Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: LIXO

Unha de adiviñas e anagramas

xosi 20/11/2009 @ 12:15

405-outono.gifEntre a ducia de lectores habituais de O Blog de Xosi está o meu homónimo Froxón, natural das terras de Palas, artesán de bebidas carbonatadas e lector promiscuo e inclemente onde os haxa. Onte fíxome un chamado telefónico para rifarme por non contestarlle a un correo electrónico seu que, polo que vin, debeu darlle o seu traballo. Tívenlle que explicar que abro a miña conta de correo só cando me acorda, que debe ser unha vez ao mes. Antano, a chegada do carteiro ou ver un anaco de papel asomando pola túa caixa de correos abondaba para saber que tiñas correspondencia; agora, cousa dos tempos modernos, tes que ir a Internet e, se non o fas con frecuencia, escaravellar entre moreas de lixo postal para tentar atopar algunha palabra amiga digna de ser contestada, como esta que nos ocupa.

O caso é que o Jose, así para os amigos, sen til e sen x, vendo que ando a voltas coa lingua de Scarlett Johansson (non pensedes mal, que vén sendo a mesma que a de Shakespeare se non falamos stricto senso) mandoume unha adiviña en inglés. É fermosa coma un poema bucólico e doada, de maneira que o gozo vén da súa lectura e non da súa resolución:

An Autumn riddle
 
They are seen on the trees,
they are seen on the ground.
They are seen in the air,
whirling softly around.
They sing rustling songs
as our footsteps they hear,
and their name is well known,
for they come every year.

A tradución que nos facilita o Jose é a seguinte:

Unha adiviña de outono
 
Vense nas árbores,
vense no chan,
vense no ar,
xiran docemente e van.
Cantan sons rumorosos,
cando oen os nosos pasos,
o seu nome é ben coñecido
porque volven todos os anos.

A adiviña serviunos, tamén, para lembrar ao malo máis malo de todos os malos na saga de Harry Potter: Lord Voldemort. A Rowling válese dun anagrama para derivar o nome orixinario do personaxe cara a aquel que deveu en ominoso tabú impronunciable no mundo máxico. O devandito anagrama, como calquera xogo de palabras, deu as súas dificultades aos tradutores da obra a outras linguas, que tiveron que facer encaixe de bolillos para trasladalo. Se nos atemos ao segundo volume da heptaloxía (Harry Potter and the Chamber of Secrets), onde aparece por primeira vez o anagrama, o nome orixinal do noso personaxe era Tom Marvolo Riddle; trocando a orde das letras, Rowling saca I am Lord Voldemort. Na edición española, deturpan a polisemia do apelido, creando un Tom Sorvolo Ryddle que nos deixa un Soy Lord Voldemort. Como en galego non temos a letra y, puidemos ser máis fieis ao orixinal; así, Eva Almazán, a traductora, optou por un Tom Morlov Riddle, que nos deixou un Milord Voldemort. A importancia de conservar Riddle coma no orixinal non é pequena, pois significa, como ben me aclarou o Jose, adiviña, misterio, enigma. Xa o ves meu, se os tradutores profesionais teñen problemas para traducir algo tan simple coma este anagrama, como non os imos ter nós, cuxos coñecementos de inglés do bacharelato van esmorecendo no tempo coas nosas neuronas cal caducas follas outonizas?

