Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Aldea global

O xenocidio silencioso de Monsanto

xosi 06/08/2008 @ 08:32

237-xenocidio-monsanto.gifNon hai moito, fun compartir unha churrascada con amigos e amigas á área recreativa de Furelos. Entre elas atopábase María, unha brillante científica que, xa na sobremesa, co alcol aboiando nas pupilas de todos, nos preguntou que opinabamos dos transxénicos. Ela defendíaos sen reparos como unha arma de futuro e progreso; eu, pola contra, enguedelleime nunha esquecíbel discusión na que os puxen como unha bomba xenocida que está a provocar a morte e a ruína de miles de persoas.

239-transxenicos-el-roto.gifTan pouco dado a defender cuestións con argumentos morais, neste caso, alén das moitas razóns científicas que hai para coutar a manipulación xenética, eu creo que hai poderosos motivos de conciencia pesando na súa contra. E é que esta ciencia nacente, que está obrigada a prescindir de calquera prexuízo para ser efectiva como todas as ciencias, ten o seu máximo pulo na moral depredadora do capitalismo salvaxe, cuxa principal máxima consiste en acadar o beneficio máis substancioso a costa do que sexa (vidas humanas, medio ambiente, saúde, postos de traballo, esgotamento de recursos básicos, etcétera). Ao fin e ao cabo, esta póla da ciencia existe grazas aos investimentos das multinacionais asasinas que financian este tipo de investigacións.

A historia que vos vou contar agora tamén contén a súa dose de moralina e dá que pensar. Que eu saiba, non ocupou nin as primeiras planas nin deu moito de si –supoñendo que dese para algo- nos nosos xornais patrios. E iso a pesares de termos 40.000 vítimas mortais, que dan para engordar un bo titular.

240-gene-revolution.gifA historia da que falo aconteceu na India no transcurso da última década e ten que ver cos labregos do algodón. A multinacional Monsanto, líder na investigación transxénica, leva varios anos vendendo a panacea do seu algodón transxénico Bt con técnicas comerciais moi agresivas, prometendo colleitas de 750 quilos e beneficios de 226 dólares por acre. As promesas de Monsanto levaron aos labregos indios a endebedarse para poder mercar as milagreiras sementes manipuladas (un labrego na India gaña uns 50 euros ao mes e pode chegar a gastar uns 600 euros para mercar esas sementes).

Mais eses labregos non leran a letra pequena. Descoñecían que para que a produción de algodón transxénico se achegase aos resultados prometidos, era necesario multiplicar por moito os gastos de produción, pois estaban obrigados a utilizar os fertilizantes e pesticidas fabricados e vendidos tamén por Monsanto. Sen eles, as colleitas foron un auténtico desastre: entre 150 e 50 quilos por acre, cun gasto medio de 135 dólares, cando antes obtiñan 250 quilos cuns custes de 10 dólares por acre.

241-labrego-morto.gifPor se non abondase, os labregos indios descoñecían que as plantas transxénicas non lles ían dar as sementes para a vindeira colleita porque estaban deseñadas para ser utilizadas unha soa vez (tecnoloxía Terminator). Así que poucas saídas lles quedaron: endebedarse de novo para volver mercar sementes manipuladas, pois desfixéranse das orgánicas; vender as terras e emigrar ás chabolas dos arrabaldes das cidades para vivir como parias; traballar en réxime de semiescravitude para algún terratenente; ou suicidarse. Esta última foi, precisamente, a saída elixida por miles de labregos indios na última década, que se quitaron a vida por non poder facer fronte ás débedas contraídas pola utilización do algodón transxénico. Segundo as autoridades oficiais, as mortes por esta causa ascenden a 10.000, pero diversas organizacións sociais elevan a cifra a 40.000. Calquera delas valería para acusar a Monsanto e aos seus sicarios comerciais de xenocidio. Un apunte final: curiosamente, moitos destes labregos tiveron unha morte atroz inxerindo conscientemente o pesticida que contribuíra a arruinalos.

238-monsanto-esquelete.gif

A vida coma unha congostra de cascallos

xosi 21/07/2008 @ 09:32

204-nena-mineira.gifHai uns días, atopei en Manual de lecturas rápidas para a supevivencia uns versos de Laura Giordani sobre os nenos mineiros que lle socavaron bágoas ao meu rostro de cotío pétreo. “Xenreira de verte fendendo nesa pulseada a morte coa pedra, roubándolle rigor ata facerte fochanca, chaga. As túas mans moen, demolen, esmiúzan os ósos do mundo. Non de trasnos o po que arrasa os teus pulmóns: soldadiños de chumbo viaxan polas túas veas desvelando bosques somnolentos. Neno pena, neno maza, en moegas vai o teu sangue ata a infancia dos volcáns, cara a reinos de fadas negras, minerais; alí onde o mundo agacha o fume das caídas e todos os cascallos do dano”. Son bos versos, teñen forza e coraxe panfletarias sen renunciar á alquimia verbal da boa poesía. Falan de algo que a arte de versificar, sobre todo nestes tempos no que a verba poética está a alambicarse cara a extremos tan insospeitados como inaccesíbeis para o meirande da humanidade, non adoita tocar: a dor humana.

203-mineiro-negrino.gifFalan estes versos do que a xornalista Pilar García del Pozo denunciaba en 2005 nun artigo no que dicía: “Mergullados nas entrañas do inferno dende a súa máis tenra infancia, arrastran os seus pequenos corpos por estreitos túneles, escuros e perigosos. As súas mans convértense en improvisadas ferramentas coas que recollen pedras ou escarvan a terra durante longas xornadas. Colocan explosivos e carrexan pesadas cargas. Estímase que un millón de nenos traballan na minaría e nas canteiras en todo o mundo. O meirande non cumpriu os dez anos… Non teñen xoguetes, nin van ao colexio; traballan sen horarios nin dereitos. Só coñecen unha obriga: contribuír á subsistencia familiar coma se fosen adultos, privados de educación e en prexuízo do seu desenvolvemento psicolóxico, físico e emocional. En contacto con gases tóxicos, de cotío sofren canseira constante, problemas musculares e de lombo, roturas de extremidades e feridas graves debido ás caídas e ás cargas excesivas que teñen que transportar e que non son acordes co seu desenvolvemento corporal”.

202-mineiros.gifO dos nenos, e nenas, que traballan na minaría non é un invento de agora. Aínda que é unha tradición case tan vella como a humanidade –cun dos seus exemplos meirandes no espolio do cerro rico de Potosí polas gadoupas do imperio español- foi a Inglaterra da revolución industrial, no século XIX, a que levaría esta práctica ata o paroxismo. Non en van, os corpos miúdos dos nenos e das nenas eran os que mellor se adaptaban á angostura das galerías das que unha sociedade adicta ao vapor extraía o carbón que precisaba para manter o seu ritmo febril de crecemento. O propio Benjamin Disraeli, primeiro ministro británico entre 1874 e 1880, describía o traballo dunha nena mineira “...espida ata a cintura, durante doce e ás veces dezasete horas diarias, tira axudándose de mans e pés dunha cadea de ferro que, suxeita a un cinto de coiro, arrastra entre as súas pernas enfundadas en pantalóns de lona, para transportar cubetas de carbón que saen dos camiños subterráneos, escuros, retortos e enlamados: circunstancias que semellan ter pasado inadvertidas para a Sociedade para a Abolición da Escravitude Negra”. Estas nenas adoitaban a comezar a súa carreira nas minas con pouco máis de cinco anos. Normalmente, os nenos e nenas que traballan na minaría, onte e hoxe, non chegan aos corenta: a silicose encárgase de aforrarlles os sufrimentos que padecerían de alcanzar idades máis avanzadas co corpo e os pulmóns desconxuntados por un traballo tan brutal e inhumano, mesmo para os adultos.

