Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Lerias

E Deus marcouse un só de batería

xosi 03/09/2008 @ 08:58

Aconteceu o 29 de agosto, cara ás oito do serán. Breixo aínda estaba a durmir a sesta. Arroiaba de trebón, cando, de súpeto, comezou a escoitarse un estrépito in crescendo que derivou nunha especie de terremoto co epicentro na troposfera. Antes de ver as pedras de sarabia do tamaño dunha pelota de pimpón pensei: deulle a Deus por marcarse un só de batería no tellado da miña casa. Nin que dicir ten que tan divino como estrondoso baqueteo fixo acordar ao neno. Xuntos contemplamos, a través da ventá e cun pouquiño de medo, como o meirande dos fenómenos mundanos, a pesares das nosas elucubracións esotéricas e metafísicas, acaban tendo unha explicación científica.

251-sarabia.gif

Cultura prostibularia

xosi 01/09/2008 @ 06:23

250-pen-club.gifPerdede coidado. Non é que me dese por desguedellarme estas vacacións e frecuentar lupanares, serrallos ou outros eidos de desenfreada e ubicua concupiscencia. A fotografía tomeina en xullo, cando viña de volta do concerto de Scott McKeon e Jonnhy Winter en Pontevedra. Chamoume a atención por coincidir o nome do antro co da asociación mundial de escritores creada en 1921 por Catharine Amy Dawson Scott. Polo Pen Club Internacional teñen pasado nomes tan sobranceiros como Joseph Conrad, George Bernard Shaw, H. G. Wells, Arthur Miller, Vargas Llosa ou Thomas Mann; e a el pertencen , hoxe en día, máis de 15.000 poetas, narradores e ensaístas de todo o mundo, que teñen á súa disposición 138 centros en 98 países. Entre outros atributos, o Pen Club é o único colectivo autorizado a facer proposicións de candidaturas para o Premio Nobel diante da Academia Sueca. No noso país, esta asociación está capitaneada por Luís González Tosar e Helena Villar. Supoño que o fulano que rexenta o Pen Club da fotografía non coñece á nosa parella literaria e nin sequera pensaba en plumas e bolígrafos cando bautizou o chiringuito. Estou convencido de que había ter intencións máis prosaicas cás de Dawson Scott cando cortou a cinta inaugural (de seguro que se pides un francés, un grego ou unha cubana, non che van recitar versos de Baudelaire, Kavafis ou Loynoz), mais, sen querelo nin bebelo, fundou, que eu saiba, a única sede física que ten, a día de hoxe, o Pen Club en Galiza. ¿Admitirana como a 139 do nonaxésimo noveno país?

A culpa é do San Roque

xosi 18/08/2008 @ 09:12

pechado-por-vacacions.jpg

Habitáculos

xosi 04/08/2008 @ 08:18

230-luthea-salom.gif

Luthea Salom vén de renovar completamente a súa páxina web. Fíxoo coincidindo co remate da súa xira por Europa que, como ben sabemos, tivo o seu broche final no concerto que a artista hispano canadense deu no Cantón de San Roque, en Melide (Festival das Artes e das Letras, 5 de xullo de 2008). Gustoume moito esa nova imaxe que ofrece na rede; encantoume, sobre todo, a composición fotográfica coa que nos recibe: completamente espida, fresca e natural, nunha habitación case tan en coiros coma ela, coas paredes encaladas, unha cadeira, unha mesa, e unha ventá que inunda de luz a estancia. Semella unha descrición gráfica da música e das letras coas que Luthea Salom ispe as súas entrañas diante nosa, e a min lémbrame a fotografía de contraportada que viña no álbum Songs from a room, de Leonard Cohen, 231-songs-from-a-room.gifcunha habitación de características semellantes, mais coa fiestra pechada e unha moza xogando cunha máquina de escribir. Sempre me fascinou a imaxe porque, se cadra, ese habitáculo minimalista contiña tres dos ingredientes máis necesarios para cociñar a receita da felicidade: unha muller, unha cama e unha máquina de escribir. O punto de sal que lle dá a luz á estancia de Luthea poderíase explicar pola influencia do Mediterráneo na súa vida, aínda que, en honra á verdade, a fotografía do tamén canadense Cohen foi tomada no interior da súa casa cando vivía na illa de Hydra, en Grecia. Poida que as contras estivesen pechadas porque daquela xa tiña o aquel de ermitán que o levaría, décadas despois, a recluírse nun mosteiro zen; mais, quitándolle mística ao tema, o máis seguro é que quixese evitar un molesto contraluz...