405-voldemort.gif


Unha historia interminable de discoteca

xosi 13/04/2009 @ 09:23

343-n-historia-interminable-copia.gifo anterior post faleivos da que é unha das miñas obras literarias de cabeceira, A historia interminable, do finado Michael Ende. Para que un libro poida chegar ben aos teus adentros non só debe ser bo, tecnicamente falando, e contarche unha historia que faga vibrar a túa fascinación; a maiores, pídeselle que ti, como lector, te sintas identificado co personaxe principal dalgún xeito, de tal maneira que, ao final, o protagonista acabes sendo ti mesmo, e ti mesmo sexas quen vivas as vicisitudes e tribulacións dese heroe de ficción que se encarna en ti mesmo. Iso foi o que lle pasou a aquel rapaz de ¿12? anos, fillo de emigrantes galegos en Barcelona, que algún día fun. En certo sentido, canda neno tiña unha boa morea de complexos que arrastraba comigo na vida diaria: unha timidez mórbida que me facía un inútil para as relacións humanas, mediocre por non dicir malo en case todo, nefasto no deporte, ao que lle deberíamos engadir o aderezado dun sentimento de culpabilidade de quen foi educado no cristianismo e comeza a descubrir o que significan realmente todos e cada un dos dez mandamentos. ¿Como non ía sentirme identificado con ese neno ao que “lle daba medo o colexio, escenario dos seus fracasos diarios; lle daban medo os profesores, que lle rifaban amablemente ou descargaban sobre el as súas iras; medo os outros nenos que rían del e non perdían oportunidade de demostrarlle o torpe e feble que era”?

342-la-historia-interminable-libro.jpgCaído nas miñas mans por casualidade, non puiden non sentirme identificado con Bastián Baltasar Bux, ese neno que, nas primeiras páxinas da obra de Ende, rouba un libro polo que se sente poderosamente atraído: A historia interminable, cuxa lectura compartirá con nós e que rematará por engulilo/engulirnos nunha espiral de marabilla como poucas ten creado a imaxinación humana.

Vén todo isto a conto porque, navegando polo YouTube en busca de rarezas, din cun vídeo no que Ende pon a parir versión cinematográfica que Wolfgang Petersen fixo en 1984 do seu libro. O certo é que, a pesar da veneración que sinto por A historia interminable, nunca se me deu por ver a película. En parte por asociala á abominable canción Never Ending Story, do non menos abominable Limalh (¿imaxinades a Peter Jackson encargándolle o tema principal de O señor dos aneis a CC Catch ou a Modern Talking?), en parte porque sabía que Michael Ende renegara publicamente do filme.

O caso é que, aproveitando as avantaxes do Emule, decidín facerme coa fita para comprobar por min mesmo se as críticas do escritor xermano estaban fundadas ou correspondían ás un deses literatos moi pagados de si mesmo aos que hai que darlles de comer aparte. E si. Ende tiña toda a razón do mundo. Mesmo penso que quedou curto á hora de reprobar a carnicería que fixeron coa súa creación.

341-la-historia-interminable-filme.gifO primeiro que sorprende é que o protagonista, o neno “pequeno e francamente gordo” do que fala Ende no libro, sexa interpretado por unha especie de sílfide guaperas chamado Barrett Oliver. Caracterizar a Atreyu teríalles sido máis doado, pois tratábase dun neno cazador que podía encaixar ben no canon de beleza infantil que, polo visto, obsesionaba aos produtores da película; mais debeulles parecer pouco atractiva a cor “verde olivácea” da súa pel e os adornos brancos pintados no rostro, pois mudáronos por un tenue, correcto e discotequeiro bronceado de maquillaxe. Vendo isto, xa non me sorprendeu que ao médico Caíron, un centauro na novela, o deixasen sen a súa parte cuadrúpeda. Pero, máis alá das inxustificables mudanzas estéticas, fiquei pasmado coa tortura á que someteron á historia en si. Supoño que o orzamento e unha duración decorosa obrigaron a facer mudanzas serias no guión, pero non conformes con iso, decidiron someter a unha das historias máis marabillosas da literatura a un esnaquizamento do máis gore ata deixala irrecoñecible. O certo é que non coñezo outro caso de adaptación cinematográfica dun libro no que se chegase a ser máis infiel que en’A A historia interminable. Ao final, entre a canción de Limalh, os nenos bonitos e a estética discotequeira que denuncia Michael Ende, quedou un pupurri pop que vendeu por millóns nos anos oitenta a costa de asasinar a un clásico.

340-michael-ende.gifParece ser que a Warner está negociando a posibilidade de facer unha nova versión fílmica da obra de Michael Ende. Agardemos que os adiantos en informática e un público que agradece que os filmes sexan o máis fieis posible aos seus referentes literarios, acaden a película que esta novela merece e que todos os seus admiradores agardamos.

