Non hai proceso de escrita máis creativo nin máis incerto que o da poesía. O narrador ou o dramaturgo adoitan partir de personaxes, de estruturas ou ideas argumentais; un xornalista, de feitos. Pero un poeta captura un pulo interior, unha vaga intuición, moitas veces nas rexións afastadas do seu subconsciente, e comeza a traballar a partir dela para chegar a un anaco de coñecemento absolutamente ignoto para el; se non é así, non estará a facer poesía, aínda que escriba en verso, conte sílabas e sitúe estratexicamente os acentos de cada palabra para que bailen as estrofas. A veces, nin sequera temos esa faísca inicial e partimos da nada. Unha laboura que tira para atrás. Imaxinade. Un érguese moi cedo, róuballe horas ao sono, ao calor maternal do leito, para poñerse diante dunha xélida folla en branco sen ter nin idea do que escribirá o seu bolígrafo. É doado caer na tentación de imaxinar que un se bota ao frío da madrugada para non facer nada; aínda que a maxia da poesía xurda, e o poema apareza e, felizmente, che permita acceder a unha partícula do teu ser ata entón descoñecida; un pensa de cotío que todos estes esforzos e desvelos son inútiles. Probablemente, ese poema nunca remate no corpus dun libro e, aínda que así fose, ese libro nunca se dignará a publicarcho ningunha editorial porque o teu nome non é coñecido no mundiño das letras ou, aínda que así fose, a pouco has poder aspirar nun sistema literario coma o galego que debe ter, aproximadamente, uns cincocentos lectores habituais de poesía en todo o país. E aí é onde acontece o extraordinario: o pulo irresistible de roubarlle horas á noite fica indemne, descarado, e ti faslle caso, aínda que iso nunca se traduza en números na túa conta bancaria nin en parabéns dos teus familiares e coetáneos. Así, na soidade e no silencio profundos da mañanciña, sigo a perseguir misteriosas bolboretas para atrapalas nas miñas redes verbais, matalas cos vapores de formol do meu intelecto, secalas co bórax das correccións, e cravalas con alfinetes nunha folla que nunca máis será insolentemente branca. Xa o dixera o pintor estadounidense James McNeill Whistler nunha frase tan breve como célebre: Art happens. A arte sucede. E punto. Hai que ter confianza.
Viña a conto todo o devandito porque antonte aconteceu algo que me pareceu case que máis extraordinario que o propio proceso creativo da poesía. Levo un par de semanas traballando cun poema que ten como vórtice de inspiración unha lagoa que xorde na miña memoria coa forza dun espazo mítico, vista cos meus ollos de neno. A Lagoa de David, esa que os ecoloxistas que a están a defender das ameazas de recheo mal chaman Humidais de Vilareda. O caso é que me cumpría unha palabra clave no poema que eu descoñecía e non daba atopado. Era a que nomeaba esa tona verde que adoita cubrir as augas estancadas. Consultei diccionarios de sinónimos, guías da natureza e tratados de botánica. Nada. Só achaba nenúfares, espadanas, xuncos e lentellas de auga, pero ningunha delas me valía, ningunha era a palabra exacta que designaba aquilo que viran os meus ollos de neno. Nesas que abro o diccionario, sen ningunha intención concreta (creo que ía confirmar o significado de “limo”) e, de súpeto, a miña vista tropeza cunha palabra descoñecida. Sempre me paro a lelas, as palabras descoñecidas. Con elas son moito máis sociable que coas persoas. Esa palabra era “ludro”, que viña tendo, entre outros significados, o de “especie de lique verdoso que se forma na auga estancada; lidro”. Sei que parece unha parvada, que poida que non sexa máis ca unha casualidade, pero a min pareceume maxia. Que todos os sedimentos e estratos do teu ser conflúan inexplicablemente nun vórtice de palabras para transformarse en poema xa é máxico de por si, mais pode ter certa explicación; pero que o azar me leve, sen querelo, a atopar unha palabra descoñecida e desexada entre as 95.000 entradas que contén o Gran Diccionario Xerais da Lingua é algo así coma que che toque o Gordo de Nadal (cada número é unha posibilidade entre 100.000). Velaí a inutilidade da poesía, que un empregue a maxia da que dispón para atopar palabras no diccionario e non para facerse rico. Pero resulta que os cartos, ao contrario da arte, non suceden. Non hai que lle facer.