Nas ás da liberdade (1)

xosi 23/07/2008 @ 09:19

Con estas ás da liberdade quero render homenaxe a tres vidas senlleiras que tiveron en común o ter pilotado avións para combater, dun xeito ou doutro, ao fascismo que se estaba a estender coma un andazo por Europa no segundo terzo do século pasado. Daquela, a aviación aínda era algo heroico e moi pouco académico: a poesía e o sentido da beleza, a paixón e o risco, pesaban máis có cadro de mandos e cós instrumentos de navegación. Así, e durante tres entregas, desfilarán por este blog Elixio Rodríguez, Roald Dahl e Antoine de Saint-Exupery. A orde de aparición virá marcada pola fortuna que tivo cada un nese voar singular que, ao fin e ao cabo, é a vida de cadaquén.

210-elixio-mozo.gifComezo, xa que logo, polo noso paisano, o Elixio Rodríguez, que no 2007, con 97 anos de idade, atopouse por fin cara a cara cunha vella coñecida: a morte; e atopouse con ela despois terlle feito burla en incontábeis ocasións, tantas que xa tiñan un algo de confianza o un co outro, coma dous veciños en desavinza que conviven e se aturan case que por costume. Veño de ler o seu libro, unha obra á que lle tiña ben ganas: Matádeo mañá (Edicións Xerais). A Elixio foi ao único que vin en carne e óso, a pouquiños metros, no palco da Quintana no 25 de xullo de 2003.

Estou convencido de que Elixio non xogaba á lotaría con demasiada frecuencia, pois se o fixese debería ter sido, por forza, millonario. A lotaría que lle tocou, nembargante, foi ben máis valiosa ca todo o ouro do mundo. Elixio Rodríguez debe ser unha das poucas persoas que, durante a Guerra Civil, estivo condenado a morte tanto polos insurxentes como polos republicanos; das poucas persoas que estivo a segundos de sentir o dardo 208-matadeo-mana.gifmortal dunha bala asasina levándoselle a vida e que viviu para contalo. Laborioso galeguista de Bande (Ourense) na campaña a prol do Estatuto de Galiza, en canto o golpe de estado de Franco conquistou o noso país foi un dos primeiros en ser detidos pola Falanxe e en pasar longas noites de pedra nas celas do mosteiro de Celanova, devidas en cárcere e cuxa infamia había inmortalizar Celso Emilio. A Elixio fórono pasear unha noite ao monte Furriolo xunto a outros catro prisioneiros. Tivo a fortuna de que Pousa, un amigo seu do bando rebelde, acadara unha orde de liberdade coa escusa de que debían seguir interrogando ao prisioneiro para sacarlle valiosa información. Cando Pousa deu chegado coa orde ao Furriolo, catro cadáveres xacían na cuneta; só Elixio continuaba con vida, agardando a súa quenda. Pousa pronunciou a frase coa que se intitularía o libro máis de medio século despois: “A ese non o podedes matar hoxe. Matádeo mañá”.

207-elixio-rodriguez.gifDespois de moitas peripecias que o habían levar a recrutarse na Lexión para eludir o cativerio (os presos políticos alistados na Lexión eran utilizados como escudos humanos) e a ser oficial de aviación do exército franquista, Elixio Rodríguez acabou desertando tras liscar cun Breguet XIX co que aterrou en Xibraltar e de onde pasaría, tras eludir varias tentativas de asasinato en Marrocos por parte de sicarios falanxistas, á zona republicana en Valencia. Alí, tras certos malentendidos fatais, tamén sería condenado a morte acusado de espionaxe. De novo a sorte xogaría ao seu favor. Na tardiña do día antes do seu fusilamento tivo a fortuna de albiscar dende a xanela do calabozo a un antigo compañeiro de seminario que non vía dende a infancia e a quen avisou a berros da súa situación. O Coíño, que así se chamaba o compañeiro, moveu Roma con Santiago, e puxo ao corrente da situación ao mesmo Castelao, quen acadou un xuízo xusto para Elixio despois de espertar ao presidente da República, Indalecio Prieto, ás tres da madrugada (o fusilamento de Elixio estaba previsto para as seis).

