Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Banda deseñada

Audacia ou estupidez?

xosi 12/02/2009 @ 10:08

Pretender ser escritor, vivir da literatura, cando un está a piques de chegar aos corenta, ten un aquel de todo ou nada. Aí estou eu, vítima propiciatoria para o desánimo, para a desorde mental coa dúbida como detonante, para obrigarme a facer de cada movemento vital un acto de fe. Non hai día en que non poña en tea de xuízo a decisión tomada, porque se fracaso, o que acontece no 99’9% dos casos de xente que cometeu a estupidez que eu agora cometo –a de pretender vivir da escritura- atopareime nesa idade na que só es borralla para o mercado de traballo, na que es pouco máis ca nada, un opositor a cincuentón cuxa data de caducidade pasou hai tempo.

329-goldfish.gifFe. Cómpre moita fe. E alicerces fortes, como unha familia que respecte esa fe ou amigos que crean en ti máis do que ti mesmo cres. A min pasoume onte pola noite, de viños co Panduriño. Sen saber moi ben como, a conversa recalou nun cómic que ambos adoramos: Goldfish, de Brian Michael Bendis, unha obra mestra do xénero negro. O devandito vén a conto porque o meu amigo lembroume, nun intre no que cumpría lembrarmo, unha viñeta na que se pode ler unha cita de Goethe pintada na porta dun váter público. A cita ten un efecto contundente no protagonista do cómic, tan contundente como o tivo en min en canto cheguei a casa e lle botei un ollo. Agardo, nembargante, un mellor final para a miña historia có do protagonista. As palabras, de Johann Wolfgang Goethe, son as seguintes:

330-goethe.gif“Ata que un se decide, existe a dúbida, a posibilidade de botarse atrás, a ineficacia concernente a calquera iniciativa (ou acto de creación). Existe unha verdade elemental, a ignorancia da cal aborta incontábeis ideas e plans espléndidos: no intre que un se compromete, entón o destino se pon en marcha e todo tipo de cousas ocorren para complementar a outra que non tivese acontecido doutro xeito. Unha serie de acontecementos despréndense da decisión, poñendo ao noso favor todo tipo de efectos e axudas inesperados. Todo o que poidas facer, ou imaxinar que poidas facer, faino. A audacia posúe xenio, é poderosa e máxica. Comeza agora”.

Audacia sen estupidez. Se a cousa falla, teño un plan B...

328-goldfish.gif

Cando Xosé Tomás topou cun lenzo na biblioteca de Melide

xosi 09/02/2009 @ 07:51

321-xose_tomas.gif

322-o-lume-dos-sonos.gifVeño de saber, con ledicia, que o debuxante Xosé Tomás será o encargado de ilustrar, con pinturas murais, o edificio multiusos de Melide, onde se atopa a Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. A ledicia é dobre pois, amais de considerar todo un luxo que un artista da talla de Tomás deixe a súa sinatura nun edificio público da nosa vila, está o feito de que fose el o encargado de ilustrar a miña única obra de narrativa publicada ata a data: O lume dos soños.

É esta, xa que logo, unha ocasión inmellorábel para falarmos da última obra publicada de Xosé Tomás, o cómic Tolos, publicado pola Universidade da Coruña. Tras lelo, teño que transcribir as palabras do prologuista de luxo que fala no limiar na obra, o pope da banda deseñada galega: Miguel Anxo Prado. Prado di, e coincido con el palabra a palabra, que “Xosé Tomás tece unha historia de historias, poliédrica, entrecruzando vidas, esperanzada e positiva, coa Universidade sutilmente en terceiro plano, e o estudio e o coñecemento no segundo. E no primeiro, persoas vivindo. Ó chegar á derradeira páxina fica un regosto suave e tenro no padal”.

320-tolos.gifEu, de primeiras, collín o cómic con certas reticencias. Matinaba que o feito de estarmos ante un encargo da Universidade da Coruña podía coartar seriamente a liberdade artística do autor. Nembargante, e tal e como di Prado, o tema universitario agáchase sutilmente nun terceiro plano, e, polo que puiden comprobar, ás veces nin se ve. E o que fica son historias moi humanas, de realización persoal nas que o coñecemento e a formación teñen, en efecto, un papel fundamental, pero que nunca toldan o devir dos personaxes nin a historia que o autor nos quere contar.

