The house of the rising sun
A primeira vez que escoitei A casa do sol nacente (The house of the rising sun) foi na celebérrima versión dos Animals, con esa voz negroide de Eric Burdon, os teclados insolentes de Alan Price e os arpexos, orixinais para a época, do guitarrista Hilton Valentine. Despois viría a máis comedida pero, se cadra, máis estremecedora, cantada por Joan Baez que, a pesares da orde en que me chegou, é anterior no tempo.
Este amencer cachado amosa en primeiro plano a un dos meus peores inimigos á hora de fotografar o nacente, esa casa que, agora no inverno, está sempre plantada no medio do encadre, xustiño polo punto onde o Lourenzo asoma os fociños.
Investigouse moito sobre a casa que deu orixe a esta canción tradicional, sendo candidatos antros de mala morte e perdición e chegando a relacionarse o seu nome con prostíbulos. Nada que ver co caso que nos ocupa: que me esmague boa parte dos encadres non dá pé a que difame esta lamentable expresión da arquitectura popular do noso tempo.
De todos xeitos, e ás veces, como na imaxe coa que abrín este post, a inconmensurable beleza do abrente asolágao todo, ata o feísmo máis feo co que a fealdade urbanística nos poida cuspir na cara.

Chúzao
del.icio.us







