Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Aldea global

Se o señor Futuro fixese caso...

xosi 10/04/2008 @ 14:07

040-galeano.gifVeño de rematar a lectura da que é a primeira tradución de Eduardo Galeano ao galego: Cartas ao señor futuro, que publicou recentemente Edicións Laiovento, vertido á nosa lingua e prologado por Alfredo Iglesias Diéguez. O libro recompila unha serie de artigos deste escritor e xornalista uruguaio que se consolidou como unha das voces máis autorizadas e reputadas na loita contra a globalización neoliberal, isto é, a tentativa dos grandes bancos e transnacionais –coa complicidade de boa parte dos gobernos do mundo- de converter este planeta nun xigantesco mercado global no que todo, absolutamente todo, teña un prezo e, polo tanto, sexa susceptíbel de ser comprado, vendido ou especulado (as tradicións, o coñecemento, a auga, o aire que respiramos, a nosa liberdade...).

Os artigos teñen data dende o ano 2000, polo que moitos deles fan referencia directa á guerra de Iraq e ao que chama presidente do planeta, 043-galeano.gifGeorge W. Bush. Persoalmente, gustáronme moito os textos que falan da situación actual de diversos países americanos, pois antollóuseme unha continuación dun dos mellores libros de divulgación histórica que lin na miña vida e que vai asinado tamén por Galeano: o mítico Las venas abiertas de América Latina. De Haití a Venezuela, da Arxentina a Colombia, de Bolivia a Uruguai, van desfilando todos diante da agudeza interpretativa de Eduardo Galeano, que nos dá unha imaxe de América, e do mundo, que para nada ten que ver coa que nos ofrecen a diario os grandes medios de comunicación –non por casualidade, todos en mans de entes bancarios, grandes fortunas e corporacións multinacionais, que son os únicos que poden ter en propiedade os xigantescos conglomerados da mentira que hoxe monopolizan a información-.

042-galeano.gifSó vin a Galeano unha vez. Foi en Compostela, o 4 de outubro de 2006, nunha conferencia que impartiu na Aula Sociocultural que Caixa Galicia ten en Carreira do Conde, invitado polo Club Internacional de Prensa. Lembro que o auditorio se enchera media hora antes do comezo, e que fóra quedamos sen poder entrar máis xente cá que había dentro. Eu conseguín coarme tras moito fozar e puiden escoitalo dende os corredores. Daquela, quedoume algo claro: Eduardo Galeano é un señor da verdade, un señor da palabra limpa nestes tempos nos que prolifera o verbo intoxicado; a expectación que xera alí a onde vai está xustificada porque cada vez somos máis as persoas que temos sede de saber o que un fato de poderosos están a facer e pretenden facer coas nosas vidas. Carta ao señor futuro é unha boa e actualizada maneira de coñecer esa palabra clara e lúcida de Galeano. Del transcríbovos un texto breve que o escritor uruguaio leu de viva voz aquel 4 de outubro en Compostela e que puxo título á súa conferencia:

Os outros sete pecados capitais.

-Ser superbranco: o racismo, tradición colonial que segue a mutilar o espléndido arco da vella da diversidade humana.
-Ser supermacho: o machismo, que humilla á muller e nega a diversidade sexual.
-Cuspir no espello: o autodesprezo, ese pésimo costume que obriga aos servos a mirarse a si mesmo cos ollos do amo.
-Espremer ao próximo: o sistema que condena á opresión e á pobreza a moitas persoas e a moitos países para facer posíbel a liberdade e a riqueza de poucos.
-Matar o mundo: o impune mundicidio da sociedade de consumo, que está a asasinar o aire, a auga e a terra.
-Mentir a vida: o despotismo dos medios de comunicación que nos incomunican e os sistemas educativos que nos deseducan.
-Obedecer ao medo: a tradición que nos obriga a aceptar a realidade en lugar de cambiala, a repetir a historia no canto de a facer.