206-trapper-boy.gifNon podo rematar este artigo sen ter unha lembranza para un neno de comezou a traballar aos doce anos na canteira de Padrón, na parroquia de Vilareda (Palas de Rei). Era unha canteira de pedra a ceo aberto da que hoxe só fica unha fochanca infestada de toxos e xestas. O capataz era asturiano e tiña dúas máximas: a primeira era que a maza debía caer do ceo coma se fose un raio para fender a pedra; a segunda, que se un non podía cunha rocha pedise sempre axuda a outro para non lesionarse. Era un bo capataz. Se non recordo mal, pagaban a tres pesetas a hora e traballábanse oito horas diarias. O xornal redondeábano e quen aguantaba o día completo levaba para a casa cinco pesos, que daquela (anos cincuenta) eran uns cartos. O neno do que falo era dos que termaban a xornada completa e gañaba ese diñeiro. Non lle fora mal na escola, mais, sendo como era o menor de seis irmáns, a continuación dos seus estudios consistiu en coidar das ovellas da casa, co que axudaba á familia pero non levaba un patacón aos petos. Así que para el a canteira foi unha bendición e ten esa experiencia entre as mellores da súa infancia. Chamábase Andrés e é meu pai.

O gol máis espectacular da Eurocopa

xosi 08/07/2008 @ 13:14

188-zapatero-e-rajoy.gifNon foi nin de Torres, nin de Arshavin, nin de Ibrahimovic, nin de Ballack. O gol máis espectacular, en plena efervescencia da Eurocopa, foi o que lle marcaron aos pobos de España os deputados do Congreso ao aprobar o Tratado de Lisboa por 322 votos a favor, 6 en contra e 2 abstencións. Evidentemente, en cuestións deste calado, PP e PSOE –xunto a outros partidos da dereita como CC, PNV ou CIU- votan harmoniosamente xuntos, case que coma unha parella de bailaríns namorados con moitas máis cousas en común ca diferenzas que os afasten, soñando, se cadra, cun mundo bipartidista no que o seu amor non se vexa esborranchado pola presenza de terceiros. Os votos en contra foron dos de sempre: IU, BNG e ERC. Este histórico golazo tan só mereceu unha nova secundaria a dúas columnas no xornal de maior tirada do noso país, La Voz de Galicia.

186-free-europa.gifComo ben sabemos, o Tratado de Lisboa foi a argallada dos tecnócratas comunitarios para sacarse a espiña cravada de non poder tirar para adiante co seu proxecto de Constitución Europea, que recibiu algún ca outro referendo –nomeadamente os de Francia e Países Baixos- como letais torpedos na súa liña de flotación. Desta vez, os referendos están considerados prácticas perniciosas e basta con que o Parlamento de cada país dos 27, a ser posíbel sen moito rebumbio, ratifique o texto. Foi o que aconteceu en España días antes da final contra Alemaña.

185-non-tratado-lisboa.gifEn Irlanda, no entanto, e a pesares das presións da Comisión Europea, preguntáronlle ao seu pobo. Debeu ser que a selección verde non se clasificou para a Eurocopa, que os irlandeses tiñan mellores cousas que facer e deron en cavilar que mellor era dicir non, como xa fixeran antes en Holanda. Tamén unánimes en demasiadas ocasións, os medios de comunicación europeos e patrios deron en aclarar que eses illáns retrógrados e nada cosmopolitas ás penas representaban o 1% da poboación europea, ou o que é o mesmo, que se pasaban polo forro o seu referendo.

Así as cousas, e porque nós si que somos europeos, damos un paso á fronte, coa cabeza ben erguida e orgullosos, para que as multinacionais e a patronal utilicen como papel de váter o dereito a un traballo digno e ben remunerado do que gozamos por escrito dende 1979 (as constitucións, como os contos de fadas, axudan a manter a ilusión e a crer nun mundo mellor, que non é pouco). Iso do dereito a un traballo digno é cousa do pasado. Agora, o que mola nesta Europa sen fronteiras nin bandeiras na que todos somos irmáns é a xornada de traballo semanal de 192-proletarios.gif65 horas (podería ser que a reforma do bacharelato buscase futuras xeracións incapaces de dividir 65 entre 7). Iso si que é adaptarse aos novos tempos, e non coma eses nostálxicos que aínda cisman, en pleno século XXI, por traballar só 48 horas á semana ou, como máximo, oito por día cunha xornada de descanso semanal, unha conquista social de 1917, é dicir, demodé. Nostálxicos e, ademais, preguiceiros, como debían ser os miles de obreiros e obreiras que morreron dacabalo dos séculos XIX e XX para conquistar ese dereito (algún, por non traballar, ata sacrifica a súa propia vida). Nostálxicos, preguiceiros e desagradecidos, habería que puntualizar, pois agora vanlles meter as 65 horas semanais sen que teñan que derramar nin unha pinga de sangue nin erguer barricadas nas rúas. Ese dereito vano conquistar por eles os seus políticos nos parlamentos, o dereito a traballar máis de doce horas ao día e seis días á semana. Non sexamos fachendosos; se a Deus lle chegou o domingo para descansar despois de crear o universo, tamén nos chegará a nós para recuperarnos das nosas cativas ocupacións, ¿non si?

189-consumismo.gifDe pequecho, odiaba as sesións de flexibilidade nas clases de Educación Física. Daquela, non sabía que hoxe me serían de grande utilidade para adaptarme sen transos á flexibilidade laboral que vai ser o máis in do in. Eu teño a miña teoría absurda e anticientífica para explicalo. A clase obreira dos países ricos está condicionada dende o berce a relacionar a calidade de vida cun alto nivel de consumo. Para consumir, necesita máis cartos dos que gaña e hipotécase, que é unha maneira de venderse en corpo e alma á banca. Unha vez hipotecados xa podemos ter un bo coche, pasar as vacacións na praia ou ver materializado o dereito a unha vivenda digna so pena de estar pagando xuros máis alá da idade de xubilación, ou o que é o mesmo, de por vida. A partir de aí, a banca, que todos sabemos en que bando xoga, lexitimada polo Banco Central Europeo, vai facer as nosas delicias coa 190-crises-what-crises.gifbrincadeira da montaña rusa dos tipos de xuro. Subimos unha décima por aquí, e x millóns de familias xa non dan chegado a fin de mes. Subimos un pouco máis, e x millóns de traballadores van pedir de favor poder traballar doce horas ao día para poder chegar a fin de mes, baixamos e volve a febre consumista e o proletariado hipotécase máis aínda, volvemos subir o suficiente para provocar unha crise e mandar uns cantos millóns ao paro e temos man de obra desesperada para facer e aceptar o que se lles pida e ao prezo que sexa. Que se preparen eses escravos de Asia, África e América Latina que nos están a quitar o traballo. A clase proletaria hipotecada de Europa inicia o contraataque para defender coa súa vida o dereito a un nivel de consumo digno...