En canto á factura artística, impecable. Como son profano nesto das artes plásticas, heille roubar de novo as palabras ao mestre Prado, que afirma: “Na lectura posterior, demorada, atenta –a única que se debe facer- é evidente que o Xosé Tomás ilustrador sabe utilizar todos os seus talentos gráficos para construír as páxinas: a súa paleta, que xa é recoñecible, persoal; o seu acabado con texturas na cor dixital, que evita a aparencia “plástica” e mecánica; a caricaturización benévola dos personaxes... Pero, ademais, como narrador visual presenta un repertorio completo e eficaz de recursos: riqueza de encadres, xogo intelixente de planos, dinamismo interno na viñeta, e, o que é máis difícil, tempo narrativo”.

Tolos, xa que logo, é unha obra da banda deseñada galega máis que recomendábel. Sendo a Universidade da Coruña a editora, ignoro as canles de comercialización que se utilizaron para difundila. Eu adquirina en Biblos, mais pareceume vela entre as novas adquisicións da Biblioteca de Melide. Así que non hai escusa para non botarlle un ollo e, de paso, marabillarse de ver como avanza Xosé Tomás, paseniño, na transformación dunhas paredes brancas nunha auténtica obra de arte.

O gatillazo de Marquis

xosi 03/12/2008 @ 10:11

300-marquis.gifA lectura do cómic The Marquis (Norma Editorial), do estadounidense Guy Davis, déixache coa decepcionante sensación dun gatillazo. Cunha imaxinería moi atractiva, ambientada na cidade imaxinaria de Venisalle –unha especie fusión entre Venecia, Roma e París-, con fastosas arquitecturas relixiosas e estética dezaoitesca, a historia partía dunha máis que interesante idea. Un inquisidor xubilado, Vol de Galle, é dono unha máscara que lle permite ver aos demos que posúen seres humanos. A esta clarividencia únenselle unhas poderosas armas coas que se dedica a exercer de xusticeiro divino.

Esta peculiar e fascinante cruzada contra o mal, encarnado nos seres do inferno, está aderezada, dende o comezo, pola ambigüidade. Realmente estamos ante un xuíz ou ante un psicópata? Davis resolverá ao longo da historia esa cuestión. Mais será o único que resolva, pois o que eran os firmes alicerces para unha poderosa narración, non deron termado dun feble edificio que se esfarelou a base de espadadas e execucións que se acabaron tornando en insufrible ladaíña e, o peor de todo, morrendo nun final que non ata ningún cabo nin bota pecho algún. Un gatillazo narrativo, vamos.

Fíos de Ariadna no labirinto balcánico

xosi 05/08/2008 @ 09:17

234-ivo-andric.gifCoincidiume o remate de A ponte sobre o Drina (Ivo Andrić, 1945) coa recente captura de Radovan Karadžić por axentes da BIA (servizo secreto serbio) o pasado 21 de xullo. Acúsalle o Tribunal da Haya de xenocidio e crimes contra a humanidade. É unha das guindas que coroou, quince anos despois, ese crebacabezas sanguinario en que derivou a mestizaxe étnica e o mosaico multicultural da antiga Iugoslavia e, en concreto, de Bosnia. A ponte sobre o Drina, que publicou 235-a-ponte-sobre-o-drina.gifRinoceronte Editora en galego o ano pasado, traducida por Jairo Dorado, é unha desas novelas que, partindo das anécdotas cotiás dunha pequena vila (Višegrad), é quen de retratar a alma dun pobo (neste caso, a alma de varios pobos: o serbio, o musulmán e a comunidade xudía, principalmente). Tales anécdotas comezan cando un cativo labrego da aldea de Sokolovići é arrincado da súa familia xunto a outros nenos para ser levado á capital do Imperio Otomán, Istambul, en 1516. O rapaz quedará marcado ao cruzar as augas do Drina e, anos despois, chegará a ser Mehmed Paxá Sokoli, almirante da flota turca e xenro do Sultán. Será el quen financie a construción da ponte sobre o río Drina, unha obra pía que, como a Porta de Alcalá cantada por Ana Belén e Víctor Manuel, será testemuña muda e inalterábel do devir dos tempos e, no caso que nos ocupa, a escusa de Andrić para enfiar unha crónica que se delongará durante catro séculos, ata o estoupido da Primeira Guerra Mundial.

