Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Novembro 2009

Less is more

xosi 18/11/2009 @ 09:09

O pasado venres cumprín un dos meus soños en canto a música se refire. Vin en directo aos Marillion. O concerto foi en Madrid e, coma o poema Ítaca de Kavafis, só a viaxe deu para contar un par de cousiñas que mellor calarei. Conformareime con bosquexar un unhas palabras sobre a Ítaca á que, desta vez, si que arribamos.

403-less-is-more.gifNesta ocasión, os Marillion que iamos ver eran unha aposta arriscada. Tratábase da xira Less is more, seica que menos é mais, unha metáfora inxel que define á perfección o seu último traballo, no que se dedicaron a facer versións acústicas de vellos temas eléctricos. Por certo, a expresión acuñouna o poeta inglés Robert Browning en 1855 e foi adoptada polas correntes arquitectónicas e artísticas minimalistas.

Ese risco asumido por un grupo que nos ten afeitos a complexos arranxos electrónicos e a sofisticadas estruturas rítmicas e sonoras, traduciuse en disparidade nos sabores de boca deixados no público. Entre @s cinco que viaxamos a Madrid, houbo quen saíu dicindo que asistira ao peor concerto da súa vida, quen ficou anoxado da primeira parte para recuperar a maxia na segunda ou, coma min, quen escoitou un dos mellores recitais de música no que leva de vida.

402-marillion.gifSinceramente, creo que, cando menos, desta vez foi máis. Os Marillion non enganaron a ninguén. Nunha primeira hora e media debullaron todos os temas do disco que viñan presentar dun xeito impecable, facendo gala dun quefacer de ourives, deixando caer os sons coma pedras preciosas iluminando un pentagrama invisible. Tras un breve descanso, tocaron outro tanto, desta vez cancións de toda a súa discografía que xa eran bastante acústicas na súa versión orixinal e que se podían interpretar respectando os parámetros cos que deseñaron esta xira. Pasoume, escoitando estes temas, algo que non me pasara nunca nun concerto: sentinme feliz. Literalmente. Sentín felicidade en estado puro e, con frecuencia, faiscaban no meu cerebro imaxes que redundaban nese sentimento (a little spark of light in your mind), como os rostros da xente que amo: o meu fillo, a miña muller. Nin sequera fun quen de achar o oco no que sacar a cámara fotográfica do bolso para capturar un par de instantáneas do recital. Parecíame sacrílego e pecaminoso perderme un só segundo de concerto. Así, bebín ata a última pinga do elixir sónico co que os Marillion nos agasallaron e sentín coma nunca a alquimia da música pulsando cordas moi gratas á miña alma. Un concerto para gardar na caixa dos recordos onde conservo directos coma o de Jethro Tull ou Leonard Cohen.

A guinda viría de sorpresa ao día seguinte, cando nos topamos coa metade da banda no almorzo (o concerto fora no mesmo hotel no que tentaría durmir despois, sen moito éxito). Non me considero un fan stricto senso –non me autolesiono nin me tiro dos pelos da barba cando estou diante dos músicos que admiro- mais, hei de confesalo, no bolso traía canda min a cuberta dun dos discos de Marillion que máis aprecio, o Brave, e un rotulador indeleble, polo que puidese pasar. E pasou. Velaí os autógrafos de Steve Hogarth, Steve Rothery e Mark Kelly. Só na intimidade me atrevín a berrar como unha histérica beatlemaniática. Pero non llo digades a ninguén.

404-autografos-marillion.gif

Sexasésimo sétima entrega de H

xosi 12/11/2009 @ 19:45

h-67-pequeno.jpg

 Créditos: Lady Chorrito (María); Oliño Man (Manoliño); Gorila (Xabi); A Ghata (María Oliva)

Continuará.

A visión da lama

xosi 09/11/2009 @ 09:29

400-heaney.gifVeño de rematar The haw lantern, do poeta irlandés Seamus Heaney, non sen atoparme con importantes achados entre estes versos publicados en 1987. Se cadra, o poema que máis me impresionou foi The mud vision (A visión da lama), no que o poeta muda, de súpeto, diametralmente o estilo literario que dominou en todo o libro. Se ata ese intre nos afixera a poemas baseados nunha ou nunhas poucas imaxes nítidas que rescata da realidade para transmutalas a través da alquimia poética; agora, adopta un rexistro visionario, máis próximo a un surrealismo frenético que ao elegante comedimento ao que nos tiña afeitos, cunha dioiva de instantáneas. Engaioloume, especialmente, a primeira estrofa coa que arrinca o poema, que quere ser unha descrición da Irlanda moderna e globalizada dos anos oitenta na que vive o autor. Desgarro, desenrraizamento, fonda amargura travestida de ironía.