192-proletario-el-roto.gif

A radiografía máis lúcida e descarnada da globalización

xosi 19/06/2008 @ 12:17

164-libro-ziegler-copia.gifTeño lido moitos libros sobre a globalización, mais ningún que me teña impresionado tanto nin que me teña amosado de xeito tan meridiano e transparente a maquinaria e os miolos do sistema económico e político xenocida que impera na terra dende hai un par de séculos. A min, Los nuevos amos del mundo (Edicións Destino, colección Destinolibro nº 481), do suízo Jean Ziegler, impactoume tanto ou máis que Las venas abiertas de América Latina, de Eduardo Galeano. Penso que a obra do helvético é e acada, a escala planetaria e con perspectiva contemporánea, o mesmo ao que chegou o mítico libro do escritor uruguaio. E iso é moito dicir.

Fiando máis fino, direivos que Los nuevos amos del mundo analiza polo miúdo o sistema económico e político que domina hoxe o mundo e o relaciona directamente coa inxustiza e pobreza extrema que padece boa parte da humanidade. No primeiro capítulo, que entra a sacho na conciencia do lector, atopei un pequeno parágrafo que é unha auténtica declaración de intencións e que chama ás cousas polo seu nome sen ambaxes: “A ecuación é sinxela: quen ten cartos, come e vive; quen non os ten, queda inválido ou morre. A fame persistente e a desnutrición crónica son obra do ser humano. Son o resultado da orde asasina do mundo. Quen morre de fame é vítima dun asasinato”. E Ziegler denúnciaos a todos, dende os autores intelectuais do crime aos executores, dende os colaboradores da masacre aos cómplices por omisión.

167-jean-ziegler.gifImpresionoume. Quen morre de fame é vítima dun asasinato”. Quen o di non é un anarquista, ou un revolucionario stricto sensu, ou un sindicalista de esquerdas. Non. Sen menosprezo das devanditas categorías, precisamente é a posición de Ziegler a que carga a súa mensaxe e a súa análise dunha validez e contundencia que non atopei noutros textos e autores. Jean Ziegler é doutor en Dereito e Ciencias Económicas e Sociais pola Universidade de Berna, e ten impartido o seu maxisterio nas universidades de Grenoble, Berna, a Sorbona e Xenebra. Mais o crítico contra o sistema fíxose famoso dende que lle puxera un preito á banca suíza pola cuestión do ouro nazi e, máis recentemente, grazas á súa posición como comisionado especial das Nacións Unidas para o dereito á alimentación, polos seus informes demoledores contra os perversamente denominados biocombustíbeis. Todos os activistas contra a globalización que coñecín padecen a mesma eiva (eu incluído): móvense en guetos pechados de amizades e simpatizantes, teñen escaso ou nulo contacto co inimigo e, habitualmente, son de esquerdas e mamaron moito marxismo. Pola contra, Ziegler relacionouse con todo tipo de xentes, dende os Sem Terra do Brasil ao presidente da Organización Mundial do Comercio, dende José Bové aos xerifaltes do FMI e do Banco Mundial, dende un pastor de cabras do Níxer aos señores da banca suíza; pisou tanto as zonas do planeta en estado crítico por guerra ou fame como as moquetas dos despachos onde se toman esas decisións que repercuten a escala planetaria; e dota ás súas análises dunha obxectividade demoledora, pois ten a lingua ben afeitada á hora de criticar tanto o carácter xenocida do capitalismo como as fatais eivas que están a derrubar á esquerda clásica, dende a extinta e dictatorial Unión Soviética á traidora e colaboracionista socialdemocracia europea, pasando pola archicorrupta China. Esa posición privilexiada fai que as certeiras palabras de Ziegler estean dotadas dunha contundencia que nunca antes sentira nun libro sobre este tema.

165-che-guevara.gifEntre o anecdotario que arrodea a este martelo das multinacionais, dos grandes bancos e dos seus vasalos temos unha que lle aconteceu en 1964, cando serviu de chofer a Ernesto Guevara na Conferencia do Azucre que se estaba a celebrar en Xenebra. Aquel día, falando co Che, preguntoulle que podía facer para contribuír a mudar un mundo tan homicida e inxusto, pensando que o comandante da Cuba revolucionaria lle aconsellaría botarse ao monte cun Kalashnikov. Mais non foi así. Ernesto porfioulle aquel día a Ziegler con que a revolución, para triunfar, debería darse nos corredores e despachos dos organismos con sede en Xenebra e no hemisferio norte. E Ziegler fíxolle caso. Ata hoxe.

166-fame.gifTrátase dun libro que non ten desperdicio, que expón temas de cotío abstrusos dun xeito sinxelo e doado de entender, que bota man de exemplos tirados da experiencia persoal do propio autor, e que percorre a dictadura neoliberal cunha ollada de gran angular que non deixa escapar nin o máis mínimo detalle. Chamoume a atención que dedicase espazo a analizar como debería ser ese movemento global e esas ideas que se opoñan ao sistema dende os cascallos da esquerda, e mesmo que analizase a psicoloxía e as ideas daqueles –brokers, banqueiros, empresarios, magnates, políticos, traficantes, mafiosos, etcétera- que coas súas decisións están a condenar a morte a millóns de seres humanos que cometeron o delicto de naceren pobres. Como se trata dunha obra divulgativa, o autor optou, a pesares das súas 350 páxinas, pola brevidade; de querer desenvolver ben todos os temas tratados, terían dado para unha auténtica enciclopedia da infamia. Mágoa que este libro nunca vaia ter o éxito das aventuras do aprendiz de mago Harry Potter ou de galdrumadas indixeríbeis como O código da Vinci. Así nos vai.

A boneca de millo

xosi 03/06/2008 @ 09:08

139-boneca-de-millo-1.gifEstes días ando a voltas con Los nuevos amos del mundo, de Jean Ziegler, un libro deses de magnitude 12 na escala de Richter que teñen a virtude de abanearte coma un monicreque para que espertes, de abrir os cinco dedos de cada liña para zorregarte labazadas de realidade. Literatura aparte, a obra en cuestión -na que aínda ando pola metade- é unha das radiografías máis descarnadas e lúcidas que caeron nas miñas mans sobre os efectos devastadores da globalización económica, unha diatriba sen edulcorantes sobre o xenocidio que os amos do mundo –as bancas e as multinacionais a través dos seus mercenarios (OMC, Banco Mundial e FMI) e do seu matón (Estados Unidos)- están a perpetrar sobre o planeta e sobre a humanidade. Sen dúbida, este texto ha ter o seu espazo no meu blog.