E como este artigo xa comeza a ser demasiado longo, e ameaza tamén con facerse interminable, déixovos cunha entrevista que lle fixeron ao propio Ende con respecto á película. Repítoo: o home peca de demasiado amable.

 

Cando Xosé Tomás topou cun lenzo na biblioteca de Melide

xosi 09/02/2009 @ 07:51

321-xose_tomas.gif

322-o-lume-dos-sonos.gifVeño de saber, con ledicia, que o debuxante Xosé Tomás será o encargado de ilustrar, con pinturas murais, o edificio multiusos de Melide, onde se atopa a Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. A ledicia é dobre pois, amais de considerar todo un luxo que un artista da talla de Tomás deixe a súa sinatura nun edificio público da nosa vila, está o feito de que fose el o encargado de ilustrar a miña única obra de narrativa publicada ata a data: O lume dos soños.

É esta, xa que logo, unha ocasión inmellorábel para falarmos da última obra publicada de Xosé Tomás, o cómic Tolos, publicado pola Universidade da Coruña. Tras lelo, teño que transcribir as palabras do prologuista de luxo que fala no limiar na obra, o pope da banda deseñada galega: Miguel Anxo Prado. Prado di, e coincido con el palabra a palabra, que “Xosé Tomás tece unha historia de historias, poliédrica, entrecruzando vidas, esperanzada e positiva, coa Universidade sutilmente en terceiro plano, e o estudio e o coñecemento no segundo. E no primeiro, persoas vivindo. Ó chegar á derradeira páxina fica un regosto suave e tenro no padal”.

320-tolos.gifEu, de primeiras, collín o cómic con certas reticencias. Matinaba que o feito de estarmos ante un encargo da Universidade da Coruña podía coartar seriamente a liberdade artística do autor. Nembargante, e tal e como di Prado, o tema universitario agáchase sutilmente nun terceiro plano, e, polo que puiden comprobar, ás veces nin se ve. E o que fica son historias moi humanas, de realización persoal nas que o coñecemento e a formación teñen, en efecto, un papel fundamental, pero que nunca toldan o devir dos personaxes nin a historia que o autor nos quere contar.

En canto á factura artística, impecable. Como son profano nesto das artes plásticas, heille roubar de novo as palabras ao mestre Prado, que afirma: “Na lectura posterior, demorada, atenta –a única que se debe facer- é evidente que o Xosé Tomás ilustrador sabe utilizar todos os seus talentos gráficos para construír as páxinas: a súa paleta, que xa é recoñecible, persoal; o seu acabado con texturas na cor dixital, que evita a aparencia “plástica” e mecánica; a caricaturización benévola dos personaxes... Pero, ademais, como narrador visual presenta un repertorio completo e eficaz de recursos: riqueza de encadres, xogo intelixente de planos, dinamismo interno na viñeta, e, o que é máis difícil, tempo narrativo”.

Tolos, xa que logo, é unha obra da banda deseñada galega máis que recomendábel. Sendo a Universidade da Coruña a editora, ignoro as canles de comercialización que se utilizaron para difundila. Eu adquirina en Biblos, mais pareceume vela entre as novas adquisicións da Biblioteca de Melide. Así que non hai escusa para non botarlle un ollo e, de paso, marabillarse de ver como avanza Xosé Tomás, paseniño, na transformación dunhas paredes brancas nunha auténtica obra de arte.

Neverland

xosi 01/02/2009 @ 18:08

315-david-e-xosi.gifAlgúns libros teñen un xeito ben singular de caer nas mans dun. Iso dálles máis encanto do que, de por si, xa teñen. Aconteceume con Peter Pan, do escocés James Matthew Barrie. Corría a derradeira década do século pasado. Eu andaba a estudar –o de “estudar” é un eufemismo amable- Ciencias da Información na Universidade de Leioa (Bizkaia). O grupiño de amigos cos que andaba na facultade estaba constituído por xente que abominabamos da carreira e que pasabamos ben máis horas na cafetaría universitaria que nas aulas. Un deles era o David que, pasado o tempo, rozaría os cumes da fama literaria ao facerse co Premio de Teatro Hermanos Machado no ano 2000, pola obra Una cuestión de educación; e, pouco despois, no 2003, co Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca, no 2003, convocado polo Ministerio de Cultura, por Lo más humano posible. A pesares do que puidese parecer, o meu amigo, daquela, gañaba os poucos cartos que chegaban ás arcas familiares pegando carteis polas rúas de Bilbao. Vamos, que nin a notoriedade nin o prestixio o sacaron da súa precaria e crónica situación económica.