236-emir-kusturica.gifEn palabras do músico e cineasta serbio Emir Kusturica, A ponte sobre o Drina “é a biblia da nosa nación. Podemos dicir que toda a magnífica verdade sobre a nosa existencia, a nosa historia, a nosa forma de sufrir e de sobrevivir, a imaxe completa de nós, é este libro. Nada mellor que este libro describe a nosa traxedia, a nosa comedia, o noso sentido do surrealismo e o noso sentido da historia” (entrevista publicada en A Nosa Terra, 10 de febreiro de 2008).

A min, que xa me coincidira estudiar a problemática dos Balcáns na materia de Historia Contemporánea que cursei en primeiro de carreira, esta novela iluminoume de maneira límpida e clara as raíces dunha traxedia da que case todos fomos testemuñas, mais que non deixa de ser un suma e segue afundido nos substratos dese odio ancestral que nace da incomprensión e da refractariedade cara a outras culturas e que converteu a esta rexión do Adriático na polvoreira de Europa. A maiores, atopei no libro de Andrić unha das mellores descricións do que supuxo a chegada dos tempos modernos para xeitos de vida ancestrais que ficaban imperturbábeis dende había centurias.

233-el-final-de-la-guerra.gifQuen queira afondar neste capítulo da historia europea sen saírmonos do val do Drina, poderá completar a súa indagación lendo os cómics de Joe Sacco sobre a guerra en Bosnia. Se esa persoa reside en Melide e é socia da biblioteca municipal, está de sorte, pois atopará nos andeis obras como Gorazde: zona protegida, El mediador ou El final de la guerra, doadas de ler e magníficos mosaicos nos que se cruzan de maneira diáfana a historia e a intrahistoria dun conflito fratricida que remexeu a nosa conciencia non hai tanto. Mentres que o primeiro deses cómics me parece unha lectura indispensábel que pode servir de addenda á novela A ponte sobre o Drina, no último dos citados o lector ou a lectora atoparán a historia Navidad con Karadžić, perfecto colofón pola súa rabiosa actualidade.

No epílogo de El final de la guerra, Sacco recorda a orde internacional de captura contra Karadžić, ditada en 1996, e a súa situación en paradoiro descoñecido nove anos despois; nas dedicatorias, di: “Navidad con Karadžić publicouse en 1997 sen dedicatoria. Mais agora gustaríame dedicarlle esa historia ao persoal do Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia e a todos os que traballan para arrestar a Radovan Karadžić”. Supoño que Joe Sacco estará ledo por atoparen estas palabras o seu destinatario final.

236-ponte-drina.jpg

Persépolis: visado a Irán por 25 euros

xosi 06/05/2008 @ 09:35

094-portada-persepolis.gifPor fin lin Persépolis, un cómic da iraniana Marjane Satrapi que se levou recentemente ao cinema. Aínda que levaba anos con ganas de facerme con esta banda deseñada, teño que confesar que só me animei a mercala agora, cando Norma Editorial decidiu sacar a obra nun só volume, en cartoné, a un prezo de 25 euros (o mesmo que fixera Planeta de Agostini con V de Vendetta, de Alan Moore e David Lloyd, coincidindo coa súa estrea na pantalla grande). Antes diso, tiñas que desembolsar máis de sesenta euros polos catro tomos. Xa que logo, estamos nunha boa conxuntura para facérmonos con esta novela gráfica que narra as peripecias vitais da autora dende a súa nenez no Irán do Sha e da revolución, ata unha desarraigada adolescencia por terras de Europa e a madurez na que as súas raíces se fan firmes, senón nunha terra concreta, si na súa conciencia e na conciencia da súa liberdade.

Persépolis vén avalado con algún dos galardóns máis prestixiados da banda deseñada (o primeiro tomo levou o premio Coup de coeur ao mellor autor revelación do Salón de Angoulême de 2001; o segundo tomo, o premio ao mellor guión no mesmo evento, xa en 2002. En conxunto, Persépolis sería merecente, a maiores, do primeiro Premio da Paz Fernando Buesa Blanco, en España).

095-marjane-satrapi.gifTeño a sospeita de que a aclamación de Satrapi en occidente ten un certo aquel de chauvinismo. Se cadra, no norte gústanos louvar aquelas expresións artísticas que nos revelan a mesquindade e a opresión dos réximes totalitarios e dos fundamentalismos que interpretamos como antítese das nosas democracias. Baseo as miñas presuncións en que, en todas as gabanzas que recibe Persépolis en Europa destácase sempre o retrato demoledor do islamismo iraniano que de maneira tan lúcida fai Satrapi; mais ninguén amenta á crítica, non menos desapiadada, da rapaza adolescente que seus pais exilian nunha Austria onde baterá coa carencia de valores e a confortable decadencia da mocidade, coa marxinación por racismo, ou cunha dolorosa soidade e cun desarraigo que a levarán ao borde do suicidio. Ninguén lembra a moza indignada explicando que, en Europa, ninguén te bota unha man se te ven tirado na rúa...

