guitarrista británico Scott McKeon que, con só 21 anos, electrizou a un auditorio que lle foi fiel a pesares da intensa choiva. Soberbio, xenial, para quitar o pucho. Mais, como dicía Michael Ende na súa historia interminábel, ese évos outro conto que deberá ser contado noutra ocasión...
