Forgotten songs (2): Linda Perry
Coñecín a Linda Perry grazas ao blog Insomniorizar. A de Lestón tíñaa pinchada nunha caste de sinfonola virtual que hoxe sería carne de canón para as preeiras da esgae. O tema que soaba ao ceibar as bágoas insomnes era o Knock me out, unha canción que aínda hoxe me provoca arreguizos cando a escoito. Foi así, xa que logo, que me iniciei nesta artista que hoxe atesouro entre as miñas predilectas. Cunha voz prodixiosa e profundamente emocional –se cadra expresión pura da vida ao límite que levou, polo menos, ao comezo da súa carreira musical- Linda Perry acadou os cumes do éxito coa formación Four non blondes nos anos noventa con hits coma What’s up ou Lemon tree. Recupero aquí un dos seus temas en solitario, In my dreams, no que volve timbrar con furia as súas cordas vocais a favor dunha letra desas tinxidas de utopía: In my dreams I built my own empire, with no color and no cred (Nos meus soños constrúo o meu propio imperio, sen cor e sen credo). Faino xunto a formación clásica dos Four non blondes e a execución, totalmente acústica, é exquisita.
O segundo vídeo é unha curiosidade que se pode encadrar, perfectamente, nesta sección de cantos esquecidos: o Whole lotta love de Led Zeppelin executado por ese fato de músicos vandálicos liderado polo ex-guitarrista dos Guns’n Roses, Slash, e que responde por Velvet Revolver (a carga da cabalería pesada: dous baterías que baquetean até os bafles, tres guitarras, baixo, e moita distorsión e decibelios); nesta ocasión, con Linda Perry como desbocada invitada de luxo dando fe dos infinitos rexistros que a súa voz é quen de acadar. Como curiosidade, Linda Perry xa participara xunto aos seus Four non blondes no disco de homenaxe a Led Zeppelin Encomium, no que se curraban o Misty mountain hop.

Chúzao
del.icio.us