Pero debullemos na obra, que é o que interesa. A min, Persépolis paréceme un traballo extraordinario que ten o grande valor de transmitirnos unha realidade que, polo menos para min, adoita a sernos allea: a da intrahistoria de pobos, neste caso o iraniano, que viven e padecen alén Xibraltar, alén do Bósforo. Tirando da súa propia biografía, da súa experiencia directa, Marjane Satrapi lévanos da man pola represión da dictadura do Sha ata o triunfo da revolución e a posterior deriva fundamentalista da que todos temos, máis ou menos, conciencia nestes lares; e faino de xeito maxistral, valéndose de pequenas historias que se poden catar de maneira independente, pero que se articulan a xeito de teselas, dándonos un mosaico final de indubidable valor artístico e histórico. Cun estilo naif e infantil, a narrativa de Satrapi acada grande forza grazas a unha traballada e lúcida capacidade de síntese, tanto no guión como nos trazos, que é quen de evocar o devir dun pobo a partir de anécdotas persoais.

Xa para gustos, impresionáronme as dúas primeiras partes, que corresponden no tempo á nenez da autora e aos réximes do Sha e dos aiatolás; e decaeume o pracer lector na parte que fala do exilio europeo e o posterior regreso á terra natal, máis centrado nos problemas interiores da adolescente desnortada que foi Satrapi, e ficando máis ao lonxe o contido social e histórico reflectido nos primeiros libros. En calquera caso, estamos diante dunha auténtica revelación que inclúe o visado para visitarmos unha realidade ben diferente da nosa, principio indispensábel para pacer en praderías máis substanciosas cá peluxe do noso embigo.

096-persepolisfilm.gifSen dúbida, recomendaríalle a súa lectura a calquera, do mesmo xeito que recomendaría ver o filme dirixido pola propia Marjane xunto a Vincent Paronnaud. A película é absolutamente fiel ao cómic, pero concentrando a súa esencia e o contido. Se cadra por iso logrou emocionarme máis, porque a súa visión foi como meterse todo Persépolis en vea sen un respiro; porque o filme se ceiba das partes e detalles menos expresivos da banda deseñada; porque de fondo escóitase a magnifica banda sonora de Olivier Bernet, con eses pentagramas dacabalo entre Europa e Oriente; porque no aspecto visual latexa a impecable e imaxinativa dirección artística de Marc Jousset, con ese toque naif que nos lembra ao Art Decó e á animación dos anos sesenta e que acada un filme se cadra máis achegado ao que deberían ser os decorados da infancia da autora. Eses escenarios de Jousset, precisamente, e o respecto fiel aos trazos do cómic nos personaxes –harmoniosamente animados- danlle unha indiscutíbel calidade visual á película. Se cadra, por achacarlle algo ao filme, deume a impresión que adoitan darme case todas as adaptacións cinematográficas de obras literarias: certa inconexión entre unhas escenas e outras. Desta vez, esa sensación ficou diminuída porque había nada que lera o cómic, polo que a miña mente enchía os baleiros que ía deixando a adaptación. En calquera caso, con Persépolis era abondo difícil facer algo perfectamente lineal, estando como está o cómic composto por ducias de microhistorias. Por iso, non viría mal ler primeiro a obra impresa para despois poder deleitarse co filme. Inverter esta orde podería estragar o goce de dúas obras altamente recomendábeis.

097-fotograma-persepolis.gif

Diseccionando sentimentos

xosi 15/04/2008 @ 08:25

052-flaubert.gifDende que Gustave Flaubert creou a ese Alonso Quijano das novelas románticas ao que bautizou por Madame Bovary, xa nada volvería ser igual na educación sentimental de Europa. Era a primeira vez que alguén se mergullaba tan a fondo na psique dun personaxe literario. A caricatura de Flaubert realizada por Lemot en 1863, na que se ve ao novelista en plena disección coa madama enriba dunha mesa forense, expresa perfectamente a impresión que deberon ter os lectores da época. Obvia dicir que, dende aquela, a nosa educación sentimental evolucionou como para non vernos xa tan identificados coas coitas daquela muller de provincias que fixo seu o sentir idealista das heroínas literarias nun mundo pouco amábel cos pinchacarneiros do corazón. Ben a distancia das vicisitudes de Emma Bovary, as tres historias que nos ocupan hoxe teñen en común que indagan con fondura nos sentimentos humanos e que están ao alcance de todos na sección de banda deseñada da biblioteca municipal de Melide.

