Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: A miña horta

Horticultureta

xosi 28/05/2008 @ 16:19

133-sacho-e-mp3.gifNon se trata dunha palabra híbrida dacabalo entre hortera e sabichón. Para nada.O que pasou foi que estes días, desherbando que che desherbarei, ocorréuseme facer algo para aproveitar mellor esas horas que só producen broza a mancheas e torzóns nos cadrís. Decidín, xa que logo, que, aparte de cultivar hortalizas, podía asemade cultivarme eu mesmo sen deixar de ter os pés na terra. Para conseguilo tiven que axuntar dous dos grandes logros da tecnoloxía patria: o sacho da miña sogra e un reprodutor de mp3 Blu:Sens. Así, mentres escribo con suor nos anais labregos a miña particular xesta coas adventicias, escoito audiolibros co lector dixital. Baixeime un bo feixe deles co Emule, principalmente dos que se teñen radiado no programa Historias, dirixido por Juan José Plans en RNE, e que debullaron, entre 1997 e 2003, unha calidade soberbia (banda sonora, efectos especiais, voces personalizadas para os diversos personaxes, boa dramatización, limiares e epílogos con información sobre o autor e a obra literaria, etcétera). Nas últimas dúas semanas caeron De la tierra a la luna, de Jules Verne; e Otra vuelta de tuerca, de Henry James; e, de paso, deixei limpiñas as leitugas, as patacas, as cebolas, os pericos e os allos, amais de preparar a terra para plantar as cenorias, os repolos e as coles de Bruxelas. Nunca tan cultural foi a horticultura no prado de abaixo, no límite entre a parroquia de Santa María e o núcleo urbano de Melide, a carón do camiño dos Tagarros. Na recámara agardan varias obras de Verne, Poe, Wilde, Stevenson, Wells, Stoker, Conan Doyle, Hoffmann, etcétera. Tantas, que estou desexando que escampe dunha vez para poder madrugar na horta día si e día tamén e poñer a andar ese medio cuartillo aínda cativo das voraces hordas da incultura botánica ou, o que é o mesmo, das malas herbas.

O pranto das patacas

xosi 13/05/2008 @ 08:35

109-malas-herbas.gifEstes días ando a pelexar cunha das máis fodidas globalizacións que asoballa ao mundo labrego. Non, non teñades medo. Non vos vou dar a chapa coas trasnadas das multinacionais, coas marxes abusivas das distribuidoras, nin cos efectos perversos do capitalismo salvaxe na agricultura. A globalización da que vos falo, que vén canda a primavera, é unha globalización botánica: as malas herbas ou, quitándolle a moralina que agacha o epíteto, as adventicias (é dicir, esas que veñen cando ninguén as chama).

Agora mesmo, estoulle a dedicar todos os meus esforzos hortícolas ao arrincado das devanditas adventicias que, se ben non teñen por que ser malas, si son pérfidas para os meus cadrís. Onde máis as descoidei foi nos cultivos máis temperáns –pericos e allos-, onde a invasión xa está a reclamar fazañas épicas. Nos plantíos máis recentes –cebola e pataca- aínda se están a insinuar, atreveríame a dicir que de xeito chulesco, como rosmando polo baixo “agarda un par de semaniñas máis, e xa verás, 110-planton-pataca.gifpringao”. Fachendean oufanas diante da miña inexperiencia. Mais non contaban con que, tras cada baixada de sacho, amais dos meus músculos, atópanse os consellos de Carmiña. E Carmiña dixo: “vai mondando as patacas e a cebola antes de que medren máis as herbas”. Tiñades que velas tremendo. Citando a Clint Eastwood, “Sen perdón”. O máis impresionante do conto foi a demostración da miña sogra de como se debían facer as cousas. Daba xenio vela desherbando co sacho, coa vista media chosca, pasando a rentes de plantóns de pataca que ás penas erguían un par de centímetros sen tocalos. Caro me custaba distinguilos a min, con bastantes menos dioptrías; ríome dos vellos que presumen de ler o xornal sen gafas. Nese intre pensei nas paridas, quen de recoñecer o pranto do seu fillo entre as ducias de berros da maternidade ás poucas horas de ter nacido. Así sacha e desherba a Carmiña, cun fondo sentido maternal que a min me ha levar ben anos conquistar.

Azada y madrugón

xosi 21/04/2008 @ 07:47

065-cultivar-la-tierra.gifJoaquín Araújo, na dedicatoria que fai do seu libro Cultivar la tierra á súa muller e aos seus irmáns, agradécelles “…haber compartido estos últimos cinco años de azada y madrugón…”. Confeso que esta foi a frase que máis me impresionou do libro, e non porque o libro non estea ben, senón porque o lin nunha época da miña vida na que un amencer e unha sacha eran para min tan exóticos coma un ornitorrinco durmindo a sesta xunto a un regato de Tasmania, e tan desexábeis coma o obxecto máis caro á morriña que houber.