Entre a ducia de lectores habituais de O Blog de Xosi está o meu homónimo Froxón, natural das terras de Palas, artesán de bebidas carbonatadas e lector promiscuo e inclemente onde os haxa. Onte fíxome un chamado telefónico para rifarme por non contestarlle a un correo electrónico seu que, polo que vin, debeu darlle o seu traballo. Tívenlle que explicar que abro a miña conta de correo só cando me acorda, que debe ser unha vez ao mes. Antano, a chegada do carteiro ou ver un anaco de papel asomando pola túa caixa de correos abondaba para saber que tiñas correspondencia; agora, cousa dos tempos modernos, tes que ir a Internet e, se non o fas con frecuencia, escaravellar entre moreas de lixo postal para tentar atopar algunha palabra amiga digna de ser contestada, como esta que nos ocupa.
O caso é que o Jose, así para os amigos, sen til e sen x, vendo que ando a voltas coa lingua de Scarlett Johansson (non pensedes mal, que vén sendo a mesma que a de Shakespeare se non falamos stricto senso) mandoume unha adiviña en inglés. É fermosa coma un poema bucólico e doada, de maneira que o gozo vén da súa lectura e non da súa resolución:
An Autumn riddle They are seen on the trees, they are seen on the ground. They are seen in the air, whirling softly around. They sing rustling songs as our footsteps they hear, and their name is well known, for they come every year.A tradución que nos facilita o Jose é a seguinte:
Unha adiviña de outono Vense nas árbores, vense no chan, vense no ar, xiran docemente e van. Cantan sons rumorosos, cando oen os nosos pasos, o seu nome é ben coñecido porque volven todos os anos.A adiviña serviunos, tamén, para lembrar ao malo máis malo de todos os malos na saga de Harry Potter: Lord Voldemort. A Rowling válese dun anagrama para derivar o nome orixinario do personaxe cara a aquel que deveu en ominoso tabú impronunciable no mundo máxico. O devandito anagrama, como calquera xogo de palabras, deu as súas dificultades aos tradutores da obra a outras linguas, que tiveron que facer encaixe de bolillos para trasladalo. Se nos atemos ao segundo volume da heptaloxía (Harry Potter and the Chamber of Secrets), onde aparece por primeira vez o anagrama, o nome orixinal do noso personaxe era Tom Marvolo Riddle; trocando a orde das letras, Rowling saca I am Lord Voldemort. Na edición española, deturpan a polisemia do apelido, creando un Tom Sorvolo Ryddle que nos deixa un Soy Lord Voldemort. Como en galego non temos a letra y, puidemos ser máis fieis ao orixinal; así, Eva Almazán, a traductora, optou por un Tom Morlov Riddle, que nos deixou un Milord Voldemort. A importancia de conservar Riddle coma no orixinal non é pequena, pois significa, como ben me aclarou o Jose, adiviña, misterio, enigma. Xa o ves meu, se os tradutores profesionais teñen problemas para traducir algo tan simple coma este anagrama, como non os imos ter nós, cuxos coñecementos de inglés do bacharelato van esmorecendo no tempo coas nosas neuronas cal caducas follas outonizas?
O pasado venres cumprín un dos meus soños en canto a música se refire. Vin en directo aos Marillion. O concerto foi en Madrid e, coma o poema Ítaca de Kavafis, só a viaxe deu para contar un par de cousiñas que mellor calarei. Conformareime con bosquexar un unhas palabras sobre a Ítaca á que, desta vez, si que arribamos.
Nesta ocasión, os Marillion que iamos ver eran unha aposta arriscada. Tratábase da xira Less is more, seica que menos é mais, unha metáfora inxel que define á perfección o seu último traballo, no que se dedicaron a facer versións acústicas de vellos temas eléctricos. Por certo, a expresión acuñouna o poeta inglés Robert Browning en 1855 e foi adoptada polas correntes arquitectónicas e artísticas minimalistas.
Ese risco asumido por un grupo que nos ten afeitos a complexos arranxos electrónicos e a sofisticadas estruturas rítmicas e sonoras, traduciuse en disparidade nos sabores de boca deixados no público. Entre @s cinco que viaxamos a Madrid, houbo quen saíu dicindo que asistira ao peor concerto da súa vida, quen ficou anoxado da primeira parte para recuperar a maxia na segunda ou, coma min, quen escoitou un dos mellores recitais de música no que leva de existencia.
