Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Aldea global

Batendo records

xosi 27/10/2009 @ 10:13

Nunha sociedade na que o egoísmo e a insolidariedade se impoñen travestidos de liberdade individual, sobrancean sempre os records das persoas –nomeadamente no deporte: recordman, recordwoman-; pouco se fala, xa que logo, dos records colectivos. Case nunca dun récord colectivo en concreto: o da fame. Unha plusmarca que se supera cada ano, coma fixera na súa época Sergéi Bubka ou fai agora Yelena Isinbayeva coa pértega. Así, en cuestión de marcas na fame, imos dosificando a barbarie, escribindo liña a liña un dos episodios máis vergoñentos da humanidade; unha historia que nos empeñamos en perpetuar coma un insufrible culebrón sen un claro final á vista.

393-fame.gifIndo ao choio, neste ano 2009, no planeta Terra haberá, por primeira vez, máis de 1.000 millóns de persoas que pasarán fame, consecuencia directa dun sistema económico xenocida e indirecta da crise global que nos afecta a todos. O colapso que está a sufrir o capitalismo imperante provocou que os países que financian a loita contra a fame no mundo recortasen drasticamente as súas achegas financeiras. Dos 6.700 millóns de dólares orzamentados polo Programa Mundial de Alimentos, tan só se recadarán 2.600 este ano. Xusto cando a crise, precisamente, deixou a millóns de persoas en todo o mundo sen un posto de traballo co que alimentar ás súas familias nos países empobrecidos.

394-fame.gifA maiores, habería que engadir os 3.000 millóns de desnutridos, de persoas que padecen as secuelas no seu organismo dunha alimentación deficiente aínda que non pasen fame stricto sensu. É o que a ONU define como hidden hunger, ou fame invisible. No demoledor El imperio de la vergüenza (Edicións Taurus), Jean Ziegler, relator especial das Nacións Unidas sobre o dereito á alimentación di que “entre as enfermidades máis comúns e máis estendidas por esta insuficiencia, está o kwashiorkor, frecuente na África negra, a anemia, o raquitismo, a cegueira. Os adolescentes vítimas da enfermidade de kwashiorkor, ou síndrome pluricarencial, teñen o ventre inchado, o cabelo roxo, a pel amarela. Perden os dentes. As persoas privadas de maneira permanente dunha achega suficiente de vitamina A quedan cegas. O raquitismo impide o desenvolvemento normal do esqueleto do neno”. En cifras, uns 1.300 millóns de persoas padecen anemia no mundo por falta de ferro; nos 49 países máis pobres, o 30% dos bebés están nesta situación: sufrirán deficiencias mentais durante toda a súa vida. Unhas 600.000 mulleres morren cada ano durante o embarazo debido a unha carencia severa de ferro. En canto á vitamina A, corenta millóns de nenos menores de cinco anos sofren a súa carencia no mundo, dos cales uns trece millóns fican cegos cada ano. Tamén poderiamos falar dos 18 millóns de nenos que nacen con deficiencias mentais irrecuperables por carencia de iodo. E a lista poderíase engrosar aínda máis con números e máis números que deberían engordar a vergonza dos nosos gobernantes; se cadra, tamén a nosa.

392-fame.gifCurioso condenar a morrer de fame ou a ficaren tolleitos de por vida a miles de millóns de seres humanos cando o mundo produce alimentos de sobra para alimentar a máis habitantes dos que alberga. Poñemos, os países ricos, 2.600 millóns de dólares para loitar contra unha fame provocada por nós mesmos, polas regras económicas asasinas impostas dende o norte. O recorte é necesario pola crise. Unha crise que non se notou nun mercado tamén á alza e que, do mesmo xeito que a fame, bate récords ano tras ano: o da compravenda de armas. En 2008 o gasto global en armamento aumentou un 4% con respecto a 2007 e ascendeu a 1’46 billóns de dólares (560 veces máis do que se gastará este ano en combater a fame: dúas guerras cun orzamento ben desigual).

De todo isto só se tira unha conclusión: teimamos en financiar e fomentar a morte, a nosa aniquilación, aínda que esta veña dulcificada cun par de décimas de suba no PIB.

