Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Xaneiro 2009

Germinal

xosi 28/01/2009 @ 10:27

312-germinal.gifTan metido como estou, nos últimos tempos, na lectura de libros de literatura infantil e, con preferencia, de historias fantásticas, Germinal (1885) veu rachar coa tendencia e a chantarme os pés na terra de vez. O certo é que esta novela de Émile Zola chegara a min, hai anos, en forma de lamentable superprodución cinematográfica francesa, polo que non gardaba un grato recordo dela. Tivo que vir a letra para poñer as cousas no seu sitio.

Zola narra en Germinal os padecementos dunha comunidade de mineiros franceses e, de paso, os albores da loita obreira no século XIX. E faino dunha maneira tan maxistral que case podes sentir a asfixia das galerías, a feluxe envelenando os teus pulmóns, a fame, a miseria, as inhumanas condicións de vida dunha clase social condenada a traballar como bestas de por vida. A análise científica que fixo Marx da realidade económica en O capital, tórnase en Germinal panfleto rabioso, denuncia sen paliativos. Se Marx pode convencer ao teu raciocinio con argumentos, Zola fará vibrar ao teu corazón co agre sabor a rabia que che deixa a cata da inxustiza. O abismo social que existía entre a burguesía e a clase traballadora –antes de constituírmos esa masiva clase media acomodada que amortece a percepción sobre os excesos e abominacións do capitalismo- está tan maxistralmente retratada que a Zola non lle fai falla nin moralizar, nin dicir isto está ben ou aqueloutro mal. El só describe, cóntanos unha historia, e faino dun xeito tan descarnado que resulta difícil non tomar partido.

A ter en conta a descrición brutal que Zola fai da condición feminina. Se os obreiros vivían escravizados, explotados como animais, imaxinade as condicións existenciais das obreiras...

312-zola.gifUn apunte final. Zola era un deses escritores de raza que, tralo empoleiramento do artista no cumio máis alto a mans do romanticismo, se tomaba o seu oficio con tanto ímpeto que, hoxe en día, as súas fazañas laborais son moi difíciles de igualar. Pensemos na colosal Comedia humana de Honoré de Balzac, home que escribía unha media de quince horas diarias –grazas á inxestión de varios litros de café negro, adicción que remataría por esnaquizar o seu sistema nervioso-; ou en Thomas Mann, que se facía encadear á mesa de traballo pola criada para non ceder á tentación de latar á escrita. Abráiame que Germinal sexa a décimo terceira novela dunha serie de vinte –Les Rougon-Macquart- que tiñan como obxectivo ser espello da sociedade francesa do Segundo Imperio a través da historia dunha familia. Hoxe, que tan de moda están as triloxías, tetraloxías, etcétera, non din atopado un prefixo axeitado para esta serie de vinte novelas de Zola. Como ben sabedes, os prefixos numerais rematan no 12 (doceca). A partir de aí temos dúas opcións: a primeira sería a de duodecaloxía. A segunda, utilizando o prefixo eicos, para cantidades superiores a doce: eicoloxía. En calquera caso, se as outras dezanove novelas son parellas a Germinal, Zola deixou, con  Les Rougon-Macquart, un monumento literario para ser admirado polas xeracións vindeiras.

Cuadraxésima entrega de H

xosi 23/01/2009 @ 10:26

h-40-pequeno.jpg

Créditos: Jack Lama (Lama); Lee Tron (Riqui)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 30 de xaneiro

O boneco de neve

xosi 20/01/2009 @ 18:25

310-bisbita-comun.gifÉ raro que a neve, coa súa capacidade de cegar a visión, non deixe gravada na retina algunha que outra imaxe para a lembranza. Eu, das folerpas deste inverno, e axudado pola tecnoloxía dixital, tirei unhas cantas.

O paxaro que aí vedes é un bisbita (Anthus pratensis) que, do mesmo xeito có pardal, fica en casa no máis cru do inverno en troques de emigrar ao Mediterráneo ou ao trópico. Non vos vou amolar con iso dos proídos nómades nin con pardais con alma de andoriña. Pero hai que recoñecerlle o mérito ao fulano –os paxaros non só senten frío, senón que, ademais, a neve cégaos cousa fina-, pescudando cos ollos pitoños de tanto resplandor por ver se atopa algunha miñoca ultraconxelada para levarlle á familia.

311-o-boneco-de-neve.gifA outra imaxe é o cumprimento dunha promesa. Este Nadal, os reis magos trouxéronlle ao Breixo un libro titulado O boneco de neve, de Raymond Briggs, un clásico que se publicara por primeira vez en España en 1978 e que agora rescatou Edicións La Galera do baúl dos recordos. O libro narra en forma de banda deseñada, sen unha soa palabra, a amizade que xurde entre un boneco de neve e un neno. Trátase dunha obra exquisita, cuns debuxos e unha historia que invitan a marabillarse e que é quen de engaiolar a calquera neno.

No noso caso, son eu quen lle pon as palabras ao cómic cada vez que llo leo a Breixo (dende o 6 de xaneiro, un par de veces diarias). A maiores, tamén bautizamos aos personaxes do libro, pois, amais da mudez, padecen o seren seres innominados. En fin, un artefacto para facer traballar o maxín, como debe ser. O caso é que meu fillo decidiu poñerlle Breixo de nome ao neno do conto. Deste xeito, ¿que outra cousa podía facer diante da primeira nevarada?

