Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Lerias

De fanático intransixente a babiolo

xosi 21/05/2008 @ 23:04

124-lingua-rosalia.gifEu son un deses que, disque, son fanáticos por defender o galego. Seica somos xente de cabeza cuadriculada, incapaces de ver máis alá do Padornelo, balcanizadores desa España cosmopolita e sen fronteiras que teimamos en travestir nunha inintelixible torre de Babel. Alomenos esa é a imaxe que unha caterva de fanáticos –eles si- tenta transmitir de nós. Eles, pobres vítimas da ditadura do galego, piden unha e outra vez amparo a eses partidos políticos españois maioritarios que comprenden tan ben a súa problemática e que, en cuestións lingüísticas, semellan ser irmáns. Refírome ao PP e ao PSOE, por suposto.

Pois mirade, bilingüistas harmónicos, a cousa non é así. Eu non me considero fanático por defender a lingua na que falo, a lingua oficial do meu país (alomenos iso di o Estatuto de Autonomía da Galiza). Podedes chamarme intransixente, se esa palabra vos ten o mesmo grao oprobioso cá de fanático e se así estades contentos. Intransixente en cuestións lingüísticas si que o son. Veredes por que.

126-lingua-castelao.gifNun país –refírome a Galiza, claro- no que a práctica totalidade da prensa escrita e dos medios de comunicación audiovisual falan en castelán, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país no que calquera neno galegofalante que entra na escola sae falando en castelán, por moito galego obrigatorio que haxa en primaria, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país no que a inmensa maioría da poboación, sobre todo nos grandes centros urbanos, educa á súa proxenie só en castelán, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país no que é case imposíbel que o atendan a un en galego nun xulgado, nunha notaría, nun bufete de avogados, nun banco, etcétera, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país no que na maioría das facultades universitarias só se emprega o castelán, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país cun sistema literario no que xa case hai tantos escritores como lectores e que se mantén a flote grazas ás lecturas obrigatorias no ensino, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país cuxo riquísimo patrimonio léxico estase a desintegrar como o cerebro dunha vaca coa síndrome de Creutzeld-Jacob, hai unha lingua ameazada: o galego. Nun país no que o meirande dos seus dirixentes políticos –nomeadamente, populares e socialistas- son castelán falantes, hai unha lingua ameazada: o galego. Podería seguir, pero a vosa intransixencia cos nosos argumentos –vós si que sodes intransixentes, tamén- fai que opte por aforrar neuronas e non debullarme moito os miolos.

123-revolver.gifO voso fanatismo intransixente antóllaseme un xeito de miopía temeraria e suicida, se cadra tamén unha miopía maliciosa e mal intencionada. Se queredes exercer o voso dereito a falar español na Galiza, facédeo. Sempre o fixestes. Pero deixade de amolar, por favor. Ata o de agora pisastes os nosos dereitos lingüísticos coma cabichas consumidas, durante séculos coa complicidade directa dos réximes políticos e das leis. Mais os nosos dereitos seguen acesos. Aínda quedamos algúns que porfiamos nese atraso endémico que supón optar por un –segundo vós- dialecto minoritario fronte á vosa pantagruélica lingua de Cervantes. Se tal, non nos chamedes fanáticos nin intransixentes, conquistade tamén para vós ese dereito, e tratádenos de babiolos. Que máis dá. Pero deixádenos ter, aínda que só sexa sobre o papel, o dereito a educar aos nosos fillos na lingua que os criamos. Sei ben que non vai ser nada, pero fainos ilusión. Si. Chamádenos babiolos. Mellor en Babia que afrontar lúcidos a eutanasia que lle estades a practicar a un idioma con máis de mil anos de historia. ¿Mil primaveras máis? Preparado estou para o máis cru dos invernos...

125-queremos-medrar-en-galego.gif

O paporroibo

xosi 14/05/2008 @ 10:00

111-paporrubio.gifUnha das frases máis fermosas que lin nun libro foi aquela de Memorias dun neno labrego na que Balbino se preguntaba onde morrían os paxaros. A resposta atopeina nun dos episodios máis vergonzosos da miña vida; aquel, canda o salvaxismo da adolescencia, no que matei un paporroibo cunha escopeta de perdigóns. Aínda que deberon pasar ben uns vintecinco anos dende aquela, a escena segue gravada a lume na miña alma. Lembro que esta emoción que agora rememoro foi a mesma que sentín cando o corpiño do paxaro deu cos seus ósos e plumas no humus da fraga. Cunha mágoa fondísima polo irreparable da miña acción, o único que se me ocorreu aquel día foi enterralo baixo a follaxe. Pasou a formar parte da terra, unha parte tan infinitesimal como grande foi o meu remorso. Estou convencido de que o sentimento de culpa ficará ata que o meu corpo bique tamén, tarde ou cedo, esa mesma terra. Mais non quero que pensedes que, coas liñas que seguen, pretendo redimirme ou expiar os meus pecados. Estes, xa forman parte indisoluble miña.

