Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Lerias

Sete meses en papel de embalar

xosi 07/04/2009 @ 08:45

335-paquete-xerais.gifVelaí as esperanzas empaquetadas tras sete meses de intenso traballo. Hai unhas semanas, rematei o cuarto borrador da novela que comecei a escribir a primeiros de setembro do ano pasado. No paquete que vedes na imaxe, hai varias copias. Supoño que me han cobrar en Correos un bo pastón cando o envíe. Destino: un concurso literario. Sempre dixen que isto dos concursos literarios é unha lotería cara. A participación adoita a ser moi restrinxida, tan só unhas cantas ducias de concursantes entre os cales estará o afortunado ou a afortunada. Entre copias, encadernacións e gastos de envío, a cousa non baixa dos 60 euros, aos que habería que engadir os desvelos e horas investidos en plasmar en letra un soño, e tamén os gastos de documentación (viaxes, libros, etcétera).

Unha lotería, se cadra, demasiado cara, pero inevitable. No meu caso, cando me lanzo a executar un proxecto literario, fágoo porque hai algo dentro de min que me impele a iso, unha forza incontestable que ten a forma dun proído insistente na conciencia, que che fustriga os pensamentos a todas horas ata que aceptas botarlle coraxe para comezar a escribir. Entón, dende o intre que redactas a primeira liña, ese proído desaparece e é substituído por unha tensión permanente, unha tensión que che obriga a seguir cara a adiante e que non desaparecerá ata que remates de corrixir a última palabra do último borrador. No meu caso foron sete meses, durmindo pouco máis de cinco horas cada noite por ter que erguerme ás sete da mañá para plantarme diante do procesador de textos a picar palabras, frases, parágrafos. E todo, se cadra, para que nin sequera che publiquen o que escribiches...

Cando rematas, o que sentes é alivio, un gran alivio, como se a vida e os seus pequenos detalles volvesen nacer para ti con enteira liberdade para ser gozados, como se volveses ser dono do teu tempo e tiveses capacidade de elección para facer con el o que ben queiras. Non é que antes non puidese facer o que quixera, dentro das miñas limitacións; mais a tensión da que vos falei estaba aí día tras día, como se a miña existencia fose un algo incompleto que cumpría rematar, coma se, levando unha vida perfecta, aparecese de súpeto un chantaxista a extorsionarte, a esixirche cada día un pequeno tributo.

As présas fixeron que saltase unha fase fundamental no pulido dunha obra literaria, isto é, a correspondente a deixar o orixinal en repouso un par de meses. Tras ese tempo, un pode volver ao escrito con certa distancia, coma se fose unha obra allea, esquecida. Dese xeito, decátaste de erros que non podes ver cando estás demasiado implicado co texto. Esa fase complétase co sometemento do escrito á lectura de persoas alleas, de tres ou catro lectores avezados e amigos que teñan a suficiente confianza contigo como para dicirche que o que escribiches é pouco máis ca unha merda espetada nun pao, ou para recoñecerche que os esforzos pagaron a pena, que a historia non está mal, pero que se pode mellorar aquí, aló ou acolá.

En calquera caso, foi un remate de etapa. Así, dun día para outro, atópome con Breixo na gardería e sen a tensión e esixencias de ter un proxecto literario entre mans. O primeiro que fixen foi ir mercar uns tenis para correr, para volver correr, para sentir o vento como a aperta dun familiar afastado e querido ao que facía anos que non vía. As zapatillas teñen amortecemento extra para corredores con exceso de peso. Vou ver se, de aquí en diante, dou sacado tempo para recuperar algo da pouca forma física que algún día tiven. O certo é que levo catro anos de militancia inactiva na vida sedentaria, un por lesionarme o xeonllo dereito (o culpábel foi San Caralampio e, en concreto, os Festicultores) e outros tres por ter que axeitar o meu paso ao de Breixiño.

Se cadra, o peor de todo, é que xa estou comezando a sentir o proído por novos proxectos literarios. E, cando caia de novo, outra vez a empezar...

Que a forza te acompañe!

xosi 01/04/2009 @ 06:42

Hoxe levei ao Breixo por primeira vez á gardería. Decidímonos por fin, si. El estaba pedindo a berros poder pasar parte do seu tempo con outros nenos e non sempre con adultos. Eu clamaba por ter esa horiña libre na que desexas facer tantas e tantas cousas que, cando tes que coidar dun cativo, non podes facer e que, de cotío, acaba por non chegar a nada.

