Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Decembro 2008

Un voo chárter para Eos

xosi 30/12/2008 @ 00:07

304-roiben.gif

Sempre me sentín fascinado por esa terra de ninguén que son o amencer e o solpor. Se cadra porque son libra, porque sempre ando buscando o equilibrio e fuxo dos extremos, nin si nin non, poida, quizais. Non quero enlearme coa miríade de significados simbólicos que se lle poden tirar á alba e ao luscofusco. Son demasiados, todos os coñecedes ou, cando menos, os intuídes, e abondar no vox populi do noso imaxinario é un xeito de ser pedante á mantenta.

Quedemos, xa que logo, con todo o que ten de promesa o alborexar, esa ponte cara a luz, con toda a súa inxel beleza, e iniciemos un catálogo de amenceres que, con estas noites de xeada que están caendo en decembro vai nacer ben cargadiño.

O primeiro amencer do catálogo tivestes ocasión de velo hai pouco, tras una arañeira de cristal. O segundo tráiovolo hoxe para sacar a colación aos clásicos e a unha das palabras máis fermosas que pariu a nosa fala: roibén. Segundo o diccionario, o roibén é a cor de que se tinxen as nubes ao saír ou ao pórse o sol. O espectáculo é tan fermoso que o ser humano, dende o albor dos tempos, se deleitou con el. Unha das primeiras testemuñas escritas deste marabillarse diante da fastosa beleza do cosmos témolo na literatura da Grecia clásica, tan dada a render homenaxe aos seus deuses verso si e verso tamén. Así, no canto segundo da Odisea, Homero comeza falando de Eos, a que nace da mañá, a dos dedos de rosa”. Que metáfora tan brillante e bonita para definir á deusa da aurora. A dos dedos de rosa. O roibén. Homero tira desta imaxe unha e outra vez na Odisea e na Ilíada sempre que menciona o amencer. Eu captei, de mañanciña, a Eos, ao roibén, capturados no ronsel dun reactor. Eos deixou aparcadas as alas e colleu un voo chárter para ir abrirlle as portas do inferno a Helios. Unha maneira de dicir que, aínda sendo feos coma son os tempos que corren, existe a posibilidade de marabillarse, de contemplar a beleza cando e onde menos o esperas.

Tocando para mudar o mundo

xosi 29/12/2008 @ 08:41

Playing For Change: Song Around the World | Stand By Me from Concord Music Group on Vimeo.

Trixésimo sexta entrega de H

xosi 29/12/2008 @ 07:33

h-36-pequeno.jpg

Créditos: Jack Lama (Lama), Lee Tron (Riqui), Oliño Man (Manoliño)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres 2 de decembro (sempre que o autor, Pedro Panduriño, sobreviva ao Camiño de Santiago e á fin de ano)

O pingüín(o) magoado (14)

xosi 25/12/2008 @ 19:22

pinguin-14.jpg

Trixésimo quinta entrega de H

xosi 19/12/2008 @ 16:44

h-35-pequeno.jpg

Créditos: Cho-Tsi (Xosi); Jack Lama (Lama).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 29 de decembro.

Trixésimo cuarta entrega de H

xosi 13/12/2008 @ 22:17

h-34-pequeno.jpg

Créditos: Lee Tron (Riqui); Cho-Tsi (Xosi); Jack Lama (Lama)

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 19 de decembro

O pingüín(o) magoado (13)

xosi 11/12/2008 @ 14:16

pinguin-13.jpg

O informe da vergonza

xosi 10/12/2008 @ 11:35

301-mapa-da-fame-da-fao.gifA Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) vén de publicar o seu informe anual sobre a fame no mundo. O panorama é desolador. Lonxe de solucionarse este vergonzoso mal, o número de persoas que padecen fame no mundo disparouse e aumentou en corenta millóns nos últimos doce meses. Dos 923 millóns de esfameados de 2007, pasamos a 963 millóns en 2008. O meirande deles concéntranse en países como India, China, Bangladesh, Indonesia, Paquistán, Etiopía ou o Congo. A fame resulta particularmente dramática neste último país, onde por mor dun conflito armado que ameaza con perpetuarse pasouse de once millóns de desnutridos no ano 2005 a 43 millóns agora, o que supón o 76% da poboación do país.

302-fame-2.jpgNon está de máis lembrar, sobre estas cifras e estatísticas, o que supón a fame para a xente que a padece. Cómpre recordar que son os nenos quen máis sofren as consecuencias devastadoras da malnutrición. Jean Ziegler, no seu libro Los nuevos amos del mundo (Editorial Destino), lembra que, cada sete segundos, morre de fame un neno menor de dez anos. O comisionado especial da ONU recorda que “Un neno que, entre o momento do seu nacemento e a idade de cinco anos, carece da cantidade suficiente de alimentos axeitados, padecerá as secuelas durante toda a súa vida. Se ben un adulto que de forma temporal teña padecido desnutrición, coa axuda de complexas terapias –que deben aplicarse baixo supervisión médica- pode que logre recuperar unhas condicións de vida normais, no caso dun neno menor de cinco anos de idade, esta recuperación resulta imposible. Privadas de alimento, as súas células cerebrais padeceran lesións irreversíbeis”.