390-fame.gif

O máis fermoso do mundo...

xosi 13/10/2009 @ 11:57

386-gervasio-sanchez.gifHai pouco souben dunha nova que aconteceu hai un ano. Tivo que ver cos premios Ortega y Gasset que outorga o xornal El País. O 7 de maio de 2008, o devandito galardón á mellor fotografía recaía en Gervasio Sánchez, un deses profesionais coraxentos que dedica vida e oficio a denunciar a cara máis escura do ser humano. Un amigo pasoume por correo electrónico o discurso de Gervasio e, tras lelo, souben o porqué do silencio mediático que arrodeou o recoñecemento á obra deste home; o porqué de que nin sequera me soase o seu nome; e, de paso, imaxinei as caras que habían poñer os altos cargos de PP e PSOE que engraiaban as butacas do auditorio. Velaí vos vai. Paga a pena.

“Estimados membros do xurado. Señoras e señores.

388-gervasio-sanchez-3.gifÉ para min unha grande honra recibir o Premio Ortega y Gasset de Fotografía, convocado por El País, xornal onde publiquei as miñas fotos iniciáticas de América Latina na década dos oitenta e os meus mellores traballos realizados en diferentes conflitos do mundo durante a década dos noventa, moi especialmente as fotografías que tomei durante o cerco de Saraievo.

Quero dar as grazas aos responsábeis do Heraldo de Aragón, do magazine de La Vanguardia e a Cadena Ser por respectar sempre o meu traballo como xornalista e permitir que os protagonistas das miñas historias, tantas veces seres humanos extraviados nos sumidoiros da historia, teñan un espazo onde chorar e berrar.

387-gervasio-sanchez-2.gifNon quero esquecer ás organizacións humanitarias Intermon Oxfam, Mans Unidas e Médicos sen Fronteiras, a compañía DKV Seguros e ao meu editor Leopoldo Blume, por apoiarme sen fendas nos últimos doce anos e permitir que o proxecto Vidas Minadas, ao que pertence a fotografía premiada, teña vida propia e un longo percorrido que pode durar décadas.

Señoras e señores, aínda que só teño un fillo natural, Diego Sánchez, podo dicir que, como Martin Luther King, o gran soñador afroamericano asasinado hai corenta anos, tamén teño outros catro fillos vítimas das minas antipersoas: a mozambiqueña Sofia Elface Fumo, á que vostedes coñeceron xunto á súa filla Alia na imaxe premiada, que concentra toda a dor das vítimas, pero tamén a beleza da vida e, sobre todo, a incansable loita pola supervivencia e a dignidade das vítimas; o camboiano Sokheurm Man; o bosnio Adis Smajic; e a pequena colombiana Mónica Paola Ojeda, que ficou cega tras ser vítima dunha explosión aos oito anos. Si, son os meu catro fillos adoptivos aos que vin ao borde da morte, vin chorar, berrar de dor, medrar, namorarse, ter fillos, chegar á universidade. Asegúrolles que non hai nada máis fermoso no mundo que ver a unha vítima da guerra perseguir a felicidade.

389-gervasio-sanchez-3.gifÉ certo que a guerra funde as nosas mentes e nos rouba os soños, como se di no filme “Contos da lúa pálida”, de Kenji Mizoguchi. É certo que as armas que circulan polos campos de batalla adoitan a se fabricar en países desenvolvidos coma o noso, que foi un grande exportador de minas no pasado e que hoxe dedica moi pouco esforzo á axuda ás vítimas das minas e ao desminado. É certo que todos os gobernos españois, dende o comezo da transición, encabezados polos presidentes Adolfo Suárez, Leopoldo Calvo Sotelo, Felipe Gónzalez, José María Aznar e José Luís Rodríguez Zapatero, permitiron e permiten a venda de armas españolas a países con conflitos internos ou guerras abertas. É  verdade que na anterior lexislatura duplicouse a venda de armas españolas ao mesmo tempo que o presidente incidía na mensaxe contra a guerra e que hoxe fabricamos catro tipos distintos de bombas de acio cuxo comportamento no terreo é semellante ao das minas antipersoas. É verdade que me sinto escandalizado cada vez que atopo armas españolas nos esquecidos campos de batalla do terceiro mundo, e que me avergonzo dos meus representantes políticos.

Pero como Martin Luther King, quérome negar a crer que o banco da xustiza está en quebra, e como el, eu tamén teño un soño: que, por fin, un presidente dun goberno español teña a coraxe suficiente para pór fin ao silencioso mercadeo de armas que converte ao noso país, gústenos ou non, nun exportador da morte.