112-nino-paporroibo.gifQuen vedes na fotografía é un paporroibo que aniñou nunha cesta de plantas que temos no limiar da casa. A canastra en cuestión fora un deses agasallos de Nadal que non sabes moi ben que facer con el. Aí ficou, enriba dunha mesa e á intemperie todo o inverno. As xeadas e o meu desleixo mataron boa parte desta flora enfaixada en vimbios; se cadra o meu inconsciente fixo que me esquecese dela na busca dun motivo para botala como morralla no composteiro. Hai uns días, cando se tomou por fin tan ecolóxica decisión, e ao coller o canistrel nas mans, algo violento e súpeto sacudiu as follas secas e saíu voando. Era o paporroibo. Tras súa, enterrado entre as plantas, deixaba un niño perfectamente entretecido con cinco ovos no seu seo. Pousou a poucos metros, inmune ao medo da presenza ameazadora que eu lle supuña e que, noutras circunstancias, o tería espaventado lonxe da miña vista. Fitaba cada un dos meus movementos, impotente pero vixilante. “Todo ben, paporroibo”, pensei, “podes estar tranquilo, xa non te molesto máis”. En canto marchei, volveu inmediatamente para seguir chocando á descendencia.

É fermoso como, moi a pesares dos nosos execrables esforzos, a vida sempre remata por vencer á morte por moi definitiva e vasta que esta sexa. Milenios de fracasada barbarie así o demostran. A vaidade das nosas mesquiñas crueldades, tamén. Así o corroborará, nun futuro ben afastado, un ser descoñecido calquera que chocará a súa proxenie milenios despois de que se extinga o ser humano. Así mo demostrou este paporroibo cos seus cinco ovos vintecinco anos despois do meu asasinato. Porque todo pasa e todo queda, mais, como ben constatou Antonio Machado, o noso é pasar. Sería de agradecer que ese efémero paso facendo camiño fose o máis solidario e dador co noso próximo que o noso egoísmo nos permita. De seguro que a todos nos irá mellor se así é.

113-ovos.gif

O maior espectáculo do mundo

xosi 05/05/2008 @ 07:24

092-circo-coliseo.gifNa última fin de semana, Melide foi escenario do que, dun xeito máis tópico ca reflectinte da realidade, é considerado o espectáculo máis grande do mundo: o circo. E en tempos tivo que selo, non o dubido, máis nesta era de ondas hertzianas, televexos, pleiesteixons e silicio non pinta a cousa igual.

Para quen si debeu ser o máis grande visto nos dous anos que leva rodando pola vida foi para o Breixo, que aínda me está a falar dos tigres, dos osos, do elefante e demais fauna circense que trouxo o Coliseo ata a campo da feira melidense. Tiñades que velo de pé encol das nosas coxas, cos cinco sentidos cravados na pista, sen perder detalle, vendo materializados en carne tantos seres que, ata ese intre, só eran ilustracións librescas ou simples palabras. Contemplando ao noso fillo marabillarse desa maneira, decatámonos que, para nós, o maior espectáculo do mundo é gozar do seu asombro, ver como medra experiencia a experiencia, como se vai construíndo a base de ladrillazos de realidade o home que algún día será. Supoño que vos decatades agora de que o título que abre esta entrada non se refería ao circo; referíase a Breixo, o maior espectáculo do mundo.

091-breixo-pallaso.gif

Somos azuis

xosi 05/05/2008 @ 07:22

Sen chegar a abominar do fútbol, non me chama moito a arte de darlle patadas a un balón. Mais iso non é óbice para que non me lembre neste blog do acontecemento da fin de semana en Melide: o ascenso do CIRE a segunda autonómica. A sesta de Breixo impediume estar na chegada da equipa á fonte dos catro canos en tractor, despois dese épico seis a cero que lle meteron ao Visantoña de Mesía. Mais si que os vin na rúa dos viños, cheos coma caldeiros, celebrando o medre en categoría. Quede aquí esta imaxe como recoñecemento á nova xesta do deporte melidense.

