Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Xuño 2009

Dirty Michael

xosi 27/06/2009 @ 11:15

Dáme que o Michael Jackson había ben tempo que palmara. Non foi onte. Así como estaba, descafeinado, descolorido, desencaixado, enclaustrado en morbosas fixacións coa infancia no seu particular Neverland ou parapetado fronte ao mundo coas súas máscaras de cirurxián, non me lembraba en nada a aquel mozo que batera no mundo co seu álbum Thriller (1982), seica o máis vendido da historia, ou co ben elaborado Bad (1987).

364-thriller.gifSe borro da miña memoria esa imaxe esperpéntica, entón véñenme á mente recordos ben intensos. En primeiro lugar, aquela Noitevella de 1983 na que emitiron en televisión o vídeo de Thriller, con personaxes tan caros ás nosas afinidades sentimentais como os lobishome ou os zombies. Nós, que, ao comezo dos oitenta, tiñamos no cumio das nosas filmografías predilectas películas que estaban irromper con ben forza nos cines de barrio como The Howling (coñecida en España por Aullidos), de Joe Dante (1980), ou Un home lobo americano en Londres, de John Landin (1981), alucinamos aquela noite de fin de ano e, a pesares de sermos heavys, non puideron saír das nosas bocas máis que gabanzas.

363-bad.gifE é que Michael Jackson sempre tivo a intelixencia camaleónica de facer unha música que, aparte da súa indubidable calidade, tocaba tal cantidade de estilos e rexistros que era difícil non atopar un tema que non che gustase. A min pasoume co seu álbum Bad. Aparte da canción que daba título ao traballo, namoroume o Dirty Diana, cun rexistro de puro hard rock (con Steve Stevens nas seis cordas, naqueles tempos guitarrista de Billy Idol), unha estética neo-punk moi en boga a mediados dos oitenta grazas a Sigue Sigue Sputnik, e a voz de soul desgarrado de Michael. A miña memoria prefire ficar con recordos coma este que con calquera das pobres imaxes que virían despois a engrosar a lenda deste cabaleiro de triste figura.

Decrúa: descensus ad inferos de Estevo Creus

xosi 25/06/2009 @ 17:55

Levaba uns días metido en lecturas poéticas e, todo hai que dicilo, un pouco anoxado. Caeran nas miñas mans obras como Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado; ou Derrotas con raíces, de Modesto Fraga, ambos publicados na colección de poesía Leliadoura, de Sotelo Blanco, con moi boas referencias, pero que deixaron en min o pouso da decepción. Do primeiro, quedei con algún ca outro poema bo, polos que paga a pena a lectura do libro, pero non din conciliado cun extremo subxectivismo no meirande dos poemas escritos que me impediu xa non unha mínima comprensión, senón a complicidade ou afinidade que se agarda de calquera texto. Do segundo, invocando o terceiro dereito do lector (Daniel Pennac dixit), abandonei a lectura antes de rematar co primeiro terzo da obra.

361-decrua.gifPor iso, foi unha agradable –quedaríalle mellor o epíteto brutal- sorpresa a lectura de Decrúa (Edicións Espiral Maior), co que o poeta Estevo Creus se fixera coa terceira edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, no ano 2002. Decrúa é un deses poemarios construídos dende a rabiosa lucidez da insania, da loucura, no que achas a frialdade da coherencia mesturada co sangue esgazado das feridas. Dividido en catro partes, Decrúa comeza coa descrición dun rachón vital que esgaza todo o ser do poeta, dacabalo entre dous mundos, en principio inconciliábeis, sen vivir plenamente en ningún deles. Un deses espazos, oceánico, mareiro, salvaxe, inaprensible, ás penas o intuímos grazas á presenza constante de elementos del xurdidos a invadir o outro espazo en cuestión, terrestre, medible, domesticado, de terra coidada e dominada. A infinidade dun mar presentido, ao que só o poeta ten acceso e que, por iso mesmo, o condena ao illamento, á rareza; e ese xardín invasor da alma que esixe ordenar, normalizar, estandarizar, matar ao outro.

362-estevo-creus.gifEse conflito porá ao poeta ao borde do abismo, levarao a un auténtico descensus ad inferos tecido cun tupido mantelo de símbolos que se plasmará nunha renuncia suicida a un deses espazos e que eclosionará nunha inesquecible terceira parte que terá que ser, por forza, un auténtico lóstrego de luz reveladora para quen pasase un mínimo traballo de descodificación nas anteriores páxinas. Un demoledor e inmisericorde autorretrato, pero tamén demoledora e inmisericorde descrición do ser humano sometido ás “leis do capital”. O final, a cuarta parte, resúmese nunha soa, resolutiva e esperanzadora, palabra cuxa significación xa foi insinuada en anteriores versos e que intitula a obra: Decrúa.

Non quero abondar máis nestes poemas de Creus por medo a rebentarchos. Mais se non os liches, creo que constitúen unha boa ocasión para que o teu acervo se faga cunha lectura iconoclasta, lúcida e brutal, desas que se revelan como unha auténtica viaxe iniciática na que o lector, aínda que sexa por un pouquiño, non poderá seguir sendo o mesmo ao remate.