“Estatuas con corazóns descubertos e coroas de púas
estaban aínda nos nichos, as lebres liscaban baixo
os bandullos adurmiñados dos reactores, os nosos escritores
de menús e punks con pulverizadores comparábanse
cos mellores. Os enlaces por vía satélite esparexían
por riba nosa as bendicións dos papas, os heliportos
mantiñan un círculo de encanto para os ídolos que estaban
de xira e as vítimas en padiolas. Camiñabamos somnámbulos
pola divisoria entre o pánico e as fórmulas, faciamos
probas fotográficas aos nosos primeiros modelos nativos
e ás últimas máscaras, enxergándoos de lonxe, avanzados
e lixeiros coma un home nun trampolín que non cesa
de facer prequecemento porque non sabe tirarse de cabeza”.

Heaney, cunhas poucas pinceladas ben dadas, traza un bosquexo demoledor e desolado da súa Irlanda. No ano 2003, eu escribía algo semellante referido a Galiza. Pídovos desculpas por poñer os meus versos parellos aos de Heaney, mais se non acadan nin de lonxe igual calidade, creo que si naceron de intencións xemelgas.

 
Galiza, Caliza, Ciza
 
“Pero decídeme, pés que camiñades sen rumbo,
¿sabedes a que abismo chegastes?”
(Bagdad, saúdote, de Alí Ahmad Saíd Adonís)
 
Un hórreo de ladrillo,
un parque eólico
na cima dun castro,
vómitos de zurro
envelenando un prado,
ollos expectantes
agardan a milagre
da choiva aceda,
unha pista anónima
para que pazan as frisonas,
un topónimo náufrago
nun indicador da Deputación,
unha cabuxa con chip informático,
un tractor sen música nos eixes,
a sesta á sombra dun eucalipto,
un coche para que o fillo se mate
ou estudios que lle herbiciden as raíces,
unha xiringa e botellas rotas
na sombra dun souto,
un encoro para iluminar miserias
en ríos de troitas sementadas,
unha boina sobre o televisor
invocando de Gayoso
a calma momentánea
dun infarto de soidade,
unha paga e unha pulseira do 061
a cambio da familia,
70.000 pesos por un nicho
subvencionado pola COPTOPV,
micrófonos e altofalantes
nunha igrexa baleira,
unha lingua tronzada pola gorxa,
unha parcelaria mal feita
na alma dun pobo,
unha vaca tola enterrada en cal viva,
un camiño cego
cuberto de maleza.

Non son versos dos que me sinta orgulloso, mais, a pesares da súa imperfección, de que lles sentase tan mal o paso do tempo, sinto neles o mesmo latexo de rabia impotente que Heaney debeu sentir hai un cuarto de século ao escribir The mud vision. Remato tamén cuns versos de Heaney. En The disappearing island (A illa que desaparece), nun exercicio da máxima concisión, o poeta esboza a historia do seu pobo en seis versos:

Cando criamos poder establecernos para sempre
entre os seus outeiros azuis e aquelas costas sen area
onde pasabamos as nosas noites de desespero rezando e velando,
 
cando recolleramos a madeira flotante, construiramos un fogar
e colgaramos nel o noso caldeiro coma un firmamento,
a illa crebou baixo os nosos pés como unha onda.

Cito estes versos porque quería finalizar o presente artigo con verbas de esperanza. O poema remata así:

A terra que termaba de nós semellaba resistir
só cando a abrazabamos in extremis (...)

Se cadra esa é a única forma de salvar os restos do naufraxio que aínda aboian da nosa cultura. Abrazalos, amalos, levalos por bandeira con orgullo, sementar se aínda quedan forzas e absterse de volver a vista atrás quen aínda conserve escrúpulos na súa alma.

