Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Lerias

Terapia vacúa

xosi 14/10/2008 @ 13:42

289-vaca.gifHai pouco, souben dunha nova atroz para a miña tribo. O caso é que a alguén moi achegado, que canda neno me collía no colo para cantarme “La vaca lechera”, lle veñen de diagnosticar a enfermidade de Alzheimer, esa doenza que estoupa nun e se leva canda si a media familia coa onda expansiva.

Cando levaron a este ser querido á consulta médica, o doutor pediulle que lle escribise nun papel unha frase, calquera cousa. No intre en que o puño comezou a deslizar o bolígrafo, estaba moi seguro do que facía. Escribiu: “O que quere leite e queixo, ten que ter vacas”. A receita para combater o mal foi tallante: prohibíronlle á familia do doente que lle vendesen as tres vacas que lle quedaban, o epígono dunha facenda que durante décadas veu roldando a vintena.

Así que este home, na fase inicial do seu Alzheimer, leva todos os días ás súas vacas a pacer e con elas volve a casa á noitiña, por prescrición médica. É unha maneira de ser en perigo de extinción neste primeiro mundo tan tecnoloxicamente avanzado. Lémbrame unha das imaxes máis impresionantes das que teño oído falar, correspondente a unha experiencia vital de José Saramago. O Nobel portugués lembra, de cotío, como a seu pai, gravemente enfermo, o mandaron ir para o hospital. Con esa intuición que só ten algunha xente vella, o patriarca dos Saramago, antes de subir na ambulancia, e certo de que aquela era a última ocasión na que vía a súa casa e as súas leiras, entre saloucos, abrazou unha por unha a todas as froiteiras que tiña. Supoño que iso é, realmente, vivir ligado con raíces inquebrantables á terra, formar parte dela coma un carballo ou a carriza, algo que moitos dos que estendemos os nosos sentidos a través do teclado dun computador dificilmente chegaremos a sentir.

A cultura como abismo

xosi 08/10/2008 @ 08:47

286-exposicion-libros-fantasticos.gifEstes días, o Breixo e máis eu visitamos a Biblioteca de libros fantásticos, unha deliciosa e alucinante colección de medio cento de volumes que Carme Domech, da Compañía de Títeres Cachirulo, vén atesourando dende 1986. Paga a pena demorarse na historia que cada un destes singulares códices nos ten que contar, gorentar quintais de imaxinación libresca esculpida, liberar á nosa fantasía como un antídoto eficaz contra a mediocridade e idiotez coas que tan de cotío tropezamos.

285-libro-abismo.gifXa sabedes que non gusto de rebentar praceres coma o devandito. Por iso, nesta entrada só ides ver dúas fotografías da exposición e un pequeno comentario sobre un dos volumes da mostra. En concreto, chamoume a atención un que ía acompañado do breve texto “O señor X está a piques de comprobar que a cultura é un pozo sen fondo”. O libro en cuestión tiña escavado un burato no curruncho inferior dereito. Ao seu carón, asomaba un homiño case que tímido de tan esguízara constitución, como debaténdose no dilema de guindarse ou non ao abismo.

Lembroume ao protagonista da novela Auto de fe, de Elias Canetti, o profesor Kein, un home “todo cabeza e sen corpo”, obsesionado co desexo de lelo todo e que rematou consumido no monumental e simbólico incendio da súa biblioteca de cen mil volumes. Lembroume tamén a imaxe dun Xosi novo, que tiña á cultura pola cultura como ideal, que se obrigaba a devorar infinidade de lecturas –nomeadamente as máis reputadas polos críticos e as enciclopedias de literatura- co degoiro de encher con datos e máis datos a mente non se sabe moi ben por que, se cadra na procura dunha sabedoría que resultou ser falaz.

Ambos casos son semellantes, aínda que o meu particular resolveuse o día que descubrín que os lectores tiñamos dereitos (recompilados en Como unha novela, de Daniel Pennac, en Edicións Xerais); e que, aínda que non valese tanto para fachendear, gozaba infinitamente máis lendo a Michael Ende ou a Tolkien que a Ezra Pound ou a William Blake. Foi como recoñecerlle todo o valor a aquel neno de dez anos que se aventuraba na biblioteca do seu barrio de Barcelona, sen ningún tipo de referencia cultural, sen ningún tipo de incitación adulta, e se deixaba engaiolar por autores como Poe, Conan Doyle, Leroux, Stevenson, Agatha Christie, Stoker, King, Asimov, Verne ou Salgari.