Tal como volo digo. Eu fun fillo de emigrantes, e nacín e crieime ata os trece anos en Barcelona. Tras un breve lapso de brutal e salvaxe adolescencia 066-altos-hornos.gifpolas terras de Palas de Rei, recunquei en eidos urbanos para estudiar a carreira de xornalismo. En concreto, tiven pousada nunha cidade como Barakaldo, arrodeado polos seus rañaceos emporcallados de polución, polos seus 50.000 habitantes frenéticos e polas ruínas mastodónticas da industria siderúrxica que travestían aquel entorno nunha paisaxe post-futurista, ciberpunk, ou como vos apeteza chamarlle. Curiosamente, foi alí onde me viñeron coma un meditado lóstrego as arelas pola terriña, polo idioma, e por ese oficio universal que fixo suar e deu de comer aos meus devanceiros, xeración tras xeración. Dos moitos libros cos que me fixen, un deles foi o de Araújo, e a devandita dedicatoria fica gravada no disco duro da miña alma case vinte anos despois. A síndrome de abstinencia pola terra deixa esas pegadas, abofé.

062-mencer-horta.gifDende aquela, plantar e mimar hortalizas sempre me atraeu, aínda que as obrigas do traballo e outros quefaceres me teñan impedido dedicarlle todo o tempo que quixera. Esa cativa dedicación á miña horta foi sempre ao remate da xornada laboral e, se a calor apertaba de máis, coma no verán, á tardiña pola fresca. Cousas da vida, o meu fillo de dous anos e a súa nai ocúpanme agora boa parte do día, polo que fica como espazo para as miñas andrómenas a madrugada, con límite nas nove e media, hora na que o Breixo e máis eu ficamos como donos e señores da casa (así está).

063-mencer-horta.gifTodo este circunloquio vén a conto para dicirvos que xa botei as patacas. A pesares de que o calendario biodinámico aconsellaba facelo o 19 de abril, miña sogra –asesorada polos lacaios de Meteogalicia (chamádelles Telexornal, por exemplo)- aproveitou ese par de días da semana pasada que viñeron secos entre tanta auga para botar as súas. Eu seguín o seu exemplo, madia leva, mais para facelo tiven que erguerme ás seis da mañá do xoves e tentar deixar as cousas feitas antes do primeiro biberón. E velaí que viñeron ao meu recordo as mañás de sacho e madrugón de Araújo, e sentinme ben, con ese frío da mañanciña que che fai sentirte máis vivo; esnifando coma un poseso o recendo da terra orballada e os resóns embriagadores do silencio; espreitando, entre herba e herba arrincada, a evolución cromática do nacente. Nin que dicir ten que nesas dúas horas longas non me deu tempo máis que a desherbar; os labores habían continuar polo serán e, xusto cando anciñei a última pataca caeu a primeira pinga de choiva. Sobra falar do tempo que veu na fin de semana, sinalada no meu dietario como idónea para plantar cultivos de raíz... Miña sogra volvía ter razón.

O sacho de Carmiña

xosi 05/04/2008 @ 23:22

031-sachos.gifNada, non hai que lle facer. Miña sogra e o calendario da agricultura biodinámica non fan bo caldo. E xa non digamos os seus quefaceres refractarios cos manuais de horticultura que teño a man para consultar. O caso é que a boa de Carmiña xa plantou o cebolo. Eu creo que, en canto lle vén unha semana de bo tempo como esta, xa lle empeza a ferver o sangue e non hai quen a pare: cómpre plantar. Debe ser unha síndrome semellante á que senten os cazadores e os troiteiros un par de días antes de que lles abran a veda. Eu que estaba todo ilusionado, co meu dietario cheo de notas planificando día a día o futuro de ata a máis pequena poliña e perexil, e vai miña sogra e bótame todo por terra.

No libro de A horta en Galicia, de Baía Edicións, Lliteras aconsella facer os sementeiros de cebola entre o 15 de marzo e o 15 de abril, para transplantar entre maio e xuño; por outra banda, Maria Thun pon como posíbeis días para plantar cultivos de raíz en abril o 11 e do 19 ao 21, segundo o calendario biodinámico.O caso é que xa plantei hoxe, 5 de abril, a metade da cebola, e mañá tocaralle ao resto.

Si, xa sei, diredes que non teño por que facerlle caso a Carmiña. Pero non é tan doado como parece. O xoves pasado, veu meu sogro de visita a casa. Eu cría que viña ver ao neno, pero non. En realidade, viña deixar caer que eles xa plantaran o cebolo e que lles sobrara un feixe del, polo que había que aproveitalo ou darllo ao veciño. Tremendo dilema. Engadamos a isto que teño previsto ter outras ocupacións menos telúricas os días nos que o calendario biodinámico aconsella plantar, e aquí me tedes, facendo das miñas minuciosas anotacións auga de castañas. En fin, que o cebolo xa o plantei, para tranquilidade de Carmiña e Gonzalo; e os bulbos que mercara no comercio, tamén. Respecto destes últimos, o John Seymour si que di algo ben certeiro no seu imprescindíbel La vida en el campo (Editorial Blume): “É o método de plantar cebolas propio do preguiceiro”. Aí deu no cravo, con esa acidez tan británica da que fai gala en toda a súa obra, aínda que na miña defensa direi que plantei os bulbos non por preguiza, senón por falta de tempo para facer os sementeiros (coidar dun neno non ten horarios).

