Nunca vin unha expresión de violencia tan gratuíta como a entrega de H desta semana. Aquí a xente boura por bourar. Onde se debería agardar esa solidariedade corporativa que caracteriza aos axentes da lei, o autor nos destapa un mundo sórdido preñado de agresividade inxustificada. Caben moitas interpretacións ao respecto. Poderiamos empezar pola análise freudiana e os complexos sexuais que gobernan a imaxinación enfermiza do creador de H: Pedro Panduriño. Calquera psicanalista avisado vería unha manchea de indicios que apuntan a un cadro clínico de tipo neurótico baseado na envexa do pene dos homes por parte do autor: esa teima por destacar do axente Branco o volume pantagruélico dos seus atributos sexuais; a súa estética dacabalo entre un latin lover e un actor porno; ou eses beizos carnosos que lle esbichan e que, case sempre, teñen un cigarro prendido, símbolo fálico onde os haxa, como a pistola automática que sempre leva na man. Velaí temos a envexa do pene diagnosticada por Freud feita banda deseñada. Xa que este complexo foi atribuído polo pai da psicanálise en exclusiva ás mulleres, teremos que deducir que Pedro Panduriño é un homosexual reprimido que se sente atraído polo actor que dá vida ao axente Blanco. Insatisfeito coa súa propia masculinidade, Pedro Panduriño anhela a castración, o cal nos leva á súa obsesión polas catanas –arma que utiliza destramente o anano e que protagoniza a primeira entrega deste cómic- que amais de cortar son, asemade, tamén símbolos fálicos, o que corrobora a arela penal devandita. Se intuímos que os xenitais do anano van en proporción co tamaño da súa persoa, e que o debuxante o compensa prolongando contra natura o seu pene cunha catana, podemos deducir de maneira doada que o autor tamén se sinte atraído sexualmente polo anano. Unha última evidencia que confirma esta hipótese explicativa da violencia gratuíta en H teriámola na xinecofobia demostrada por Pedro Panduriño. Por exemplo, unha das primeiras vítimas do anano é un heavy, con melena como unha muller, e cunha navalliña pequena, ridícula a carón desa espada de samurai e obvio bálano hipotrofiado. Todo encaixa, ¿non si?. Ademais, se vos fixastes, só hai personaxes masculinos. A semana pasada, como ben sabedes, apareceu a primeira muller, illada da esfera dos homes, eu diría case que desterrada. Mentres escribo estas liñas decátome de que as dúas páxinas sobre Eléktrika son un constante intento de asasinato, un feminicidio premeditado. E é que con ese ¿accidente? de Eléktrika na montaña, se cadra o noso autor -¿debería dicir autora?- podería estar marcando o seu territorio de femia alfa para ficar ela soa con todos eses homazos tan machos que pululan polas rúas de Millí. Por se non abondase, o personaxe no que se ve reflectido o creador de H no cómic, Pietro Pandurini, protagonista da terceira entrega, aparece sospeitosamente a carón de Óscar Blanco na ilustración que fai de limiar (Blanco é o único que leva cor na páxina; tons cálidos, candentes), mentres que o protagonista ten as mans ocupadas por obxectos visiblemente fálicos (botella e copa; esta última, exaculando todo o seu contido) e fica afastado do obxecto sexualmente cobizado por unha barra de bar que é un auténtico símbolo dos muros psicolóxicos erguidos polo superego do autor; ademais, nesa mesma entrega, podemos ver a Pandurini baixo os efectos dunha forte resaca, o cal nos fai temer que estea a utilizar o alcol como vía de escape á súa neurose. Estas hipóteses iniciais obrigáronme a investigar máis a fondo o historial clínico do paciente. Grazas a esas pescudas, descubrín que, nunhas festas de Entroido recentes, o suxeito analizado se disfrazara de montañeiro facendo parella con outro montañeiro do seu mesmo xénero (¿acaso non podemos considerar a montaña como outro símbolo fálico?). Esta homo-parella acudiu na noite do luns de Entroido a un tugurio caracterizado gay chamado o EncuLar e rexentado, como non, por Óscar Blanco –actor que dá vida ao axente homónimo-. Amais de ser portada da revista Zero, Blanco estaba disfrazado como alcaiote do lupanar cunha estética moi semellante á do axente da lei que encarna en H. Daquela, e á luz de todos os datos devanditos, fago a seguinte interpretación psicolóxica plausible do caso: Pedro Panduriño é un homosexual reprimido que se sinte sexualmente atraído por Óscar Blanco. No seu subconsciente ficou sublimada aquela noite de Entroido na que, caracterizado como montañeiro, viu ao obxecto dos seus desexos enteiramente ao seu alcance ao estar este travestido de homosexual e, polo tanto, sen os valados culturais e sociais que o afastaban dunha posíbel relación carnal. Nembargante, o seu superego está a reprimir con forza esta atracción, e o paciente exprésao a través da violencia no seu cómic: tentando asasinar a unha Eléktrika vestida de montañeira –a muller que leva dentro e que saíu á luz aquel luns de Entroido-, e bourando sen piedade ao axente Blanco –o obxecto dos seus desexos figurando como o facía no EncuLar-. Dependendo de quen saia vencedor nesa guerra interna entre o superego e o subconsciente de Pedro Panduriño, teremos no seu alter ego, Pietro Pandurini, ou un homosexual consciente da súa condición ou un psicópata asasino en potencia. En calquera de ambos casos, a historia promete.



Créditos: Axente Blanco (Óscar Blanco); axente 1 (figurado); axente 2 (Ramón de Comercial Ares); axente 3 (Xabier Cabezudo).
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 6 de xuño.