140-protesta-maquilas.gifMais o motivo desta entrada foi destacar un detalle que a un pai de familia, como é o meu caso, lle remexe o estómago, por non dicir a conciencia. Nun capítulo titulado “A destrución dos homes”, Ziegler analiza a condicións nas que fan o seu traballo o meirande dos traballadores que teñen a ¿fortuna? de ter un emprego en moitos países subdesenvolvidos. “Xornadas de 14 a 16 horas son moeda corrente. Os salarios son míseros. As horas extras en contadas ocasións se pagan. Os dereitos dos traballadores son ignorados con toda soberbia polos encargados e os gardas armados que se encargan de que reine a orde do empresario na fábrica. De China a Honduras, en Mexico e en Guatemala, de Corea do Sur a Filipinas, a Sri Lanka e Santo Domingo, a escravitude contemporánea xostrega hoxe a preto de trinta millóns de seres humanos”. No ámbito latino, bautizáronse estes guetos da explotación de homes e mulleres polos seus semellantes como maquilas. Trátase de zonas francas nas que os propietarios das fábricas non pagan dereitos de importación para as materias primas, nin de exportación para os produtos rematados, nin impostos de ningunha caste.

143-made-in-china.gifTodos somos consumidores forzados do produto da escravitude. Na nosa sociedade de consumo é practicamente imposíbel liscar de sermos cómplices dos negreiros. As prendas de vestir que levo, o mp3 no que escoito audiolibros, o ordenador no que escribo este texto, están manchados coa agre suor da inxustiza. O meirande da xente non o sabe. Quen o sabemos, trampeamos como podemos para non picar demasiadas veces nas bagatelas que nos ofertan os monstros da infamia e, cando caemos, facemos pinchacarneiros coa nosa amnesia para que a verdade non nos amargue a privilexiada vida que levamos no norte.

144-montaxe-xoguetes-1.gifAsí vas tirando. Pero atragoouseme nas entrañas constatar –porque xa o sabía- que a inocencia, a ledicia, os risos dun neno cando enreda cun xoguete poden estar hipotecados pola cobiza asasina duns poucos. Seguindo co tema das maquilas, Ziegler di que “En 2002, o 65% de todos os xoguetes infantís (bonecas, trens en miniatura, pelotas, robots, Monopoly, etcétera) importados pola Unión Europea proveñen destas zonas [maquilas]. As dúas sociedades transcontinentais máis importantes que controlan o mercado son Mattel (Barbie) e Hasbro (Monopoly). China, como todo o mundo sabe, vive baixo un réxime de partido único. O sistema de explotación que os apparatchiks comunistas puxeron en marcha coa complicidade das sociedades transnacionais do xoguete é dunha ferocidade implacábel: nas zonas especiais de produción chinesas, os obreiros e as obreiras traballan ata 16 145-montaxe-xoguetes-2.gifhoras diarias, os sete días da semana. O salario medio por hora representa o equivalente de 30 céntimos de euro. O pago das horas extras e o traballo nocturno, o salario mínimo, son descoñecidos nas zonas especiais de produción chinesas. Dos permisos por maternidade, as obreiras destas zonas nin sequera saben o que son. As pausas están cronometradas. En numerosos talleres, non pasan de cinco minutos. O sistema funciona de marabilla. Cando os xoguetes chegan aos grandes almacéns de Berlín, París, Roma ou Xenebra, os custes salariais representan ás penas o 6% do prezo de venda ao público. Os truts internacionais do xoguete fan negocios espléndidos e os apparatchiks comunistas enchen o peto. Os obreiros e as obreiras chinesas, pola súa banda, o máis seguro é que rematen por morrer de xeito prematuro, polas emanacións tóxicas que asolagan os talleres insalubres –os xoguetes teñen fermosas cores-, por desnutrición e numerosas enfermidades causadas pola miseria”.

141-montana-xoguetes.gifSempre tiven tino de mirar ben a procedencia xoguetes do noso Breixo. Pero pouco importa. Dende que naceu, toda a xente que o quere, familia e amigos, coa mellor intención do mundo, regaláronlle ducias de brinquedos cun aséptico “Made in China” gravado que se me antolla o número que lle tatuaban de por vida aos presos de Austwitzch. E é que a escravitude contemporánea democratizou o poder adquisitivo, vía Cadena 100, á hora de mercar trastes. Pola miña banda e parte de responsabilidade, direi que son deses apoucados que non se atreven a rachar nin a ilusión inicial que o agasallo produce no cativo, nin coa ilusión parella daquel que lle agasalla. Tal costume acaba por xerar montañas de cachifallos que o neno axiña esquece. Nos primeiros anos de vida, tenlle tanta graza a un cativo xogar coas potas da cociña como cun coche teledirixido. Hoxe, calculo que o 95% dos xoguetes que ten o noso Breixo non foron mercados polo seu pai nin pola súa nai. Dese 95%, unha porcentaxe semellante fabricouse en China. Aos seus dous anos e tres meses, Breixo segue a preferir que o leve a pasear en bicicleta, que xogue con el á pelota ou que lle lea un conto, antes que quedarse só con ese fabuloso tesouro da piratería contemporánea esculpido en plástico e circuítos integrados.

139-boneca-de-millo-2.gifMadia leva neste mundo ollar con nostalxia os tempos idos. Miña nai contábame que, canda nena, o seu xoguete viña polo verán, cando os plantíos de millo comezaban a madurecer. Coas mazarocas facía bonecas peiteándolle o penacho, pintándolles un rostro co que conversar e poñéndolles por roupa algún farrapo vello que tiña a man. A pesares da miseria na que vivían, a felicidade de xogar ninguén llela quitaba. Daquela, miña nai non sabía o que era un televisor nin a publicidade infantil, descoñecía que puidese haber outros xoguetes máis sofisticados cá súa boneca de millo, ignoraba que existisen materiais derivados do petróleo como o plástico e, incrible pero certo, que no mundo vivise xente máis escrava ca unha labrega.

A Puerto Real saíulle ra a realeza

xosi 07/05/2008 @ 07:25

098-liberdade-expresion.gifSon republicano. Que lle imos facer. Sono dende que, no bacharelato, estudiei o anacrónicas e intrinsecamente malignas que son as monarquías e dende que souben dos mirialitros de sangue que correron por Europa para sacarnos do corpo esas carrachas que nos veñen chuchando os cartos dende a máis alta Idade Media. Sono dende que pensadores como Rousseau, hai xa máis de douscentos anos, nos abriron os ollos respecto de onde emana, ou debería emanar, o poder; do pobo, por suposto.

Respecto da nosa particular monarquía, ese invento –herdanza directa da dictadura de Franco- que supuxo un auténtico gol pola escuadra a unha 100-o-rei-e-franco-2.giffeble Constitución acabada de nacer, abúrreme ata o noxo. Non estudiei os miles de millóns que teñen desbaldido os Borbóns dende 1978, e ignoro o que lle teñen chuchado ás arcas públicas dende comezos do século XVIII, cando comezaron a parasitar España. Tampouco vou entrar agora a analizar o democrático privilexio de que un determinad apelido ostente hereditaria e varonilmente a xefatura do Estado (xa non digo que se elixa por votación popular e con varias candidaturas en liza; oes, é que nin a sacan a oposición nin a concurso público). Nin sequera me meterei coas contrastadas capacidades intelectuais da sacrificada familia. O que me toca as narices agora é a persecución a que se está a someter a toda aquela persoa que ergue a súa voz contra este fato de reais lacazáns, persecución que dende a Casa Real ben se coidan de encargarlle aos nosos democráticos medios de comunicación, sexan de tendencia pepera ou sociata.