Despídome cun encontro que houbo hoxe na horta e que me pareceu simpático. Como vedes na imaxe, atopáronse o sacho de miña sogra, o seu sacho de toda a vida; con estoutro máis moderno e aerodinámico que me deixou o meu compañeiro de leira, o Toño. O certo é que o segundo abre a terra que dá xenio pero, así e todo, a historia que ten o sacho da Carmiña -co seu mango tallado a man e curtido de suores, co seu ferro limado de tanto morder pedra e tripar terróns, coa súa personalidade tan acusada fronte á perfección aséptica do máis moderno- fai que lle teña tal estima que sempre haberá un rego que abrir na nosa horta para el. Xosi dixit.

Xa estou metido no allo

xosi 21/03/2008 @ 17:19

Esta expresión veume ao pelo para dar por inaugurado o blog e, de paso, comezar a falar dunha das paixóns que, de seguro, darán contido a este caixón de xastre: a agricultura. Ambas cousas, o blog e a agricultura, son lerias nas que me estou a iniciar de maneira moi intuitiva e coa expectación de quen non sabe que diantre sairá de aí. Polo de agora, xa abrollaron o texto que estás a ler e os allos que ves na imaxe, e niso vou debandar.

001-allos.gifOs allos que vedes na fotografía veñen de xermolar. Planteinos de dúas razas: morado de Banyoles, de sementes mercadas no comercio; e do país, denominación xenérica que se lle dá a calquera semente que atopas na feira e que, habitualmente, son razas de maior rusticidade e moito mellor adaptadas ao clima e á terra de cada lugar.

Con estes allos aconteceume algo curioso. Decidín plantalos seguindo o calendario biodinámico, que establece qué días son máis axeitados para sementar segundo a posición da lúa e dos planetas, e segundo outras andrómenas das que pouco ou nada entendo e ás que tampouco lles dou moita máis credibilidade. En total, enterrei uns 180 dentes en seis regos. O curioso ao que me refería é que os allos que vedes de talo lanzal e esguío plantáronse no serán do 23 de febreiro, data propicia para os cultivos de raíz, como é o caso do allo. Ese día só me deu tempo a sementar catro regos. Os outros dous fíxenos ao día seguinte e, a día de hoxe, ás penas xermolaron. Xa anda o Iker Jiménez na miña procura, pero halle custar caro atoparme...

002-rudolf-steiner.gif Bromas a parte, ben sei que a lúa inflúe de maneira notoria nos cultivos. Tamén lle gardo unha admiración sincera ao fundador da agricultura biodinámica, o austríaco Rudolf Steiner (1861-1925), creador da antroposofía que demostrou o seu xenio en disciplinas tan dispares e difíciles como a arquitectura, a pedagoxía, a medicina, a filosofía ou a agricultura. Nembargante, non acreditaba nuns resultados tan evidentes e sigo matinando en que ten que haber algunha outra explicación a todo isto.

Na agricultura, como na vida mesma, ao final teslle que facer máis caso á experiencia que aos libros (en honor á verdade, a agricultura biodinámica esta baseada totalmente na experimentación constante dende hai un século e nunha babélica recollida de datos empíricos dende aquela. É dicir, está nas antípodas de ser a mera elucubración mental dun iluminado). A teoría está ben, e pódeche dar moitas ideas e suxestións que non se che ocorrerían doutro xeito. Pero nisto da horta, polo de agora están a gañar de goleada os consellos da miña sogra e demais veciñanza. Os allos son boa mostra do que digo. Nun clásico como “A vida no campo”, de John Seymour (en paz descanse) aconsellan plantalos en primavera. Pero o meu amigo Toño díxome que tiña que facelo en xaneiro ou, a máis tardar, en febreiro. Así o fixen e así están. Tamén no libro “A horta en Galicia. Guía práctica para o cultivo”, de Juan Luís Camacho Lliteras, aconsellan comezar cos sementeiros a partir de abril e maio; nembargante, miña sogra porfiou en que debía facelos na lúa minguante de febreiro –consello que cadra coas datas do calendario biodinámico tamén, curiosamente-, e así o fixen. Polo de agora, teño unhas boas plantas de repolo, coles de Bruxelas e porros, polo que a boa de Carmiña ha ter razón tamén.

Así que xa sabedes. Se queredes metervos nesto das hortalizas, ler libros está ben, pero non vos esquezades de buscar consello na xente que ten experiencia nisto. Se non tedes a ninguén a man, cousa que dubido nestes lares, quédavos a posibilidade de visitar o sanedrín da horta melidense: Casa Parrado. De seguro que vos guían polo mellor camiño para levardes no verán unhas boas follas de leituga ao prato.