Mais, velaí, a realidade é caprichosa e sorpréndete cando menos o agardas. No intre mesmo de deixar a Breixo na gardería –víase que quedaba ledo-, en canto me puxen de novo ao volante do coche, invadiume unha forte ansiedade. Tiña ganas de chorar, e non son deses moi dados ao pranto fácil. Cando cheguei a casa foi peor. O baleiro que sentín case me esmaga. Si, a casa estaba baleira, morta, un cadáver de ladrillos e vidro sen forzas sequera para ampear. O silencio que tanto adoraba cando Breixo durmía ou estaba fóra, tornóuseme agora un réquiem mudo.

Asegúrovos que non contaba con sentir todo iso. Máis ben pensaba nun panorama fresquiño, na posibilidade de volver practicar algo de deporte, de ter máis tempo para min e para facer da nosa casa un fogar habitable. Pero cando levas tres anos, día e noite, a carón dun ser, por moitas rabechas que che dea, por moito que te amole, metelo nas engrenaxes do sistema educativo foi coma se me arrincasen un anaco de min mesmo. Non sentín nada semellante nin sequera nas fins de semana que din escapado só de Melide para ver a Roger Waters en Barcelona, ou para visitar o Museo da Minería de Asturias de cara a documentar a novela que andaba a escribir. Nembargante, sentino agora, aínda sabendo que, por ser o primeiro día, só ía deixalo na gardería unha hora para que se fose aclimatando. Máis rápido có meu raciocinio, o corazón reveloume que comezaba unha nova etapa, e que con ela iniciábase un afastamento gradual, longo pero ineluctable, dese meniño co que compartín practicamente todas as horas dos últimos tres anos. O paxariño xa teima con bater ás na vida.

Non quero rematar este post sen compartir unha de tantas lembranzas marabillosas da nosa vida a carón de Breixo. Aconteceu o pasado domingo, cando viñamos de cear na casa de meus pais, en Palas de Rei. Á saída da vila, parounos un control da Garda Civil. Era de noite, e o axente indicounos que estacionásemos xunto á cuneta coa guía luminosa que empuñaba na man. En canto abrín a xanela para atendelo, Breixo berrou: “¡Unha espada láser!”. Nin que dicir ten que estes días anda a ver algunhas secuencias de Star Wars. A referencia venme ao pelo para dicirlle: “Meu rei: Que a forza te acompañe!”

334-luke-skywalker.gif

Audacia ou estupidez?

xosi 12/02/2009 @ 10:08

Pretender ser escritor, vivir da literatura, cando un está a piques de chegar aos corenta, ten un aquel de todo ou nada. Aí estou eu, vítima propiciatoria para o desánimo, para a desorde mental coa dúbida como detonante, para obrigarme a facer de cada movemento vital un acto de fe. Non hai día en que non poña en tea de xuízo a decisión tomada, porque se fracaso, o que acontece no 99’9% dos casos de xente que cometeu a estupidez que eu agora cometo –a de pretender vivir da escritura- atopareime nesa idade na que só es borralla para o mercado de traballo, na que es pouco máis ca nada, un opositor a cincuentón cuxa data de caducidade pasou hai tempo.

329-goldfish.gifFe. Cómpre moita fe. E alicerces fortes, como unha familia que respecte esa fe ou amigos que crean en ti máis do que ti mesmo cres. A min pasoume onte pola noite, de viños co Panduriño. Sen saber moi ben como, a conversa recalou nun cómic que ambos adoramos: Goldfish, de Brian Michael Bendis, unha obra mestra do xénero negro. O devandito vén a conto porque o meu amigo lembroume, nun intre no que cumpría lembrarmo, unha viñeta na que se pode ler unha cita de Goethe pintada na porta dun váter público. A cita ten un efecto contundente no protagonista do cómic, tan contundente como o tivo en min en canto cheguei a casa e lle botei un ollo. Agardo, nembargante, un mellor final para a miña historia có do protagonista. As palabras, de Johann Wolfgang Goethe, son as seguintes:

330-goethe.gif“Ata que un se decide, existe a dúbida, a posibilidade de botarse atrás, a ineficacia concernente a calquera iniciativa (ou acto de creación). Existe unha verdade elemental, a ignorancia da cal aborta incontábeis ideas e plans espléndidos: no intre que un se compromete, entón o destino se pon en marcha e todo tipo de cousas ocorren para complementar a outra que non tivese acontecido doutro xeito. Unha serie de acontecementos despréndense da decisión, poñendo ao noso favor todo tipo de efectos e axudas inesperados. Todo o que poidas facer, ou imaxinar que poidas facer, faino. A audacia posúe xenio, é poderosa e máxica. Comeza agora”.