103-el-jueves.gifAínda que a teima censora vén ben de atrás, fíxose patente co secuestro de El Jueves no que o Príncipe aparecía fozando coa Princesa para facer un Principiño (con perdón de Antoine de Saint-Exupéry). O peor do conto non foi a censura; o peor foi que, dende aquela, orquestrouse unha forte campaña mediática na que nos atopamos ao Rei e á súa proxenie ata na sopa. Dende aquel, non menos censor e anoxadamente colonial “¡Que te calles!” ao indio Chávez, non hai acontecemento deportivo importante no que non apareza o Borbón para sacarse a foto xunto aos laureados, a ser posíbel cunha real bromiña que dea fe do humano –coma ti e coma min- que é o noso monarca; tamén o vemos compartir a dor de todos os españois cando cómpre, con bágoas azuis se for necesario; e viaxar a esgalla, que é a súa maneira de demostrar que, ao seu xeito, traballa.

Pero non era de todo isto do que quería falar. A miña vea antimonárquica latexou con forza estes días por unha nova fazaña censora da nosa democracia: a imputación por inxurias á Coroa do alcalde de Puerto Real (Cádiz), José Antonio Barroso, de Izquierda Unida, polo seu discurso durante un acto de homenaxe á II República. Semella que a liberdade de expresión ten uns límites moi estritos cando se menta o apelido Borbón. Afortunadamente, aínda hai políticos –cómpre buscalos fóra do PP e do PSOE-, que non teñen pelos na lingua á hora de falar de Rei&Co.

104-rei-con-pinochet.gifVexamos algunhas das declaracións de Barroso: "El Borbón es hijo de un crápula. El Borbón de condición deleznable, el presente, no es menos deleznable de lo que su padre fue. Afecto al Golpe de Estado, despreciado por el tirano, al que reiteradamente le solicitó su incorporación al Ejército faccioso. El Borbón es hijo de una persona de condición licenciosa, deplorable, deleznable. No menos licenciosa que la de su esposa". Barroso non se retractou das súas palabras, ás que engadiu algunhas perlas como que “La Monarquía es de naturaleza corrupta. El Rey no es ningún modelo ni ningún espejo en el que mirarse. Cualquier político con su entorno empresarial habría cavado su propia tumba. Me resisto a que nos lo pinten como un dechado de virtudes”.

101-o-rei-e-franco-3.gifXa que este blog está asinado por un republicano, e xa que me rebenta, particularmente, a censura nun país que se di democrático, podedes ver a información completa respecto deste proceso no xornal dixital Rebelión, amais dunha entrevista a José Antonio Barroso na mesma publicación. E como non todo van ser malas novas, remato cunha que supón un sopro de esperanza: o claustro da Universidade Pompeu e Fabra, de Cataluña, aprobou unha moción presentada polo Sindicat d’Estudiants dels Països Cataláns (SEPC) que pedía o rexeitamento da presenza de calquera membro da Familia Real nas instalacións do centro universitario. En hora boa.

099-o-rei-e-franco-1.gif

 

Faíscas de morte en la chispa de la vida (e 2)

xosi 24/04/2008 @ 08:33

075-anti-coke.gifDando continuidade a un artigo sobre a cara oculta da Coca Cola publicado neste blog, hai un par de semanas, imos mergullar nunha das facetas máis descoñecidas do refresco. Resulta sorprendente, pero seica a Coca Cola limpa aquilo que moitos deterxentes non conseguen. Alomenos iso se desprende dunha boa chea de informacións que circulan pola rede, como as que achei no portal Solidaridad. Segundo esta web, o poder limpador da Coca Cola débese a que un dos seus ingredientes activos é o ácido fosfórico que, cun PH do 2’8, é quen de disolver un cravo en catro días (o ácido fosfórico, enténdense, non a Coca Cola en si; algún internauta fixo o experimento de mergullar un cravo en Coca Cola durante catro días sen éxito. Di miña sogra que quen non ten que facer sacha os nabos...). Vexamos algunhas das curiosas utilidades do refresco máis famoso do mundo (sempre segundo a devandita web; o que isto asina non gastou nin un céntimo en mercar Coca Cola para facer a proba do que aquí se explica):

  • En Estados Unidos, moitas unidades da Patrulla de Estradas levan canda si garrafas de Coca Cola para limpar os restos de sangue que fican no asfalto tras un accidente.
  • Se vostede cubre un anaco de carne con Coca Cola, desaparecerá en dous días.
  • Para limpar un inodoro: baleire unha lata de Coca Cola dentro da cubeta do váter, déixea unha hora en repouso, e despois tire da cadea. A Coca Cola quitará o meirande das manchas.
  • Para quitar as manchas do óxido de cromo dos gardalamas dos automóbiles, fregue o cromado cun anaco engurrado de papel de aluminio de cociña mollado en Coca Cola.
  • Para limpar a corrosión nos terminais da batería do seu coche, bote unha lata de Coca Cola sobre eles e as burbullas levaranse a corrosión
  • Para afrouxar un parafuso enferruxado, aplíquelle Coca Cola cun trapo durante varios minutos, ou mergulle o parafuso nunha lata de Coca Cola.
  • Para as manchas de graxa na roupa, coloque as prendas sucias na lavadora e bótelles por riba unha lata de Coca Cola. Despois engada o deterxente e lave cun ciclo completo. As manchas de graxa desaparecerán. Como efecto secundario, cómpre advertir que Coca Cola pode chegar a destinxir algunhas prendas.
  • Coca Cola tamén é un excelente limpador para os parabrisas dos automóbiles. Basta limpar cun trapo mollado no refresco.
  • Os distribuidores de Coca Cola levan usando o seu propio produto dende hai máis de dúas décadas para limpar os motores dos seus camións.

En canto á Coca Cola como bebida, www.solidariedad.net advirte de certos efectos secundarios que, normalmente, a xente descoñece. O ácido fosfórico deste refresco é moi prexudicial para o calcio dos ósos, provoca fortes erosións na dentame dos consumidores habituais de Coca Cola, e é un dos maiores contribuíntes ao aumento da osteoporose. Un dato a ter en conta é que en moitos países, informa o portal dixital, os camións que transportan o concentrado de Coca Cola deben portar a tarxeta de Material Perigoso, reservada para substancias altamente corrosivas.