Todo isto vén a conto porque o David tiña ao Peter Pan entre os seus libros de cabeceira, xunto con O vixía no centeo, do norteamericano J. D. Salinger. El deixárame Peter Pan nos xardíns de Kensington, que é o texto onde nace o celebérrimo personaxe, e el regalárame a edición que veño de ler, a tradución ao galego de Alberto Avendaño publicada por Edicións Galaxia. David coleccionaba o Peter Pan en canta edición se publicaba en castelán, e esta de Galaxia adquiríraa por erro. Hoxe, quince anos despois de que meu amigo me agasallase con este libro, veño de lelo.

316-peter-pan.gifDebo dicir que non agardaba un libro deste nivel. Cría que coa historia, que en si é bastante boa e orixinal –o neno que se nega a medrar e que vive no País de Nunca Xamais-, xa había motivo máis que suficiente para que Peter Pan fose lembrado polas xeracións vindeiras á data da súa publicación (1911). Pero tras lela, comprobei que a maneira de ser contada supera á propia aventura. Lonxe de caer no melindroso xeito de narrar no que adoitan caer as obras da literatura infantil, a prosa do Peter Pan é burleira, gamberra, iconoclasta, autodestrutiva. Ademais, sorprende ver a imaxe dos nenos e das nenas que dá Barrie, amosándonos seres egoístas, caprichosos, agresivos, violentos, mesmo, se pensamos no protagonista, no propio Peter Pan, sanguinarios e tiránicos. Unha obra, xa que logo, orixinalísima para a súa época, tanto polo que conta como polo xeito de contalo. Ademais, os adultos atoparemos nela dobres lecturas dunha fondura emocionante, sobre todo nesa relación subterránea, soterrada polas aparencias, que hai entre Peter e Wendy. Se non te marabillas oíndo falar de dedais e bicos, é que perdiches a capacidade para a sorpresa. Se logras marabillarte, entón de seguro que case che veñen as bágoas ao final a pesares de que, aparentemente, non haxa motivo para que veñan.

317-barrie.gifAdemais, esta obra está intimamente ligada ao devir biográfico de Barrie, quen padeceu a morte dun irmán moi querido cando só tiña catorce anos e a posterior psicose da súa nai, que non logrou superar o drama. A raíz do devandito, Barrie sufriu un mal coñecido como enanismo psicoxénico, que truncou o seu crecemento, ficando en 1’47 de estatura e sen chegar a completar a súa pubertade. Sobra dicir que tal doenza determinaría o resto dos seus días. Se cadra, o Peter Pan só podía nacer dunha persoa coma el.

E ligado co anterior, teño que citar, inevitablemente, un tema dun dos mellores grupos de rock de todos os tempos, os Marillion: Neverland, do seu disco Marbles (por certo, hoxe, 1 de febreiro, actúan en Barcelona, onde presentarán o dobre Happiness is in the road). En Neverland, os Marillion falan da relación entre Peter e Wendy, moitos anos despois, cando a segunda xa é unha anciá e o primeiro se decata do fatal erro que supuxo para a súa vida renunciar a ela en favor dos seus soños. Velaí o xerme do Peter Pan (non en van, o título orixinal da obra era Peter Pan & Wendy), unha historia de amor tan grande coma imposible, parella a outras coas que nos ten agasallado a grande literatura, coma O barón rampante, de Italo Calvino; ou Doutor Zhivago, de Boris Pasternak. A versión que podedes escoitar a continuación corresponde ao concerto de xullo de 2004 no London Astoria. Unha das máis fermosas cancións que teñen escoitado estes humildes oídos nos seus 38 anos de vida.