303-fame-3.gifTamén de Jean Ziegler é o libro A fame no mundo explicada ao meu fillo (Edicións El Aleph) incide nesta problemática. E é que a fame non só provoca mortos. Recorda Ziegler que as vítimas “son homes, mulleres e nenos que, debido á falla de alimentos, padecen lesións con frecuencia irreversíbeis. Ou ben morren nun prazo máis ou menos breve, ou vexetan nun estado de deficiencia grave –cegueira, raquitismo, desenvolvemento insuficiente da capacidade cerebral, etcétera-. Tomemos o exemplo da cegueira: cada ano, sete millóns de persoas, normalmente nenos, perden a vista, o meirande das veces, por falla dunha alimentación suficiente como consecuencia das enfermidades vinculadas ao subdesenvolvemento. 146 millóns de cegos viven nos países de África, Asia e América Latina. O 80% dos afectados poderíase ter evitado cunha achega regular de vitamina A nos pequerrechos”.

E isto nun planeta no que existen recursos agrarios para alimentar ao dobre da poboación mundial actual. Xa que logo, remato con outra cita de Ziegler, cuxa obra non só non perde actualidade, senón que se torna terriblemente profética e reforza a súa vixencia cada día que pasa: “A ecuación é sinxela: quen ten cartos, come e vive; quen non os ten, queda eivado ou morre. A fame persistente e a desnutrición crónica son obra do ser humano. Son o resultado da orde asasina do mundo. Quen morre de fame é vítima dun asasinato”.

302-fame-1.gif

Trixésimo terceira entrega de H

xosi 05/12/2008 @ 09:39

h-33-pequeno.jpg

Créditos: Oliño Man (Manoliño); Lee Tron (Riqui).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 12 de decembro.

O pingüín(o) magoado (12)

xosi 04/12/2008 @ 10:16

pinguin-12.jpg

O gatillazo de Marquis

xosi 03/12/2008 @ 10:11

300-marquis.gifA lectura do cómic The Marquis (Norma Editorial), do estadounidense Guy Davis, déixache coa decepcionante sensación dun gatillazo. Cunha imaxinería moi atractiva, ambientada na cidade imaxinaria de Venisalle –unha especie fusión entre Venecia, Roma e París-, con fastosas arquitecturas relixiosas e estética dezaoitesca, a historia partía dunha máis que interesante idea. Un inquisidor xubilado, Vol de Galle, é dono unha máscara que lle permite ver aos demos que posúen seres humanos. A esta clarividencia únenselle unhas poderosas armas coas que se dedica a exercer de xusticeiro divino.

Esta peculiar e fascinante cruzada contra o mal, encarnado nos seres do inferno, está aderezada, dende o comezo, pola ambigüidade. Realmente estamos ante un xuíz ou ante un psicópata? Davis resolverá ao longo da historia esa cuestión. Mais será o único que resolva, pois o que eran os firmes alicerces para unha poderosa narración, non deron termado dun feble edificio que se esfarelou a base de espadadas e execucións que se acabaron tornando en insufrible ladaíña e, o peor de todo, morrendo nun final que non ata ningún cabo nin bota pecho algún. Un gatillazo narrativo, vamos.

Inverno

xosi 02/12/2008 @ 09:41

298-araneira-xeada.gif

Como xa teño comentado neste blog, para min o cambio de estación non corresponde tanto cunha data, ou cos solsticios e equinoccios, coma cun estado de ánimo. As nevaradas destes días pasados, a primeira xeada caída xustiño esta noite, son indicadores para min de que o inverno xa chegou. O inicio do segundo borrador da novela na que estou investindo as miñas madrugadas reincide no mesmo.

A casa airéase menos. A calefacción está acesa máis horas para manter a calor. Cando abres a porta para saír á rúa, o contraste é tal que semella que te botas ao interior dun frigorífico. Ao regresar a casa, ao entrar e sentir a mornura gardada entre paredes, comprendes o significado da palabra fogar.

Hoxe, cando o sol estaba a espreguizarse polo horizonte e nós a encher o depósito cun bo almorzo, cachei esta imaxe. Unha arañeira conxelada. Metáfora da fotografía. Metafotografía. A cristalización dun estímulo visual para deleite permanente da vista. Un impacto de retina transformado en significante de si mesmo. Redundancia da beleza que se expresa tal cal é. Unha arañeira de cristal. Inverno.