076-comida-lixo.gif

Lula, Kunta Kinte e o deserto verde

xosi 22/04/2008 @ 15:57

071-raices.gifNon sei se lembrades a serie televisiva Raíces, baseada nunha novela na que o xornalista afroamericano Alex Haley relata a vida dos seus devanceiros escravos dende o día en que Kunta Kinte, un mozo de 17 anos que vivía nunha aldea calquera do país que hoxe coñecemos como Gambia, é secuestrado por negreiros e vendido como escravo nos Estados Unidos. Corría o ano 1767. A min, desa serie, que vin canda neno, quedoume gravada a teimosía de Kunta Kinte, pendurado polos pulsos coma un saco morto e recibindo lategazo tras lategazo nas costas para obrigalo a pronunciar o nome anglosaxón co que o querían bautizar os seus amos. “¿Como te chamas?” “Kunta Kinte” “Non. Chámaste Toby”. Lategazo. “¿Como te chamas?”... A moviola do horror foise repetindo ata que o lombo do pobre mozo comezou a tomar a aparencia dun mapa de estradas. Kunta Kinte só cedeu cando chegou a un punto no que unha xostregada máis podía significar a morte. Nese intre final do seu suplicio, nun borboriñar case inaudíbel, coma o dun regato que estiña nas calores do verán, moumeou: Toby. Así e todo, debeu impresionar tanto ao resto de compañeiros e compañeiras da plantación aquela tenacidade que, como símbolo de rebeldía, seguiron pronunciando o nome de Kunta Kinte polo baixo, como unha reafirmación consciente da súa identidade, da liberdade que lles fora roubada pola avaricia fratricida do home branco. O nome de Kunta Kinte ficaría nos beizos da familia xeración tras xeración, ata chegares aos oídos dun mozo de Tennessee, descendente directo seu, chamado Alex Haley. O resto acadaría a forma da novela Roots (Raíces) e da celebérrima serie televisiva.

067-lula-e-bush.gifA escena do martirio de Kunta Kinte veume á mente ao ler, o pasado venres, 18 de abril, unha nova en La Voz de Galicia que se facía eco das queixas do presidente do Brasil, Luiz Inazio Lula da Silva, pola criminalización crecente dos cultivos enerxéticos. Esas queixas de Lula diante da FAO, que eran as queixas dos terratenentes que teñen grandes latifundios de monocultivo de soia e de cana de azucre no Brasil, evocáronme o devandito episodio de Raíces invertido. Así, se Lula se puxese na pel de Kunta Kinte, ao primeiro lategazo non só aceptaría chamarse Toby senón que, a maiores, pediría de favor un lategazo máis. As manifestacións do presidente brasileiro son o perfecto exemplo desoutro pecado capital do que ten falado Eduardo Galeano: cuspir no espello. Sen deixar a Galeano, póñovos un anaco do seu libro Las venas abiertas de América Latina que fala, precisamente, das consecuencias que tivo o monocultivo de cana de azucre no nordeste brasileiro para adozar a 070-cana-de-azucre.gifvida diaria de Europa: “O azucre arrasara o nordeste. A franxa húmida do litoral, ben regada polas choivas, tiña un solo de grande fertilidade, moi rico en humus e sales minerais, cuberto polos bosques dende Bahia a Ceará. Esta rexión de mata tropical converteuse, como di Josué de Castro, nunha rexión de sabanas. Naturalmente nacida para producir alimentos, pasou a ser unha rexión de fame. Onde todo xermolaba cun vigor exuberante, o latifundio azucreiro, destrutivo e avasalador, deixou rocas maniñas, solos lavados, terras erosionadas (...) Os incendios que abrían as terras aos canavais devastaron os bosques e con eles a fauna; desapareceron os cervos, os xabarís, os tapires, os coellos, as pacas e os tatúes. A alfombra vexetal, a flora e a fauna foron sacrificadas, nos altares do monocultivo, á cana de azucre”.

069-deserto-verde.gifHoxe, o monocultivo no Brasil está máis estendido ca nunca. Amais da cana de azucre, está tamén a soia transxénica e, a escala xigantesca, unha praga que aquí, por desgraza, coñecemos ben: o eucalipto. Tiven ocasión de percorrer, no mes de agosto de 2003, o rural do estado de Bahia e varios campamentos e asentamentos dos Sem Terra (MST), grazas ao programa Xanela aberta ao sur, organizado pola ONG galega Amarante. Na primeira semana da miña viaxe, e cando iamos cara a Rosa de Prado, a corenta quilómetros da cidade de Itamarajú, no extremo sur de Bahia, sorprendeume ver tanto eucalipto. Estabamos a rodar por unha pista e, durante quilómetros e quilómetros, os eucaliptos avasalaban a paisaxe sen darlle un respiro. Pregunteille ao chofer, o Cley, e explicoume que estabamos a cruzar unha plantación de eucaliptos na que participaba como socio o Príncipe Carlos de Inglaterra.

068-indios-aracruz.gifA praga do eucalipto no Brasil está tan estendida que os Sem Terra e outros colectivos xa a bautizaron como deserto verde. A multinacional máis forte neste sector no país brasileiro é, como non podía ser menos, estranxeira. Trátase de Aracruz Celulosa que, no ano 2006, posuía 261.000 hectáreas de eucaliptais das 300.000 que había daquela no Brasil. Aracruz e os seus plantíos teñen o mérito de ter provocado o desprazamento forzoso de miles de habitantes das comunidades negras e de terlle roubado a súa terra aos pobos tupinikim e guaraní ao comprarlla durante a dictadura aos seus donos ilexítimos. Como no caso da plantación que viramos de camiño a Rosa de Prado, no negocio de Aracruz tamén participa unha monarquía europea; neste caso, a familia real norueguesa.

As plantacións de eucaliptos e árbores de medre rápido son outra das políticas do Banco Mundial nos países do terceiro mundo, promovida e subsidiada con cartos públicos para beneficio dunhas poucas megaempresas globais (antóllaseme que hai unhas décadas tivesen considerado a Galiza terceiro mundo, visto como converteron os nosos montes e o noso medio rural, vía subvención, tamén en produtores de materia prima para a 074-labregas-do-brasil.gifindustria celulosa). En setembro de 2006, unha Sem Terra e unha muller de Labregas Camponesas achegáronse ata Galiza –invitadas polo Sindicato Labrego Galego- no seo dunha xira de denuncia do deserto verde que xa as levara por Finlandia, Noruega e Suecia, países de orixe das industrias papeleiras que fomentan este negocio. O panorama que describiron metía medo: as previsións, naquel intre, eran ter plantadas un millón de hectáreas de eucalipto no Brasil en 2007, e chegar a seis millóns no 2012. Todo o negocio está en mans de tres grandes empresas; aparte de Aracruz, unha é de capital sueco-finlandés, e a outra brasileira.

Os impactos deste monocultivo son moitos. Do mesmo xeito que na Galiza, no Brasil desenvolven a parte máis contaminante e menos 070-industria-aracruz.gifbeneficiosa no proceso da fabricación do papel. De feito, Brasil nin sequera se beneficia dos impostos, pois existe unha lei que exime de pagar taxas aos produtos para exportar, e o 97% da celulosa que sae destas industrias vai, precisamente, para o estranxeiro, polo que non paga nin un céntimo ao Estado. O que si deixa tras súa o monocultivo de eucalipto é un ronsel de devastación. Só no estado de Espirito Santo, as plantacións desta árbore fixeron desaparecer 400 especies de aves e 40 especies de mamíferos. Ademais, estas tres empresas están a contaminar as augas con dióxido de cloro, utilizado no proceso de branquexado. Lonxe de crear riqueza, cada 147 hectáreas de eucalipto producen un posto de traballo, cando só cinco hectáreas dedicadas a labores labregos proporcionan entre catro e cinco empregos. E iso nun Brasil onde 32 millóns de persoas pasan fame.