O camiño máis curto entre Arzúa e Atenas: Nunca Máis vía Melide

xosi 09/04/2008 @ 08:27

037-nunca-mais-grecia.gifCadroume esta semana atoparme cunhas fotografías que me devolveron a eses días terríbeis e gloriosos que vivimos como pobo por mor do naufraxio do Prestige. Terríbeis por termos sufrido a maior catástrofe ecolóxica acontecida nas nosas costas; glorioso por ter protagonizado o noso pobo unha das maiores revoltas populares dende a dos Irmandiños (un dato curioso: por obra e gracia dos Irmandiños convocouse en Melide a primeira Xunta do Reino de Galiza, en febreiro de 1467, “porque era en la mitad del Reino”. Cincocentos anos antes do actual estatuto de autonomía o cerne de Galiza xa estaba aí).

As primeira fotografía é, en realidade, varias fotografías. Atopeinas nunha edición gráfica en tres tomos sobre o que deu de si Nunca Máis. Proxecto dirixido por Xavier Paz e Alba Vázquez Carpentier, Nunca Máis. A voz da cidadanía -de Difusora de Letras, Artes e Ideas-, é un esforzo enciclopédico que recompila a explosión visual na que se expresou Galiza diante do infortunio, dende a miríada de carteis e camisetas, aos boletíns informativos que se fixeron concello a concello e, como non, as fotografías dalgúns dos prestixiosos profesionais que retrataron para a historia esta xesta popular e anti-Popular.

038-camiseta-grecia.gifCal foi a miña sorpresa cando, ollando por riba as fotografías, atopei na páxina 94 do segundo tomo a bandeira de Nunca Máis –e unha pancarta contra a guerra no Iraq- sostidas polos alumnos do IES de Melide con enclaves tan sobranceiros de fondo como o Partenón de Atenas ou as Cariátides. Trátase dun mosaico de nove fotografías tomadas, deduzo, na viaxe a Grecia que fixeron no curso 2002-2003. Tempos gloriosos aqueles. Remexendo no armario dos recordos, descubrín que eu contribuíra co meu grauciño de area á xesta melidense nas terras do Adriático: aquel ano merquei unha camiseta das moitas que venderon os alumnos e alumnas do IES para financiar a viaxe. Tamén lle debemos ao alumnado do IES de Melide algúns dos elos da cadea humana que uniu as nosas costas envelenadas en quilómetros e quilómetros de corazón, area e salitre.

036-nunca-mais-grecia.gifPero a revolta popular tivo ben máis expresións en Melide aínda que, supoño, estas tomas en Grecia son do máis singular. Facendo memoria, aquí fixérase un festival, na desaparecida casa de cultura, para participar na revolta e recompilar fondos para ir manifestarnos a Madrid. De Melide partiu un autobús. Esa viaxe deume unha lembranza imborrábel: mentres viaxabamos á capital do reino, adiantabamos ou nos adiantaban centos de autobuses que ían ao mesmo ca nós, cada un deles cun rótulo indicando a súa procedencia, e viñan dende todos os puntos cardinais da Galiza. A noite insomne na meseta, as rectas de interminábel silencio e unha meta común: pousar o noso berro o máis preto posíbel dos oídos dos políticos do Partido Popular que, tal e como nos tiñan afeitos, padecían unha xordeira crónica que, naquela conxuntura, facíase ferinte e ofensiva. Fóra moi emocionante. Tanto como escoitar a Paco Ibañez en Compostela cantando A galopar diante de miles de persoas, un canto contra dictaduras que aquecía naquel intre e contra aquel goberno; ou entrar, baixo a choiva, na sétima enxurrada que encheu a praza do Obradoiro na manifestación de Nunca Máis do 1 de decembro de 2002.

039-gaivota-prestige.gifE que pinta Arzúa en todo isto? Pois do concello veciño vén unha imaxe ben curiosa que tomou un servidor. A que vedes na fotografía é unha gaivota morta petroleada polo chapapote do Prestige. A pobre veu morrer a terras de Arzúa, moi preto da ribeira do Iso. Se cadra, na súa desorientación moribunda, esta ave ventou auga en Portodemouros, que sei eu. O caso é que foi pousar as súas derreadas ás nun prado non moi lonxe do Camiño de Santiago. Foi unha das vítimas desta sociedade ionqui na que nos convertemos, sociedade adicta que precisa constantes chutes de petróleo para ver a luz do día seguinte. Se cadra o naufraxio do Prestige e toda a mesquindade política que forzou a aflorar non foron máis ca síntomas dunha sociedade enferma. Quen sabe. O que ninguén nos quita é a dignidade que demostramos como pobo naquel intre da nosa historia.