Despois habían vir experiencias como os campos de concentración para refuxiados en Francia, a travesía cara ao desterro no Ipanema ou o exilio en México. Paga a pena demorarse en calquera delas coa lectura clara e chá que brinda Matádeo mañá, unha aposta máis que recomendábel.

Eu quedo coa imaxe do Elixio a bordo do Breguet XIX, abandonando unha posición doada e cómoda nas ringleiras do exército vencedor para ser fiel aos seus ideais. Nese voo, Elixio pasou por riba da Serra de Ronda co seu avión a máis de 4.000 metros de altitude para evitar esnafrarse contra o Mulhacén (non tiña mapas e a visibilidade era moi deficiente); levaba por roupa de abrigo tan só unha camisa e pilotaba un aparello de cabina descuberta. A visión do Mediterráneo e o Penedo de Xibraltar mentres parolaba coa súa coñecida a morte, desta vez en forma de conxelación inminente, expresa cunha potencia irresistíbel a aposta pola liberdade deste home que naceu con máis vidas que os gatos.

209-breguet-19.gif

A vida coma unha congostra de cascallos

xosi 21/07/2008 @ 09:32

204-nena-mineira.gifHai uns días, atopei en Manual de lecturas rápidas para a supevivencia uns versos de Laura Giordani sobre os nenos mineiros que lle socavaron bágoas ao meu rostro de cotío pétreo. “Xenreira de verte fendendo nesa pulseada a morte coa pedra, roubándolle rigor ata facerte fochanca, chaga. As túas mans moen, demolen, esmiúzan os ósos do mundo. Non de trasnos o po que arrasa os teus pulmóns: soldadiños de chumbo viaxan polas túas veas desvelando bosques somnolentos. Neno pena, neno maza, en moegas vai o teu sangue ata a infancia dos volcáns, cara a reinos de fadas negras, minerais; alí onde o mundo agacha o fume das caídas e todos os cascallos do dano”. Son bos versos, teñen forza e coraxe panfletarias sen renunciar á alquimia verbal da boa poesía. Falan de algo que a arte de versificar, sobre todo nestes tempos no que a verba poética está a alambicarse cara a extremos tan insospeitados como inaccesíbeis para o meirande da humanidade, non adoita tocar: a dor humana.

203-mineiro-negrino.gifFalan estes versos do que a xornalista Pilar García del Pozo denunciaba en 2005 nun artigo no que dicía: “Mergullados nas entrañas do inferno dende a súa máis tenra infancia, arrastran os seus pequenos corpos por estreitos túneles, escuros e perigosos. As súas mans convértense en improvisadas ferramentas coas que recollen pedras ou escarvan a terra durante longas xornadas. Colocan explosivos e carrexan pesadas cargas. Estímase que un millón de nenos traballan na minaría e nas canteiras en todo o mundo. O meirande non cumpriu os dez anos… Non teñen xoguetes, nin van ao colexio; traballan sen horarios nin dereitos. Só coñecen unha obriga: contribuír á subsistencia familiar coma se fosen adultos, privados de educación e en prexuízo do seu desenvolvemento psicolóxico, físico e emocional. En contacto con gases tóxicos, de cotío sofren canseira constante, problemas musculares e de lombo, roturas de extremidades e feridas graves debido ás caídas e ás cargas excesivas que teñen que transportar e que non son acordes co seu desenvolvemento corporal”.