Sinceramente, creo que, cando menos, desta vez foi máis. Os Marillion non enganaron a ninguén. Nunha primeira hora e media debullaron todos os temas do disco que viñan presentar dun xeito impecable, facendo gala dun quefacer de ourives, deixando caer os sons coma pedras preciosas iluminando un pentagrama invisible. Tras un breve descanso, tocaron outro tanto, desta vez cancións de toda a súa discografía que xa eran bastante acústicas na súa versión orixinal e que se podían interpretar respectando os parámetros cos que deseñaron esta xira. Pasoume, escoitando estes temas, algo que non me pasara nunca nun concerto: sentinme feliz. Literalmente. Sentín felicidade en estado puro e, con frecuencia, faiscaban no meu cerebro imaxes que redundaban nese sentimento (a little spark of light in your mind), como os rostros da xente que amo: o meu fillo, a miña muller. Nin sequera fun quen de achar o oco no que sacar a cámara fotográfica do bolso para capturar un par de instantáneas do recital. Parecíame sacrílego e pecaminoso perderme un só segundo de concerto. Así, bebín ata a última pinga do elixir sónico co que os Marillion nos agasallaron e sentín coma nunca a alquimia da música pulsando cordas moi gratas na miña alma. Un concerto para gardar na caixa dos recordos onde conservo directos coma o de Jethro Tull ou Leonard Cohen.
A guinda viría de sorpresa ao día seguinte, cando nos topamos coa metade da banda no almorzo (o concerto fora no mesmo hotel no que tentaría durmir despois, sen moito éxito). Non me considero un fan stricto senso –non me autolesiono nin me tiro dos pelos da barba cando estou diante dos músicos que admiro- mais, hei de confesalo, no bolso traía canda min a cuberta dun dos discos de Marillion que máis aprecio, o Brave, e un rotulador indeleble, polo que puidese pasar. E pasou. Velaí os autógrafos de Steve Hogarth, Steve Rothery e Mark Kelly. Só na intimidade me atrevín a berrar como unha histérica beatlemaniática. Pero non llo digades a ninguén.

Veño de rematar The haw lantern, do poeta irlandés Seamus Heaney, non sen atoparme con importantes achados entre estes versos publicados en 1987. Se cadra, o poema que máis me impresionou foi The mud vision (A visión da lama), no que o poeta muda, de súpeto, diametralmente o estilo literario que dominou en todo o libro. Se ata ese intre nos afixera a poemas baseados nunha ou nunhas poucas imaxes nítidas que rescata da realidade para transmutalas a través da alquimia poética; agora, adopta un rexistro visionario, máis próximo a un surrealismo frenético que ao elegante comedimento ao que nos tiña afeitos, cunha dioiva de instantáneas. Engaioloume, especialmente, a primeira estrofa coa que arrinca o poema, que quere ser unha descrición da Irlanda moderna e globalizada dos anos oitenta na que vive o autor. Desgarro, desenrraizamento, fonda amargura travestida de ironía.
Heaney, cunhas poucas pinceladas ben dadas, traza un bosquexo demoledor e desolado da súa Irlanda. No ano 2003, eu escribía algo semellante referido a Galiza. Pídovos desculpas por poñer os meus versos parellos aos de Heaney, mais se non acadan nin de lonxe igual calidade, creo que si naceron de intencións xemelgas.
Galiza, Caliza, Ciza “Pero decídeme, pés que camiñades sen rumbo, ¿sabedes a que abismo chegastes?” (Bagdad, saúdote, de Alí Ahmad Saíd Adonís) Un hórreo de ladrillo, un parque eólico na cima dun castro, vómitos de zurro envelenando un prado, ollos expectantes agardan a milagre da choiva aceda, unha pista anónima para que pazan as frisonas, un topónimo náufrago nun indicador da Deputación, unha cabuxa con chip informático, un tractor sen música nos eixes, a sesta á sombra dun eucalipto, un coche para que o fillo se mate ou estudios que lle herbiciden as raíces, unha xiringa e botellas rotas na sombra dun souto, un encoro para iluminar miserias en ríos de troitas sementadas, unha boina sobre o televisor invocando de Gayoso a calma momentánea dun infarto de soidade, unha paga e unha pulseira do 061 a cambio da familia, 70.000 pesos por un nicho subvencionado pola COPTOPV, micrófonos e altofalantes nunha igrexa baleira, unha lingua tronzada pola gorxa, unha parcelaria mal feita na alma dun pobo, unha vaca tola enterrada en cal viva, un camiño cego cuberto de maleza.Non son versos dos que me sinta orgulloso, mais, a pesares da súa imperfección, de que lles sentase tan mal o paso do tempo, sinto neles o mesmo latexo de rabia impotente que Heaney debeu sentir hai un cuarto de século ao escribir The mud vision. Remato tamén cuns versos de Heaney. En The disappearing island (A illa que desaparece), nun exercicio da máxima concisión, o poeta esboza a historia do seu pobo en seis versos:
Cando criamos poder establecernos para sempre entre os seus outeiros azuis e aquelas costas sen area onde pasabamos as nosas noites de desespero rezando e velando, cando recolleramos a madeira flotante, construiramos un fogar e colgaramos nel o noso caldeiro coma un firmamento, a illa crebou baixo os nosos pés como unha onda.Cito estes versos porque quería finalizar o presente artigo con verbas de esperanza. O poema remata así:
A terra que termaba de nós semellaba resistir só cando a abrazabamos in extremis (...)Se cadra esa é a única forma de salvar os restos do naufraxio que aínda aboian da nosa cultura. Abrazalos, amalos, levalos por bandeira con orgullo, sementar se aínda quedan forzas e absterse de volver a vista atrás quen aínda conserve escrúpulos na súa alma.