Kevin Carter, in memoriam

xosi 08/04/2008 @ 07:12

033-nena-sudan.gif

Lembro perfectamente o día que vin por primeira vez esta imaxe. Estaba a estudar na Facultade de Xornalismo de Leioa (Biscaia). Nos corredores da universidade non se falaba doutra cousa. O certo é que a fotografía impactaba. Tomárase no Sudán fai agora quince anos, na primavera de 1993, nunha desas crises provocadas pola conxuntura das secas e da guerra civil na que miles de inocentes, sen saber moi ben por que, ficaron condenados a morrer de fame; eses que, con eufemístico cinismo, chamamos danos colaterais. Na fotografía vemos a unha meniña derreada que finca a cabeza na terra, sen forzas para seguir adiante. Tenta chegar a un centro de alimentación. Tras dela, un voitre agarda pacientemente a súa morte. A Kevin Carter levoulle uns vinte minutos e ducias de tomas acadar este encadre perfecto que daría unha das mellores fotos sobre a fame realizada na historia. Foi portada de Life e abriu a edición de The New York Times. O premio Pulitzer á mellor fotografía non tardaría en caer; foi ao ano seguinte, en 1994.

034-filme-carter.gifTamén recordo como se fose hoxe que, na facultade, todos nos faciamos a mesma pregunta, que xurdía espontánea das nosas gorxas: E o fotógrafo axudou á meniña? E, polo visto, esa foi a pregunta que lle fixeron a Kevin Carter en todos e cada un dos países e lugares do mundo que visitou ou polos que pasou dende aquela. “E axudarías á meniña, ¿non si?” Pero Kevin Carter non viaxara a Sudán para axudar nin a esa meniña nin aos outros miles de nenos e nenas que morrerían miserabelmente nas gadoupas da fame, que non son outras que as gadoupas da inxustiza. Kevin Carter era fotógrafo, non unha ONG. Pero iso non o comprendeu ninguén no mundo; nin sequera o comprendeu el: suicidouse corroído polos remorsos dous meses despois de recibir o Pulitzer, cando estaba na cima da súa carreira profesional. Pero, para entender a súa morte, teriámonos que remontar uns anos cara a atrás e coñecer ao home. De ter a posibilidade, non sobraría botarlle un ollo ao magnífico documental de Dan Krauss A morte de Kevin Carter.

031-kevin-no-traballo.gifKevin era un fotógrafo de guerra curtido no seu país natal, a Sudáfrica do Apartheid. Formaba parte –xunto a Ken Oosterbroek, Greg Marinovich e João Silva- do Bang Bang Club. As fotografías destes profesionais foron auténticas pedradas de intifada contra o réxime de Pretoria, e serviron para que a comunidade internacional tomase conciencia da situación política que vivía o país e presionase para pór fin, dunha vez por todas, a aquela dictadura racista dunha minoría branca sobre un pobo negro. Dende 1984, Carter e o Bang Bang Club viviron permanentemente no epicentro dos combates nas poboacións dos arrabaldes de Johannesburgo, en enclaves coma Soweto onde se libraba unha guerra civil encuberta na que miles de mozos e mozas negros leaban a pedradas contra os gases lacrimóxenos e as balas da policía. Os mortos contábanse por centos, e por miles os detidos. O conflito recruaría coa liberación de Mandela en 1990. Durante catro anos, a situación había virar cara a unha violencia demencial que se cobraría 12.000 vítimas.

Mentres no resto do mundo admirabamos as fotografías do Bang Bang Club, que eran as mellores e as máis arriscadas, Kevin Carter tiña que poñerse de cotío ata o cu de alcol e drogas para soportar a presión do seu traballo, para soportar a visión, día tras día, de mortos e máis mortos polos que nada podía facer.