O boneco de neve

xosi 20/01/2009 @ 18:25

310-bisbita-comun.gifÉ raro que a neve, coa súa capacidade de cegar a visión, non deixe gravada na retina algunha que outra imaxe para a lembranza. Eu, das folerpas deste inverno, e axudado pola tecnoloxía dixital, tirei unhas cantas.

O paxaro que aí vedes é un bisbita (Anthus pratensis) que, do mesmo xeito có pardal, fica en casa no máis cru do inverno en troques de emigrar ao Mediterráneo ou ao trópico. Non vos vou amolar con iso dos proídos nómades nin con pardais con alma de andoriña. Pero hai que recoñecerlle o mérito ao fulano –os paxaros non só senten frío, senón que, ademais, a neve cégaos cousa fina-, pescudando cos ollos pitoños de tanto resplandor por ver se atopa algunha miñoca ultraconxelada para levarlle á familia.

311-o-boneco-de-neve.gifA outra imaxe é o cumprimento dunha promesa. Este Nadal, os reis magos trouxéronlle ao Breixo un libro titulado O boneco de neve, de Raymond Briggs, un clásico que se publicara por primeira vez en España en 1978 e que agora rescatou Edicións La Galera do baúl dos recordos. O libro narra en forma de banda deseñada, sen unha soa palabra, a amizade que xurde entre un boneco de neve e un neno. Trátase dunha obra exquisita, cuns debuxos e unha historia que invitan a marabillarse e que é quen de engaiolar a calquera neno.

No noso caso, son eu quen lle pon as palabras ao cómic cada vez que llo leo a Breixo (dende o 6 de xaneiro, un par de veces diarias). A maiores, tamén bautizamos aos personaxes do libro, pois, amais da mudez, padecen o seren seres innominados. En fin, un artefacto para facer traballar o maxín, como debe ser. O caso é que meu fillo decidiu poñerlle Breixo de nome ao neno do conto. Deste xeito, ¿que outra cousa podía facer diante da primeira nevarada?

309-breixo-na-neve.gif

Lúa en escabeche

xosi 25/11/2008 @ 19:30

296-filla-espantallo.gifEstou a ler A filla do espantallo, da sueca Maria Gripe. A pesares de ser un libro destinado a adolescentes a partir de doce anos, e a pesares de ter un estilo moi sinxelo grazas a parágrafos breves e oracións moi curtas, non todo é tan inxel como aparenta. O certo é que Maria Gripe ten un xeito de narrar preciosista, de ourive, o que a converte nunha escritora extraordinaria. De cotío, atopas frases con tal fondura significativa que che obrigan a parar, a saborear cada palabra, a gorentar a súa mestura no sabor final da frase. Moitas veces, esa maneira de escribir racha co prosaico, profana as estremas que afastan á narrativa da poesía máis pura.

Ao comezo do capítulo 13 deste libro, a protagonista, Loella, sinte a chegada da primavera, do tempo cálido. Vede de que maneira maxistral o relata Gripe:

Un día brillou unha nova luz sobre a cidade. O sol iluminou os tellados ata a hora de cear. Loella lembrábao perfectamente porque lles deron pasteis de nata para sobremesa e durante un intre o sol se detivo sobre os pasteis facendo que a nata semellase dourada. Xa non había necesidade de acender a luz para vestirse pola mañá”.

Que maneira prodixiosa de achar a beleza no cotián, nunha raiola pousada sobre un pastel de nata. Lendo a María Gripe, lembrei uns versos do poeta dezao Celso Fernández Sanmartín, publicados en 1995. Din así:

facía unha calor de moita chispa para ser de noite
por iso abriron a ventá da cociña
destaparon unha lata de mexilós e coméronos todos sen pan
picándoos cun pauciño
nisto que se foi a luz e na mesma salsa de escabeche dos mexilós reflexouse a lúa

Aínda que, de seguro, pretendían expresar unha realidade máis espiritual, máis mística, uns versos budistas recompilados por Toko Eicho no Zenrin Kushu, no século XV,  poden abondar nun sentimento semellante:

O meu tellado e a miña casa arderon;
xa nada me oculta a lúa que brilla.