202-mineiros.gifO dos nenos, e nenas, que traballan na minaría non é un invento de agora. Aínda que é unha tradición case tan vella como a humanidade –cun dos seus exemplos meirandes no espolio do cerro rico de Potosí polas gadoupas do imperio español- foi a Inglaterra da revolución industrial, no século XIX, a que levaría esta práctica ata o paroxismo. Non en van, os corpos miúdos dos nenos e das nenas eran os que mellor se adaptaban á angostura das galerías das que unha sociedade adicta ao vapor extraía o carbón que precisaba para manter o seu ritmo febril de crecemento. O propio Benjamin Disraeli, primeiro ministro británico entre 1874 e 1880, describía o traballo dunha nena mineira “...espida ata a cintura, durante doce e ás veces dezasete horas diarias, tira axudándose de mans e pés dunha cadea de ferro que, suxeita a un cinto de coiro, arrastra entre as súas pernas enfundadas en pantalóns de lona, para transportar cubetas de carbón que saen dos camiños subterráneos, escuros, retortos e enlamados: circunstancias que semellan ter pasado inadvertidas para a Sociedade para a Abolición da Escravitude Negra”. Estas nenas adoitaban a comezar a súa carreira nas minas con pouco máis de cinco anos. Normalmente, os nenos e nenas que traballan na minaría, onte e hoxe, non chegan aos corenta: a silicose encárgase de aforrarlles os sufrimentos que padecerían de alcanzar idades máis avanzadas co corpo e os pulmóns desconxuntados por un traballo tan brutal e inhumano, mesmo para os adultos.

206-trapper-boy.gifNon podo rematar este artigo sen ter unha lembranza para un neno de comezou a traballar aos doce anos na canteira de Padrón, na parroquia de Vilareda (Palas de Rei). Era unha canteira de pedra a ceo aberto da que hoxe só fica unha fochanca infestada de toxos e xestas. O capataz era asturiano e tiña dúas máximas: a primeira era que a maza debía caer do ceo coma se fose un raio para fender a pedra; a segunda, que se un non podía cunha rocha pedise sempre axuda a outro para non lesionarse. Era un bo capataz. Se non recordo mal, pagaban a tres pesetas a hora e traballábanse oito horas diarias. O xornal redondeábano e quen aguantaba o día completo levaba para a casa cinco pesos, que daquela (anos cincuenta) eran uns cartos. O neno do que falo era dos que termaban a xornada completa e gañaba ese diñeiro. Non lle fora mal na escola, mais, sendo como era o menor de seis irmáns, a continuación dos seus estudios consistiu en coidar das ovellas da casa, co que axudaba á familia pero non levaba un patacón aos petos. Así que para el a canteira foi unha bendición e ten esa experiencia entre as mellores da súa infancia. Chamábase Andrés e é meu pai.

Into the Wild: o Salvaxe con maiúsculas

xosi 15/07/2008 @ 12:15

197-into_the_wild_movie_poster.gifTeño nas mans a versión española do libro Into the Wild (Edicións B, colección Zeta Bolsillo), de Jon Krakauer, no que se baseou a película homónima dirixida por Sean Penn. Ambos, libro e filme, estreáronse nestes lares como Cara a rotas salvaxes. Os dous devoreinos coa paixón que me merecen aquelas testemuñas que nos lembran que o extraordinario é posíbel nas nosas vidas, tan enfaixadas en clixés e comodidades. Into the Wild –utilizo o título orixinal para respectar ese Wild con maiúsculas, que na versión orixinal rescata o sentido que lle deron pioneiros da liberdade como Henry David Thoureau- narra a historia real de Christopher Johnson McCandless, fillo dunha familia acomodada de Washington que, no verán de 1990, tras graduarse na Universidade de Emory (Atlanta), doou a unha ONG os 24.000 dólares da beca que tiña para continuar os estudios, abandonou o seu coche, queimou os cartos que levaba nos petos, e botouse á estrada. Durante dous anos, percorrería de norte a sur e de leste a oeste os Estados Unidos baixo o pseudónimo de Alexander Supertramp; o final da súa odisea vagabunda remataría nas terras salvaxes de Alasca, onde sobreviviu nun autobús abandonado alimentándose do que cazaba ata que unha serie de descoidos fixeron que o seu periplo tivese un desenlace fatal.