309-breixo-na-neve.gif

Trixésimo novena entrega de H

xosi 16/01/2009 @ 18:15

h-39-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man (Manoliño); Lee Tron (Riqui)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 23 de xaneiro

Coroa de espiñas para Gaza

xosi 13/01/2009 @ 18:05

307-coroa-de-espinas-para-gaza.gif

Non é de agora. O pobo palestino leva décadas sendo tiroteado, metrallado, bombardeado, crebado, torturado, esventrado, esnaquizado. Calquera participio é bo para o pobo de Israel se contribúe á aniquilación desa espiña cravada no seu territorio mercado a golpe de talonario e bombas terroristas (en efecto, os terroristas eran eles, cando devecían por facerse cun anaco da terra que lles prometera Deus, que daquela estaba baixo protectorado do Reino Unido por mandato das Nacións Unidas).

Confeso que non estou a ver os noticiarios que falan do enésimo xenocidio contra o pobo palestino. Poderiamos chamalo holocausto tamén, esa palabra que din con tanto orgullo e solemnidade os israelitas. Non, non sigo as novas das atrocidades do exército sionista. Os procesos creativos son así. Asolagan a un, inocúlanlle un virus que provoca ataques agudos de solipsismo, de cerrazón sobre un mesmo, aconchegándoo nun universo persoal e intransferible do que, mala ou boa, acabará abrollando unha obra de arte.

De cotío, sinto vergonza de min mesmo, vergonza de vivir arrodeado de tanta opulencia, vergonza de ter o frigorífico a rebentar, de ter a casa quente mentres can xeadas de órdago aí fóra, vergonza de que no meu xardín chova ácido de Meirama e non obuses, vergonza, ao fin e ao cabo, de ter a tranquilidade e o tempo necesarios para escribir narrativa nestes tempos endiañadamente inhumanos. Vergonza, quero dicir, de escribir literatura mentres miles de seres humanos son sacrificados no altar bestial da guerra, da inxustiza, da fame.

Por iso quixen que este amencer, capturado na última nevarada que vivimos aquí en Melide, non fose unha lambonada máis para estetas, non fose obra de Eos a dos dedos de rosa, senón un carneiro degolado polo bronce ensanguentado de Ares, da metralla homicida de calquera exército esgazando a carne viva dun ser inocente. Unha coroa de espiñas para Gaza.

308-palestina.gif

Trixésimo oitava entrega de H

xosi 09/01/2009 @ 17:26

h-38-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man (Manoliño); Lee Tron (Riqui).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 16 de xaneiro.

Pardal con alma de andoriña

xosi 05/01/2009 @ 08:07

305-pardal.gifOnte tiven ocasión de botar unha parola co pardal (Passer Domesticus) que vedes na imaxe. Comeza a ser un visitante asiduo do xardín, como a parella de colirroxos da que xa vos teño falado. Ambas especies son sedentarias, de niño fixo. Quedan facéndonos compaña no máis cru do inverno mentres moitas das súas conxéneres danse a boa vida en terras cálidas, como as andoriñas (Hirundo Rustica), que nesta época andan pola África tropical.

Botei a parola co pardal porque eu, ao fin e ao cabo, son tan pequenoburgués coma el. Coa casa nidificada con poliñas de esforzo e xuros de hipoteca, cos pés botando raíces nesta Terra de Melide que me acolleu, gardando a calor do fogar para que os meus non pasen frío, botando horas na cociña para facer do alimento unha festa á que tivemos o privilexio de ser convidados.

Así e todo, segue a rillar dentro miña un proído nómade, unha arela por coñecer eidos estraños á miña percepción, novos aires e recendos, novos horizontes nos que esfarelar os sentidos. Se cadra son un pardal con alma de andoriña. Se cadra, no meu chío escóitase o Desaparecido, de Manu Chao, que di “Yo llevo en el cuerpo un motor / que nunca deja de rolar, / yo llevo en el alma un camino / destinado a nunca llegar”  

Trixésimo sétima entrega de H

xosi 02/01/2009 @ 10:10

h-37-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man (Manoliño); Lee Tron (Riqui)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 9 de xaneiro.

O pingüín(o) magoado (e 15)

xosi 02/01/2009 @ 09:52

306-the-end.gif

Ata aquí chegou a serie do pingüín magoado. Quince entregas se contamos a que houbo do pingüín desprumado. Foron quince semanas nas que o Panduriño e quen isto escrebe tivemos que estrullar as neuronas para tentar captar a esencia dunha das especies autóctonas máis egrexias de Melide, o Spheniscidae parsimonia, única raza de pingüín de costumes noctámbulos cuxo hábitat principal se atopa nas barras dos bares e nas pistas dos pubs.

Por motivos alleos aos inventores da criatura, temos que dala por finada. Dis que o bo, se breve, dúas veces bo. Nós fomos breves quince veces, polo que agardamos que desfrutarades a quinceava parte do que augura o aserto.