399-richard-long.gif

 

 

Á luz dos abruños

xosi 03/11/2009 @ 09:47

395-seamus-heaney.gifEstes días, que ando a voltas co inglés, deume por traducir algún poema de The haw lantern, do irlandés Seamus Heaney, por ver se o dito italiano aquel de “Traduttore traditore” (tradutor traidor) tiña algo de certo. E si que o ten. Máis en poesía, un xénero onde tratar de trasladar os ritmos, rimas e polisemias do texto orixinal a outra lingua é imposible. A primeira sorpresa leveina ao tratar de traducir o título do poema co que se bautiza o libro, que na versión española de Dídac Pujol Morillo vén, con moi bo criterio, como La linterna del espino. En inglés, espiño vén sendo hawthorne, mentres que o seu froito, o abruño, é haw. Dado que a metáfora á que nos referimos é The haw lantern, a tradución literal debería ser O abruño lanterna ou A lanterna de abruño (en castelán sería La majuela linterna) ou algo así. Xa que a imaxinación poética decidiu converter ese abruño nunha lámpada, o tradutor tomouse a licencia de substituír ao elemento sostido polo sostén, dándonos esa lanterna do espiño.

Audacia ou temeridade, co paupérrimo nivel de inglés que teño e a axuda dun bo diccionario, fixen a miña propia versión do poema, dunha gran intensidade lírica e visual. Mirade.

A lanterna do espiño 
 
O invernal abruño está ardendo fóra de tempada 
silvestre no arbusto, unha luz pequena para a xente pequena,
non quere deles outra cousa que manteñan
a mecha da dignidade moribunda
para non ter que cegalos coa iluminación.
 
Mais a veces, cando o teu alento se empluma na xeada
toma a forma vagabunda de Dióxenes
coa súa lanterna, buscando un home xusto;
de maneira que acabas por escudriñar desde detrás do abruño
sostido por unha poliña á altura dos ollos,
e ti acovárdaste diante do vencello entre o miolo e a carabuña,
a súa punzada de sangue que quererías que te puxera a proba e te absolvera,
a súa madureza pinchada que te escruta, para despois seguir buscando.
 

396-abrunos.gif

Hai dobres significados que se perden na tradución. Por exemplo, en its blood-prick (a súa punzada de sangue), no penúltimo verso, a palabra prick pode significar tanto “punzada” como “pinchar”, ou “remorsos”, ambos significados válidos no contexto en que se expoñen. Fóra disto, o poema é magnifico. É doado imaxinar a súa xénese: Seamus Heaney de paseo pola campiña irlandesa, en pleno inverno, no medio da desolación causada polo frío: herba xeada, árbores na súa máis esquemática nudez, o alento callado (emplumado: your breath plumes; de novo un dobre significado de plumes:vale para penachos e fíos, e tamén para a acción dunha ave cando amaña as súas plumas co peteiro) de xeo en cada expiración... De súpeto, algo peta con forza na percepción do home, un color vermello intensísimo no medio do branco e negro invernal. Son os abruños dun espiño que sobreviviron á esfolla outoniza. Ese impacto visual antóllaselle como luz mesma, cegadora, coma se os abruños dese espiño fosen lámpadas, lanternas sostidas polas poliñas exhaustas do arbusto. A asociación coa cultura clásica, da que 397-dioxenes.gifHeaney usa e abusa neste libro, é inmediata: a lanterna de Dióxenes. Este filósofo grego que pasou á historia pola súa excentricidade –vivía nun tinallón entregado a uns votos de absoluta pobreza- vagou un día por Atenas cunha lámpada na man por ver se era quen de atopar a un home xusto. Así, o espiño de Heaney transmuta en Dióxenes e sométenos á luz xulgadora dos seus abruños, empezando polo propio poeta. Mais non parará (o poema remata con then moves on) ao non dar atopado ese home xusto co que culminar a súa busca...

Un contundente exemplo da poética de Heaney, que alimenta os seus versos case sempre dunha nítida imaxe ou escena tomadas da realidade na que vive, para despois sometelas á alquimia poética. Así, esa imaxe ou esa escena transfórmanse nun potente artefacto que estoupará en fondísimas significacións ao ser sometido á descodificación lectora, sempre coas raíces totalmente chantadas no mundo do que tomou o alento.

398-abrunos-no-inverno.gif

Sexasésimo sexta entrega de H

xosi 03/11/2009 @ 08:15

h-66-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man: Manoliño; Lady Chorrito: María; H: Henri; Pandereteir@: ¿?

Continuará.