049-un-home-feliz.gifA primeira delas titúlase Un home feliz (Edicións Lea), vai asinada por Antonio Seijas, e foi merecente do II Premio de Banda Deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña. Admito que, de primeiras, enleoume un pouco a lectura desta historia mais, a medida que fun avanzando, comezáronme a encaixar as pezas e todo o crebacabezas tornouse nidio ao final. Sen ánimo de destripar a historia, sería bo que te fixases nas cores dominantes das viñetas e soubeses que o branco e negro é utilizado para os recordos do protagonista, e o negro e o vermello para o presente. Esa segunda combinación de cores tan cara ao romanticismo, e que nos fala da confluencia do amor e da morte no río da vida, fóra nomeada explicitamente por Stendhal na súa novela Le rouge e le noir (1830). Creo que este cómic de Seijas reborda de calidade, mírese por onde se mire. Así, os debuxos, dun estilo que abanea entre o impresionismo a nivel formal e o expresionismo nas intencións, son deses que entran a machado na retina do lector; mentres que a historia narrada, que é das que podería caer de xeito moi doado no tópico, desenvólvese con tal elegancia nos detalles e na dosificación de datos, ten tan fondo calado literario, e lle vén tan acaído o estilo pictórico das imaxes, que se integra con estas perfectamente nunha unidade formal que nos ofrece unha indagación de altísima calidade no devir emocional do protagonista, un home que semella incapacitado para levar ningunha relación sentimental a bo porto...

051-tanxencias.gifXa asinado polo máis internacional dos nosos creadores de banda deseñada, Miguelanxo Prado, Tangencias (Norma Editorial) achéganos oito historias de desamor que teñen como leit motiv, precisamente, este fenómeno xeométrico consistente en tocar unha liña nun só punto para non volver saber dela. Ese preciso instante é o que retrata maxistralmente Prado nas oito historias, o intre xusto no que dúas vidas que estiveron unidas se afastan para non volver tocarse. Son historias breves que, ademais, terán máis elementos en común para reforzan o que o autor pretende expresar. Así, á sagacidade do lector non lle escapará a omnipresencia de grandes fiestras (na portada e na contraportada, no principio e no remate de todas as historias) nas que adoita a perderse a mirada dalgún dos protagonistas -como non, de xeito tanxencial- e, cando non sexa así, a contemplación de grandes paisaxes sen ventás polo medio; a elección do branco e negro ou dos tons sepia para expresar que o narrado en presente xa vai tendo recendo a caduco, de lembranza pertencente ao pasado; ou as aspiracións artísticas e sociais dos protagonistas que veñen meter sempre o fociño nunhas relacións que, se cadra, algunha vez tiveron algo de sincero e auténtico antes de seren varridas polo pragmatismo ao que nos obriga a vida, ou polo idealismo ao que nos aboca, moitas veces, a arte.

050-pildoras-azuis.gifFinalmente, caeu nas miñas mans tamén Píldoras azules (Edicións Astiberri), do suízo Frederik Peeters, unha novela gráfica que colleitou premios como quen apaña amoras no verán: o Jules Töpffer da Vila de Xenebra, en 2001; nomeamento ao mellor álbum no Premio Alph’Art do Salón do Cómic de Angoulême, en 2002; e nomeamento á mellor obra estranxeira no Salón Internacional do Cómic de Barcelona, en 2005. Ao longo de case duascentas páxinas, Peeters desenvolve un relato autobiográfico no que comparte con nós a súa relación con Cati e o seu fillo, ambos seropositivos. A situación de arranque podería derivar de maneira doada no melodrama, pero a sinceridade con que o autor trata a súa propia peripecia vital rematan por converter Píldoras azules nunha das historias de amor máis entrañábeis que lin. Evidentemente, a SIDA está presente en todo o libro, latexa en cada viñeta, en cada movemento da vida dos personaxes. Pero, por riba do VIH, están en todo momento as ganas de vivir, o goce de amar, a madureza nunhas relacións dunha plenitude e unha honestidade loábeis. Gorenteime con cada viñeta, con cada diálogo, e namoreime un pouco desta atípica familia xenebrina cuxos sentires están nas antípodas dos ideais amorosos daquela Madame Bovary á que a sociedade da súa época lle caeu como unha lousa sobre a feble arquitectura das súas ilusións.