Moitas grazas".

389-gervasio-sanchez-5.gif

 

Sacrificio real

xosi 02/10/2009 @ 07:11

Estamos salvados. A crise xa non vai ser o que era. Tiña que ser un goberno socialista quen asumise tan arriscada e revolucionaria decisión: á Casa do Rei conxeláronlle a asignación económica anual da que dispón grazas ao peto de nós, os contribuíntes. Desta maneira, Xoán Carlos e a súa familia terán que conformarse coas mesmas migallas do ano pasado: 8’9 millóns de euros, ás penas 1.500 millóns de pesetas. A cousa ten aínda máis mérito do que aparenta a simple vista, pois a conxelación do salario real veu a proposta dos propios monarcas. Pobriños. Cuán enorme sacrificio, vosa maxestade! Divina monarquía, por riba do ben e do mal, por riba de crises e bonanzas, máis alá das nosas mans e do noso entendemento.Coma aquel rei que se deu en chamar Sol, inalcanzable. Tan sublime que aínda me segue sen cadrar que este fato de sambesugas lacazanas siga empoleirado no cume dun sistema seica democrático.

384-rei-crisis-what-crisis.gif

O lobo invisible que rexe o mercado

xosi 21/05/2009 @ 16:40

346-sobre-cocina-y-gastronomia.gifResulta chocante que un libro titulado Sobre cocina y gastronomía (Alianza Editorial) resulte indixesto, pero este do asturiano Ignacio Gracia Noriega éo, a pesares de que, de cando en vez, apareza fulgurante algunha opinión ou algunha gracia coa que un poida estar de acordo ou que incite a un benévolo sorriso. Recomendable é a lacerante diatriba coa que despacha á sidra asturiana e a todos os mitos e folclorismos a ela asociados, por citar un exemplo.

Este articulista e escritor fai gala dunha vasta cultura en canto a referencias na devandita obra, non así en canto a apertura de ideas, e amenta a xente tan diversa como Alan Watts, Marinetti, Georg Trakl ou Ernts Jünger, por rescatar só a algúns autores que, de primeiras, ninguén relacionaría coa literatura gastronómica. Non tería escrito sobre este libro nin sobre este autor no blog de non ser, precisamente, por unha cita de Josep Pla sobre o capitalismo que se inclúe no capítulo Gastronomía política.

Di Pla: “O capitalismo é irracional, caótico, incomprensible, desordenado, caprichoso, inxusto, doloroso, triste, absurdo..., exactamente como a natureza e a vida. A natureza, a vida humana, é igualmente caótica, irracional, desordenada, inxusta, sanguinaria, caprichosa, delirante, incomprensible, cruel, triste”.

347-piramide-capitalismo.gif

Se cadra por iso trunfa entre os seres humanos un sistema económico e social tan inhumano, tan monstruoso como o capitalismo. Porque reflicte exactamente a nosa natureza. Porque é a consecución práctica e universal do axioma hobbiano de que o home é un lobo para o home, que se expresou nidiamente coas ideas de Adam Smith que deron corpo teórico á lei da selva que rexe dende o século XIX a sociedade moderna, isto é, a luva/lobo invisible que rexe o mercado, que é a escusa esgrimida polas grandes corporacións para esixir a desregularización e liberalización da economía, para eliminar ou minimizar calquera lei ou poder que poidan impedir ás multinacionais e aos lacaios campar ás súas anchas, facer e desfacer ao seu antollo –sóanvos o ERE ou o peche da factoría de Pascual en Outeiro de Rei ou o ficar de brazos cruzados mentres Francia asolaga Galiza con excedentes de leite e, de paso, arruína ás nosas explotacións?-, para poder engulir ao peixe pequeno baixo o visto e prace das institucións).

346-piramide-capitalismo-actual.gif

Pois si. Eu tamén creo, como Pla, que todas esas expresións do capitalismo salvaxe non son máis que expresións do peorciño que hai en nós. Afortunadamente, aínda hai xente que teima en loitar para que sexa o bo que tamén levamos dentro o que, algún día, nun horizonte utópico, determine as relacións económicas e sociais entre os seres humanos.

