Veño de ler un poema de Antonio Gamoneda que me marabillou. Trátase dun poema de amor nos tempos escuros e difíciles da dictadura franquista que atopei no seo do libro Blues Castellano, obra escrita entre 1961 e 1966, pero non publicada ata 1982 por motivos de censura. O poema titúlase Libertad en la cama, e di así:
Todos los días salgo de la camay digo adiós a mi compañera.Vean: cuando me pongo los pantalonesme quitola libertad.Cuando llega la noche, otra vezvuelvo a la cama y duermo.A veces sueño que me llevan con las manos atadas,pero entonces me despierto y siento la oscuridad,y, con el mismo valor, el cuerpo de mi mujer y el mío.
A lectura que eu fago destes versos é a do amor como espazo de liberdade, de resistencia contra unha realidade social atroz. A súa forza reside en que durmir xunto á muller amada esíxelle ao poeta o mesmo valor que enfrontarse á represión, como se esa aperta nocturna para ceibarse abrazados no sono fose un acto subversivo, un cóctel molotov nos fociños do réxime. Sen saírmos do mesmo poemario, Gamoneda redunda nesa visión do amor en versos como:
Mi manera de amar es sencilla:te aprieto a mícomo si hubiera un poco de justicia en mi corazóny yo te la pudiese dar con el cuerpo.
A calor dunha aperta como reducto de resistencia, de xustiza e liberdade, fronte ao mundo. Sempre nos quedará París.
Hai uns días, Jairo Dorado, ínclito tradutor de A ponte sobre o Drina (Ivo Andrić, 1945) ao galego, envioume unha mensaxe para anunciarme a inminente tradución de Danilo Kiš á nosa lingua, feito que, ao mesmo tempo, deixou en min unhas poucas migallas de esperanza e outras tantas de arela. Esperanza porque aínda hai xente que, no seu quefacer diario, mesmo dende terras tan afastadas coma Belgrado, segue en pé na crúa vangarda de manter o noso idioma non só con vida, senón coa mirada alta que dá o orgullo de non ser menos ca ninguén, nin sequera nestes tempos aciagos nos que un fato de políticos empoleirados coma voraces sambesugas ao poder travisten o seu máis abxecto fascismo lingüístico con felos de liberdade. Arela de poder ter nas mans -senón xa, si canto antes- ao Danilo Kiš vertido ao galego –grazas ao labor tamén de Rinoceronte como editorial- autor do que, confeso, nunca lin nada e que, cando así sexa, serao no mesmo idioma que falaron meus pais, meus avós e demais devanceiros que inocularon nas miñas veas o seu sangue de inmemoriais raíces. Grazas, xa que logo, Jairo, por ese sopro de vento fresco neste verán de tanto incendio verbal e lexislativo perpetrado polos pirómanos do bilingüísmo harmónico.
Este non é un blog de moitos visitantes. Temos poucos, pero bos. Se cadra, non chegamos á ducia entre os seareiros habituais. Tanto dá. Vén a conto esta evidencia porque quería dedicar a presente entrada a dous lectores impertérritos das miñas disquisicións. Un deles é o H. Anda por terras de Chavela Vargas, como ben testemuña o localizador xeográfico de visitas desta páxina, con México na segunda posición do podio. O outro é o maior dos irmáns Álvarez e vive máis preto de aquí, na capital herculina. Foi este último, precisamente, quen me suxeriu a posibilidade de publicar na rede algunha creación literaria, que é o que me dispoño a facer agora. Por que falei, xa que logo, destes dous fulanos sen vir a conto? Porque elixín uns versos, intitulados Alborada para Breixo, que pensei lles poderían gustar. Máis que nada porque ambos se meteron antonte coma quen di, do mesmo xeito ca min, na azarosa aventura de ser pais. De Xosé Henrique, o primeiro; de Xulio e Aldán, o segundo. Para eles van, que nós, aos nosos anos, temos o ego con menos líbido ca unha pedra.
Alborada para Breixo
ISinto a túa chamadana hora primeira da albae acudo para terte no colopara poder darte apertas de pexego no coloe ver esa primeira miradaque lle botas ao día,esa primeira miradada mañáque lle botas á vida.É tal a transparenciana que transloce esa miradaque xa nin o día importa.Só este intre,só a clara conciencia,só a miña mirada na túacada vez que sinto a túa chamada.
IIMa é o primeiro son que articulan os beizos do noso filloao espertar,como se a palabra tivesepoderpara convocar aquilo que máis amamos.
"Deus morreu. Deus segue morto. E matámolo nós. Como poderiamos reconfortarnos, os asasinos de todos os asasinos? O máis santo e o máis poderoso que o mundo posuíu desangrouse baixo os nosos coitelos: quen limpará este sangue noso? Que auga nos limpará? Que rito expiatorio, que xogos sagrados deberiamos inventar? Non é a grandeza deste feito grande de máis para nós? Debemos semellar dignos dela?"