072-pancarta-contra-aracruz.gifEn calquera caso, supoño que, a estas alturas, estarédesvos preguntando que demo teñen que ver os eucaliptos e o deserto verde cos agrocarburantes. A resposta a iso deuma a min en Melide un Sem Terra de São Paulo, Edvar Lavratti, que recalou por estes eidos, en novembro de 2006, para dar unha conferencia n’A Fundación invitado pola ONG Amarante. Lavratti comentoume que “os socios da Google están a financiar unha investigación no Brasil para descubrir como romper as moléculas de celulosa do xeito máis barato de cara a producir alcohol a partir de restos vexetais, co cal xa teriamos a irmandade entre dous xigantes do agronegocio brasileiro: a industria do eucalipto e a do etanol. Trátase dun negocio fabuloso e billonario que se fará máis evidente nunhas poucas décadas, diante da escaseza de petróleo, non só no Brasil, senón en toda América Central, que se dedicará a producir etanol para exportar. Trátase dunha industria baseada nalgúns dos cultivos máis destrutivos, como o eucalipto e a cana de azucre. E tamén acontece coa soia, que está a ser un desastre na Amazonia”.

073-lula-caricatura.gifAsí que, se os Sem Terra, que veñen sendo dous millóns de familias labregas no Brasil, claman ao ceo diante das políticas do seu goberno en materia de agrocarburantes e monocultivos; as queixas de Lula diante da FAO antóllanseme como as queixas das grandes corporacións que fornecen de insumos á agricultura industrial e dos grandes terratenentes que vén perigar un aumento fabuloso dos seus beneficios. De todos xeitos, e varrendo para a casa, éntrame certo desasosego ao pensar que do eucalipto se poida chegar a tirar etanol. Nestes intres, estanse a construír varias industrias procesadoras na Galiza. Se cadra, aínda non chegamos a coñecer no noso país a praga do deserto verde na súa dimensión total. Son ateo, pero diante destes datos só me vén unha frase á cabeza: Que Deus nos pille confesados.

Por fin caeron da burra

xosi 17/04/2008 @ 11:36

055-biocombustible.gifCon permiso do colega blogueiro da Chousa da Alcandra, que esta semana anda a defender un bestiario ceibe de connotacións pexorativas, exclamei gozoso ao ver os xornais: ¡Por fin caeron da burra! Que o uso da terra para producir gasóleo era unha auténtica barbaridade, díxose e argumentouse por activa e por pasiva dende que os nosos gobernantes –planetarios, comunitarios, estatais e algún que outro autonómico- comezaron a vendernos a moto de que aí estaba a bicoca que ía rematar coas emisións de CO2 á atmosfera e coas rendas miserentas dos labregos e labregas de todo o mundo, vía subvención oficial nos países ricos, claro está.

A cousa non tiña nin pés nin cabeza pois, para empezar, consúmese tanto gasóleo no proceso de obter agrocarburante a partir de cultivos agrarios como o que se dá producido ao final, coa diferencia de que, neste caso, temos que hipotecar millóns de hectáreas que antes de dar combustíbeis  daban alimentos. O disparate era maiúsculo. As prediccións máis amábeis indicaban que a Unión Europea debería empregar a totalidade das súas terras agrarias para cubrir o 30% do seu consumo enerxético actual con agrocarburantes; ou labrar para gasóleos o 70% das súas leiras para cumprir cos compromisos acadados nesta materia (empregar o 5’75% de agrocarburante en todo o transporte, agás nos avións). A fórmula máxica que gardaban na manga os tecnócratas comunitarios era a de sempre, dende o inicio da colonización: utilizar os países empobrecidos como grande plantación de monocultivos enerxéticos (cana de azucre, eucalipto, millo, soia, etcétera) para fornecer de materia prima ás procesadoras dos países ricos e para devastar ecoloxicamente terras que queden a miles de quilómetros de aquí e que, polo tanto, non están á vista.

En marzo de 2007, o Sindicato Labrego Galego e as organizacións integradas na Vía Campesina e na Coordinadora Labrega Europea xa denunciaran a barbaridade, pero aos medios de comunicación non lles debeu parecer abondo interesante.

Daquela, houbo que agardar a que se pronunciase a comunidade científica. Foi unha espera de tan só un mes. Dous profesores de Economía Aplicada da Universidade de Minessota, Ford Runge e Benjamin Senauer, publicaban un informe demoledor que viña a concluír o evidente: fornecer de materia prima ás industrias do etanol podía provocar unha vaga de fame en todo o 058-fame-1.gifmundo que se levaría por diante a millóns de persoas e provocaría un notable incremento da violencia e dos conflitos armados. Pero na Unión Europea e nos Estados Unidos estaban tranquilos, pois a morte por fame ou por enfermidades derivadas da desnutrición só ía afectar aos 2.700 millóns persoas que sobreviven no hemisferio sur cuns ingresos inferiores aos dous euros diarios (nos países pobres, as familias dedican entre o 50% e o 80% dos seus ingresos a mercar alimentos. Non fai falla ser o Nobel de Economía para deducir que unha escalada de prezos nos alimentos, consecuencia inmediata de dedicar as leiras a unha fin distinta que á mantenza, faría que boa parte da humanidade non tivese cartos abondo sequera para alimentarse). Ese mesmo mes, a Sociedade de Química e Industria británica concluía que os agrocarburantes non ía reducir o efecto invernadoiro. Vaia, que a tal bicoca non había por onde collela.

060-fame-3.gifMais o poder volveu mirar para outra banda e esqueceuse axiña de Runge e Senauer, que nas universidades haiche moitos de esquerdas e con lerias raras nos miolos. Foi entón cando se escoitou a voz de Jean Ziegler que, daba a casualidade, era e é relator na Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). Aproveitando a celebración do aniversario do nacemento da FAO, o 16 de outubro de 2007, Ziegler fixo relatorio das vergoñentas estatísticas da fame: no mundo padecen desnutrición 854 millóns de persoas; cada día morren 24.000 seres humanos de fame, e as mortes relacionadas cunha deficiente alimentación ascenden a 100.000 diarias. Paradoxos da vida, o 75% das persoas que padecen fame no mundo dedícanse a producir alimentos –agricultura, pesca e pastoreo-; eles e elas, amais de pasar fame, contribúen a manter un paradoxo aínda máis terríbel: cada ano prodúcense na terra suficientes alimentos para manter a 12.000 millóns de persoas, é dicir, o dobre da poboación mundial actual. Este tipo de datos sempre se escoitan con resignación e cara de circunstancias por parte dos nosos gobernantes que, amantes do deporte, son expertos en pasarse a 056-jean-ziegler.gifpelota duns aos outros. O malo é que, desta vez, o Ziegler veu con propostas concretas para paliar a fame no mundo, e estas aludían, directa e explicitamente, ao cultivo de agrocarburantes. Por exemplo, Ziegler pedía a paralización inmediata, polo menos durante cinco anos, de cultivos destinados á produción de gasóleo ata que a tecnoloxía propiciase obter etanol de xeito rendíbel a partir de refugallos forestais e outras materias menos impactantes coa agricultura e o medio ambiente. O tipo díxoo sen pelos na lingua: “A transformación masiva de plantíos consagrados a alimentos cara á produción de agrocarburantes vai crear hecatombes. Mesmo se falamos de loitar contra o cambio climático, non hai dereito a esta masacre total”. Ziegler achegou datos tan interesantes como que para producir cinco litros de etanol son necesarios 230 quilos de millo, unha cantidade suficiente para alimentar a un neno durante un ano.