Coroa de espiñas para Gaza

xosi 13/01/2009 @ 18:05

307-coroa-de-espinas-para-gaza.gif

Non é de agora. O pobo palestino leva décadas sendo tiroteado, metrallado, bombardeado, crebado, torturado, esventrado, esnaquizado. Calquera participio é bo para o pobo de Israel se contribúe á aniquilación desa espiña cravada no seu territorio mercado a golpe de talonario e bombas terroristas (en efecto, os terroristas eran eles, cando devecían por facerse cun anaco da terra que lles prometera Deus, que daquela estaba baixo protectorado do Reino Unido por mandato das Nacións Unidas).

Confeso que non estou a ver os noticiarios que falan do enésimo xenocidio contra o pobo palestino. Poderiamos chamalo holocausto tamén, esa palabra que din con tanto orgullo e solemnidade os israelitas. Non, non sigo as novas das atrocidades do exército sionista. Os procesos creativos son así. Asolagan a un, inocúlanlle un virus que provoca ataques agudos de solipsismo, de cerrazón sobre un mesmo, aconchegándoo nun universo persoal e intransferible do que, mala ou boa, acabará abrollando unha obra de arte.

De cotío, sinto vergonza de min mesmo, vergonza de vivir arrodeado de tanta opulencia, vergonza de ter o frigorífico a rebentar, de ter a casa quente mentres can xeadas de órdago aí fóra, vergonza de que no meu xardín chova ácido de Meirama e non obuses, vergonza, ao fin e ao cabo, de ter a tranquilidade e o tempo necesarios para escribir narrativa nestes tempos endiañadamente inhumanos. Vergonza, quero dicir, de escribir literatura mentres miles de seres humanos son sacrificados no altar bestial da guerra, da inxustiza, da fame.

Por iso quixen que este amencer, capturado na última nevarada que vivimos aquí en Melide, non fose unha lambonada máis para estetas, non fose obra de Eos a dos dedos de rosa, senón un carneiro degolado polo bronce ensanguentado de Ares, da metralla homicida de calquera exército esgazando a carne viva dun ser inocente. Unha coroa de espiñas para Gaza.

308-palestina.gif

O informe da vergonza

xosi 10/12/2008 @ 11:35

301-mapa-da-fame-da-fao.gifA Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) vén de publicar o seu informe anual sobre a fame no mundo. O panorama é desolador. Lonxe de solucionarse este vergonzoso mal, o número de persoas que padecen fame no mundo disparouse e aumentou en corenta millóns nos últimos doce meses. Dos 923 millóns de esfameados de 2007, pasamos a 963 millóns en 2008. O meirande deles concéntranse en países como India, China, Bangladesh, Indonesia, Paquistán, Etiopía ou o Congo. A fame resulta particularmente dramática neste último país, onde por mor dun conflito armado que ameaza con perpetuarse pasouse de once millóns de desnutridos no ano 2005 a 43 millóns agora, o que supón o 76% da poboación do país.

302-fame-2.jpgNon está de máis lembrar, sobre estas cifras e estatísticas, o que supón a fame para a xente que a padece. Cómpre recordar que son os nenos quen máis sofren as consecuencias devastadoras da malnutrición. Jean Ziegler, no seu libro Los nuevos amos del mundo (Editorial Destino), lembra que, cada sete segundos, morre de fame un neno menor de dez anos. O comisionado especial da ONU recorda que “Un neno que, entre o momento do seu nacemento e a idade de cinco anos, carece da cantidade suficiente de alimentos axeitados, padecerá as secuelas durante toda a súa vida. Se ben un adulto que de forma temporal teña padecido desnutrición, coa axuda de complexas terapias –que deben aplicarse baixo supervisión médica- pode que logre recuperar unhas condicións de vida normais, no caso dun neno menor de cinco anos de idade, esta recuperación resulta imposible. Privadas de alimento, as súas células cerebrais padeceran lesións irreversíbeis”.