Quincuaxésimo oitava entrega de H

xosi 19/06/2009 @ 12:40

h-58-pequeno.jpg

Créditos: monaguillo Corredoira (Rúa); comisario Cabecha (Xabier Cabezudo)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 26 de xuño, sempre e cando ao debuxante ou ao editor non lles dea polo contrario. Pacienciña...

A gorentosa esexese do tiramisú

xosi 17/06/2009 @ 17:09

358-tiramisu.gifHai uns días, deume por falar de diversidade despois de facer pousar a uns caracois diante da cámara para amosarlle ao mundo o colorido das súas cunchas. E pensando en cousas diversas, é dicir, en cousas que teñen moitas faces por onde miralas, veume á cabeciña unha das sobremesas que máis acende a miña libido gustativa: o tiramisú.

O tiramisú é unha sobremesa diversa porque cadaquén o fai segundo lle dea, sempre respectando, iso si, a idiosincrasia deste doce de berce prostibulario e véneto (en efecto, o tiramisú era ofrecido como aperitivo aos clientes dos bordeis de Treviso nos anos cincuenta; un xeito engaiolante de dulcificar a difícil posguerra dun país que se aliñou no bando dos vencidos e, sobre todo, de inflamarlles o espírito ás intempestivas horas ás que chegaban ao lupanar grazas ao café e cacao que contén).

360-heston-blumenthal.gifA primeira vez que o fixen, consultei varias fontes, e cada unha daba unha receita ben distinta das outras. Así, en El cocinero fiel o tipo cúrrase unha versión do chef Heston Blumenthal que non contén ovo cru (non en van, o dono do Fat Duck é discípulo confeso de Harold McGee), pero non me convenceu; sigo sendo deses suicidas que se pasan polo forro a ameaza da Salmonella enteriditis, ínclita bacteria causante da salmonelose e que, segundo as autoridades sanitarias estadounidenses, pode estar en un de cada 10.000 ovos aínda que cumpran, estritamente, todas as obrigas sanitarias habidas e por haber (cruzo os dedos).

359-flavio.gifPensando que, se cadra, un italiano podía saber máis de tiramisús que toda a grea internauta xunta, consultei o Vacas, a súa dignificación sexual e gastronómica (Ediciones Everest), do chef Flavio Morganti, que rexenta o restaurante Galileo. O cociñeiro afincado Pereiro de Aguiar si que utiliza ovos –en concreto a xema-, e engádelle nata; pero ao seu tiramisú segue a faltarlle un ingrediente que, para min, acabou sendo fundamental: as claras.

Ao final, optei por unha receita atopada en Sclipo e executada, paso a paso, por Carme Moya. Os ingredientes son: 3 ovos, 3 culleradas de azucre (1 por ovo), 250 gramos de queixo Mascarpone, media copa de licor, medio vaso de café acabado de facer e biscoitos. Parece ser común nos eséxetas do tiramisú utilizar biscoitos de soletilla, aínda que eu optei por meterlle brioche e obtiven un resultado superior (de feito, en casa non me deixan utilizar outro tipo de biscoito para o tiramisú. Por algo será); tamén, os máis puristas bótanlle Amaretto como opción licoreira, pero eu baixeille unhas pingas de Frangelico e non se me queixou. O bo desta receita é que obriga a montar as claras en punto de neve como base da crema, o que nos dá un resultado moi esponxoso, cunha textura en boca semellante á do mousse. Disque é unha sobremesa que acende o desexo carnal dos amantes e lles dá forzas nas extenuantes xeiras do amor. Non sairán máis verbas por esta boquiña, pero aí está a testemuña dos putañeiros trevisáns. Atrevédesvos?

357-tiramisu.gif

Diversidade

xosi 15/06/2009 @ 17:28

356-caracois.gif

Estes días atrás que tanto choveu atopeinos ciscados sobre o asfalto da pista de acceso ao noso garaxe. Así colocados, parecéronme unha fermosa metáfora da diversidade, da convivencia. Non semella tan difícil. Ese estar un a carón do outro, sen darse co cóbado nas costelas, se acaso algún ca outro roce, previsto ou imprevisto, xuntos e, por que non, tamén revoltos se así o queremos, coas cores tentando o arco da vella, cadaquén á súa ou a dúas mans, qué máis dá se desa liberdade do outro nace precisamente a nosa, se a nosa liberdade alimenta á dos demais, se a nosa singularidade é matriz de todo o diverso. Se eles, que son moluscos gasterópodos sen case neuronas poden, qué non poderemos facer nós. Non ergamos muros onde non os hai, e derribemos algún que outro pois, en máis dunha ocasión, cos cascallos da barbarie téñense ergueito catedrais.

