A primeira vez que escoitei a voz da señora Carmen foi por motivos de traballo. Antes de ocupar o meu tempo en ser pai e amo de casa a tempo completo, tiven o privilexio de traballar no gabinete de comunicación do Sindicato Labrego Galego e de participar na organización do seu sétimo congreso, ese no que Lidia Senra había deixar a secretaría xeral para cederlle o relevo á fronte da organización a Carme Freire (por certo, que Carme e Figue veñen de ter unha nena, o 28 de marzo: Carmela. Noraboa aos dous, e tamén ao Antón, que de seguro fará máis dunha trasnada xunto á súa irmá polos eidos de Rois).
O do congreso vén a conto porque unha das tarefas da que me tiven que encargar foi a de facer unha montaxe audiovisual sobre a carreira de Lidia á fronte das Comisións Labregas. A parte visual prometía ser traballosa pero doada: só tiña que tirar do arquivo fotográfico da casa. O audio xa era outro cantar. Moito debandei os miolos ata que a propia Carme Freire e a compañeira Tareixa me falaron dunha tal señora Carmen que cantaba en Malvela, e tamén me apuntaron unha posíbel canción: Sachadeiras, tema que se inclúe no primeiro traballo destas cantareiras do Val da Louriña: Que o pano no me namora. E o pano non me namorou, pero a voz da señora Carmen en Sachadeiras, co único acompañamento do cuarteto de corda Ephimere, fíxome estremecer de arriba a abaixo e, debo recoñecelo, namoroume
coma un perdidiño. Nin que dicir ten que a montaxe sobre Lidia levou esa peza de Malvela; a súa fotografía con bágoas nos ollos xunto a Carme Freire mentres vía a curta apareceu nas páxinas de Economía de La Voz de Galicia (maxistralmente captada por Sandra Alonso) ao día seguinte e ocuparía, un mes despois, a portada do Fouce, o periódico do sindicato. Aínda que o papel é mudo, de fondo estaba a vibrar a portentosa gorxa da señora Carmen.
Mais toca falar agora do primeiro traballo en solitario desta muller de Mos, Na flor dos meus anos, todo un acontecemento no panorama musical galego que vai dar que falar. Nunha edición de luxo que inclúe un libro asinado por Fran Alonso -A voz que vén da seitura-, un DVD e ducias de fotografías da señora Carmen, dende a súa nenez até os nosos días, pasando por composicións gráficas estilo pop e polo rexistro visual do proceso de gravación.
Na flor dos meus anos arrinca con dous temas de humilde acompañamento (piano, contrabaixo e percusión no primeiro, que dá título ao traballo; aos que se lle engade un acordeón no segundo, o Valse de Pazos). Ambas cancións rebordan de calidade polos catro costados, pero será a terceira, Ramo verde, con arranxo musical que “nos traslada aos ambientes musicais do Magreb”, a primeira sorpresa do álbum. En efecto, os arranxos musicais son dunha calidade abraiante e dun barroquismo que, a pesares do seu peso sonoro, en ningún intre toldan a voz de Carmen. Piano, zanfona, acordeón, contrabaixo e percusión pola base, mentres o clarinete, o udhú e un cuarteto de corda lle poñen personalidade propia a un novelo de liñas musicais case hipnóticas. Tamén gustei moito da letra, que ten esa fondura significativa á que nos ten afeitos o cancioneiro popular, na que unha muller fachendea de mozo, seica “nas forzas como un toxo / e na ialma un ramo verde”. E a sutileza da última estrofa? Lede: “O amor que ha de ser meu / ha de te-la man lixeira. / Terá de colle-la rosa / sen abana-la roseira”.