198-sean-penn-jon-krakauer.gifPersoalmente, e aínda que o filme está moi ben e levou moi boas críticas –amais dun Oscar ao mellor actor secundario, para Hal Holbrook-, o que me fascinou de verdade foi o libro. Nel, Jon Krakauer, montañeiro e escritor, aventureiro e adepto a ese Wild con maiúsculas co que intitula a súa obra, fai unha indagación sen fendas na vida de Chris McCandless e de toda a xente e circunstancias que o arrodearon, seguindo paso a paso o seu itinerario e, o que é máis difícil, pescudando nos currunchos da súa alma para comprender ese pulo, esa chamada ineluctábel cara ao Salvaxe. Iso levarao a tallar, como fixera Alexandre co nó gordiano, o debate que suscitara a peripecia de 201-mccandless.gifMcCandless, dacabalo entre os que o consideraron un idealista irresponsábel e sen experiencia para sobrevivir nos eidos inhóspitos de Alasca, e os que o trataron reverencialmente como unha referencia de liberdade e determinación. Krakauer irá alén desta dicotomía maniquea ao tocar fondo non só na historia persoal de Chris McCandless, senón ao retornar tamén ao seu propio pasado, cando a paixón da adolescencia o levou a el mesmo a proporse retos que lle puxeron preto de máis o recendo da morte. A calidade da crónica e a fondura co que trata o tema tras crebar o lazo superficial que todos coñecemos, fan que a lectura de Into the Wild sexa máis que recomendábel, sen que desmereza o filme, por suposto, que tamén está moi ben.

199-mccandless.gifQue ambas obras me fascinasen tanto débese a que eu tamén tiven unha adolescencia con arrebatos semellantes. Into the Wild fixo que volvese resoar nos meus oídos a chamada do Salvaxe. Eu, como McCandless, tamén tiven durante moitos anos ao Walden de Thoureau como libro de cabeceira. Os meus retos non pasaban por sobrevivir en Alasca como o mozo norteamericano. En plena adolescencia e coa cabeza chea de fantasías, orientei a miña vida para ser correspondente de guerra. Funme a Euskadi a estudiar Ciencias da Información, coa intención de aprender árabe e especializarme en política internacional para poder traballar como xornalista en Oriente Medio onde, estaba certo, non me había faltar traballo. Pasou que en primeiro de carreira coñecín á que hoxe é a miña muller e mai do noso fillo (desculpas polos posesivos, procuro non tomalos á tremenda...) e os meus esquemas esfareláronse como a cinza dun chamizo apagado. A partir de entón, aquelas grandes distancias onde situaba as miñas arelas de liberación, pasaron a ser leguas de soidade e anguria; mesmo os quince quilómetros que afastaban Palas de Rei de Melide antollábanse un abismo ominoso. Para ese verán, fiel aínda a aquelas ideas que xa estaban en franco divorcio co que sentía o meu corazón, organicei unha viaxe en autostop que me debería levar aos Balcáns, daquela en 200-eu.gifestado de guerra, ou a Turquía, con tan só 5.000 pesetas no peto. Aínda lembro o baleiro e a tristura fondísimos que me aguilloaron na estación ferroviaria de Lugo pouco antes de partir. Aquela viaxe que ía ser o meu pasaporte cara a un destino soñado e degoirado mil veces parou na fronteira francesa –antes e despois de pasar por Barakaldo, Barcelona, Figueres, La Jonquera, o deserto dos Monegros, Aranda del Duero, Valladolid- onde decidín recuar e volver para abrazar a aquela muller coa que quería compartir a miña vida. De aí a querer abandonar a carreira para dedicarme á literatura, só houbo un paso. Se cadra non tiven a coraxe e afouteza de McCandless, mais se me desen a oportunidade de volver á fronteira de Francia para poder retomar aquela aventura creo que, de seguro, volvería coller o billete de volta cara a Melide. A peripecia vital de McCandless engaioloume, rememorou de xeito vívido unha parte de min que me aleda non ter esquecido e, se cadra, calquera día aproveito para facer unha escapadiña ao Courel. Non é Alasca, mais dá para sentir “o pouco que é un home” (Novoneyra dixit), e iso a min abóndame.