Mais nada, meus. Despídome como adoitaba a despedirse Ramón Trecet no seu programa radiofónico Diálogos 3: “Buscade a beleza. É o único que paga a pena neste noxento mundo”. Ata a vindeira.

297-luar.gif

A cultura como abismo

xosi 08/10/2008 @ 08:47

286-exposicion-libros-fantasticos.gifEstes días, o Breixo e máis eu visitamos a Biblioteca de libros fantásticos, unha deliciosa e alucinante colección de medio cento de volumes que Carme Domech, da Compañía de Títeres Cachirulo, vén atesourando dende 1986. Paga a pena demorarse na historia que cada un destes singulares códices nos ten que contar, gorentar quintais de imaxinación libresca esculpida, liberar á nosa fantasía como un antídoto eficaz contra a mediocridade e idiotez coas que tan de cotío tropezamos.

285-libro-abismo.gifXa sabedes que non gusto de rebentar praceres coma o devandito. Por iso, nesta entrada só ides ver dúas fotografías da exposición e un pequeno comentario sobre un dos volumes da mostra. En concreto, chamoume a atención un que ía acompañado do breve texto “O señor X está a piques de comprobar que a cultura é un pozo sen fondo”. O libro en cuestión tiña escavado un burato no curruncho inferior dereito. Ao seu carón, asomaba un homiño case que tímido de tan esguízara constitución, como debaténdose no dilema de guindarse ou non ao abismo.

Lembroume ao protagonista da novela Auto de fe, de Elias Canetti, o profesor Kein, un home “todo cabeza e sen corpo”, obsesionado co desexo de lelo todo e que rematou consumido no monumental e simbólico incendio da súa biblioteca de cen mil volumes. Lembroume tamén a imaxe dun Xosi novo, que tiña á cultura pola cultura como ideal, que se obrigaba a devorar infinidade de lecturas –nomeadamente as máis reputadas polos críticos e as enciclopedias de literatura- co degoiro de encher con datos e máis datos a mente non se sabe moi ben por que, se cadra na procura dunha sabedoría que resultou ser falaz.

Ambos casos son semellantes, aínda que o meu particular resolveuse o día que descubrín que os lectores tiñamos dereitos (recompilados en Como unha novela, de Daniel Pennac, en Edicións Xerais); e que, aínda que non valese tanto para fachendear, gozaba infinitamente máis lendo a Michael Ende ou a Tolkien que a Ezra Pound ou a William Blake. Foi como recoñecerlle todo o valor a aquel neno de dez anos que se aventuraba na biblioteca do seu barrio de Barcelona, sen ningún tipo de referencia cultural, sen ningún tipo de incitación adulta, e se deixaba engaiolar por autores como Poe, Conan Doyle, Leroux, Stevenson, Agatha Christie, Stoker, King, Asimov, Verne ou Salgari.

Se cadra, por iso me dá a risa ao escoitar falar de campañas de incitación á lectura ou de fenómenos como a literatura infantil e xuvenil. De seguro que non serían necesarias se non potenciasemos ad infinitum tantos velenos letais para a fantasía e a capacidade natural de marabillarse dos nenos, se non os forzasemos tanto a seren dende o berce candidatos a profesor Kein; candidatos a sabichóns sabelotodo para facer da escola unha Operación Triunfo para ver quen é o máis listo e quen ten máis posibilidades de ser alguén de proveito o día de mañá; candidatos a guindarse de cabeza nun sistema cultural que, en efecto, pode acabar sendo un abismo sen retorno. Sería por iso que estes días, en troques de forzarme a ler determinados poetas e literatos de referencia, estou a voar con Harry Potter dacabalo dunha Nimbus 2000.