Maus en Melide

xosi 27/03/2008 @ 00:25

Recentemente, a biblioteca municipal de Melide vén de facerse cun bo feixe de banda deseñada para adultos cubrindo, deste xeito, unha das lagoas máis salientábeis que tiñan os seus fondos bibliográficos. Dende Contrato con Dios de Will Eisner a Watchmen de Alan Moore e Dave Gibbons, pasando pola colección enteira de La casta de los metabarones, de Jodorowski e Giménez e a súa secuela, El incal, que conta co debuxo maxistral de Moebius. En fin, unha boa morea que sería longo de máis enumerar.

006-maus.gifEstes días, entre biberón e biberón, este amo de casa deu lido Maus de Art Spiegelman, unha novela gráfica orixinalísima e, ao mesmo tempo, enchoupada de clasicismo, que tivo a honra de ser a primeira e única creación de banda deseñada merecedora dun Premio Pulitzer. Fusilando a lapela, “Maus é a biografía de Vladek Spiegelman, un xudeu polaco supervivente dos campos de exterminio nazis, contada a través do seu fillo Art, un debuxante de banda deseñada que quere deixar memoria da aterradora persecución que sufriron millóns de persoas na Europa sometida por Hitler e das consecuencias deste sufrimento na vida cotiá das xeracións posteriores.

“Afastándose das formas da literatura creadas ata a publicación de Maus, Art Spiegelman achégase ao tema do Holocausto dun xeito absolutamente anovador, e para iso relata a experiencia da súa propia familia en forma de memoir gráfica, utilizando todos os recursos estilísticos e narrativos tradicionais deste xénero e, ao tempo, inventando outros novos. A radicalidade narrativa desta obra marcou un antes e un despois no universo da novela gráfica, e por iso Maus obtivo o primeiro e único premio Pulitzer outorgado a unha banda deseñada”.

O primeiro que sorprende de Maus, e ao que logo te afás, é a animalización dos personaxes: os xudeus son ratos; os alemáns, gatos; os ianquis, cans; os polacos, porcos; os franceses, ras; etcétera. Estruturado en dous grandes bloques, antes e despois de Auschwitz, a segunda parte revela a posíbel inspiración para que Spiegelman optase por este camiño grazas a unha cita que lle fai de limiar, extraída dun xornal alemán dos anos trinta: “Mickey Mouse é o ideal máis lamentábel que xamais viu a luz... Un sentimento san indica a calquera mozo independente e a toda a xuventude honorábel que esa alimaña sucia e inmunda, o maior portador de bacterias do mundo animal, non pode ser o tipo ideal de animal... ¡Fóra a animalización xudía do pobo! ¡Abaixo con Mickey Mouse! ¡Lucide a cruz gamada!”. Case unha década antes da loucura nazi, ata os ratos estaban no punto de mira da raza aria...

Serán trescentas páxinas nas que as peripecias do pai do autor na súa fuxida do nazismo levarán ao lector por algúns dos principais escenarios da brutal e inhumana represión que as SS, o exército alemán e toda unha caterva de colaboracionistas perpetraron contra o pobo xudeu durante a segunda guerra mundial. Sobrevivir un ano a Auschwitz e vivir para contalo xa é para que canonicen a Vladek Spiegelman por milagreiro.

Como non son dos que gusto en rebentar lecturas, só un par de cousas que me chamaron a atención. A primeira é que un pode pensar que Auschwitz foi o peor que lle puido pasar ao pai do autor; pois non. Xusto cando abandona o campo de concentración, vén un capítulo que se titula “Y aquí comenzaron mis problemas”. Se chegades a este punto da lectura e tedes na memoria todo o padecido polo protagonista ata ese intre, semellante título –moi acertado para levarnos cara á culminación da obra- fainos tremer.