093-ascenso-cire.gif

Chamándolle ás cousas polo seu nome

xosi 29/04/2008 @ 09:03

085-parrulo.gifTeño o firme convencemento de que, outra volta, á Galiza labrega cargáronlle o dificilísimo labor de manter aceso o facho da nosa lingua. Así o fixo en períodos tan adversos da nosa historia coma os séculos escuros (XVII e XVIII) ou a dictadura de Franco; e así o está a facer agora, aínda que cada vez cunha corrente en contra máis e máis forte. Non me gusta ser pesimista, pero tampouco ver ledicia onde non a hai. E a saúde do idioma non está para botar bombas.

Que cada vez é menos a xente que fala en galego, e que cada vez son menos os pais e as nais que se dirixen aos seus fillos e fillas na nosa lingua, é un feito. Ese virus que fai que moitas persoas farfallen mal que poden nunha lingua que non é a súa está a chegar, mesmo, ás nosas aldeas, o eido por excelencia onde o galego sempre se mantivo ben acantonado, enrocado, luminoso, vivo.

A escola, os medios de comunicación, os libros de texto, o entorno; semellan unha enorme mancha de chapapote a estenderse encol da nosa lingua, a toldala, a privala de luz, a mergullala de novo nuns séculos escuros 084-mallar.gifque, desta volta, non van atopar quen os alumee. Explícome. Aínda que é certo que o galego se mantén vivo grazas a que somos moitos e moitas quen o falamos, non acontece así co riquísimo vocabulario, co patrimonio verbal que moldearon no padal xeracións e xeracións de devanceiros e que nós herdamos sen sabermos moi ben o que nos estaban a regalar. Así, a mancha de chapapote da que falaba, avanza sobre os nomes dos lugares, das plantas e dos paxaros, das bestas, das fincas e dos recantos, de cada curruncho, de cada pedra, de cada apeiro, de cada camiño e cada revolta. Porque só do contacto íntimo coa terra, co entorno, xurdiron dende a noite dos séculos, e de xeito natural, as palabras para nomear todo e canto nos arrodeaba. A nosa xente devanceira tiña un nome para cada cousa, e chamaba a cada cousa polo seu nome, va que si, mais agora a mancha da desmemoria está a borrar de maneira irreversible ese universo verbal. 083-lagar.gifCando morre un vello, cando se nos vai unha vella, vanse canda eles centos de nomes e palabras que sobrevivían mal que ben nos seus recordos. Todo ese patrimonio corre serio perigo porque, unha vez que se perda, de nada servirá que falemos en galego todo o que queiramos. Porque para min o galego é o que aínda conservan as xentes da Galiza labrega que seguen a traballar a terra, a relacionarse con ela no idioma co que naceron, a sacarlle mantenza na nosa lingua; para min o galego é ese e non o castrapo no que malfalan o meirande dos políticos, nin ese idioma de manual ao que nos teñen afeitos nos telexornais. Eu quero seguir escoitando á miña xente dicindo que levan as vacas a pacer á braña de Mourices, ou que van apañar as castañas ao souto de Rosén, ou que van anciñar as patacas á leira de Mera, esa que fica pegadiña ao camiño dos 082-arado.gifTagarros, ou que levan abeberar o gando á fonte de Sabián. Quero seguir oíndo que o leite se muxe en muxidoras, e non en ordeñadoras; que a facenda se garda na corte, e non no establo; e aínda que pola miña bisbarra ninguén os chama cogombros, hei preferir esta palabra á estranxeira pepino; e heille dicir ao meu meniño, sempre que o bañe, que o bonequiño de goma co que xoga é un parrulo e non un pato, aínda que siga a haber xente que che mira como a un bicho raro cando optas por vocábulos coma estes.

Tan doado e tan difícil, ese magno labor de manter vizosa e louzá a nosa lingua será labrego ou non será. Porque a ninguén se lle escapa que ese riquísimo tesouro verbal repousa aínda no falar das xentes do noso rural, na memoria daqueles que tiveron e teñen na aldea e na parroquia o seu mapa vital íntimo, un atlas da existencia onde aínda se conservan intactas as diversas rotas que nos levan directos á nosa identidade, que nos fan sermos quen somos: galegos e galegas. O día que perdamos esa perspectiva, se cadra perderemos o noso norte como pobo. Sen esa cartografía, quedaranos andar ao chou polo labirinto da historia ata que o esquecemento remate coa última palabra de noso. Tan doado e tan difícil como que labregos e labregas nos manteñamos fieis, con orgullo e sen fendas, ao noso idioma. Velaí a nosa responsabilidade. Velaí o reto.

086-cogombro.gif