Audacia sen estupidez. Se a cousa falla, teño un plan B...

328-goldfish.gif

O boneco de neve

xosi 20/01/2009 @ 18:25

310-bisbita-comun.gifÉ raro que a neve, coa súa capacidade de cegar a visión, non deixe gravada na retina algunha que outra imaxe para a lembranza. Eu, das folerpas deste inverno, e axudado pola tecnoloxía dixital, tirei unhas cantas.

O paxaro que aí vedes é un bisbita (Anthus pratensis) que, do mesmo xeito có pardal, fica en casa no máis cru do inverno en troques de emigrar ao Mediterráneo ou ao trópico. Non vos vou amolar con iso dos proídos nómades nin con pardais con alma de andoriña. Pero hai que recoñecerlle o mérito ao fulano –os paxaros non só senten frío, senón que, ademais, a neve cégaos cousa fina-, pescudando cos ollos pitoños de tanto resplandor por ver se atopa algunha miñoca ultraconxelada para levarlle á familia.

311-o-boneco-de-neve.gifA outra imaxe é o cumprimento dunha promesa. Este Nadal, os reis magos trouxéronlle ao Breixo un libro titulado O boneco de neve, de Raymond Briggs, un clásico que se publicara por primeira vez en España en 1978 e que agora rescatou Edicións La Galera do baúl dos recordos. O libro narra en forma de banda deseñada, sen unha soa palabra, a amizade que xurde entre un boneco de neve e un neno. Trátase dunha obra exquisita, cuns debuxos e unha historia que invitan a marabillarse e que é quen de engaiolar a calquera neno.

No noso caso, son eu quen lle pon as palabras ao cómic cada vez que llo leo a Breixo (dende o 6 de xaneiro, un par de veces diarias). A maiores, tamén bautizamos aos personaxes do libro, pois, amais da mudez, padecen o seren seres innominados. En fin, un artefacto para facer traballar o maxín, como debe ser. O caso é que meu fillo decidiu poñerlle Breixo de nome ao neno do conto. Deste xeito, ¿que outra cousa podía facer diante da primeira nevarada?

309-breixo-na-neve.gif

Coroa de espiñas para Gaza

xosi 13/01/2009 @ 18:05

307-coroa-de-espinas-para-gaza.gif

Non é de agora. O pobo palestino leva décadas sendo tiroteado, metrallado, bombardeado, crebado, torturado, esventrado, esnaquizado. Calquera participio é bo para o pobo de Israel se contribúe á aniquilación desa espiña cravada no seu territorio mercado a golpe de talonario e bombas terroristas (en efecto, os terroristas eran eles, cando devecían por facerse cun anaco da terra que lles prometera Deus, que daquela estaba baixo protectorado do Reino Unido por mandato das Nacións Unidas).

Confeso que non estou a ver os noticiarios que falan do enésimo xenocidio contra o pobo palestino. Poderiamos chamalo holocausto tamén, esa palabra que din con tanto orgullo e solemnidade os israelitas. Non, non sigo as novas das atrocidades do exército sionista. Os procesos creativos son así. Asolagan a un, inocúlanlle un virus que provoca ataques agudos de solipsismo, de cerrazón sobre un mesmo, aconchegándoo nun universo persoal e intransferible do que, mala ou boa, acabará abrollando unha obra de arte.

De cotío, sinto vergonza de min mesmo, vergonza de vivir arrodeado de tanta opulencia, vergonza de ter o frigorífico a rebentar, de ter a casa quente mentres can xeadas de órdago aí fóra, vergonza de que no meu xardín chova ácido de Meirama e non obuses, vergonza, ao fin e ao cabo, de ter a tranquilidade e o tempo necesarios para escribir narrativa nestes tempos endiañadamente inhumanos. Vergonza, quero dicir, de escribir literatura mentres miles de seres humanos son sacrificados no altar bestial da guerra, da inxustiza, da fame.

Por iso quixen que este amencer, capturado na última nevarada que vivimos aquí en Melide, non fose unha lambonada máis para estetas, non fose obra de Eos a dos dedos de rosa, senón un carneiro degolado polo bronce ensanguentado de Ares, da metralla homicida de calquera exército esgazando a carne viva dun ser inocente. Unha coroa de espiñas para Gaza.