Pecados futboleiros

xosi 01/07/2008 @ 07:51

Nestes días de paixón futboleira desbordante quero facer deste blog un confesionario no que compartir convosco dúas faltas que, sen chegar a atormentarme, aí están aguilloando o meu sentido autocrítico para solaz do superego e cilicio de calquera satisfacción que houber ao respecto.

169-escudo-castelao.gifA primeira ten que ver coa miña condición de nacionalista galego convencido e de seareiro da selección española de fútbol. Tal contradicción ten a súa orixe nun trauma adolescente acontecido o 21 de decembro de 1983. Daquela aínda vivía en Barcelona, e para min Galiza pouco máis era que o concello de Palas de Rei e a parroquia de Vilareda, onde residía a familia dos meus pais e onde pasaba as vacacións do verán. Ese día, a selección española de fútbol acadaba o imposíbel. Obrigada a gañar por once goles de diferencia a Malta para poder clasificarse para a Eurocopa do ano seguinte, endosáballe un milagreiro 12 a 1 que aínda teño gravado na memoria, como gravado teño aquel campionato no que a equipa de Santillana, Gordillo, Arconada, Rincón, Señor e compañía deu chegado a unha final que perdeu inxustamente contra Francia. E dende aquela, oes, non podo evitalo. Só me pasa coa selección española de fútbol. Procuro non perderme ningún partido dela, sexan de Eurocopa ou de Mundial, vívoos cunha fe apaixonada e levántanme dun chimpo do sofá cada vez que o balón morde as mallas da portaría contraria. Imaxinade, xa que logo, como vivín estes días. Iso si, a única bandeira á que lle teño un aquel polo que significa para min é esa que encol da banda azul loce unha serea sostendo o escudo no que se pode ler “Denantes mortos que escravos”. A imaxe que vedes é unha variación cariñosa a partir do deseño de Castelao e feita ex profeso para animar á selección galega de fútbol na que a fouce e a estrela deviñeron en esférico e os escravos en goleados. I have a dream, meus, e é poder ver algún día á nosa selección xogar con esoutra rojigualda que hoxe fachendea dende a cima dun dos poucos cumios coroados no seu historial. E, de ser posíbel, sen monarcas no palco de autoridades...

172-zafu.gifO segundo pecado futboleiro ten a Breixo como protagonista e nace da miña desidia á hora de sacralizar calquera obxecto por moita estima que lle teña. Son practicante de meditación Zen dende hai uns quince anos. O zazen, que é como se coñece esta disciplina, consiste en algo tan inxel e imposíbel como sentarse e non pensar en nada, contemplando o teu corpo, a túa respiración e os pensamentos que liscan desa calma tan difícil de acadar. Para sentarte a meditar, só necesitas un zafu, que é un coxín especialmente deseñado para esta fin, e un zafutón, que é a base sobre a que asentas. Evidentemente, un zafu non é calquera cousa. Os mestres zen din que “o zafu é un obxecto altamente prezado e respectado no Zen. Non é un coxín vulgar, senón o asento de Buda”. Esa é a razón pola que se nos insiste en tratar ao noso zafu case con veneración. Mais iso, no meu caso, é imposíbel. Adoito meditar a primeira hora da mañá. Despois, coa mente limpa como unha patena, escribo ou leo. Unhas 171-breixo-co-zafu-2.gifhoras despois, Breixo acorda e comeza a miña xornada de amo de casa. O primeiro que fai Breixo ao ver o zafu é levar o índice á boca e soprar, que é a súa maneira de dicir “balón inchábel”. Acto seguido, líase a patadas co zafu e a berrar “¡Gol! ¡Gol!” coma un poseso. Entón eu comezo coa miña pantomima dun falso e histriónico alporizamento no que lle fago ver que o que está cosendo a couces non é un balón, senón un zafu, e quítollo dos pés. E así todos os días. Poderedes dicir que o único que teño que facer é non terlle o ditoso asento de Buda á vista cando o ergo. Mais, dese xeito, perderíame esa escena que tanto me fai rir e gozar. A pesares do que vos contei sobre o zafu, o Zen é unha disciplina moi pouca dada a sacralizar nada, e entre o seu anecdotario atopamos a simbólica historia dun monxe que un día, aterecido de frío na súa cela, botou ao braseiro unha estatua de Buda de madeira para facer un bo lume e entrar en calor. Cada patada de Breixo no meu zafu actualiza esa historia que nos di que, ao fin e ao cabo, o que importa é a práctica e o traballo persoal por riba de calquera símbolo ou tradición.