303-fame-3.gifTamén de Jean Ziegler é o libro A fame no mundo explicada ao meu fillo (Edicións El Aleph) incide nesta problemática. E é que a fame non só provoca mortos. Recorda Ziegler que as vítimas “son homes, mulleres e nenos que, debido á falla de alimentos, padecen lesións con frecuencia irreversíbeis. Ou ben morren nun prazo máis ou menos breve, ou vexetan nun estado de deficiencia grave –cegueira, raquitismo, desenvolvemento insuficiente da capacidade cerebral, etcétera-. Tomemos o exemplo da cegueira: cada ano, sete millóns de persoas, normalmente nenos, perden a vista, o meirande das veces, por falla dunha alimentación suficiente como consecuencia das enfermidades vinculadas ao subdesenvolvemento. 146 millóns de cegos viven nos países de África, Asia e América Latina. O 80% dos afectados poderíase ter evitado cunha achega regular de vitamina A nos pequerrechos”.

E isto nun planeta no que existen recursos agrarios para alimentar ao dobre da poboación mundial actual. Xa que logo, remato con outra cita de Ziegler, cuxa obra non só non perde actualidade, senón que se torna terriblemente profética e reforza a súa vixencia cada día que pasa: “A ecuación é sinxela: quen ten cartos, come e vive; quen non os ten, queda eivado ou morre. A fame persistente e a desnutrición crónica son obra do ser humano. Son o resultado da orde asasina do mundo. Quen morre de fame é vítima dun asasinato”.

302-fame-1.gif

Globalización de oferta en Froiz

xosi 27/10/2008 @ 14:02

A globalización ten miríades de paradoxos. Moitos deles brutais, inhumanos, pura expresión do peorciño que hai nos seres humanos. Outros, son simple anécdota á que se lle pode sacar o chiste. Dentro destes últimos habería que encadrar a curiosidade coa que me atopei nos andeis do Froiz. Eu, que son deses que lle mira ata a última palabra ás etiquetas dos alimentos, quedei apampado ao ver que as ensaladas mediterráneas da marca Froiz están feitas en China, mentres que as ensaladas chinesas da mesma cadea de supermercados están feitas en España. Ver para crer. Pero é que a globalización é así, tan racionalmente irracional.  291-ensalada-mediterranea.gif

290-ensalada-chinesa.gif

En que se parece un gran de café a un refuxio nuclear

xosi 22/09/2008 @ 05:50

272-nestle-voitres.gifEstes días, a multinacional Nestlé volve estar no punto de mira. Desta vez, quen apunta é a ONGD galega Amarante, que denuncia as condicións de miseria na que viven os produtores de café e de cacao que fornecen ao maior conglomerado industrial de Suíza, con medio milleiro de fábricas en todo o mundo, 230.000 traballadores e uns ingresos por vendas no ano 2000 de 53.000 millóns de euros. Amarante denuncia que as materias primas coas que Nestlé fabrica os seus produtos “son adquiridas noutros países, onde a produción de alimentos é caracterizada por estándares paupérrimos no que atinxe ao respecto dos Dereitos Humanos. Na maioría destes países, homes e mulleres sofren explotación dende o punto de vista financeiro e da saúde. Este aspecto percíbese particularmente na produción de dous cultivos de dimensións mundiais: o cacao e o café. Nestlé, como líder mundial, ten unha grande influencia sobre o prezo extremadamente flutuante e baixo que sae ao mercado. Ao non pagar un prezo xusto polas súas materias primas, a multinacional convértese en cómplice condenando á miseria ás pequenas comunidades campesiñas e agricultoras”.

273-nestle-libano.gifEn particular, o tema do café é sangrante. Trátase do produto que xera máis divisas no mundo despois do petróleo. Nembargante, os 25 millóns de produtores que hai no mundo e as súas familias só olen o 3% deses substanciosos beneficios. Boa parte do resto acaba engrosando as arcas de multinacionais como Nestlé, Kraft Jacobs Suchard ou General Foods. Afondar nesta face da inxustiza é unha boa escusa para non perderse o programa de actividades que vai desenvolver Amarante en Compostela con gallo da estrea do documental Ouro negro. O filme, que trata precisamente do tema do café, proxectarase na Galería Sargadelos o 25 de setembro e o 1 de outubro, a partires das 19.30 horas.

Non sobra lembrar, xa que estamos a falar de Nestlé, un currículo que inclúe, segundo O libro negro das marcas (Klaus Wener e Hasn Weiss, Ed. DeBOLS!LLO) “Comercialización de alimentos para bebés mediante métodos prohibidos internacionalmente, e explotación e escravitude infantil a través dos provedores de materias primas”.