308-palestina.gif

Pardal con alma de andoriña

xosi 05/01/2009 @ 08:07

305-pardal.gifOnte tiven ocasión de botar unha parola co pardal (Passer Domesticus) que vedes na imaxe. Comeza a ser un visitante asiduo do xardín, como a parella de colirroxos da que xa vos teño falado. Ambas especies son sedentarias, de niño fixo. Quedan facéndonos compaña no máis cru do inverno mentres moitas das súas conxéneres danse a boa vida en terras cálidas, como as andoriñas (Hirundo Rustica), que nesta época andan pola África tropical.

Botei a parola co pardal porque eu, ao fin e ao cabo, son tan pequenoburgués coma el. Coa casa nidificada con poliñas de esforzo e xuros de hipoteca, cos pés botando raíces nesta Terra de Melide que me acolleu, gardando a calor do fogar para que os meus non pasen frío, botando horas na cociña para facer do alimento unha festa á que tivemos o privilexio de ser convidados.

Así e todo, segue a rillar dentro miña un proído nómade, unha arela por coñecer eidos estraños á miña percepción, novos aires e recendos, novos horizontes nos que esfarelar os sentidos. Se cadra son un pardal con alma de andoriña. Se cadra, no meu chío escóitase o Desaparecido, de Manu Chao, que di “Yo llevo en el cuerpo un motor / que nunca deja de rolar, / yo llevo en el alma un camino / destinado a nunca llegar”  

Un voo chárter para Eos

xosi 30/12/2008 @ 00:07

304-roiben.gif

Sempre me sentín fascinado por esa terra de ninguén que son o amencer e o solpor. Se cadra porque son libra, porque sempre ando buscando o equilibrio e fuxo dos extremos, nin si nin non, poida, quizais. Non quero enlearme coa miríade de significados simbólicos que se lle poden tirar á alba e ao luscofusco. Son demasiados, todos os coñecedes ou, cando menos, os intuídes, e abondar no vox populi do noso imaxinario é un xeito de ser pedante á mantenta.

Quedemos, xa que logo, con todo o que ten de promesa o alborexar, esa ponte cara a luz, con toda a súa inxel beleza, e iniciemos un catálogo de amenceres que, con estas noites de xeada que están caendo en decembro vai nacer ben cargadiño.

O primeiro amencer do catálogo tivestes ocasión de velo hai pouco, tras una arañeira de cristal. O segundo tráiovolo hoxe para sacar a colación aos clásicos e a unha das palabras máis fermosas que pariu a nosa fala: roibén. Segundo o diccionario, o roibén é a cor de que se tinxen as nubes ao saír ou ao pórse o sol. O espectáculo é tan fermoso que o ser humano, dende o albor dos tempos, se deleitou con el. Unha das primeiras testemuñas escritas deste marabillarse diante da fastosa beleza do cosmos témolo na literatura da Grecia clásica, tan dada a render homenaxe aos seus deuses verso si e verso tamén. Así, no canto segundo da Odisea, Homero comeza falando de Eos, a que nace da mañá, a dos dedos de rosa”. Que metáfora tan brillante e bonita para definir á deusa da aurora. A dos dedos de rosa. O roibén. Homero tira desta imaxe unha e outra vez na Odisea e na Ilíada sempre que menciona o amencer. Eu captei, de mañanciña, a Eos, ao roibén, capturados no ronsel dun reactor. Eos deixou aparcadas as alas e colleu un voo chárter para ir abrirlle as portas do inferno a Helios. Unha maneira de dicir que, aínda sendo feos coma son os tempos que corren, existe a posibilidade de marabillarse, de contemplar a beleza cando e onde menos o esperas.

Inverno

xosi 02/12/2008 @ 09:41

298-araneira-xeada.gif

Como xa teño comentado neste blog, para min o cambio de estación non corresponde tanto cunha data, ou cos solsticios e equinoccios, coma cun estado de ánimo. As nevaradas destes días pasados, a primeira xeada caída xustiño esta noite, son indicadores para min de que o inverno xa chegou. O inicio do segundo borrador da novela na que estou investindo as miñas madrugadas reincide no mesmo.

A casa airéase menos. A calefacción está acesa máis horas para manter a calor. Cando abres a porta para saír á rúa, o contraste é tal que semella que te botas ao interior dun frigorífico. Ao regresar a casa, ao entrar e sentir a mornura gardada entre paredes, comprendes o significado da palabra fogar.