Tiña que ser unha cantiga desas que nos devolve ao terrón, como o de Sachadeiras, a que había emocionarme fondamente. Persoal e subxectivamente, para min a mellor peza é a cuarta: Canto de seitura. Con ela, comezo a sospeitar que a voz de Carmen acada tons xenuinamente raciais e de tribo cando menta a terra, os trafegos do agro, cando a memoria lle pasa do cerebro ás mans encalecidas. Será tamén que gusto da música en ton menor, ou será que o son da arpa me engaiola, o caso é que este Canto de seitura chegoume ao corazón. Cun acompañamento de luxo, os arpexos de Rodrigo Romaní antolláronseme bágoas, e as melodías que Xosé Manuel Budiño tirou do low wisthle laios que ecoan na fonda poza dos séculos. Pero sobre todos eles, sobre o manto tecido polo cuarteto As cordas do Miñor, a voz da señora Carmen foi a voz da nosa raza, unha voz que se ben máis melancólica, recordoume á Rosalía dos Cantares Gallegos que clamaba irada contra Castela polo trato que lle daba aos nosos xornaleiros na sega (“Van probes e tornan probes, / van sans e tornan enfermos, / que anque eles son como rosas, / tratádelos como negros”).
Continúo, que se non váiseme a man con este Canto da seitura, e inda queda moito por debullar. Segue Asa de vento, con letra de Amália Rodrígues e a voz invitada de Uxía, que nos trae melodías máis amábeis e unhas estrofas cheas de coraxe e afouteza diante da vida que ben poderían “ser a biografía de moitas mulleres, roseiras bravas, duras de roer”. O certo é que estamos diante de poesía da boa, dun canto á vida ledo, pero tamén desafiante: “Asa de vento, / inimiga da sorte, / roseira brava, / non hai quen me corte”.
Seguirá Rosiña do mes de maio, coa voz invitada de Ana Senlle, para chegarmos a É mentira, no que a de Mos fará dueto coa mesmísima Dulce Pontes, “que nos regalou a súa voz portentosa e emocionante” cun tema de aló da raia de novo na arpa con Romaní. Cando aínda estamos a recuperar os folgos, aparece, de socato, “unha das colaboracións máis especiais” do álbum, Y al amanecer se marcha el tren, na que o propio home da Carmen, o señor Andrés, márcase un so a capella dedicado á súa amada. Dinos unha Carmen retranqueira que “...Andrés é o meu compañeiro de fatigas dende que nos coñecemos. Por certo, coñecino na feira, aínda que non o tiven que mercar”.

O acompañamento musical do seguinte tema, Camiño da festa, enleoume poderosamente co ritmo que lle saca Nuria Freiría ao bohdram. Seica foi unha melodía escollida entre varios cancioneiros recompilados por Paulo Nogueira e Magoia Bodega, que ademais tocan o a arpa de boca, o pandeira e as ferriñas de pandeira, o primeiro; e o asubío e a frauta, a segunda. Sorprendeume atopar unha estrofa moi semellante, desta vez da tradición popular, á devandita de Rosalía; non en van, a de Padrón tirou tamén da tradición popular para compor os seus Cantares gallegos. Di así: “Os que veñen de Castela / e os que d’Habana van vindo / vanse guapos como soles / e veñen como chamizos”. E con Rosalía haberá rematar a señora Carmen o seu primeiro traballo en solitario, cun Maio longo musicado por Uxía, culpábel xunto a Segundo Grandío, con premeditación e aleivosía, deste A flor dos meus anos, sen dúbida unha das xoias máis brillantes da nosa música nos últimos tempos e unha das expresións máis perfectas e xenuínas da nosa tradición. Imprescindíbel.
Despídome cun texto extraído tamén do álbum e asinado pola propia Uxía. Di: “Cando escoitei cantar á señora Carmen por primeira vez sentín a terra tremer baixo os meus pés. Tiña esa forza telúrica e profunda que destilan as voces que saen das entrañas e que nos transportan a outros tempos e nos devolven a esencia mesma do que somos as mulleres galegas: a dozura e a rudeza, a forza e a delicadeza, a tristura e a picaresca”.
Pois iso. A que agardades para encargalo?