Xa que de fútbol e pecados vai a cousa, non podo rematar sen revivir para a posteridade a celebérrima cita do inefable José María Caneda para quitarlle ferro a estas confesións que non vos falaron doutra cousa que de "pataca minuta".

Un pequeno descanso

xosi 24/06/2008 @ 08:55

168-a-sesta.gifUnha convalecencia por enfermidade máis longa do que agardaba, a casa que se me vén enriba e unha nova vaga das hordas adventicias na miña horta, fixéronme tomar a decisión de darme unhas pequenas vacacións dunha semana no blog. O luns que vén, vémonos de novo. ¡Ah! Contade, no entanto, coa undécima entrega de H, coa que previsiblemente nos deleitará o afanoso Pedro Panduriño este venres. Portádevos ben e andade pola sombra...

Gonzalo

xosi 17/06/2008 @ 17:00

160-gonzalo-1.gifLevo tres meses de blogueiro, e esta é a segunda vez que me vexo na obriga de escribir sobre fútbol. Se hai unhas semanas celebrabamos a suba do Cire a segunda autonómica, desta vez toca darlle os parabéns ao Cidade de Santiago polo seu ascenso a Segunda B, seica a categoría de bronce do fútbol hispano. Pensaredes que nin me vai nin me vén a min este evento, xa que o Cidade non ten o aquel de veciñanza que me tiña o Cire. Mais aquí xa entramos en temas de familia. E é que no Cidade de Santiago xoga o que foi o meu primeiro sobriño –antes de naceren o Cristovo, o Samuel e mailo Uxío- e o único, ata o de agora, que se prestou a vir comigo a apañar cogomelos no outono ou, como el dicía, a “cazar setas”. 163-gonzalo-4.gifEstou a falar de Gonzalo, como non, daquel neno co que o servidor ten librado épicas pelexas na Codeseira (hai máis de dez anos, claro está, porque hoxe, con ese corpo escultural e helénico que ostenta, noquearíame dun sopro) e que chorou cando Djukic fallou o penalti contra o Valencia que deixaría ao Deportivo sen o título da Liga 92-93. Gonzalo xoga co número seis ás costas, no centro do campo, un pouco de director de orquestra, e os últimos días pasounos de repouso absoluto para recuperarse dunha rotura de fibra na coxa dereita. Afortunadamente, puido estar en corpo e alma nesta finalísima; creo que o merecía.

161-gonzalo-2.gifO encontro foi moi intenso, case de infarto e cunhas pingas de épica. Cun 2-1 en contra, resultado do partido de ida en Almansa, o Cidade endosoulle á equipa albaceteña un parcial de 4 a 0, polo que, ao comezo da segunda metade, a cousa semellaba sentenciada. Pero os levantinos reaccionaron e puxéronse nun 4-2. Con esa leria de que os goles fóra da casa valen o dobre, tivemos uns últimos vinte minutos nos que se o Almansa marcaba, gañaba. Vivir, vivín os goles. Celebrei os do Cidade e tremín cos do Almansa; pero debo confesar que me debín perder tres ou catro, pois boa parte do partido paseina coa cámara fotográfica diante dos fociños. Non en van, creo que tomei unhas trescentas imaxes. Na miña defensa, direi que este tipo de incontinencia é silenciosa e respectuosa co próximo; non así a da brigada das Cea, larapetas onde as haxa cando hai que turrar polo apelido da famiglia e cuxos ouveos apoiados por altofalantes aínda zoan nos meus oídos.

Quedo con esta imaxe final dun Gonzalo exultante, pleno, co triunfo esculpido nese puño en alto e o berro da victoria inmortalizado para anos vindeiros. ¿Conservará aínda aquel asubío de barro que lle regalei co que imitabamos o chío dos paxaros?

162-gonzalo-3.gif