Nietzsche, A gaia ciencia, 125
Créditos: Pomba (Deus)
Continuará. A próxima entrega debería ser o vindeiro venres, 24 de xullo
Créditos: Deus (pomba); Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo)
Continuará, a próxima entrega será o vindeiro venres, 17 de xullo, sempre e cando o debuxante dea saído da previsible nugalla etílica na que recaerá durante as festas do Carme.
A semana pasada, segaron un prado que hai a carón da nosa casa. Nel veñen pacendo, de cotío, unha parella de cabalos e máis un poldro. Vese que as abondosas choivas do que vai de verán propiciaron que as súas queixadas non desen abasto. Así que o dono das bestas colleu de tractor e rozou o herbal. Non se fixeron agardar. Axiña o motor diesel deixou de bruar apareceron os estorniños (Sturnus vulgaris) a restrebar entre os canotos. Trouxeron á miña memoria o documental de Agnès VardaLes glaneurs et la glaneuse, que puidemos ver en castelán traducido como Los espigadores y la espigadora.
A que está considerada como a avoa da Nouvelle vague francesa, armada tan só cunha cámara de vídeo doméstica e unha inesgotable curiosidade, botouse á estrada, no intre de estarmos a entrar no terceiro milenio, para levantar acta do que ficaba da vella arte da restreba. Unha das acepcións de restrebar é a de aproveitar os restos da colleita que ficaron ciscados pola leira trala sega. Sen traizoar esta significación inicial, Varda lévanos da súa man no devandito filme para ver a vagabundos facer a súa particular restreba nos contedores de lixo dos supermercados e das prazas de abastos arrepañando aquilo que esta sociedade enferma de opulencia rexeita: alimentos perfectamente comestibles que se desbotaban e desbotan por toneladas por non ter o tamaño e a forma que esixen os clientes –froitas e hortalizas, nomeadamente- ou cuxa data de caducidade está vencida, non así a súa salubridade. Tamén, como non, habíaos que facían a restreba con todo tipo de obxectos e materiais tirados como desperdicios, unha sorte de recicladores da hipertrofia do noso consumismo. A propia autora, coa súa cámara en man, rematou por revelarse como unha apañadora de imaxes, sendo o documental o resultado final da súa singular e intelixente restreba. Imaxes para reflexionar pero, sobre todo, para ollar; olladas, xa que logo, que nos levan eses versos afiados como gadañas que Darío Xohán Cabana dedicou á Muller labrega e aos que puxeron música Mini e Mero baixo o alias de A Quenlla: “Ollade os longos traballos. / Ollade as longas tarefas. / Ollade os longos solpores / que agonían nas restrebas”.
Excesivo, xenial, rotundo, insobornábel, único. Son adxectivos que me veñen á mente despois do inesperado concerto que o bretón Yann Tiersen descargou na cidade da Coruña (Expocoruña, 3 de xuño de 2009). Recoñezo que non agardaba un concerto así. E dáme tamén que o meirande dos miles de persoas congregadas no recinto feiral coruñés, tampouco.
De feito, creo que case todos agardabamos algo máis melódico, máis Amelie, para que enganarnos. Pero non. Yann Tiersen non cedeu. Non subiu ás táboas para satisfacer ao público, senón para tocar. Só para tocar. Lacónico, case que antipático, dedicouse a debullar tema tras tema sen facer moito caso do auditorio que tiña diante súa. Dende o comezo ata o final, Tiersen quixo que dominase o formato roqueiro fronte ao rexistro entre o folk e as novas músicas ao que nos tiña afeito. Certo que nas cancións seguía a notarse a pegada habitual, ese órgano infantiloide de fondo, a presenza recorrente do violín, o minimalismo como denominador común. Mais as cancións, unha si e outra tamén, desmandábanse sempre, botábanse ao monte para acadar rexistros sonoros situados na fronteira que separa á música do ruído. Para que vos fagades unha idea, da panda de rapazas que tiña diante miña, dúas liscaron ao comezo polo exceso de decibelios, e as que quedaron termaron con estoicismo todo o recital, a pesares de verse obrigadas a tapar os oídos coas mans en varias ocasións. A apatía xeneralizada diante das brutais descargas sónicas que ceibou Yann Tiersen dan fe de que case todo o mundo estaba descolocado.
Tan só condescendeu, no ecuador da hora e media escasa que tocou, co celebérrimo solo de violín que é Sur le fil. Ao final, nos bises, chiscounos o ollo con La valse d’Amelie, pero, fiel á folla de rota trazada, nada que ver coa versión agardada. Se a fermosísima melodía de La valse d’Amelie fose un rostro de plastilina, Tiersen comezou deformándoo nos teclados coma un roqueiro progresivo sádico, para tripalo in crescendo cara a un final que non dubidaría en cualificar de trash metal de non ser porque había un violín entre os cinco instrumentos que estaban a ser tocados.
