Trixésimo segunda entrega de H
Créditos: Oliño Man (Manoliño), Lee Tron (Riqui)
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 5 de decembro.
Créditos: Oliño Man (Manoliño), Lee Tron (Riqui)
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 5 de decembro.
Estou a ler A filla do espantallo, da sueca Maria Gripe. A pesares de ser un libro destinado a adolescentes a partir de doce anos, e a pesares de ter un estilo moi sinxelo grazas a parágrafos breves e oracións moi curtas, non todo é tan inxel como aparenta. O certo é que Maria Gripe ten un xeito de narrar preciosista, de ourive, o que a converte nunha escritora extraordinaria. De cotío, atopas frases con tal fondura significativa que che obrigan a parar, a saborear cada palabra, a gorentar a súa mestura no sabor final da frase. Moitas veces, esa maneira de escribir racha co prosaico, profana as estremas que afastan á narrativa da poesía máis pura.
Ao comezo do capítulo 13 deste libro, a protagonista, Loella, sinte a chegada da primavera, do tempo cálido. Vede de que maneira maxistral o relata Gripe:
“Un día brillou unha nova luz sobre a cidade. O sol iluminou os tellados ata a hora de cear. Loella lembrábao perfectamente porque lles deron pasteis de nata para sobremesa e durante un intre o sol se detivo sobre os pasteis facendo que a nata semellase dourada. Xa non había necesidade de acender a luz para vestirse pola mañá”.
Que maneira prodixiosa de achar a beleza no cotián, nunha raiola pousada sobre un pastel de nata. Lendo a María Gripe, lembrei uns versos do poeta dezao Celso Fernández Sanmartín, publicados en 1995. Din así:
facía unha calor de moita chispa para ser de noite por iso abriron a ventá da cociña destaparon unha lata de mexilós e coméronos todos sen pan picándoos cun pauciño nisto que se foi a luz e na mesma salsa de escabeche dos mexilós reflexouse a lúaAínda que, de seguro, pretendían expresar unha realidade máis espiritual, máis mística, uns versos budistas recompilados por Toko Eicho no Zenrin Kushu, no século XV, poden abondar nun sentimento semellante:
O meu tellado e a miña casa arderon; xa nada me oculta a lúa que brilla.Mais nada, meus. Despídome como adoitaba a despedirse Ramón Trecet no seu programa radiofónico Diálogos 3: “Buscade a beleza. É o único que paga a pena neste noxento mundo”. Ata a vindeira.

Ola, meus. Xa había tempo que non botabamos a lingua a pacer, non si? Máis que escusarme, gustaríame contarvos algunhas cousas que pasaron nos últimos tres meses para que vexades en que andaba este escribidor de pacotilla.De primeiras, estiven de parto. O nome do fillo non o podedes coñecer aínda, mais sabede que tardou tres meses en ver a luz e pesou unhas 160 páxinas a dobre espazo escritas en tipografía Booq Antiqua de 12 puntos. A parir ese fillo dediquei este tempo límpido da madrugada que, ata había pouco, era territorio blogueiro. Velaí fica como recordo o instrumental do paridorio: un ordenador, unha cunca de te verde e un monte de diccionarios. Puntualmente, cada día ás sete da mañá, agardaban para axudarme a crear vida dende a lama informe da miña imaxinación. Así e todo, non está a cousa para botar bombas. Aínda queda moito traballo por diante ata o intre en que poida presentar ao neonato en sociedade.
Pois si. Agora debo comezar co labor documental, que me ha levar a terras de Asturias, e a case reescribir o borrador orixinal. Mais o peor está feito. Eu son daqueles aos que lles custa a dios y a su madre crear dende a nada. Unha vez feito o esforzo creativo, as correccións, mutilacións, engadidos e demais son coser e cantar. Ou, polo menos, deberían selo. Habémolo ver.Neste tempo de escritura, pasaron cousas que, noutras circunstancias, terían ocupado o seu espazo neste blog. Se cadra, máis adiante poida que me anime a falar delas. Agora, abonda con mencionalas.
En primeiro lugar, lin a saga enteira de Harry Potter, unha heptaloxía de máis de 4.000 páxinas que supuxeron para min un auténtico fito lector. Había moito tempo que non estaba enganchado a unha lectura de tal xeito, cunha dependencia psíquica tal que me chegou a facer descoidar en ocasións as miñas obrigas como pai, escritor e amo de casa. Os sete libros pasaron a ocupar un lugar de honra nos andeis da miña biblioteca. Chapeau! para Joanne Rowling.
Outra experiencia do máis intenso foi ver en directo ao guitarrista Mike Stern no marco do Festival de Jazz de Lugo. Tan brutal e demoledor, tan violentamente virtuoso, que rachou certas defensas coas que me parapetei hai case dúas décadas e volveu resucitar en min o desexo de torturar un instrumento de seis cordas. Mais as obrigas e a miña indixencia nese ouro ao que chaman tempo fixo que non tardase en volver ao rego.
E a familia ben, grazas. Na cruz, a doenza dun ser moi querido que terá que operarse a corazón aberto nunha data non moi afastada. Na cara, as vodas de ouro dos meus sogros que, xusto, fan hoxe, 24 de novembro de 2008, cincuenta anos de casados. Vaia, xa que logo, a imaxe final desta entrada como homenaxe a Gonzalo e Carmiña, unha imaxe cunha soleira de medio século. Quen chegase aí!

Créditos: Axente Blanco (Oskim ão); gorila 1 (Xabi); Gorila 2 (Penas); Lady Chorrito (María); Pietro Pandurini (Pedro); H (Ghenri); Lee Tron (Riqui); comisario Cabecha (Xabier Cabezudo); Oliño Man (Manoliño)
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 28 de novembro.
Créditos: Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo); Olo Man (¿?).
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 14 de novembro.
Créditos: Comisario Cabecha (Xabier Cabezudo)
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 7 de novembro.