Estes días, que ando a voltas co inglés, deume por traducir algún poema de The haw lantern, do irlandés Seamus Heaney, por ver se o dito italiano aquel de “Traduttore traditore” (tradutor traidor) tiña algo de certo. E si que o ten. Máis en poesía, un xénero onde tratar de trasladar os ritmos, rimas e polisemias do texto orixinal a outra lingua é imposible. A primeira sorpresa leveina ao tratar de traducir o título do poema co que se bautiza o libro, que na versión española de Dídac Pujol Morillo vén, con moi bo criterio, como La linterna del espino. En inglés, espiño vén sendo hawthorne, mentres que o seu froito, o abruño, é haw. Dado que a metáfora á que nos referimos é The haw lantern, a tradución literal debería ser O abruño lanterna ou A lanterna de abruño (en castelán sería La majuela linterna) ou algo así. Xa que a imaxinación poética decidiu converter ese abruño nunha lámpada, o tradutor tomouse a licencia de substituír ao elemento sostido polo sostén, dándonos esa lanterna do espiño.
Audacia ou temeridade, co paupérrimo nivel de inglés que teño e a axuda dun bo diccionario, fixen a miña propia versión do poema, dunha gran intensidade lírica e visual. Mirade.
A lanterna do espiño O invernal abruño está ardendo fóra de tempada silvestre no arbusto, unha luz pequena para a xente pequena, non quere deles outra cousa que manteñan a mecha da dignidade moribunda para non ter que cegalos coa iluminación. Mais a veces, cando o teu alento se empluma na xeada toma a forma vagabunda de Dióxenes coa súa lanterna, buscando un home xusto; de maneira que acabas por escudriñar desde detrás do abruño sostido por unha poliña á altura dos ollos, e ti acovárdaste diante do vencello entre o miolo e a carabuña, a súa punzada de sangue que quererías que te puxera a proba e te absolvera, a súa madureza pinchada que te escruta, para despois seguir buscando.
Hai dobres significados que se perden na tradución. Por exemplo, en its blood-prick (a súa punzada de sangue), no penúltimo verso, a palabra prick pode significar tanto “punzada” como “pinchar”, ou “remorsos”, ambos significados válidos no contexto en que se expoñen. Fóra disto, o poema é magnifico. É doado imaxinar a súa xénese: Seamus Heaney de paseo pola campiña irlandesa, en pleno inverno, no medio da desolación causada polo frío: herba xeada, árbores na súa máis esquemática nudez, o alento callado (emplumado: your breath plumes; de novo un dobre significado de plumes:vale para penachos e fíos, e tamén para a acción dunha ave cando amaña as súas plumas co peteiro) de xeo en cada expiración... De súpeto, algo peta con forza na percepción do home, un color vermello intensísimo no medio do branco e negro invernal. Son os abruños dun espiño que sobreviviron á esfolla outoniza. Ese impacto visual antóllaselle como luz mesma, cegadora, coma se os abruños dese espiño fosen lámpadas, lanternas sostidas polas poliñas exhaustas do arbusto. A asociación coa cultura clásica, da que
Heaney usa e abusa neste libro, é inmediata: a lanterna de Dióxenes. Este filósofo grego que pasou á historia pola súa excentricidade –vivía nun tinallón entregado a uns votos de absoluta pobreza- vagou un día por Atenas cunha lámpada na man por ver se era quen de atopar a un home xusto. Así, o espiño de Heaney transmuta en Dióxenes e sométenos á luz xulgadora dos seus abruños, empezando polo propio poeta. Mais non parará (o poema remata con then moves on) ao non dar atopado ese home xusto co que culminar a súa busca...
Un contundente exemplo da poética de Heaney, que alimenta os seus versos case sempre dunha nítida imaxe ou escena tomadas da realidade na que vive, para despois sometelas á alquimia poética. Así, esa imaxe ou esa escena transfórmanse nun potente artefacto que estoupará en fondísimas significacións ao ser sometido á descodificación lectora, sempre coas raíces totalmente chantadas no mundo do que tomou o alento.



Chúzao
del.icio.us