Se cadra, por iso me dá a risa ao escoitar falar de campañas de incitación á lectura ou de fenómenos como a literatura infantil e xuvenil. De seguro que non serían necesarias se non potenciasemos ad infinitum tantos velenos letais para a fantasía e a capacidade natural de marabillarse dos nenos, se non os forzasemos tanto a seren dende o berce candidatos a profesor Kein; candidatos a sabichóns sabelotodo para facer da escola unha Operación Triunfo para ver quen é o máis listo e quen ten máis posibilidades de ser alguén de proveito o día de mañá; candidatos a guindarse de cabeza nun sistema cultural que, en efecto, pode acabar sendo un abismo sen retorno. Sería por iso que estes días, en troques de forzarme a ler determinados poetas e literatos de referencia, estou a voar con Harry Potter dacabalo dunha Nimbus 2000.

288-nimbus-2000.gif

A disputada nacionalidade do señor Lariño

xosi 07/10/2008 @ 09:07

283-david-larino.gifEu, que non me prezo de ser seguidor da prensa deportiva, veño de descubrir que, por un día, o xadrez logrou eclipsar ao amago de tendinite dun anónimo xogador dunha das nosas equipas da Segunda B de fútbol. E non é para menos. Un muradán da parroquia de Esteiro, David Lariño, vén de facerse co campionato de España absoluto de xadrez aos seus 19 anos. A cousa ten tanto mérito como ter deixado no camiño do torneo ao sete veces campión de España e Grande Mestre Internacional, Miguel Illescas.

284-david-larino-neno.gifLembro que a miña muller xa me falara del, cando aínda era un rapaciño que ía co seu pai petando nas diversas portas da administración para acadar financiamento á súa carreira deportiva. Como vén sendo un triste costume nesta nosa terra, David Lariño tivo que ir gañar os garavanzos fóra, ao ser fichado polo Santa Ana, un club de xadrez de Navarra que lle fixo unha oferta “imposible de rexeitar e que aquí, na Galiza, ninguén me fixera”. Iso si, nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia, Lariño recoñece botar de menos Esteiro, “onde aprendín a xogar cando con seis anos me puxeron un taboleiro diante”.

Precisamente, desta emigración deportiva saíu o titular desta entrada no blog. É curioso qué axiña se adoptan os fillos egrexios fóra da súa patria. Basta botar unha ollada aos xornais navarros e éuscaros para decatarse do que digo. Así, o Diario de Navarra titula a nova do seguinte xeito: “O navarro David Lariño se proclama campeón de España de ajedrez tras dos desempates”. O Gara vai máis alá e titula “El iruindarra David Lariño, campeón de España al ganar a Arizmendi”, e por se non quedou patente que os vascos son a hostia en todo, ata no xadrez, aclaran no primeiro párrafo que “El Maestro Internacional iruindarra David Lariño es el nuevo campeón de España de Ajedrez absoluto al vencer en la final al gran maestro valenciano de origen vasco, Julen Arizmendi”.

Agardo impaciente que a fulgurante carreira de Lariño nos brinde aos afeccionados algún día unha Apertura Muradá ou un Ataque Longueirón para refregarllos a algúns polos fociños.

Escusas e lixo

xosi 06/10/2008 @ 06:33

Creo que debo unha explicación aos seguidores deste blog. Supoño que moitos notariades que, nos últimos tempos, salvando o bo facer do Pedro Panduriño na serie H e na recentemente creada O pingüín magoado, a calidade dos textos publicados decaeu. Como para todo, hai unha explicación.

281-o-lume-dos-sonos.gifAntes de nada, confesareivos que a un servidor deulle e séguelle a dar pola teima de escribir historias. As circunstancias da vida, os traballos e as obrigas, fixeron que esa entrega á creación literaria fose máis que irregular, tanto que nos últimos anos transformárase nunha auténtica travesía polo deserto que deu os seus froitos na carreira xornalística. De antes dela, ficaron dous títulos publicados que mereceron cadanseu premio literario: o Letras de Cal por Presencia da fenda, asinado por Xosé de Cea; e o Meiga Moira por O lume dos soños, desta vez asinado por Cibrán Ulloa. Nin que dicir ten que ambas sinaturas son pseudónimos.