A outra curiosidade foi unha viñeta que me chamou poderosamente a atención. En principio, pasa desapercibida. Cando Vladek relata o que viu nas cámaras de gas e nos fornos crematorios, fai unha pormenorizada descrición do proceso dende que os presos se espían ata que eran fumigados con Zyklon B (fabricado por IG Farben, industria acusada tamén de empregar durante o período bélico traballo forzado de prisioneiros de guerra, e que se fragmentaría despois para dar orixe a marcas tan prestixiosas hoxe en día como Basf ou Bayer. El libro negro de las marcas, F. Werner e H. Weiss). Na viñeta na que Art Spiegelman debuxa o vestiario onde os condenados deixaban as súas pertenzas hai varios carteis de instrucións. Un deles di: “Por favor, anude juntos los zapatos”. Ese por favor tan educado, e esa cominación a deixar as prendas nunha orde impoluta na antesala da cámara de gas, parecéronme tan racionalmente xermánicos en medio da barbarie que me deu un arreguizo na caluga.

007-maus.gif

Moito se ten falado do holocausto, no cinema, na literatura, tamén na banda deseñada (La búsqueda, de Eric Heuvel; Fui hija de supervivientes del holocausto, de Bernice Eisenstein; ou Por nuestra cuenta, de Miriam Katin, 008-grey-zone.gifson algúns dos máis representativos). Como veño de mentar as cámaras de gas, só recomendarvos, a maiores do propio Maus, La zona gris, filme escrito e dirixido por Tim Blake, baseado en feitos reais e que relata unha rebelión dos sonderkommandos xudeus nos fornos crematorios de Auschwitz acontecida o 7 de outubro de 1944. Os sonderkommandos eran prisioneiros xudeus que se encargaban de facer os traballos de exterminio e eliminación dos miles de cadáveres a cambio dun trato mellor có que recibían os seus compañeiros e a sabendas de que eles tamén acabarían por saír en forma de fume e cinza polas chemineas: os nazis non querían testemuñas directas da súa limpeza étnica (tanto se vedes La zona gris como se ledes Maus, observade que tanto Blake como Spiegelman utilizan de maneira recorrente e deliberada a imaxe das chemineas en funcionamento). O filme fai un retrato aterrador do funcionamento interno desta factoría da morte, e Vladek Spiegelman alude no cómic de Maus, co seu cínico pragmatismo, a este episodio...

20th Century Boys

xosi 25/03/2008 @ 08:22

004-twenty-century-boys.gifPor fin, veño de rematar 20th Century Boys (Planeta de Agostini), unha monumental banda deseñada do xaponés Naoki Urasawa que se delongou en 22 tomos. Citando a Jesulín de Ubrique, véxome na obriga de cualificar esta obra en dúas palabras: im-presionante. Pero tamén monumental, extraordinaria, auténtico tour de force no que un dos mellores debuxantes de manga de todos os tempos é quen de manter unha tensión argumental ao longo de máis de 4.000 páxinas sen perder folgos. Porque se o debuxo é impecábel, o guión paréceme digno dun xenio. Urasawa foi quen de mesturar ingredientes tan dispares como a nostalxia polo paraíso perdido da infancia coa ciencia ficción, o thriller coa antiutopía, a relixión e o mesianismo coa música rock dos sesenta (o propio título da obra fai referencia ao celebérrimo tema de T-Rex, un dos máis potentes da mítica banda de Marc Bolan cun riff que rozaba un heavy metal daquela aínda por crear). 20th Century Boys conta a historia duns rapaces, liderados por Kenji, que pasaban o tempo nunha cabana a argallar unha guerra na que as forzas do mal pretendían destruír o mundo mentres que as do ben –nas que militaba a banda- se esforzaba en salvalo. Anos despois, cando cadaquén chegou á idade adulta bourado de mil maneiras pola vida, comproban que todas aquelas fantasías da nenez, rexistradas no Libro das Profecías, comezan a facerse realidade...

005-nurasawa.jpgPersoalmente, e por poñerlle algunha chata, creo que 20th Century Boys pincha un pouco co final. Se cadra agardaba un clímax máis espectacular, non sei. O caso é que non son o único que ficou con esa sensación, e o debuxante e guionista nipón –segundo os fiadeiros da banda deseñada- anda a traballar en dous tomos adicionais que sirvan de addenda a esta historia que, para min, supera con moito a Monster, a serie que fixo a Naoki Urasawa famoso en todo o mundo. Alguén afirmou na rede que “se Monster é a Biblia, 20th Century Boys é o papel co que Deus limpa o cu”, é dicir, o non vai máis. Difícil de superar e a todas luces recomendábel.