035-morte-ken-oosterbroek.gifO Kevin Carter que fotografou á nena sudanesa esfameada cun voitre á espreita ás súas costas era un Kevin Carter acoirazado, co corazón en permanente anestesia, cunha armadura emocional que a duras penas sostiña un ser desfeito de tanta culpa e tanta dor acumuladas. Cada vez que lle preguntaron “E axudáchela?”, bateron nesa coiraza, que comezou a fender. A morte do seu mellor amigo por un disparo en Tokoza, Ken Oosterbroek, mentres tomaba fotografías, acabou por destruír a armadura de Carter (no fondo da imaxe, Ken é o fotógrafo morto a quen levan en brazos). O 27 de xullo de 1994, xusto tres meses despois das primeiras eleccións democráticas no seu país e cun Pulitzer no seu currículo, Carter quitábase a vida preto do río no que xogaba canda neno. Deixaba unha nota na que dicía: "Ante todo quero dicir que o sinto, que o sinto moito. Cheguei a un punto no que a dor da vida supera con creces á ledicia, no que a dita xa non existe. Perséguenme os recordos das masacres e os corpos".

Todos os que cuestionamos inquisitorialmente a actitude de Kevin Carter, deberiamos preguntarnos se, de non coñecermos a fotografía, hoxe nos lembrariamos da nena sudanesa, ou dos miles de persoas que aquel ano se extinguiron en Sudán como follas secas neste outono permanente de barbarie no que se decidiu instalar o xénero humano. ¿De que podemos culpar a Carter nun mundo no que padecen fame, segundo datos da ONU, 854 millóns de persoas; nun mundo no que morren anualmente de fame ou por desnutrición 35 millóns de seres humanos; nun mundo que produce alimentos suficientes para manter ao dobre da poboación do planeta? Mais, como dixo Michael Ende nesoutra historia interminábel, ese évos outro conto e deberá ser contado noutra ocasión.

032-kevin-carter.gif

Dor de cabeza ou dor de conciencia?

xosi 03/04/2008 @ 22:50

025-aspirina.gifHai actos inocentes aos que non lle damos importancia e que, nembargante, poden ter certa transcendencia a pouco que afondemos neles. Unha destas accións aparentemente intranscendentes consiste en tomar unha aspirina cando a un lle doe a cabeza. Ao pouco de engulipala, a molestia desaparece. Así dende1897, ano en que os laboratorios de Bayer, capitaneados daquela por Felix Hoffmann, lograron illar o principio activo do ácido acetilsalicílico e o patentaron baixo o nome de Aspirina. Non tardaría en converterse no analxésico máis popular do mundo (actualmente, prodúcense 50.000 toneladas ao ano, e 2.500 persoas consumen unha dose por segundo no mundo).

030-gas-mostaza.gifA historia sería bonita de non ser polas posteriores andanzas da multinacional xermana. Por exemplo, ata que lla prohibiron na Primeira Guerra Mundial, Bayer tamén produciu unha droga un tanto aditiva para tratar a tose, a diacetylmorphine, que comercializaría baixo o nome patentado de Heroína (polo 1900, a Bayer fixo unha publicidade moi agresiva da heroína afirmando era inofensiva para a saúde humana; que non provocaba adicción; e que era eficaz para cólicos en bebés, asma, epilepsia e cancro intestinal). Tamén crearía a metadona e a comercializaría baixo a denominación de Dolphine, en honor a Adolf Hitler. Outras das grandes achegas de Bayer á humanidade foi a invención do gas mostaza, amplamente utilizado como arma química na Primeira Guerra Mundial (por certo, o glorioso exército español tivo o grande mérito de ser o primeiro en bombardear con gas mostaza á poboación civil; foi en 1924, na Guerra do Rif, e empregou bombas deste tóxico para arrasar aldeas bereberes); e do tabun, máis coñecido como gas nervioso (o principio dos insecticidas organofosforados aplicados ao ser humano como praga).