A paternidade obrigoume a deixar o traballo, polo que o degoiro de volver soñar a través dun teclado retornou con forza. Mes tras mes, dende que comparto case as vintecatro horas do día co meu fillo Breixo, veño prometéndome que, en canto vaia á escola (será dentro dun ano), penso permitirme o luxo de ceibar sobre o papel unhas cantas ideas desas que obsesionan a un ata que non se ven plasmadas en tinta. Pero como se trataba diso, dunha obsesión, de moitas obsesións, ao final a cabra tirou ao monte e non din aturado.

Para min o blog era como a metadona da escrita, algo que saciaba o meu apetito inmediato por meterme cousas máis fortes. Mais, dende o 1 de setembro, volvo estar enganchado á escrita literaria, e o meu tempo libre está a ela dedicado. Velaí a razón pola os meus textos no blog escasean en calidade e frecuencia. Entre o Breixo e a historia que ando a escribir ás penas hai ocos para outra cousa.

Así e todo, tomeille tanta estima a este blog que vou seguir debullando os miolos nel, aínda que sexa de maneira mediocre e marxinal. Tedes que desculpar se boto todos os meus azos en parir un novo fillo, este de letra e soños impresos.

282-harry-potter.gifCon esta confesión publicada, estou agora mesmo en condicións de dicirvos que, a partir de agora, se cadra mato dous paxaros dun tiro falándovos de como vai o proceso creativo e, como non, das miñas alucinantes viaxes como lector. Porque veño de recuar un cuarto de século na miña mente e volvo ser ese neno que se marabilla con certas lecturas das que darei cumprida conta e que pouco ou nada teñen que ver co serio e aburrido mundo dos adultos; porque veño de rematar a cuarta entrega de Harry Potter e estou como se esnifase un quintal de ilusión e abraio, de marabilla sólida, de sentida admiración; porque estou posuído por unha historia que, paseniño, vai tomando forma, corpo, solidez, coma se todos eses anacos que estou a empatar xa estivesen a prefigurar a contorna do meu particular monstro de Frankenstein, un monstro aínda por construír, aínda pendente de que lle insuflen vida, aínda á espera de que a toda esa amalgama mal empatada e tremente lle apliquen unhas severas cirurxías plásticas para que ninguén se asuste ao topar con ela e, se cadra, teña a capacidade de seducir a quen a vexa.

Aprendida a lección que sufriu nas carnes o amigo Eduardo Estévez, non vos adiantarei nada do que estou a escribir mais, de cando en vez, si de como vai o proceso creativo, de como me enfronto a certas pantasmas como a inseguridade ou o sono; de como se produce, a pesares de todo, o milagre cada madrugada. Se tedes a paciencia de seguir a aturar a quen isto escrebe, seguiremos compartindo bos intres diante da pantalla do ordenador. O de lixo non é que me estea a fustrigar; é o nome dunha nova sección neste blog que responde ás iniciais de Literatura Infantil e Xuvenil mesturadas coa primeira sílaba de Xosi. Xa que logo, e feitas as aclaracións que cumpría facer, deica.

Os ionquis do catarro

xosi 17/09/2008 @ 06:32

266-heroin.gifTiña ganas de escribir algo máis sobre a filantropía empresarial da multinacional alemana do sector químico Bayer, que ten deixado legados tan egrexios para a humanidade como o campo de exterminio de Auschwitz, o Zyklon B ou o gas mostaza. Antes desa sacrificada voluntariedade a prol da industria da guerra e do ascenso do nazismo, Bayer patentaba dous fármacos que, en distintos eidos, habían ser revolucionarios. Un deles, por todos coñecido, é o ácido acetilsalicílico, que comezou a comercializar baixo o nome de Aspirina en 1899 e que catapultou a esta industria ao estrelado do firmamento capitalista (pensemos que, na actualidade, no mundo consúmense uns 100.000 millóns de comprimidos de Aspirina cada ano; iso ten que deixarlle unha pasta gansa á empresa xermana, va que si?).