A pesares de que non asistín ao concerto que imaxinaba, a pesares de que Yann non invocou a miña vea melancólica con ningún tema de Goodbye Lenin, a pesares de violar incestuosamente e de malas maneiras a Amelie Poulain, gustoume. E gustoume porque vin a un músico singularísimo, con moita personalidade, un grande amor polo seu arte e ningunhas ganas de que o público lle dixese por onde debía ir. Sóubome o recital a desquite, a rachar coas etiquetas que lle tiñan posto. Os que buscaban melodías bonitas atopáronse cunha escorrentada de menhires, coa embestida dun rinoceronte decibélico, cun enfant terrible que se me antollou un Arthur Rimbaud cunha guitarra eléctrica ao lombo. Iso, máis cá música, foi o que me gustou del. Unha actitude máis que loábel nestes tempos nos que moitos músicos darían un brazo por ter a fama de Tiersen, darían un brazo para que lles desen a oportunidade de repetirse e autoparodiarse a cambio de lucrativos beneficios. O concerto de onte na cidade herculina demostrounos que Yann non pasou polo aro.
Déixovos con ese nexo entre o Yann Tiersen de antes e o de onte na Coruña. Sur le fil. Furia e minimalismo. Manimal.
Xa van máis de medio cento de entregas de H. Non é pouca cousa. Cómpre felicitármonos a nós mesmos como lectores por levar máis dun ano de lectura sen que a trama dea chegado a ningures (realmente, hai trama?); e darlle os parabéns, como non, ao ínclito Pedro Panduriño, autor da saga e que, nos últimos tempos, tenme algo preocupado. Direivos de seguido o por que.
Como ben sabedes, e como ben se analizou neste blog polo miúdo, Pedro Panduriño é un homosexual reprimido (pido desculpas de antemán ao colectivo gay por relacionalo con xentalla desta caste). Nembargante, semella, polo que podemos ver na entrega de hoxe, que a súa insania psíquica vén de dar outra volta de rosca. Nas últimas viñetas, o noso homosexual reprimido valeuse de toda unha cohorte de machos membrudos para derribar unha das torres da igrexa parroquial de Millí. Non abondaremos na simboloxía fálica e autoritaria do elemento arquitectónico, senón na acción que se lle aplica: a demolición. Semella coma se todas esas rafas balístico-exaculatorias saídas de pistolas, revólveres, metralladoras, lanzamísiles buscasen inconscientemente o derrube do máis alto símbolo de masculinidade que alberga a mente enferma de Pedro Panduriño, símbolo que, con toda probabilidade –pescudas posteriores deberán confirmalo- estivo en contacto directo co noso debuxante dende a máis tenra infancia.
Xa que logo, atrévome a afirmar que a brutalidade das últimas escenas supoñen unha lapidación sen retorno, definitiva, da homosexualidade reprimida do Pedro Panduriño. A parte represora da súa psique gañou a batalla, mais a un alto prezo. Aventuro a seguinte hipótese á luz da entrega de hoxe que, creo eu, é ben ilustrativa. O autor, sempre a través dos seus personaxes, mata a Deus. O tema non é novo e non nos debería escandalizar en pleno século XXI. Enunciada polo filósofo alemán Friedrich Nietzsche a finais do XIX, a significación da morte de Deus para o ser humano é que este último fica absolutamente libre, sen morais nin crenzas impostas, pero sen valores, sen ningunha agarradeira espiritual ou psíquica na que termar da súa existencia. Ese ser humano libre pero coxo e as consecuencias da súa ousadía foron máis que analizados pola filosofía existencialista e a psicoloxía. Baste citar a autores tan representativos como Kierkegaard, que falou da “vertixe da liberdade”, Heidegger e a súa “anguria vital” ou Jean Paul Sartre, que tan ben definiu ese estado do ser -o de estarmos condenados a sermos libres- na súa celebérrima obra A náusea; a análise psicolóxica executada por Erich Fromm en O medo á liberdade tampouco ten desperdicio. A lectura de autores coma os devanditos revelaríanos que Pedro Panduriño, tras levar a súa neurose a extremos do máis morboso –reprimindo ferozmente a súa homosexualidade e rexeitando calquera tipo de autoridade moral que goberne as súas eivadas neuronas- está a sufrir unha aguda crise existencial. Se cadra por iso a irregularidade nas entregas de H, se cadra por iso ese traballo compulsivo –unha das fuxidas ás que, segundo Fromm, o ser humano recorre para escapar da anguria existencial- de debuxar entregas e máis entregas que nada nos din e ningunha historia nos contan. Pero o peor de todo, se cadra, amigos lectores, é que estamos a ser as vítimas indirectas da doenza mental de Pedro Panduriño polo que, e baixo a responsabilidade que me dá ser o dono deste blog, recomendo encarecidamente que deixedes de ler ou visualizar estas elucubracións neuróticas dun fulano que se ten por debuxante de cómics; poida que sexa contaxioso...
Créditos: Deus (pomba); comisario Cabecha (Xabier Cabezudo)
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 10 de xullo, sempre e cando non internemos ao debuxante nun sanatorio mental, isto é, nun manicomio.