276-te-damos-de-leches.gifInterésame, particularmente, a primeira das acusacións, o da comercialización agresiva e ilegal de leite infantil no terceiro mundo. Os sicarios de Nestlé actúan nos propios hospitais, convencendo ás nais de que o mellor leite para o seu bebé é o de Nestlé, e non o materno. Unhas mostras gratuítas axudan a convencer. A miseria fai o resto: na maior parte do terceiro mundo ferver auga con lume de leña é moi traballoso, polo que se acaban facendo os biberóns con auga sen esterilizar. Sobra dicir que a auga potable pura nestes países é un ben escaso. Prácticas comerciais como as de Nestlé axudan a que cada ano morran no mundo un millón e medio de nenos por infeccións, ao optar polo biberón en troques do peito da nai (datos da Organización Mundial da Saúde). Este tipo de accións teñen xerado fortes campañas internacionais de boicot contra Nestlé e as protestas de varios organismos da ONU.

277-comercio-xusto.gifNunca foi máis doado buscar alternativas que non teñan que pasar polos produtos Nestlé dos que veño de falar. Para o café, tes opcións de altísima calidade e de cultivo ecolóxico nas tendas do comercio xusto (Eccos, en Melide; ou Confeitería La Esquina, en Arzúa). En canto aos preparados lácteos infantís, non tragarse os contos das empresas e optar polo leite materno, que está máis que demostrado que é o mellor; en caso de elixir leite en po, hai boas marcas sen ter que recorrer á Nestlé.

275-bove-e-lidia-en-nestle.gifDespido esta entrada cun par de imaxes nas que me tocou vivir as iras contra a multinacional suíza moi de preto. A primeira delas data do 28 de marzo de 2003, e retrata unha concentración diante da entrada da sede central de Nestlé en Vevey (Suíza), xunto a personaxes tan egrexios como Lidia Senra ou José Bové. Teño un recordo ben curioso daquela viaxe ao país helvético que expresa de maneira meridiana o abismo que afasta ao norte do sur. A comitiva de labregos á que acompañaba –viñan de Galiza, Euskadi, Aragón, A Rioxa, Andalucía, Francia e Italia- tivo que facer noite nun refuxio nuclear de Xenebra. O lugar era pintoresco: estabamos baixo terra, nun subterráneo construído de grosos muros de formigón armado ao que se accedía a través dunha porta de metal blindado que debía ter case dúas cuartas de grosor. O terrible e inhumano contraste foi que, neses intres, Bagdad estaba a sucumbir esnaquizada baixo toneladas e toneladas de bombas do exército norteamericano. A xulgar polo titular de La Voz de Galicia esa fin de semana (Bagdad vive un día de terror absoluto), mentres nós durmiamos ben quentiños e protexidos por unha máis que extrema seguridade na pacífica Suíza, miles de iraquies ficaban esventrados ou co fogar destruído pola metralla homicida das bombas ianquis. Que mundo de contrastes este! Non si?

A segunda imaxe é a dunha manifestación do sector leiteiro galego diante da factoría de Nestlé en Pontecesures, o 10 de abril de 2006. A reivindicación dos nosos gandeiros era a de sempre: prezos xustos para o produto do seu traballo. E é que a inxustiza non se padece só no sur...

276-nestle-pontecesures.gif

Agora si, a solución ao enigmático titular. Sabedes en que se parece un refuxio nuclear a un gran de café? En que ambos poden chegar a expresar a abismal fenda que afasta a uns seres humanos doutros. Nin máis, nin menos.

Os ionquis do catarro

xosi 17/09/2008 @ 06:32

266-heroin.gifTiña ganas de escribir algo máis sobre a filantropía empresarial da multinacional alemana do sector químico Bayer, que ten deixado legados tan egrexios para a humanidade como o campo de exterminio de Auschwitz, o Zyklon B ou o gas mostaza. Antes desa sacrificada voluntariedade a prol da industria da guerra e do ascenso do nazismo, Bayer patentaba dous fármacos que, en distintos eidos, habían ser revolucionarios. Un deles, por todos coñecido, é o ácido acetilsalicílico, que comezou a comercializar baixo o nome de Aspirina en 1899 e que catapultou a esta industria ao estrelado do firmamento capitalista (pensemos que, na actualidade, no mundo consúmense uns 100.000 millóns de comprimidos de Aspirina cada ano; iso ten que deixarlle unha pasta gansa á empresa xermana, va que si?).