Mais é o outro achado da Bayer o que agora me interesa, o do xarope de Heroína contra a tose. En efecto, a Bayer lanzou ao mercado, once días despois que a Aspirina, un xarope doutro dos seus inventos rexistrados, un derivado da morfina que bautizou como Heroin. O xarope de Heroina quitábache a tose, madia leva. O simpático do asunto é que, para máis inri, as fortes campañas publicitarias de Bayer ían dirixidas a fomentar o seu consumo nun público infantil, se cadra máis propenso a pillar catarros e máis sensible aos seus síntomas. E así estiveron tres lustros, vendendo o xaropiño a mancheas, ata que en 1913 caeron da burra e se decataron de que a Heroína se metabolizaba no corpo como morfina e era máis aditiva ca esta última.

268-xarope-heroina.gifNo inverno de 1912, os xornais españois servían de taboleiro de anuncios para promover o fármaco milagreiro. Resúltame particularmente revelador o anuncio no que se ve a un neno tentando arrebatarlle á súa nai a botella de xarope, cal párvulo ionqui, con gravata e raia á esquerda dun cabelo impecablemente peiteado. Supoño que este tipo de publicidade, moi orientada a espertar o temor da xente na invernía e no tempo chuvioso, debeu ter especial impacto na Galiza. De feito, o tal medicamento aconsellábase como preventivo para que se consumise antes mesmo de estar un acatarrado. De seguro que, cando se deixou de comercializar, en Europa habíase producir unha vaga de nenos e non tan nenos lapidados baixo os síntomas dun agudo síndrome de abstinencia, que ven durando uns oito días. Miles de persoas deberon pasar unha semaniña infernal no vello continente e ficar cun sentimento de fondo desamparo ao matinar en como sería un inverno sen ter nada para calmar a tose.

271-ionqui-vertical.gifO tema resultaríame gracioso se non tivese tropezado tantas veces nos cráteres deixados pola artillería das drogas, se non me tivese cribado a alma en tantas ocasións a súa metralla, se non tivese visto tantos cadáveres derreados a desintegrarse gume abaixo da navalla en que deviñera a súa vida, se as bágoas que me ten tirado dos ollos non queimasen tanto no rostro descomposto pola dor. Cun pouco de imaxinación, poderíanse facer bos chistes a conta do ditoso xarope. Mais un prefire calar cando, segundo un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) do ano 2000, hai no mundo oito millóns de consumidores habituais de heroína. Se a esta cifra engadimos as vítimas resultantes da delincuencia, da transmisión de enfermidades como a Sida, ou da violencia das mafias e do crime organizado que se asocian a esta droga; a Auschwitz, ao Zyklon B e ao gas mostaza non lles quedaría outra que recuar no podio das armas de destrución masiva ideadas, fabricadas e xestionadas pola Bayer ao longo da súa fecunda historia.

267-ionquis-sur.gif

Que ben me sabe a mazá do outono!!

xosi 14/09/2008 @ 23:04

262-abella-na-lavanda.gifAí vai o verán. Pasou. Eu son dos que sinto o paso das estacións, é dicir, que máis ca por unha data, percibo esa transición por un sentimento. Para min, o verán remata cando finou ese tempo de esmorga, de horarios descontrolados, de viños diarios, de calendarios cribados de festas, de calor abafante, de conversa delongada na terraza dos bares. A primeiros de setembro, volvín someterme á disciplina de madrugar para escribir, volvín ter un horario regular nos meus quefaceres domésticos. Ademais, acompañou unha máis que apreciable baixada da temperatura. É dicir, chegou o outono. Desta vez, adiantado.

Normalmente, a min ese outono sentimental chegábame ao pasaren as festas de Palas (14 de setembro) e o San Caralampio (segundo domingo do mesmo mes), últimas escusas para botarse ao monte da troula antes da costa abaixo cara á invernía. Por azares do calendario gregoriano, neste 2008 cadraron ambas festas na mesma data, polo que as saquei de enriba dunha tacada. Ademais, substituír o Caralampio polo xantar familiar na casa paterna fixo que non se rompese ese outono sentimental iniciado a comezos de mes.

264-couselos.gifConfeso que o outono é a miña estación preferida. Se cadra, por esa volta á orde, por esa vida monástica nas formas, por ese clima de entretempo tan levadío e agradable, por eses ceos que tenden a inflamarse de espectaculares dourados e contraluces fascinantes, tamén polos cogomelos, polas castañas e as brasas nocturnas nas que se asan, por esas potaxes quentiñas que tan ben sentan cando un comeza a ter un pouco frío, polas primeiras bafaradas de lume no tiro da cociña económica, por esa madureza cósmica que todo o contaxia e que te enche de plenitude antes da retirada cara aos cuarteis de inverno.