Quincuaxésimo sétima entrega de H

xosi 12/06/2009 @ 07:13

h-57-pequeno.jpg

Créditos: Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo); monaguillo Corredoira (Rúa)

Á conquista da berenxena

xosi 10/06/2009 @ 09:32

354-berenxenas.gifOs galegos sempre fomos moi nosos á hora de aceptar alimentos bárbaros que non tivesen que ver coas nosas leiras. Unha boa mostra diso é a refractividade que amosamos cara a unha hortaliza tan suculenta como a berenxena (Solanum melongena), e iso a pesares de non ser un alimento deses de novo cuño que viñeron das Américas nos inicios da Idade Moderna e que, nembargante, tan boa aceptación tiveron nos terróns patrios, coma o millo ou a pataca. Para botón de mostra, non atopei ningunha receita que tivese como ingrediente a berenxena no clásico Cocina tradicional de Galicia, de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira (Edicións Everest), libro no que se recompilan case setecentas elaboracións; redunda no mesmo a tímida, aséptica e apátrida “Berenxena ao forno con xamón e queixo” que atopamos en Cociña caseira galega, de Nieves Feros (Baía Edicións).

Pois si, a berenxena, orixinaria da India, foi traída á Península Ibérica por mercadores árabes en plena Idade Media; pero o único que nos trouxeron a nós os mouros foi a un mangui chamado Almanzor que, no ano do Señor de 997, nos pispou as campás do templo de Santiago que, daquela, aínda non acadara categoría catedralicia.

Eu, que pasei a miña infancia na mediterránea Barcelona, vin familiarizado con este froito da horta, moi enraizado nos países cataláns e que se pode atopar en pratos típicos como a escalivada, que semella unha receita case que de homenaxe ás solanáceas. Na miña casa facíanse rebozadas en fariña e ovo, xeito inxel de cociñalas que non lles resta exquisitez.

Hai pouco vin ao Arguiñano, entre pallasada e pallasada, currarse unhas berenxenas recheas que tiñan moi boa pinta, a base de cebola, polo picado e queixo, algo pouco orixinal e que podemos considerar como unha variación do imam bayildi e do karniyarik turcos. Despois de facelas segundo as instrucións do clown éuscaro dos fogóns, e variala con carne de pavo –o que non estivo nada mal- argallei un secuestro culinario para nacionalizármonos tan saboroso manxar a base de ingredientes autóctonos.

Desta maneira, se che apetece contribuír á conquista galaica desta hortaliza, executa a seguinte folla de rota: colles unha berenxena e pártela pola metade, dende o tallo ao remate. Cun coitelo, faslle incisións na polpa en forma de cadradiños e seguindo os bordes; salas, aceitas e métela no forno un cuarto de hora a media temperatura para que amoleza. Mentres tanto, fas un sofrito con aceite virxe de Quiroga e unha cebola do país; cando esta abrande, engádeslle carne picada de Tenreira Galega Suprema ou provinte dunha explotación de confianza. Unha vez feita a carne, engádeslle unha cullerada de fariña triga, tamén do país (aínda hai quen bota trigo, afortunadamente) e leite galego (Feiraco, por exemplo, se queres acertar coa procedencia ou se non podes conseguir marcas ecolóxicas como Deleitar, Arqueixal ou O Alle) para que se faga unha semi-bechamel que facilite a cohesión do conxunto. Finalmente, tras sacar as berenxenas do forno, extráeslle cunha culler a polpa xa branda, pícala miúda, e bótaslla tamén no sofrito, deixando que se faga. Con toda esa masa, enches as carcasas baleiras da berenxena, cobres con rebandas de queixo galego (Arzúa-Ulloa curado –curioso que o mellor queixo desta denominación de orixe se faga na comarca da Terra de Melide e non nas que deron nome [desafortunado] a esta indicación xeográfica-, ou San Simón da Costa poden valer) para que funda e gratine de regreso ao forno. Unha variación sobre a melodía principal podemos darlla engadindo champiñóns ao conxunto que, en caso de cadrar a interpretación en outono, poderían ser Agaricus campestris colleitados no campo co seu inconfundible sabor anisado. Eu fíxenas así, a pasada fin de semana, utilizando unhas berenxenas ecolóxicas e champiñóns de froitería (Agaricus bisporus). Estaban para chupar os dedos, mais só vos podo dar de proba a fotografía coa que remato o post.

355-escaravello-pataca.gifPara frikis da horta, un método ecolóxico de combate contra o escaravello da pataca: alterna, de cando en vez, algunha planta de berenxena no medio da plantación; ou cisca, directamente, uns cantos froitos pola leira; non finxen a proba, pero disque os escaravellos abandonan as patacas para botarse en tropel ás berenxenas, o cal vén a demostrar que ata un insecto coleóptero pode ter máis sensibilidade ca un galego ou unha galega á hora de apreciar as virtudes da Solanum menongena.

353-berenxena.gif

Quincuaxésimo sexta entrega de H

xosi 03/06/2009 @ 07:13

h-56-pequeno.jpg

Créditos: Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo); Lee Tron / Renatiño (Riqui)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 5 de xuño