Hoxe, cando o sol estaba a espreguizarse polo horizonte e nós a encher o depósito cun bo almorzo, cachei esta imaxe. Unha arañeira conxelada. Metáfora da fotografía. Metafotografía. A cristalización dun estímulo visual para deleite permanente da vista. Un impacto de retina transformado en significante de si mesmo. Redundancia da beleza que se expresa tal cal é. Unha arañeira de cristal. Inverno.

Ola!

xosi 24/11/2008 @ 09:49

295-ferramentas-escritor.gifOla, meus. Xa había tempo que non botabamos a lingua a pacer, non si? Máis que escusarme, gustaríame contarvos algunhas cousas que pasaron nos últimos tres meses para que vexades en que andaba este escribidor de pacotilla.De primeiras, estiven de parto. O nome do fillo non o podedes coñecer aínda, mais sabede que tardou tres meses en ver a luz e pesou unhas 160 páxinas a dobre espazo escritas en tipografía Booq Antiqua de 12 puntos. A parir ese fillo dediquei este tempo límpido da madrugada que, ata había pouco, era territorio blogueiro. Velaí fica como recordo o instrumental do paridorio: un ordenador, unha cunca de te verde e un monte de diccionarios. Puntualmente, cada día ás sete da mañá, agardaban para axudarme a crear vida dende a lama informe da miña imaxinación. Así e todo, non está a cousa para botar bombas. Aínda queda moito traballo por diante ata o intre en que poida presentar ao neonato en sociedade.

Pois si. Agora debo comezar co labor documental, que me ha levar a terras de Asturias, e a case reescribir o borrador orixinal. Mais o peor está feito. Eu son daqueles aos que lles custa a dios y a su madre crear dende a nada. Unha vez feito o esforzo creativo, as correccións, mutilacións, engadidos e demais son coser e cantar. Ou, polo menos, deberían selo. Habémolo ver.Neste tempo de escritura, pasaron cousas que, noutras circunstancias, terían ocupado o seu espazo neste blog. Se cadra, máis adiante poida que me anime a falar delas. Agora, abonda con mencionalas.

293harry-potter.gifEn primeiro lugar, lin a saga enteira de Harry Potter, unha heptaloxía de máis de 4.000 páxinas que supuxeron para min un auténtico fito lector. Había moito tempo que non estaba enganchado a unha lectura de tal xeito, cunha dependencia psíquica tal que me chegou a facer descoidar en ocasións as miñas obrigas como pai, escritor e amo de casa. Os sete libros pasaron a ocupar un lugar de honra nos andeis da miña biblioteca. Chapeau! para Joanne Rowling.

294-mike-stern.gifOutra experiencia do máis intenso foi ver en directo ao guitarrista Mike Stern no marco do Festival de Jazz de Lugo. Tan brutal e demoledor, tan violentamente virtuoso, que rachou certas defensas coas que me parapetei hai case dúas décadas e volveu resucitar en min o desexo de torturar un instrumento de seis cordas. Mais as obrigas e a miña indixencia nese ouro ao que chaman tempo fixo que non tardase en volver ao rego.

E a familia ben, grazas. Na cruz, a doenza dun ser moi querido que terá que operarse a corazón aberto nunha data non moi afastada. Na cara, as vodas de ouro dos meus sogros que, xusto, fan hoxe, 24 de novembro de 2008, cincuenta anos de casados. Vaia, xa que logo, a imaxe final desta entrada como homenaxe a Gonzalo e Carmiña, unha imaxe cunha soleira de medio século. Quen chegase aí!

292-vodas-de-ouro.gif

Globalización de oferta en Froiz

xosi 27/10/2008 @ 14:02

A globalización ten miríades de paradoxos. Moitos deles brutais, inhumanos, pura expresión do peorciño que hai nos seres humanos. Outros, son simple anécdota á que se lle pode sacar o chiste. Dentro destes últimos habería que encadrar a curiosidade coa que me atopei nos andeis do Froiz. Eu, que son deses que lle mira ata a última palabra ás etiquetas dos alimentos, quedei apampado ao ver que as ensaladas mediterráneas da marca Froiz están feitas en China, mentres que as ensaladas chinesas da mesma cadea de supermercados están feitas en España. Ver para crer. Pero é que a globalización é así, tan racionalmente irracional.  291-ensalada-mediterranea.gif

290-ensalada-chinesa.gif