Benvido, xa que logo, meu outono. Douche a benvida cun par de imaxes tomadas en pleno verán –uns couselos e unha abella nun macizo de lavanda-, nesa orxiástica eclosión de vida que supón o estío e que deixa as bases sentadas para facer de ti unha mazá madurísima quen de encher a alma dunha soa mordedela.

265-cogomelos.gif

Nas ás da liberdade (e 3)

xosi 08/09/2008 @ 10:11

252-saint-exupery-1.gifO 31 de xullo de 1944, Antoine de Saint-Exupéry partía do aeródromo de Borgo, na illa de Córcega, a bordo dun Lightning P-38. Ía en misión de recoñecemento, a recompilar información de cara aos preparativos do desembarco aliado en Provenza. Ao cabo dunhas horas, o radar perdía o rastro do avión. Hai dez anos, en 1998, achábanse os restos do aparello e unha pulseira de prata do escritor nos fondos do mar de Marsella. Tardaríase outra década, nembargante, en descubrir a causa da súa morte. Foi o pasado marzo cando o piloto alemán Horst Rippert, aos seus 88 anos, declarou: “Poden deixar de buscar. Fun eu quen abateu a Saint-Exupéry. Foi despois cando souben que se trataba do escritor. Eu agardaba que non fose el, porque na nosa mocidade todos leramos os seus libros e adorabámolos”.

254-saint-exupery-3.gifSe lle puidesemos preguntar a Saint-Exupéry sobre a súa morte, de seguro que non lle había gardar rancor a Rippert. Sabía onde se metía, falara demasiadas veces con ela, coa morte, como para non saberes que era unha pretendente teimuda que non o había deixar escapar de xeito doado. Xa bailaran xuntos en 1935, cando tentaba bater o récord no traxecto París-Saigón e caeu no deserto de Libia (sóavos a escena?); ou cando no raid Nova Iorque-Terra de Fogo se estrelou en Guatemala. Era un home de acción, consciente de selo. Se no intre de estar precipitándose cara ás augas algún deus ou anxo lle ofrecese recuar para levar unha vida máis repousada e menos arriscada, de seguro que negaría o ofrecemento. Morreu como quixo. De seguro que antes do que quixese, pois a vida éralle algo tan caro e intenso que non se había querer zafar da súa aperta tan axiña. Pero para Saint-Exupéry, a peor morte tería sido a de vivir en contra dos pulos do seu corazón.

255-exupery-4.gifEses pulos foron os que fixeron do autor de O principiño un dos pioneiros da aviación civil, paixón, esta de voar, que lle viña da infancia, dende o día que montara nun avión, con doce anos, para, pouco despois, construírlle unhas ás de tea á súa bicicleta. Como Elixio Rodríguez e como Roald Dahl, Saint-Exupéry enrolouse no exército para dar renda solta á súa paixón polas alturas. Despois, gañaría a vida como piloto civil –en Francia, África e Sudámerica- daquela unha actividade case que heroica polo primitivismo dos instrumentos de navegación con que contaban os avións; e porque non partías con cartas aéreas, senón que as trazabas ao tempo que voabas. Boa parte da obra  de Saint-Exupéry está ambientada, precisamente, neste mundo e, a pesares do éxito á hora de vender libros, o home porfiou en levar unha vida sempre escorregando polo gume da navalla.

256-vol-de-nuit.gifQuixen rescatar para este artigo un texto extraído de Voo de noite (Vol de nuit, traducido ao galego por Valentín Arias e publicado en Xerais). Nel atopamos a Fabien, un deses heroes anónimos que se dedicaban a abrir liñas aéreas, neste caso na Patagonia, polos camiños virxes do ceo. Fabien atópase nunha situación límite. É de noite, o indicador de combustíbel xa hai tempo que pasou do punto de non retorno. Unha treboada fai que a visibilidade sexa nula, polo que é imposíbel aterrar. Fabien remonta os nuboeiros ata pórse por riba deles e contemplar, cara a cara, o firmamento. “Desatáronse as súas cadeas, coma as dun preso que se deixa marchar só, algún tempo, entre flores.

