Outro que voou nas ás da liberdade foi Roald Dahl, celebérrimo autor de obras destinadas ao público infantil como Charlie e a fábrica de chocolate, James e o pexego xigante ou Matilda, o meirande delas levadas con éxito ao cine e editadas en galego por Edicións do Cumio. As peripecias vitais de Dahl antes de ser escritor pódense ler en Voando só (Alfaguara), un delicioso libro enchoupado de principio a fin do desenfado e o humor ácido a que nos teñen afeitos os seus textos. De feito, as súas vivencias como aviador da RAF na fronte grega durante a Segunda Guerra Mundial darían para un relato do máis épico e grandilocuente, mais Dahl optou por quitarlle ferro ás súas experiencias e cóntachas coma un neno que confesa aventuras e trasnadas, coma se el mesmo fose un personaxe das súas propias novelas.
O comezo da guerra colleu a Dahl en Dar es Salaam (Tanzania), onde traballaba para a petrolífera Shell, e inmediatamente alistouse como voluntario nas forzas aéreas. En dous meses –nunca antes montara en avión- adestrárono en Nairobi (Kenia) para pilotar un Tiger Moth, biplano máis propio da Primeira Guerra Mundial. Despois, xa o mandaron directamente para O Cairo, onde había poñerse aos mandos dun aparello semellante, o caza Gladiator, con metralladoras desas que disparan a través da hélice sincronizadas coas súas aspas. Sería nesta etapa da guerra cando Dahl había ver máis preto de si a morte, e non precisamente polo fogo inimigo.
Pasado o período de instrución e xa asentado no norte de África, o comandante en xefe do aeródromo de Fouka (Libia) mandouno ir á base da 80ª Escuadrilla, no deserto, para incorporarse a ela. As coordenadas que lle deran estaban mal, de maneira que Dahl atopouse no medio do Sáhara, dacabalo das liñas italianas, co Gladiator no punto de non retorno e piques de anoitecer. Na aterraxe forzosa, o avión bateu de fociños no chan a 120 quilómetros por hora. O rostro de Dahl estampouse contra o vidro da carlinga e o aparato comezou a arder. Case inconsciente, coa cara completamente mazada, deu saído para afastarse o suficiente e non asarse vivo antes de desmaiarse; ao pouco, o lume chegou aos depósitos de combustíbel e á munición da metralladora e “as balas comezaron a asubiar por todas partes”. Despois, escuridade e silencio. Roald Dahl sería rescatado por unha patrulla británica e tería despois unha longa convalecencia hospitalaria para recuperarse das feridas, coa sorte de caer en mans dun afamado cirurxián plástico de Harley Street que, naquel intre, prestaba os seus servizos como cirurxián xefe da Armada en Alexandría e lle recompuxo con éxito o rostro.
Unha vez reincorporado, comezaría a épica para o escritor británico, e había ser cun comezo case tan absurdo como o das súas novelas. Afeito a pilotar biplanos, metérono, de súpeto, na carlinga dun Hurricane, un moderno monoplano que difería como o día da noite cos avións que pilotara ata entón. O caso é que lle deron dous días para afacerse a el antes de lanzarse só a cruzar o Mediterráneo para incorporarse á fronte grega. Dahl relátao así: “Estaba petrificado e asegureime por min mesmo no asento do Hurricane. Era o primeiro monoplano, e tamén, sen dúbida algunha, o primeiro avión moderno que tripulaba. Era, con moito, o máis potente, veloz e tramposo que xamais coñecera. Nunca tripulara antes un avión coa tren de aterraxe retráctil. Non tripulara nunca un avión provisto de aleróns que se empregaban para reducir a velocidade de aterraxe. Xamais tripulara un avión con hélice de inclinación variábel ou que tivera oito metralladoras nas ás. Xamais tripulara nada igual. Dalgún xeito amañeime para despegar con aquilo e facelo aterrar sen esnafralo, pero para min foi como montar un cabalo sen domar”. Ademais, con 1’92 de estatura, Dahl tiña que adoptar unha postura fetal para poder meterse na cabina do Hurricane, cos xeonllos case tocándolle o queixo. Nesta postura faría a viaxe de catro horas e media dende Exipto ao aeródromo de Eleusis, en Grecia. O que había vir despois ten de estraño que Roald Dahl sobrevivise para contalo. Só adiantar un dato: as forzas aéreas británicas na fronte grega consistían catro avións Blenheim e quince Hurricane, contando o de Dahl. Os nazis tiñan, pola contra, un milleiro de aparatos na rexión, entre cazas e bombardeiros, moito máis modernos e efectivos cós ingleses. Daquela, o noso escritor nunca combatera no aire. Quen queira descubrir en que deron as peripecias deste inexperto piloto fronte a tan formidábel inimigo terá que ler Voando só, un libro deses que se gozan liña a liña.
Para rematar, quixera transcribir un parágrafo, que fai referencia ao período de aprendizaxe como piloto de Roald Dahl, que dicía “Despois de ter voado sen instrutor, deixábanme despegar só moitas veces e era marabilloso. «¿Cantos mozos-preguntábame a min mesmo- tiñan a sorte de poder ir zoando e bradando polo ceo, sobre un país tan fermoso coma Kenia?». Ata o aeroplano e o combustíbel eran gratis. No gran val do Rift había tanta caza maior e menor como vacas nunha granxa leiteira, e voaba baixo no meu Tiger Moth para vela. ¡Que cantidade de animais contemplaba todos os días dende a cabina! Voaba moito tempo a unha altura de non máis de vinte ou vintecinco metros, admirando baixo miña enormes fatos de búfalos e animais salvaxes, que saían de escorrentada en todas as direccións cando eu pasaba ruxindo por riba deles. Coa axuda dun libro ilustrado que mercara en Nairobi, aprendín a recoñecer o kudu, a gacela de Thompson, o antílope, o impala e outros moitos animais. Vin multitude de xirafas e rinocerontes, de elefantes e leóns, e unha vez albisquei un leopardo, suave como a seda, acazapado na póla dunha grande árbore. Estaba a observar a uns impalas que pacían baixo súa, decidindo cal elixiría para comer. Voei sobre os flamencos rosados do lago Nakuru e din a volta completa voando sobre o cume nevado do monte Kenia no meu pequeno e seguro Tiger Moth. Non deixaba de repetirme o afortunado que era. Ninguén gozou nunca dun tempo tan apaixonante coma este”.
Iso si que é esnifar liberdade, case que metela a pico en vea, sentila tanto que se apalpa como algo material. Voar ceibe sobre un dos poucos anacos de África que daquela aínda se mantiñan virxes. Lémbrame ao Denis de Memorias de África; mais tamén ao Roy Batty, o líder replicante de Bladerunner na escena final do filme, cando di: “Vin cousas que ningún de vós crería. Atacar naves ardendo máis alá de Orión. Vin raios C coruscar na escuridade, preto da porta de Tannhäuser. Todos estes intres perderanse no tempo como bágoas na choiva. É hora de morrer”. Lémbrame, como non podía ser doutro xeito, ao adolescente que fun e que soñaba a fantasía recorrente de verse voando nun ala delta ao solpor co Stairway to heaven de Led Zeppelin soando nos oídos. Nunca tal fixen, pero aínda hei.