288-nimbus-2000.gif

Escusas e lixo

xosi 06/10/2008 @ 06:33

Creo que debo unha explicación aos seguidores deste blog. Supoño que moitos notariades que, nos últimos tempos, salvando o bo facer do Pedro Panduriño na serie H e na recentemente creada O pingüín magoado, a calidade dos textos publicados decaeu. Como para todo, hai unha explicación.

281-o-lume-dos-sonos.gifAntes de nada, confesareivos que a un servidor deulle e séguelle a dar pola teima de escribir historias. As circunstancias da vida, os traballos e as obrigas, fixeron que esa entrega á creación literaria fose máis que irregular, tanto que nos últimos anos transformárase nunha auténtica travesía polo deserto que deu os seus froitos na carreira xornalística. De antes dela, ficaron dous títulos publicados que mereceron cadanseu premio literario: o Letras de Cal por Presencia da fenda, asinado por Xosé de Cea; e o Meiga Moira por O lume dos soños, desta vez asinado por Cibrán Ulloa. Nin que dicir ten que ambas sinaturas son pseudónimos.

A paternidade obrigoume a deixar o traballo, polo que o degoiro de volver soñar a través dun teclado retornou con forza. Mes tras mes, dende que comparto case as vintecatro horas do día co meu fillo Breixo, veño prometéndome que, en canto vaia á escola (será dentro dun ano), penso permitirme o luxo de ceibar sobre o papel unhas cantas ideas desas que obsesionan a un ata que non se ven plasmadas en tinta. Pero como se trataba diso, dunha obsesión, de moitas obsesións, ao final a cabra tirou ao monte e non din aturado.

Para min o blog era como a metadona da escrita, algo que saciaba o meu apetito inmediato por meterme cousas máis fortes. Mais, dende o 1 de setembro, volvo estar enganchado á escrita literaria, e o meu tempo libre está a ela dedicado. Velaí a razón pola os meus textos no blog escasean en calidade e frecuencia. Entre o Breixo e a historia que ando a escribir ás penas hai ocos para outra cousa.

Así e todo, tomeille tanta estima a este blog que vou seguir debullando os miolos nel, aínda que sexa de maneira mediocre e marxinal. Tedes que desculpar se boto todos os meus azos en parir un novo fillo, este de letra e soños impresos.

282-harry-potter.gifCon esta confesión publicada, estou agora mesmo en condicións de dicirvos que, a partir de agora, se cadra mato dous paxaros dun tiro falándovos de como vai o proceso creativo e, como non, das miñas alucinantes viaxes como lector. Porque veño de recuar un cuarto de século na miña mente e volvo ser ese neno que se marabilla con certas lecturas das que darei cumprida conta e que pouco ou nada teñen que ver co serio e aburrido mundo dos adultos; porque veño de rematar a cuarta entrega de Harry Potter e estou como se esnifase un quintal de ilusión e abraio, de marabilla sólida, de sentida admiración; porque estou posuído por unha historia que, paseniño, vai tomando forma, corpo, solidez, coma se todos eses anacos que estou a empatar xa estivesen a prefigurar a contorna do meu particular monstro de Frankenstein, un monstro aínda por construír, aínda pendente de que lle insuflen vida, aínda á espera de que a toda esa amalgama mal empatada e tremente lle apliquen unhas severas cirurxías plásticas para que ninguén se asuste ao topar con ela e, se cadra, teña a capacidade de seducir a quen a vexa.

Aprendida a lección que sufriu nas carnes o amigo Eduardo Estévez, non vos adiantarei nada do que estou a escribir mais, de cando en vez, si de como vai o proceso creativo, de como me enfronto a certas pantasmas como a inseguridade ou o sono; de como se produce, a pesares de todo, o milagre cada madrugada. Se tedes a paciencia de seguir a aturar a quen isto escrebe, seguiremos compartindo bos intres diante da pantalla do ordenador. O de lixo non é que me estea a fustrigar; é o nome dunha nova sección neste blog que responde ás iniciais de Literatura Infantil e Xuvenil mesturadas coa primeira sílaba de Xosi. Xa que logo, e feitas as aclaracións que cumpría facer, deica.