Mais é o outro achado da Bayer o que agora me interesa, o do xarope de Heroína contra a tose. En efecto, a Bayer lanzou ao mercado, once días despois que a Aspirina, un xarope doutro dos seus inventos rexistrados, un derivado da morfina que bautizou como Heroin. O xarope de Heroina quitábache a tose, madia leva. O simpático do asunto é que, para máis inri, as fortes campañas publicitarias de Bayer ían dirixidas a fomentar o seu consumo nun público infantil, se cadra máis propenso a pillar catarros e máis sensible aos seus síntomas. E así estiveron tres lustros, vendendo o xaropiño a mancheas, ata que en 1913 caeron da burra e se decataron de que a Heroína se metabolizaba no corpo como morfina e era máis aditiva ca esta última.

268-xarope-heroina.gifNo inverno de 1912, os xornais españois servían de taboleiro de anuncios para promover o fármaco milagreiro. Resúltame particularmente revelador o anuncio no que se ve a un neno tentando arrebatarlle á súa nai a botella de xarope, cal párvulo ionqui, con gravata e raia á esquerda dun cabelo impecablemente peiteado. Supoño que este tipo de publicidade, moi orientada a espertar o temor da xente na invernía e no tempo chuvioso, debeu ter especial impacto na Galiza. De feito, o tal medicamento aconsellábase como preventivo para que se consumise antes mesmo de estar un acatarrado. De seguro que, cando se deixou de comercializar, en Europa habíase producir unha vaga de nenos e non tan nenos lapidados baixo os síntomas dun agudo síndrome de abstinencia, que ven durando uns oito días. Miles de persoas deberon pasar unha semaniña infernal no vello continente e ficar cun sentimento de fondo desamparo ao matinar en como sería un inverno sen ter nada para calmar a tose.

271-ionqui-vertical.gifO tema resultaríame gracioso se non tivese tropezado tantas veces nos cráteres deixados pola artillería das drogas, se non me tivese cribado a alma en tantas ocasións a súa metralla, se non tivese visto tantos cadáveres derreados a desintegrarse gume abaixo da navalla en que deviñera a súa vida, se as bágoas que me ten tirado dos ollos non queimasen tanto no rostro descomposto pola dor. Cun pouco de imaxinación, poderíanse facer bos chistes a conta do ditoso xarope. Mais un prefire calar cando, segundo un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) do ano 2000, hai no mundo oito millóns de consumidores habituais de heroína. Se a esta cifra engadimos as vítimas resultantes da delincuencia, da transmisión de enfermidades como a Sida, ou da violencia das mafias e do crime organizado que se asocian a esta droga; a Auschwitz, ao Zyklon B e ao gas mostaza non lles quedaría outra que recuar no podio das armas de destrución masiva ideadas, fabricadas e xestionadas pola Bayer ao longo da súa fecunda historia.

267-ionquis-sur.gif

Muller-bomba en Palestina

xosi 11/08/2008 @ 08:41

O texto que comparto con vós é do ensaísta, escritor e fillo adoptivo do mundo árabe, Santiago Alba Rico, extraído do seu libro Torres más altas (La Tapadera, Valencia), e leva por título Bomba. A ilustración intitulada A morte dun soño pertence á artista británica Paula Cox. Nacidas ambas nese inferno en vida que se chama Palestina, semella que estas creacións viñeron ao mundo para compartir un mesmo espazo; o azar que rexe os camiños da Rede fixo que o atopasen neste blog. Arte preñado de dureza, de dor e rabia, mais cuxa lectura e denuncia se fan hoxe máis necesarias que nunca.

Bomba

Durante unha das últimas incursións do exército israelí en Ramallah, os soldados, ben adestrados para seleccionar coidadosamente os seus obxectivos, non tiveron máis remedio que disparar sobre unha muller-bomba apostada entre os coches (ata ese extremo de baixeza chegaron os terroristas palestinos!). Esa muller levaba enriba material altamente explosivo que, de non telo evitado os certeiros disparos israelís, tería estoupado un tempo despois, durante a Intifada do ano 2014. A muller non só non ocultaba a súa carga, senón que a exhibía con fachenda, desvergoñadamente, fanaticamente, polas rúas da cidade. Esa muller estaba embarazada.

243-morte-dun-sono.gif