Batendo records
Nunha sociedade na que o egoísmo e a insolidariedade se impoñen travestidos de liberdade individual, sobrancean sempre os records das persoas –nomeadamente no deporte: recordman, recordwoman-; pouco se fala, xa que logo, dos records colectivos. Case nunca dun récord colectivo en concreto: o da fame. Unha plusmarca que se supera cada ano, coma fixera na súa época Sergéi Bubka ou fai agora Yelena Isinbayeva coa pértega. Así, en cuestión de marcas na fame, imos dosificando a barbarie, escribindo liña a liña un dos episodios máis vergoñentos da humanidade; unha historia que nos empeñamos en perpetuar coma un insufrible culebrón sen un claro final á vista.
Indo ao choio, neste ano 2009, no planeta Terra haberá, por primeira vez, máis de 1.000 millóns de persoas que pasarán fame, consecuencia directa dun sistema económico xenocida e indirecta da crise global que nos afecta a todos. O colapso que está a sufrir o capitalismo imperante provocou que os países que financian a loita contra a fame no mundo recortasen drasticamente as súas achegas financeiras. Dos 6.700 millóns de dólares orzamentados polo Programa Mundial de Alimentos, tan só se recadarán 2.600 este ano. Xusto cando a crise, precisamente, deixou a millóns de persoas en todo o mundo sen un posto de traballo co que alimentar ás súas familias nos países empobrecidos.
A maiores, habería que engadir os 3.000 millóns de desnutridos, de persoas que padecen as secuelas no seu organismo dunha alimentación deficiente aínda que non pasen fame stricto sensu. É o que a ONU define como hidden hunger, ou fame invisible. No demoledor El imperio de la vergüenza (Edicións Taurus), Jean Ziegler, relator especial das Nacións Unidas sobre o dereito á alimentación di que “entre as enfermidades máis comúns e máis estendidas por esta insuficiencia, está o kwashiorkor, frecuente na África negra, a anemia, o raquitismo, a cegueira. Os adolescentes vítimas da enfermidade de kwashiorkor, ou síndrome pluricarencial, teñen o ventre inchado, o cabelo roxo, a pel amarela. Perden os dentes. As persoas privadas de maneira permanente dunha achega suficiente de vitamina A quedan cegas. O raquitismo impide o desenvolvemento normal do esqueleto do neno”. En cifras, uns 1.300 millóns de persoas padecen anemia no mundo por falta de ferro; nos 49 países máis pobres, o 30% dos bebés están nesta situación: sufrirán deficiencias mentais durante toda a súa vida. Unhas 600.000 mulleres morren cada ano durante o embarazo debido a unha carencia severa de ferro. En canto á vitamina A, corenta millóns de nenos menores de cinco anos sofren a súa carencia no mundo, dos cales uns trece millóns fican cegos cada ano. Tamén poderiamos falar dos 18 millóns de nenos que nacen con deficiencias mentais irrecuperables por carencia de iodo. E a lista poderíase engrosar aínda máis con números e máis números que deberían engordar a vergonza dos nosos gobernantes; se cadra, tamén a nosa.
Curioso condenar a morrer de fame ou a ficaren tolleitos de por vida a miles de millóns de seres humanos cando o mundo produce alimentos de sobra para alimentar a máis habitantes dos que alberga. Poñemos, os países ricos, 2.600 millóns de dólares para loitar contra unha fame provocada por nós mesmos, polas regras económicas asasinas impostas dende o norte. O recorte é necesario pola crise. Unha crise que non se notou nun mercado tamén á alza e que, do mesmo xeito que a fame, bate récords ano tras ano: o da compravenda de armas. En 2008 o gasto global en armamento aumentou un 4% con respecto a 2007 e ascendeu a 1’46 billóns de dólares (560 veces máis do que se gastará este ano en combater a fame: dúas guerras cun orzamento ben desigual).
De todo isto só se tira unha conclusión: teimamos en financiar e fomentar a morte, a nosa aniquilación, aínda que esta veña dulcificada cun par de décimas de suba no PIB.


Chúzao
del.icio.us