«Demasiado fermoso», pesaba Fabien. Erraba entre as estrelas acumuladas coa densidade dun tesouro, nun mundo onde nada, absolutamente nada, fóra del –Fabien- e mailo seu compañeiro, había vivo. Semellante a eses ladróns de cidades fabulosas, emparedados na cámara dos tesouros, de onde non saberían saír. Errantes entre pedrería xeada, infinitamente ricos, pero condenados”.

Iso é liberdade, ser quen de contemplar a beleza aínda que a señora morte insista en sacarte a bailar. É un xeito de vivir como un quere sen que a ameaza última e definitiva sexa quen de arredarte do camiño elixido. Rematemos cun dos poemas máis fermosos que se teñen escrito en calquera lingua e que, sen dúbida, serían un precioso epitafio na carlinga dese Lightning P-38 mergullado nas augas do Mediterráneo. Escribiuno Thomas Stearns Eliot, aló polo 1920, forma parte da súa mítica obra The waste land, e leva por título A morte pola auga. Podédelo gozar na pioneira tradución feita por Álvaro Cunqueiro ao galego en Flor de diversos (Editorial Galaxia):

A morte pola auga
 
Flebas o fenicio, morto fai dúas semáns,
esqueceu o berro das gueivotas, e o mar de fondo
e as ganancias e as perdas.
                 Unha corrente submariña
os seus ósos recolleu en segredo.
Flotando e caíndo
pasou tódalas etapas da súa idade e mocidade
entrando no remuíño.
                  Xentil ou xudeu,
ouh ti que levas o timón e ollas a barlovento,
lémbrate de Flebas, quen unha vez foi fermoso
e alto coma ti.
253-saint-exupery-2.gif

E Deus marcouse un só de batería

xosi 03/09/2008 @ 08:58

Aconteceu o 29 de agosto, cara ás oito do serán. Breixo aínda estaba a durmir a sesta. Arroiaba de trebón, cando, de súpeto, comezou a escoitarse un estrépito in crescendo que derivou nunha especie de terremoto co epicentro na troposfera. Antes de ver as pedras de sarabia do tamaño dunha pelota de pimpón pensei: deulle a Deus por marcarse un só de batería no tellado da miña casa. Nin que dicir ten que tan divino como estrondoso baqueteo fixo acordar ao neno. Xuntos contemplamos, a través da ventá e cun pouquiño de medo, como o meirande dos fenómenos mundanos, a pesares das nosas elucubracións esotéricas e metafísicas, acaban tendo unha explicación científica.

251-sarabia.gif

Cultura prostibularia

xosi 01/09/2008 @ 06:23

250-pen-club.gifPerdede coidado. Non é que me dese por desguedellarme estas vacacións e frecuentar lupanares, serrallos ou outros eidos de desenfreada e ubicua concupiscencia. A fotografía tomeina en xullo, cando viña de volta do concerto de Scott McKeon e Jonnhy Winter en Pontevedra. Chamoume a atención por coincidir o nome do antro co da asociación mundial de escritores creada en 1921 por Catharine Amy Dawson Scott. Polo Pen Club Internacional teñen pasado nomes tan sobranceiros como Joseph Conrad, George Bernard Shaw, H. G. Wells, Arthur Miller, Vargas Llosa ou Thomas Mann; e a el pertencen , hoxe en día, máis de 15.000 poetas, narradores e ensaístas de todo o mundo, que teñen á súa disposición 138 centros en 98 países. Entre outros atributos, o Pen Club é o único colectivo autorizado a facer proposicións de candidaturas para o Premio Nobel diante da Academia Sueca. No noso país, esta asociación está capitaneada por Luís González Tosar e Helena Villar. Supoño que o fulano que rexenta o Pen Club da fotografía non coñece á nosa parella literaria e nin sequera pensaba en plumas e bolígrafos cando bautizou o chiringuito. Estou convencido de que había ter intencións máis prosaicas cás de Dawson Scott cando cortou a cinta inaugural (de seguro que se pides un francés, un grego ou unha cubana, non che van recitar versos de Baudelaire, Kavafis ou Loynoz), mais, sen querelo nin bebelo, fundou, que eu saiba, a única sede física que ten, a día de hoxe, o Pen Club en Galiza. ¿Admitirana como a 139 do nonaxésimo noveno país?

A culpa é do San Roque

xosi 18/08/2008 @ 09:12

pechado-por-vacacions.jpg