Pero estas só foron pequenas trasnadas antes de que a empresa se integrase nun conglomerado industrial, o cartel IG Farben, xunto a BASF e Hoechst (Aventis, na actualidade), que foi o alicerce financeiro do III Reich (alicerce tanto monetario, como de materias primas). Ademais, a IG Farben mantivo unha alianza corporativa secreta coa norteamericana Standart Oil, do clan Rockefeller (de orixe xudeu-alemana, para máis inri. Business is business), grazas á cal Alemaña tivo garantido o subministro de petróleo durante toda a Segunda Guerra Mundial (un feito fundamental para manter o seu poderío militar, pois importaba o 85% do petróleo que consumía).

A sentenza do xuízo de Nuremberg sinalou directamente co dedo á IG Farben como planificadora e principal apoio do ascenso de Hitler ao poder, instigadora da invasión dos países veciños que provocaron o estoupido da Segunda Guerra Mundial, constructora de campos de exterminio e responsábel indirecta da morte de millóns de persoas.

024-zyklon-b.gifUnha das máis grandes contribucións da IG Farben ao réxime nazi sería o proxecto e construción da primeira factoría industrial para eliminar seres humanos: o campo de exterminio de Auschwitz. Non escatimaron en gastos e, cun crédito de 10.000 millóns de dólares do Deustche Bank, levaron adiante a empresa, que incluíu a construción dunha planta química de 3.000 hectáreas a poucos quilómetros do campo; así era máis barato o transporte do Zyklon B, un gas creado e fabricado tamén por Bayer co que se asasinaron a seis millóns de xudeus, xitanos e soviéticos nas cámaras de gas de Auschwitz e doutros campos da morte. Na man de obra tampouco houbo moito dispendio: miles de prisioneiros escravos cos que ás penas se gastaba no rancho diario.

028-pintura-camara-de-gas.gifSería o xefe da Bayer, o doutor Fritz ter Meer, quen dirixise con batuta mestra o xenocidio de Auschwitz; tamén foi a Bayer quen financiou os experimentos levados a cabo con seres humanos como cobaias por Helmuth Vetter (empregado de Bayer) y Joseph Mengele. A pesares de que o exército aliado coñecía perfectamente a situación da planta química e do campo de exterminio, nunca os bombardeou. A influencia dos Rockefeller era demasiado grande.

Trala guerra e os xuízos de Nuremberg, a IG Farben foi condenada a fragmentarse de novo por mor dos seus crimes e volveu ás súas identidades orixinais: Bayer, BASF e Hoechst (Aventis). Manténdose fiel á súa tradición, Bayer recuperaría para a súa equipa directiva, entre 1956 e 1964, a Fritz ter Meer. Foi un dos condenados polo Tribunal de Nuremberg por dirixir a IG Farben. Suponse que a man dos Rockefeller tamén estivo na decisión do tribunal de condenalo tan só a sete anos de prisión. Aínda hoxe en día, no século XXI, Bayer envía flores á tumba de Meer o Día de todos os Santos.

027-bayer-aids.gifComa nos seus días de gloria, a Bayer segue a facer gala dun humanismo ben intencionado con feitos como demandar a Sudáfrica por fabricar medicamentos xenéricos asequíbeis para toda a poboación; adquirir mineral de coltan no Congo, financiando así o mantemento dunha guerra que se cobrou máis de tres millóns de vítimas; explotación infantil na India, etcétera.

Por iso titulei este texto así. Cando che doa a cabeza deberías pensar nos seis millóns de persoas que morreron nos campos de exterminio nazi inhalando o gas Zyklon B producido por Bayer, e saber tamén que existen outros analxésicos no mercado a parte da archipopular aspirina. Se os utilizas, amais de sandarche a dor de cabeza, se cadra non che doerá tampouco a conciencia.

Información obtida en es.wikipedia.org/wiki/Bayer ; www.cbgnetwork.org ; trinityatierra.wordpress.com/2007/11/08/5/ ; pódense consultar as probas e documentos orixinais do xuízo de Nuremberg en www.profit-over-life.org ; El libro negro de las marcas, de K. Werner e H. Weiss. Colección DeBolsillo, Mondadori

029-nenos-concentracion.gif