059-fame-2.gifQue eu saiba, e a pesares da transcendencia dos datos e denuncias de Jean Ziegler, os gobernos seguiron na súa teima, e a Comisaria de Agricultura, Marian Fischer Boel, secundada pola súa comadre española, Elena Espinosa, anunciaban alegremente a chegada do paraíso en forma de substanciosas subvencións para producir o que elas chaman biocombustíbeis (conscientemente, non utilizo o prefixo “bio” por razóns evidentes). Tamén, que eu saiba, os medios de comunicación, en xeral, silenciaron as voces críticas cos agrocarburantes e, tirando da frase tópica, verteron ríos de tinta sobre o marabillosas que ían ser as fabricas de etanol que se ían construír na Galiza, a miríada de postos de traballo que ían xerar e o ben que lle ía ir ao noso medio rural tendo un novo teto do que chuchar primas para seguir nese estado de morte asistida ao que o condenaron dende a entrada na, daquela, Comunidade Económica Europea.

054-fmi.gifAgora, cando ás penas levamos un ano gorentándonos coa bicoca, cando xa case se esqueceron as advertencias dos expertos, a Unión Europea elimina sorpresivamente as axudas ao cultivo de agrocarburantes e escoitanse as voces de alarma de entes tan sinistros como o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional. Se estas institucións xenocidas, que non se cortan á hora de condenar a países enteiros a pasar fame en nome da débeda externa, levan as mans á cabeza, é que a cafrada que estaban a argallar cos agrocarburantes era ben grande. Hoxe, cando as prediccións de Runge e Senauer estanse a cumprir de maneira dramática, si que lle dan certo eco á voz de Jean Ziegler, que vén de declarar que os agrocarburantes “son un crime contra a humanidade”.

Pois iso digo que por fin caeron da burra. Así e todo, os nosos medios de comunicación seguirán dedicando máis tempo ao loábel e imprescindíbel labor do noso reverenciado monarca, Su Majestad Juan Carlos I de España e a súa Real Familia, por poñer un exemplo, que a eses 24.000 esfameados que morrerán hoxe mesmo por non ter nada que levarse á boca. Estamos como queremos.

 

Faíscas de morte en la chispa de la vida (1)

xosi 14/04/2008 @ 18:55

044-crime-coca-cola.gifA quen lle pareza que a Coca Cola é un simple refresco para calmar a sede está moi trabucado. Trala impecable imaxe de marca desta poderosa multinacional que ten uns beneficios anuais de 4.000 millóns de euros, agáchase unha escura realidade na que impera a brutal represión contra os sindicalistas –con asasinatos, secuestros ou despedimentos inxustificados-, o emprego de man de obra infantil, a discriminación racial ou o envelenamento da terra con químicos de grande toxicidade.

045-coca-cola.gifQuizais, o caso máis sangrante da cara escura da Coca Cola sexa o da violencia exercida contra os dirixentes e afiliados de Sinaltrainal (Sindicato Nacional de Traballadores da Industria de Alimentos de Colombia). Esta organización xa denunciara o 20 de xullo de 2001, ante o tribunal do distrito do sur de Florida, as prácticas criminais da embotelladora colombiana da marca estadounidense. Segundo Sinaltrainal, Coca Cola Company, Coca Cola de Colombia, a súa filial Panamco SA e Bebidas e Alimentos Uraba son responsábeis, por acción ou omisión, dunha auténtica política de aniquilamento dos movementos sociais e sindicais colombianos. Estamos a falar do asasinato de nove traballadores, o exilio de dous, o desprazamento forzado de 48, ameazas de morte contra 67, ou o encarceramento por falsas acusacións de máis de quince obreiros grazas ás calumnias dos funcionarios da multinacional. Os executores deste tipo de prácticas son grupos paramilitares que actúan en complicidade coas forzas armadas e os corpos de seguridade do Estado. E todo isto para permitir unha política laboral con prácticas coma o descoñecemento total dos convenios colectivos por parte dos traballadores, ou que un 86% da man de obra sexa subcontratada con salarios miserentos.

047-killer-cola-alongada-copia.gif

Mais a pegada da Coca Cola non se deixa sentir só en Colombia. Por exemplo, boa parte do concentrado de zume de laranxa elaborado por Coca Cola para produtos como Cappy ou Minute Maid procede do Brasil. Alí, os traballadores e traballadoras das plantacións cobran menos de doce euros diarios de soldo. Isto fai que un tercio teñan uns ingresos por debaixo do mínimo necesario para alimentar a unha familia, o que obriga a moitos nenos a traballar para contribuír aos ingresos dos seus proxenitores. A Central Izalco, embotelladora salvadoreña de Coca Cola, merca o azucre para os seus produtos a catro plantacións que empregan habitualmente man de obra infantil.

048-cokeposter.gifAs malas maneiras de la chispa de la vida tamén se deixaron ver na casa: o 8 de agosto de 2001, Coca Cola foi condenada a pagar 192’5 millóns de dólares en Estados Unidos pola discriminación racial exercida contra os seus traballadores e traballadoras afroamericanos.

Segundo a emisora británica BBC, Coca Cola contaminou, no ano 2003, grandes superficies agrícolas no sudoeste indio con produtos químicos altamente tóxicos e, en parte, canceríxenos, coma chumbo e cadmio. A isto acompañou o esaxerado consumo de auga da multinacional naquela zona, o que provocou unha seca con consecuencias catastróficas para a agricultura local. Nas protestas contra Coca Cola foron detidas 300 persoas.

Toda esta violencia física e laboral, todos estes crimes, perseguen un único obxectivo que Coca Cola acada con creces: beneficios. No ano 2002, o volume de vendas da multinacional foi de 19.600 millóns de euros, dos que lle quedaron limpas unhas rendas de 4.000 millóns de euros. Con sede en Atlanta (Georgia, Estados Unidos), Coca Cola dá emprego a 600.000 traballadores e é propietaria, entre outras marcas, de Aquarius, Aquabona, Cappy, Coca Cola, Fanta, Kinley, Minute Maid, Powerade ou Sprite.

Nunha vindeira entrega neste blog, falaremos polo miúdo da faceta alimenticia de Coca Cola que, grazas ao seu contido en ácido fosfórico e o seu PH do 2’8, é un excelente limpador que pode con todo tipo de manchas. Non en van, países máis civilizados có noso obrigan aos camións da compañía que transportan o concentrado do refresco a levar a tarxeta de material perigoso, reservada para substancias altamente corrosivas...

046-the_coca_cola_series_final.gif